Artigos

Baía participará na Feira Internacional do Libro de Fránkfurt

Do 7 ao 12 de outubro o sector galego estará representado na Feira do Libro de Fránkfurt por profesionais de Nova Galicia Edicións, Kalandraka Editora, Ouvirmos, Baía Edicións, Hércules de Ediciones, KNS Ediciones, Arnoia Distribucións e Asociación Galega de Editores. A Cámara de Comercio de Santiago colabora na organización da visita cunha importante  axuda á presenza individual dos editores e dos seus stands. A institución cameral despraza a Fránkfurt a unha das súas profesionais. A AGE ten previstas diversas reunións e entrevistas con axentes editores do sector internacional.

O stand colectivo da Xunta de Galicia contará cunha mostra de libros dos editores que traballan na feira. Segundo unha nota publicada na web da Xunta de Galicia viaxa a Fránkfurt o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén estará na feira convidado pola institución autonómica, o ilustrador Xosé Tomás, que ten previsto ofrecer dous obradoiros de ilustración.

Finlandia é o país convidado do ano 2014.

A primeira Feira do Libro de Fránkfurt data do ano 1480

A Feira Internacional do Libro de Fránkfurt continua sendo unha cita obrigada para os editores de todo o mundo. Desde o século XV e co desenvolvemento da moeda e dos negocios relacionados con ela foron sentándose as bases  do mercado, os bancos, etcétera. A cidade alemana veu sendo protagonista dos cambios e transformacións do sistema económico dese tempo no que as feiras de todo tipo de mercadorías eran a oportunidade para o intercambio de bens. Coa imprenta de Gutenberg no ano 1445, os libros comezaron a ser obxectos demandados e ese negocio de material impreso transforma a cidade no  primeiro centro de impresión de libros de Alemania, a finais dese século. No ano 1480  ten lugar a primeira feira de libros desa cidade. Logo de moitas décadas de interferencias e conflitos sociais e políticos, no século XX, concretamente no ano 1907 restablécese a tradición das feiras de Fránkfurt.

Fonte: AGE

AGADIC distribúe 110.000 euros entre asociacions profesionais e salas de artes escénicas

A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer onte a relación de entidades beneficiadas coas subvencións ao asociacionismo profesional e mais a salas de artes escénicas. Agapi, Escena Galega, Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, Academia Galega do Audiovisual, Asociación de Actores e Actrices de Galicia e Clubtura reparten os 50.000 euros de apoio ao asociacionismo, sendo Agapi, con 13.091 euros e Escena Galega, con 13.037 as entidades máis beneficiadas co reparto. A nivel de salas, as axudas van para Teatro de Ensalle (21.676 euros), Teatro del Andamio (14.880), Sala Gurugú (9.151) e Sala Ingrávida (14.291).

Fonte: Culturagalega

A Asociación de Escritores premia o teatro do país

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) galardoará á compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña, que recibirá o premio como agrupación porfesional, mentres que Achádego, de Lugo, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador. A Asociaciónd e Actores e Actrices de Galicia tamén será recoñecida. Tamén serán recoñecidas iniciativas institucionais, coma o proxecto Buxiganga da Vicepresidencia da Deputación de lugo e a área de cultura da Deputación da Coruña polo premio Rafael Dieste. O escritor Xabier P. Docampo será este ano o homenaxeado coa letra “E” no programa “O escritor na súa terra”. Bernardo Atxaga será nomeado Escritor Galego Universal.

Fonte: Culturagalega

Seis produtoras galegas participan no European Film Market

Berlín acolle desde hoxe, a coincidir coa inauguración do seu celebérrimo festival de cinema, unha nova edición do European Film Market, considerado o segundo mercado cinematográfico do mundo. No evento participan seis produtoras galegas, que se achegan á capital alemana no marco da misión comercial que desenvolve a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). Adivina Producciones, Ficción Producciones, Frida Films, Matriuska Producciones, Tic-Tac Producciones e Vaca Films son as empresas que tentarán vender os seus traballos e realizar contactos no encontro.

Ademais, no European Film Market distribuirase tamén o catálogo Films from Galicia e mais a publicación Ways to Film, que se centra na promoción do noso país como escenario para rodaxes.

Fonte: Culturagalega

A UE está revisando a normativa europea en relación á Propiedade Intelectual e os dereitos de autor en Internet

A Unión Europea está recabando información co obxectivo de revisar a normativa europea en relación á Propiedade Intelectual e os dereitos de autor en Internet. Actualizar o marco normativo existente ao panorama cambiante que veñen abrindo os avances tecnolóxicos é, segundo a nota difundida por CEDRO, o eixo da consulta. Co fin de ter en conta a opinión da cidadanía, a Comisión Europea vén de abrir unha  consulta pública na que a entidade de dereitos española tamén participou.

Ata o día  5 de marzo, gobernos, titulares de dereitos, organizacións relacionadas coa propiedade intelectural e autoridades públicas poderán enviar as súas peticións e suxerencias.

Fonte: AGE

A despedida de Berrogüetto

O grupo que é considerado de xeito unánime como un referente do noso folk a nivel internacional, Berrogüetto, disólvese. Así o anunciaron os seus compoñentes nunha mesaxe no Facebook da banda no cal non apuntan os motivos do abandono da súa actividade musical. Segundo sinalan na mensaxe, Isaac Palacín, Anxo Pintos, Quico Comesaña, Quim Farinha, Santi Cribeiro, Guillerme Fernández, Xabier Díaz despídense “cun sorriso, satisfeitos polo traballo realizado e polos obxectivos acadados”. Foron 18 anos de carreira, cinco discos e un libro disco que agora rematan “conscientes e orgullosos do compromiso mantido sempre coa música e a cultura do país, guiándonos únicamente polo noso afán creativo e o noso propio e inconformista universo musical”. A agradecer o apoio de seguidores e amigos, o grupo anuncia que anunciará en vindeiras datas unha xira de despedida polas principais vilas e cidades do país. Boa parte dos membros do grupo participan desde hai anos en proxectos musicais paralelos.

Fonte: Culturagalega

Nace en Carballo o primeiro festival galego dedicado a webseries

Carballo Interplay é o título do primeiro festival galego e o segundo do Estado dedicado exclusivamente a webseries, segundo apunta a organización do evento. O Concello de Carballo bota a andar esta iniciativa que se desenvolverá entre o 24 e o 27 de abril e distribuirá un total de 5.000 euros en premios. O prazo de inscrición está aberto para webseries realizadas entre 2012 e 2014 e que teñan un mínimo de tres capítulos editados.

De xeito paralelo, o Boletín Oficial do Estado publicaba o pasado venres a resolución de axudas a festivais de cinema para 2013 a nivel estatal correspondentes á segunda fase de 2013. Na mesma, unicamente o festival Cineuropa, de entre todos os eventos galegos que se presentaron, conseguiu apoio do Ministerio de Cultural, cun total de 5.000 euros.

Fontr: Cultura Galega

Calendario Profesional do Libro e da Lectura 2014

Segue aumentando o consumo de produtos ecolóxicos en Galicia

Malia a crise, o consumo de produtos ecolóxicos en Galicia segue medrando. Así se desprende do 2º Barómetro
 “Percepción e consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia 2013” realizado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e que se presentou onte na Coruña.

Así,  en 2013 medrou a porcentaxe dos que levan máis de tres anos consumíndoos: en 2010 -ano no que se fixo o primeiro barómetro- eran un 40% dos consumidores de produtos ecolóxicos e en 2013 subiu a un 60%. “Quen empeza a consumilos queda prendado e non abandona”. O 20% deste consumidores incluso aumentou o seu gasto neles.

Consumimos produtos ecolóxicos pola nosa saúde

Preguntados polo principal motivo para comezar ou seguir consumindo alimentos ecolóxicos, para a maioría dos enquisados a resposta foi “por saúde, por evitar pesticidas e produtos químicos” . O máis habitual é que o produto co que comeze o consumo destes alimentos sexan vexetais, froitas e derivados lácteos, de feito en Galicia prodúcense as tres cuartas partes do leite ecolóxico de toda España.

O traballo, realizado mediante enquisa telefónica  a 1.139 persoas entre o 14 de outubro de 2013 e o 13 de novembro, amosa que a día de hoxe o 92% dos galegos coñecen ou ouviron falar dos alimentos ecolóxicos, cando esa cifra era no 2010 dun 73%.

En canto ao criterio empregado para mercar un alimento de calquera tipo, máis do 80% dos enquisados dixo mercalo pola súa calidade

Con que asociamos os alimentos ecolóxicos?

Preto dun 80% dos galegos dí que son produtos que non usan pesticidas químicos, un 70% di que non teñen aditivos nin colorantes, e o 55% coida que son máis naturais. A cuarta característica coa que se asocian é o prezo, un 35% afirman que son “máis caros”. “Os custos de produción encarecen alguns produtos pero noutros casos non é certo, hai produtos certificados no noso consello que son competitivos cos convencionais, como a sidra.  Os custos débense a que non empregamos  substancias que aceleren os crecemento das prantas nin dos animais, as gandeirías son producións extensivas con máis tempo e terreo para pastar. A calidade ten un prezo, pero o certo é que vai subindo o número de consumidores e produtos certificados no Consello”. A produción ecolóxica certificada medrou de media nestes últimos anos un 7%.

Os galegos reclaman máis presenza de produtos ecolóxicos nos establecementos de alimentación

No relativo ao punto de compra, detéctase unha baixada de dez puntos na compra nas grandes superficies subindo un pouco as tendas especializadas, pero aínda así case un 60% merca en grandes espazos se ben en relación á variedade de alimentos ecolóxicos ofrecida polos establecementos de alimentación o 66,8% dos galegos coida que é escasa, “é unha asignatura pendente, temos que tratar de ofrecer máis gama”. Tamén hai que destacar outro dato deste segundo barómetro: existen un 26,3% de marcas brancas de produtos ecolóxicos.  “A gran distribución viu que había un nicho grande de mercado”.

O 70% da producción ecolóxica de Galicia expórtase

O 71,6% dos enquisados nunca consumiu estes alimentos nun restaurante. Por iso o Consello traballa nunha campaña de promoción cos restauradores. “Xa temos en Galicia preto de 20 que ofrecen un menu ecolóxico completo, unha demanda que nos facía o sector, que quería diferenciarse e innovar”. En canto á confianza na certificación, máis do 75% confían “moito ou bastante”  nela, “o cal é moi importante para nós, que valoren o traballo que se está facendo no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica”,  no que hai inscritos preto de 700 produtores entre persoas xurídicas e empresas e cuxos produtos expórtanse nun 70% fóra da nosa Comunidade.

Fonte: Galicia Confidencial

Foto

A Asociación de Escritores chama a conmemorar a Rosalía con Graffitis

Un ano máis, a Asociación de Escritores en Lingua Galega fai un chamamento á sociedade galega para celebrar, o vindeiro 24 de febreiro, o Día de Rosalía. Para alén de animar a concellos e entidades públicas a institucionalizar esta celebración, este ano a entidade propón unha actividade especialmente orientada aos centros de ensino. Así, con Graffiti Rosalía, a AELG quere animar a complementar os actos públicos de homenaxe e de lectura de poemas coa realización de murais nos que se inscriban versos da autora, “de modo que o alento da súa voz se faga presente continuo para toda a cidadanía galega”. Os interesados en participar destas iniciativas, poden contactar coa AELG para garantir a difusión das súas activides.

Fonte: Culturagalega