Artigos

O Concello non celebrará este ano a feira cultural ‘Achegarte’

O encontro cultural Achegarte, nacido na cidade da Coruña en 2009 como alternativa ao entón desaparecido Culturgal, non se celebrará este ano. “Non se vai a facer o Achegarte como tal,- explicou onte a concelleira de Cultura, Ana Fernández-, pero seguiremos organizando proxectos concretos e temáticos nos que haberá disciplinas similares”.

A concelleira nacionalista María Xosé Bravo remitiu o pasado luns unha pregunta ao Goberno municipal na que inquiría se tiñan pensado organizar unha nova edición de Achegarte, unha feira cultural que nas súas dúas edicións reuniu en Palexco a máis de 40.000 persoas co seu programa de música, animación, literatura e talleres.

Fonte: La Opinión

[nggallery id=2]

Literatura e ciencia (II)

Hai moitos anos –vintecinco xa- mentres facía algo que daquela me encantaba e que xa practicamente non fago nunca -remexer nos andeis dunha libraría- atopei un libro que abriu para min un filón inesgotable. Non só polo exemplar en si, senón pola colección á que pertencía e o que ela representou.

Aínda o teño comigo: Controversia sobre mentes y máquinas, da editorial Tusquets. Colección Metatemas, dirixida por Jorge Wagensberg. Contén unha escolma de ensaios sobre Intelixencia Artificial de senlleiros autores –Turing entre eles, o primeiriño- cos que eu alimentaría de aí en adiante un xeito diferente de facer preguntas sobre a nosa condición e natureza: o xeito cibernético, o enfoque do procesamento da información. Máis adiante engadiríalle á pescuda lecturas de sicoloxía cognitiva, lingüística e bioloxía, sen deixar nunca a omnipresente literatura, facendo ao meu xeito o percorrido que antes trazara un tal Brockman, do cal non tiña noticia aínda.

Pero volvamos ao libro Controversia sobre mentes y máquinas. Cuberta prateada, lixeiramente granulosa, e unhas 160 páxinas que me deron para roer semanas e para empezar a fornecer de estrutura ás matinacións sobre ese tema que revoaban había tempo pola miña cabeza. Algúns deses artigos lidos hoxe non soportan ben o paso do tempo, sobre todo polos avances efectuados en neurociencia, que propician outro enfoque non baseado na lóxica formal. Pero outros siguen suscitando preguntas non respostadas, e todos alentan no mesmo: preguntas esenciais sobre nós mesmos feitas dende o método de coñecemento científico.

En calquera caso, amais do libro, descubrira algo moito máis importante: a colección enteira, Metatemas. E con ela a constatación de que existía xente coma min que sen ser especialista nun área da ciencia quería entender na medida do posible o que nela se facía. E a descuberta de que había científicos de primeira liña –Schrödinger, Monod, Prigogine, esoutros que iría coñecendo- que puñan o seu traballo ao alcance de calquera que tivese unha formación básica e un interese verdadeiro en entender o que eles explicaban, os seus achados e as implicacións que tiñan.

Dei así co que axiña chamarían Terceira Cultura, síntese das clásicas Ciencias e Letras, especie de corpo calloso que une eses dous hemisferios en constante comunicación, por moito que teñan cadanseu lado no cráneo. Unha cultura interdisciplinar que busca achegas fóra do seu predio. En palabras de Brockman, que cuñou o termo: “A terceira cultura é unha nova filosofía natural, que desenvolve un novo conxunto de metáforas para describirmos a nós mesmos, as nosas mentes, o universo e todo o que sabemos del.”

Texto: Cristina Pavón

Ferrín pide aos deputados unha emenda para que o galego non sexa unha lingua de ”cuarta fila”

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Méndez Ferrín, pediu hoxe a todos os deputados galegos que apoien unha “emenda poderosa” contra os Orzamentos Xerais do Estado que deixe sen efecto o trato “discriminatorio” dos recortes do Ministerio de Cultura á lingua galega.

En declaracións aos medios de comunicación á saída dun acto institucional na Deputación de Lugo, Ferrín mostrouse moi crítico coa rebaixa do 62 % do Goberno central na súa asignación anual á institución, que só recibirá 380.000 euros, cando as entidades homólogas en Cataluña e o País Vasco disporán de máis de 700.000 euros porque o recorte non pasará do 23 %.

Nese sentido, o presidente da RAG lamentou que o galego sexa tratado como unha lingua de ”cuarta fila”.

“A primeira nestes orzamentos é o castelán, e ata se pode entender que así sexa. A segunda é o catalán, a terceira é o vasco e o galego é de cuarta fila. Así nos consideran e así se consideran moitos galegos a si mesmos, de cuarta fila”, queixouse o presidente da RAG.

Méndez Ferrín expresou o seu desexo de que no Congreso dos Deputados “haxa unha emenda poderosa, apoiada por unanimidade e co consenso de todos os deputados galegos, tanto do PP, como do PSOE e do BNG”, para que “consiga facer desaparecer estes números discriminatorios”.

“Non estamos en contra dos recortes. Estamos nunha época difícil e, se hai rebaixas, que as haxa para todos. Pero non para uns máis e outros menos”, apostilou Méndez Ferrín, para quen esta situación “non é aceptable” nin para os membros da academia nin “para ningún galego de ben”.

Fonte: Galiciaé

Javier Cortés é o novo Presidente da Federación de Gremios de Editores de España

Javier Cortés Soriano foi elexido Presidente da Federación de Gremios de Editores de España  pola Xunta Directiva do gremio, celebrada o  17 de abril en Madrid.

A súa proposta foi respaldada pola unanimidade dos membros da asemblea de socios da entidade, na que están integradas asociacións de editores de Cataluña, Euskadi, Galicia, Andalucía, Valencia, Castela León, Madrid e ANELE, a entidade que representa aos editores de libro educativo. O novo presidente proponse a actualización e o fortalecemento sectorial na nova coxuntura económica e cultural, no ámbito dixital e nas novas circunstancias da propiedade intelectual. Outra das súas tarefas será a defensa dos intereses sectoriais diante das institucións estatais, europeas e internacionais.

Cortés compatibilizará o seu  cargo co de  Presidente de SM. Dentro do sector xa foi Vicepresidente de la FGEE,  presidente da Asociación de Editores de Madrid e membro da  Xunta  Directiva de CEDRO.

Fonte: AGE

O alumnado galego parará mañá as clases para defender o idioma

O alumnado galego parará a actividade este xoves. Aulas baleiras e concentracións en todas as cidades galegas é o que propoñen diversas organizacións de estudantes para mostrar o seu rexeitamento contra as políticas da Xunta no relativo ao idioma. “En tres anos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo non se fixo nada positivo pola lingua”, asegura en declaracións a DIOIVO a  responsable de lingua en Mocidade Nacionalista Galega (MNG), María do Mar Lopes González.

Este parón, apoiado pola Mocidade Nacionalista Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Liga Estudantil Galega, os Comités e o Sindicato de Estudantes coincide co terceiro aniversario da chegada do presidente Feijóo á Xunta e afectará aos alumnos do segundo ciclo da ESO, aos ciclos formativos e as ensinanzas artísticas. Ademais, as organizacións apuntan que simultaneamente se producirán concentracións en todas as cidades galegas.

“O mal chamado decreto plurilingüe” continua a ser o maior foco de descontento, segundo apuntan desde MNG. “A situación do galego é nefasta”, explica Lopes, pois a aplicación desta medida produciu unha “redución do galego nas aulas” nos dous últimos anos, chegado ao caso de que en moitos colexios, “menos do 20% das horas lectivas son en lingua galega”.

Deste xeito, a organización denuncia que esta norma emprega á lingua inglesa coma “coartada” para suprimir o idioma propio do ensino. Ademais, engaden, “Galiza é actualmente o único territorio do estado español con lingua propia que ten prohibido por lei impartir determinadas materias de ciencias en galego no seu sistema educativo”, sinalan destacando que Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía deben ser impartidas obrigatoriamente en castelán”.

Esta protesta servirá para quentar motores de cara á manifestación que prepara a plataforma Queremos Galego con motivo do Día das Letras, segundo explica María do Mar Lopes, e que espera “recuperar” a mobilización cidadá despois de que o ano pasado non se celebrara por mor das eleccións municipais.

Foto: El País

Fonte: Dioivo

AGADIC convoca os Premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca a  XXI edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da VII edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e, en colaboración coa Asociación Cultural Barriga Verde, da X edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades: para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos.

A dotación económica, segundo se recolle no  DOG do 17 de abirl é a seguinte:

  • Álvaro Cunqueiro: 6.000 €.
  • Manuel María: 6.000 €.
  • Barriga Verde (modalidade infantil): 6.000 €.
  • Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

 

Información dos premios

Fonte: AGE