Artigos

Os libreiros ven o relevo xeracional en perigo

A crise económica está a impactar tamén no sector do libro galego, onde cada ano se editan tiraxes medias con menos exemplares ante a diminución das vendas e onde os libreiros alertan de que o seu relevo xeracional está “en perigo” pola baixada na rendibilidade dos negocios.

Así o asegurou a Europa Press o presidente da Federación Galega de Libreiros, Xurxo Patiño, quen apuntou que o libro “non é alleo” á situación xeral de crise, aínda que cuns parámetros diferentes na súa influencia.

“Non é un negocio para facerse rico”, sentenciou Patiño, ao tempo que fixo fincapé en que o sector de venda de libros “non é en xeral de grandes subas nin grandes baixadas”, o que fai que os efectos da crise sexan máis suaves.

Neste sentido, sinalou que “a xente limita o seu gasto” en libros, aínda que “os lectores seguen lendo” e o fan en máis medida en lugares como bibliotecas, que “crecen” como “competencia libre e gratuíta”.

Ante isto, as vendas decreceron nos últimos dous anos e “resentíronse”, aínda que a influencia é menor que “noutros sectores” máis “especulativos”. “A venda baixou, pero non na mesma proporción que noutros sectores, é un sector máis resistente e estamos acostumado a non ter necesidades especialmente fortes”, recordou Patiño.

Non obstante, o presidente dos libreiros galegos si recoñeceu que as baixadas na rendibilidade destes negocios provocan que o relevo xeracional “estea en perigo”, dado que os mozos emprendedores non o ven como un sector rendible.

O LIBRO TÉCNICO, O MÁIS AFECTADO

En canto aos volumes máis afectados pola crise económica, Xurxo Patiño evidenciou a baixada nas vendas do “libro técnico”, relacionado cos estudios universitarios ou con áreas xurídicas, dado que os lectores recorren en maior medida a bibliotecas, “fotocopias ou PDF”.

Ao mesmo tempo, recordou como outros volumes, como as enciclopedias en papel, “desapareceu directamente” do mercado nos últimos tempos, dado que quedan “desfasadas en pouco tempo” e son substituídas pola información en Internet.

No outro lado da balanza, o libro que “mellor resiste” é “indubidablemente” a narrativa, sinala Patiño. En canto ao formato, o presidente dos libreiros galegos asegura que as tendencias se “polarizan” entre as vendas de dous tipos de libros, o de peto –o mais barato– ou o que está “ben editado” e cun “formato consistente”.

TIRAXES MÁIS PEQUENAS

Dentro do sector do libro, tamén os editores sofren as consecuencias á crise e o seu “ámbito adverso para o consumo e a lectura”, tal e como recordou o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado.

Unido ao proceso de “cambio de paradigma” coa introdución do libro electrónico, os editores sofren a baixada nas vendas e, no caso do libro en galego, o “impacto de determinadas medidas do actual Goberno da Xunta” no ámbito educativo, coa “redución de recursos destinados ao fomento da lectura” e á edición.

A causa desta situación, Manuel Bragado asegurou que os editores, en lugar de reducir o número de títulos publicados, “o que se reduce máis é o número de exemplares na tiraxe media” que se realizan na Comunidade.

En canto ás debilidades do sector, o presidente da AGE asegurou que o libro galego está “sometido a un grande proceso de concentración da súa oferta arredor do ámbito infantil e xuvenil” e en relación co ámbito escolar, que supuxo en 2010 o 47 por cento dos títulos editados e o 63 por cento da facturación.

Por iso, recordou, os recortes en investimento público en libro de texto afectaron negativamente aos editores, que ven diminuídos os seus ingresos “non só pola crise económica”.

Fonte: GaliciaHoxe

Dispoñible para a súa descarga o Firefox 12 en galego

Co ritmo frenético ao que xa nos teñen afeitos dende Mozilla, xa están dispoñibles para a súa descarga as versións en galego do navegador web Firefox 12 para Windows, Mac OS X e LInux, que incorpora novidades como unha actualización máis doada na súa versión para Windows (fai unha pregunta menos), a visualización de código fonte das páxinas web amosa agora o número de liña, permítese o salto de liña no atributo de título, mellórase a función de busca dentro das páxinas, os enderezos web pegados no xestor de descargas iniciarán a súa descarga de xeito automático, solucionáronse problemas de rendemento de WebGL na versión de Mac OS X e incluíronse varias novidades de cara aos desenvolvedores.

Fonte: Codigocero

Os editores galegos ven no libro electrónico unha «oportunidade»

Os editores galegos consideran que o libro electrónico é unha «oportunidade» de futuro en convivencia simultánea coa edición tradicional, a pesar de que, tal e como sinalan os libreiros, as súas vendas son «aínda moi residuais» na Comunidade. «Estamos nun proceso de tránsito, de cambio, temos que apostar pola innovación», asegurou, en declaracións a Ep, o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, con motivo da celebración onte do Día do Libro.

En relación coa introdución en Galicia da edición en formato electrónico, Manuel Bragado evidenciou dous polos de acción. Por unha parte, destacou o «grande esforzo» realizado no ámbito educativo, coa «dixitalización» de materiais a través, en boa medida, do Proxecto Abalar. «Aí é onde se están a invertir a maior parte dos esforzos», explicou. Non obstante, fixo fincapé no desenvolvemento tamén importante da edición galega externa ao material curricular, un crecemento relevante porque se está a desenvolver «sen ningún tipo de axuda pública».

«Galicia non pode quedar fóra deste proceso, que é imparable», sinalou Manuel Bragado, que apostou, de cara ao futuro, por unha situación «híbrida» na que «convivirán ambos os dous soportes». Ademais da «coexistencia» do papel e o formato electrónico, o presidente da AGE instou a ver este cambio como unha modificación «non dos soportes, senón da lectura e a forma que a sociedade ten de acceder aos contidos e á creación literaria».

Con todo, a pesar da evolución da edición en formato dixital, Bragado recoñeceu que se trata dun proceso máis ben a nivel empresarial, dado que as vendas, tanto en Galicia coma en España, son «testemuñais».

Na mesma liña, o presidente da Federación Galega de Libreiros, Xurxo Patiño, recoñeceu a edición dixital como «emerxente», aínda que, «a día de hoxe» é «residual» en materia de vendas. «As porcentaxes de comercialización son baixas en España e en Galicia aínda moito máis», sentenciou Patiño, que cifrou as vendas nun 2% do total en Galicia. Entre os problemas do proceso de dixitalización, os libreiros alertan de que a maior parte dos libros que se consumen en formato dixital «son piratas».

Fonte: ABC

Presentación de ‘Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña’

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza mañá martes 24 de abril ás 20:00 horas a presentación do libro Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña (Baía Edicións, 2009), de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez, profesoras no ensino secundario de historia e lingua respectivamente, que terá lugar na Casa das Letras /Gráficas Santiago de Ribadeo (R/ Rodríguez Murias, 8).

As autoras, profesoras historia e lingua, respectivamente, no ensino secundario, farán unha reflexión sobre a historia das mulleres en Galiza, o oculta que aínda permanece moitas veces e a pouca visibilidade que se lle dá, salvo excepcións, aínda hoxe nos libros de texto de secundaria.

Extracto da introdución do libro:

Este libro é unha escolma das tres marías, máis antigas, precedentes de tantas e tantas mulleres loitadoras: María Castaña, María Soliña e María Balteira.
Esta é unha nova historia coas poucas fontes e referencias que delas hai, os moitos rumores que tamén corren ao falar delas e as ganas de facer algo que chegue ás rúas, ás escolas, ás novas xeracións de rapazas e rapaces que teñen que seguir a construír un mundo en que mulleres e homes sigan facendo del un lugar máis habitable no sentido máis humano e xusto da expresión.
Así a nosa pretensión sinxela é contar parte do seu devagar pola vida, cos atrancos que supuxo vivir no Betanzos do século XIII, no Lugo do século XIV e na Cangas do Morrazo do XVII, engadíndolle o feito de seren mulleres nun mundo de homes.
Non se pretende facer historia “compensatoria” falando destas tres mulleres concretas, senón de reivindicar a visibilidade das mulleres no devir histórico ao igual que aquilo de que “o pobo que non coñece a súa historia está condenada a repetilo”. E isto poderiamos estendelo á historia social, á historia das mulleres como parte integrante dunha sociedade que, por diversos motivos, as silenciou. Reivindicar as súas vidas, fazañas e movementos nas diferentes etapas da Historia, fará que as mulleres contemporáneas teñan referentes máis que suficientes para seguir cara ao camiño da igualdade como cidadás de pleno dereito.

Organizan un concurso en liña de mensaxes de amor para dinamizar o galego na Rede

Os obxectivos da nova iniciativa son fomentar a participación en galego da mocidade, aumentar a presenza do noso idioma en internet e animar ao seu uso nas relacións interpersoais, de acordo co establecido polo Plan xeral de normalización da lingua galega nos ámbitos da mocidade e das novas tecnoloxías.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recordou durante a presentación que o galego é actualmente “a lingua que preferimos para falar coa xente que queremos: os amigos, a familia, as persoas que temos preto”, mais que pode ser tamén “a lingua que usemos para dirixirnos a persoas descoñecidas e iniciar relacións novas que, se comezan en galego, se manterán en galego”. García Gómez destacou tamén que o noso idioma, “que foi lingua de namorar na Idade Media, pode seguir séndoo hoxe e esperamos que así o entenda a mocidade galega”. Neste sentido, indicou que “o prestixio literario que tivo e ten a lingua galega debe complementarse co que hoxe ofrecen outros medios, coma internet”.
Ata o 17 de maio, os mozos e mozas que queiran participar poderán inscribirse e colgar as súas declaracións, de menos de 350 caracteres, na páxina web do concurso, onde se poden consultar as súas bases. Todas as declaracións serán alí visibles, onde figurarán de forma anónima, para que, a partir do Día das Letras Galegas e Día de Internet, as persoas que o desexen poidan votar polas que máis lles gusten.
Neste mesmo senso, Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude e Voluntariado, fixo fincapé en que a promoción do idioma galego é necesaria e, por iso, lembrou que é unha das prioridades da primeira Lei de Xuventude de Galicia. As bases establecen dúas categorías (unha para mozos de 14 a 19 anos e outra para mozos de 20 a 35) e tres premios por categoría consistentes en produtos tecnolóxicos coma un iPad, unha Wii ou un lector de libros electrónicos, entre outros.

Fonte e foto: Codigocero

Día Internacional do Libro cunha programación especial nas bibliotecas nodais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra este luns o Día Internacional do libro cunha programación especial que se levará a cabo nas bibliotecas nodais de toda Galicia durante esta semana.

Talleres, contacontos, mostras de libros e actividades de ‘bookcrossig’ serán algunhas das iniciativas que propoñen as bibliotecas públicas de Santiago de Compostela, Lugo, Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña para fomentar a lectura entre o público máis novo, detallou o departamento autonómico nun comunicado.

Deste modo, ao longo de toda ao semana os distintos centros ofrecerán visitas guiadas dirixidas a escolares e adultos, co fin de mostrar os distintos servizos das bibliotecas, o seu funcionamento e unha selección de libros curiosos.

A CORUÑA

Dentro do programa de actividades, a Biblioteca Pública González Garcés celebra o Día Internacional do Libro inaugurando o 23 de abril o servizo de empréstito de ‘e-books’ en domicilio e en sala. O mesmo día se desenvolverán actividades de ‘bookcrossing’ nas que se liberarán libros destinados a adultos.

Ademais, de luns a xoves Marina Mayoral ofrecerá nesta biblioteca nodal da Coruña o taller ‘O proceso da creación literaria’, no que se analizará o proceso da creación.

SANTIAGO, OURENSE E PONTEVEDRA

Pola súa banda, a biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela ofrecerá este luns aos nenos de máis de cinco anos a posibilidade de crear o seu propio libro nun taller que se desenvolverá na sala infantil ás 18.30 horas. Ademais, mostrará os seus espazos a todos os asistentes con visitas guiadas extraordinarias.

A actividade de cuentacuentos será a protagonista das celebración na Biblioteca Pública de Ourense, a cargo de Susana Villar; e na Antonio Odriozola de Pontevedra, a cargo de María Campos.

BIBLIOTECAS DE LUGO E VIGO

As actividades na Biblioteca pública de Lugo comezarán este luns coa inauguración do novo servizo ‘A colección accesible a todos’, con libros de letra grande, audiolibros películas con subtítulos para xordos ou libros de lectura en ‘braille’.

Por último, na Biblioteca nodal de Vigo as accións organizadas con motivo do Día Internacional do Libro arrancarán tamén este luns ás 20.15 horas na hemeroteca co recital da poetisa Daisy Villalobos.

Fonte: GaliciaHoxe

Poesía e punk para apoiar os medios en galego

O evento inclúe un recital poético a cargo de Olalla Cociña, Xia Arias, Alicia Fernández e Gonzalo Hermo, seguido dun concerto do grupo punk de Muros Terbutalina.

Todos os beneficios do festival serán destinados a sufragar o mantemento da propia campaña e dos medios en galego, que nos últimos anos sufriron importantes baixas. As entradas saen a só 4 euros (5 o día do concerto) e haberá unha fila cero para os que queiran colaborar aínda máis a 10 euros. O concerto será no Centro Social A Gentalha do Pichel, onde se poden mercar as entradas, ademais de na Reixa, Casa das Crechas e Restaurante Rúa.

No mesmo festival darase conta do proxecto en marcha de cara ao gran evento do 17 de maio, que Vitaminas para o Galego está preparando co gallo do Día das Letras Galegas. A actuación é a primeira iniciativa da segunda fase da campaña, lanzada este inverno. A primeira fase logrou duplicar o obxectivo de recadación inicial, inxectando 6.800 euros grazas a colaboración de case 200 mecenas.

24 medios en galego

A campaña Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación:  Tempos Novos, Galicia Confidencial, RadiofusiónPraza PúblicaNovas da GalizaVal Miñor.info Quepasanacosta. Colaboran ademais Xornal Certo , O Sil.info , Crónica 3 , Radio Nordés , Terra Chá.Xa , Crónicas da Comarca , Surf GZ , Cardenos de Comunicación e Análise ,Lalín e Comarca , Hermes e Atenea , Disquecool , De Luns a Venres , Cabozo.com , Vencello , Cartafol , A nova Peneira , Programa radio Plástico Elástico , Cerne, terra de Melide e Gaceta de Fene,

A iniciativa diríxese a todas as persoas que queren contribuír a que o idioma propio de Galicia adquira un rango social de normalidade. Para logralo, resulta imprescindíbel a existencia dunha pluralidade de medios de comunicación en galego.

Fonte: Galicia Confidencial

AGADIC convoca os Premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca a  XXI edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da VII edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e, en colaboración coa Asociación Cultural Barriga Verde, da X edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades: para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos.

A dotación económica, segundo se recolle no  DOG do 17 de abirl é a seguinte:

  • Álvaro Cunqueiro: 6.000 €.
  • Manuel María: 6.000 €.
  • Barriga Verde (modalidade infantil): 6.000 €.
  • Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

 

Información dos premios

Fonte: AGE