Entradas

Apurando o inicio do curso escolar para Secundaria na Aula Virtual

Hoxe colocamos na Aula Virtual o novo material do profesorado para Economía de 2º.

Hoxe comeza o curso escolar 2013-2014 en Infantil e Primaria e o luns 16  en Secundaria. Como o ano se presenta complicado en prazas escolares,  comedores e problemas varios, en Baía Edicións estamos apurando para ter todo preparado e non complicar máis as cousas aos axentes implicados. É por iso que hoxe colocamos na nosa aula virtual http://aulavirtual.baiaedicions.gal/ os novos recursos do profesorado para Economía de 2º, que completaremos na totalidade neste mes.

Estes novos recursos, que imos incorporando parcialmente, precisan de melloras no deseño mais non no contido, que se efectivizarán cando os recursos estean totalmente acabados, pero prefirimos ir adiantando os necesarios para preparar o curso sen apuros.

Desculpen as  molestias e agardamos que lles sexan de utilidade.

Bo inicio de curso!

 

O líquido ideal, na Toxa

Os físicos presentan “fortes evidencias” da recreación no LHC do plasma orixinal do universo, do tamaño dun protón.

¿Como era o universo unha millonésima de segundo despois do Big bang? Os científicos hai xa anos que teñen unha resposta a esta pregunta, e incluso utilizan unha imaxe recorrente para explicalo: era como unha inmensa sopa quente. En realidade era un líquido formado por quarks e gluones (partículas elementais) cunha densidade e unha temperatura extremadamente altas, máis de 100.000 veces superior á rexistrada no interior do Sol. Este estado inicial reproduciuse en experimentos mediante colisións entre dous núcleos atómicos grandes, pero agora a física está a piques de dar unha nova volta de porca para lograr o que parecía imposible: recrear o líquido a tamaño microscópico, do tamaño dun protón. Ou, o que é o mesmo, cen mil veces máis pequeno que un átomo.

Os máis de 120 físicos reunidos esta semana nun congreso na Toxa para interpretar os datos achegados polo acelerador de partículas LHC acaban de desvelar que existen «fortes evidencias» de que se recreou artificialmente o líquido máis pequeno xamais observado mediante colisións asimétricas de protones contra núcleos de chumbo. «As propiedades deste estado primordial da materia medidas en laboratorio son as dun líquido ideal», explica Carlos Salgado, da Universidade de Santiago e organizador, xunto a Carlos Pajares e Nestor Armesto, dun congreso promovido polo proxecto HotLHC, financiado coa axuda Starting Grant da Unión Europea que logrou o propio Salgado, polo Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN) e polo Centro Nacional de Física de Partículas (CPAN). Con todo, o máis que posible achado aínda deberá esperar novas confirmacións. «Non chegamos a un consenso porque aínda non estamos seguros de todo. As indicacións parecen bastante fortes, pero necesitamos máis análisis», subliña o físico de Monforte.

Fonte: La Voz de Galicia

Cúmprense once anos da morte de Roberto Vidal Bolaño

Belén Quintáns sinala que é necesario profundar na súa obra

Era o ano 2002 e aínda parecía que había un futuro. Foi un día de setembro con sol, o 11, cando morreu Roberto Vidal Bolaño. Homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, Vidal Bolaño marcou diferenzas nos escenarios e na dramaturxia ata converterse na principal referencia escénica de Galicia na último cuarto de século do século XX.

Hoxe cúmprense once anos desde que desapareceu Roberto Vidal Bolaño e a actividade arredor do Día das Letras decaeu considerablemente tras pasar o 17 de maio. Ao longo deste ano foi perfilándose unha imaxe na que gañou peso o nariz de pallaso como representación icónica e na que se ampliou o abano sobre os campos nos que Vidal Bolaño foi facendo profesión durante a súa vida: dese a escrita á interpretación.

Para a súa viúva e cofundadora de Teatro do Aquí, este ano foi o da «insistencia sobre un Roberto Vidal Bolaño e a ocultación doutro que tamén existiu e que tamén foi importante».

Advirte Belén Quintáns que a coincidencia das celebracións do Día das Letras Galegas con todas as actividades relacionadas co sesquicentenario da publicación de Cantares gallegos «prexudicou en canto a promoción e número de actividades as que se podería ter feito con Bolaño». Unhas actividades nas que, segundo Quintáns, «habería que ter en conta a relación literaria que Roberto tivo coa figura de Rosalía, que é máis que evidente».

Noutro sentido, estes once anos desde a desaparición do dramaturgo teñen un efecto estraño desde a perspectiva de Belén Quintáns porque, segundo explica, «hai ocasións nas que parece que se está falando de cousas que pasaron hai corenta anos, pero son cousas que pasaron hai ben pouco e algunhas delas aínda están ben vivas».

Para Belén Quintáns hai espazo aínda para «profundizar na súa obra e transcender algúns dos aspectos xerais».

Durante estes días a Escola superior de Arte Dramática está celebrando, na súa sede de Vigo, Escénika, un congreso de investigacións teatrais que, nesta edición dedica unha parte do seu tempo á obra de Vidal Bolaño.

Por outra parte, Espello concavo representará o vindeiro sábado no Teatro Colón da Coruña, Anxeliños!, unha das obras máis premiadas de Vidal Bolaño, as 20.30 horas.

Fonte: La Voz de Galicia

Un documentario defende que o monte comunal é o que menos arde e o que dá máis beneficios

Un 25% do noso territorio é monte veciñal que implica a unhas 150.000 persoas recoñecidas como comuneiras. O documentario “En todas as mans” pretende visibilizar os proxectos innovadores e defender o futuro do monte en mans colectivas. O xeógrafo e produtor Alberte Román defende que os montes das comunidades son os que dan máis beneficios e menos arden.

No monte en mancomún atopamos algunhas comunidades con proxectos moi interesantes, que apostan pola diversificación e o aproveitamento, creando emprego. O monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”, di Alberte Román, xeógrafo e produtor Executivo de “En todas as mans” o documentario que está a dirixir Diana Toucedo e produce a cooperativa Trespés de Redondela.

Neste mes de xullo gravaron durante vinte días en comunidades de montes como Lira, Covelo ou Teis e a súa idea é desenvolver outra fase na que se comprobarían as mudanzas que se producen nos montes. No proceso de elaboración, a equipa de “En todas as mans” visitou moitas comunidades de montes e fixeron unha selección para mostrar a realidade do monte en man común galego. “Desde as administracións fixeron pouco para contribuír a que os viciños fosen actores na xestión dos montes. Faltou asesoramento e o acompañamento nun proceso no que se está a producir unha transformación nas comunidades”, sinala Román.

 “O monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”, di Alberte Román

O monte veciñal ocupa o 25% do noso territorio e implica a 150.000 persoas recoñecidas como comuneiras con dereitos. “Esa magnitude non se atopa noutros contextos europeos e consideramos que é unha ferramenta que temos que potenciar”, sinala Alberte Román despois de visitar comunidades que están a desenvolver proxectos vinculados ao patrimonio histórico -petroglifos e castros fundamentalmente, aproveitamentos turísticos con rutas de sendeirismo ou de produtos como mel ou cogomelos, como se está a facer en comunidades como a de Mondoñedo ou Covelo.

“A invisibilidade co que se está a facer no monte por parte das comunidades é inmensa. Por todo o país hai xente ideando proxectos innovadores que non transcenden. O interesante sería consideralos como unha estratexia de país e confiar no seu potencial. O monte veciñal é precisamente o que non está abandonado, o que menos arde, máis coidado que o de pequenos propietarios”, defende Román, para quen, diante do abandono do privado, o que está en mancomún está a ter sempre algún tipo de aproveitamento, o que demostra, ao seu ver “a súa funcionalidade, non se trata, como algúns din, dunha figura obsoleta, senón de grande interese”.

As cámaras volven ao monte

A través da páxina todasasmans.com recorren ao financiamento colaborativo, buscando achegas colectivas e tamén o apoio dalgunhas entidades. A recompensa pola colaboración económica no proxecto consiste nunha árbore autóctona plantada no monte. Desde a cooperativa Trespés pretenden tratar de visibilizar a realidade dos montes comunais e mostrar esta singular forma de xestión que, ao seu ver, ten futuro non só para a conservación e posta en valor do monte, senón tamén como un recurso de desenvolvemento económico que pode xerar emprego, producir benestar social e repercutir, desta maneira, en toda a comunidade.

As cámaras non volvían ao monte comunal desde que en 1978 o director Llorencs Soler elaborou o seu traballo audiovisual producido pola Coordenadora de Montes Comunais co fin de documentar a historia da loita labrega para recuperar a súa propiedade. Agora, máis de trinta anos despois, o monte comunal volve ser protagonista dun documentario no que se defende o seu futuro e se fan visíbeis todas as posibilidades de futuro. “Do monte só se fala cando arde e nós pretendemos que se fale durante máis tempo, tamén para iso, para que non arda”, din desde a equipa do documentario.

Fonte: Sermos Galiza

Vázquez Freire e Xosé Tomás promoven a escola de ilustración “O neno amarelo”

Un escritor e un ilustrador, os dous nomes relevantes na edición infantil, botan a andar xuntos un novo proxecto, “O neno amarelo”, unha escola de ilustración na que a palabra e a ilustración, a técnica e a teoría, se dan a man.

“O neno amarelo” nace como escola de ilustración co aval de dous dos nomes máis destacados da edición infantil, Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás, os dous tamén profesores de profesión. Como equipo teñen asinado numerosos proxectos colectivos, desde o ámbito do álbum ilustrado ate obradoiros en centros educativos ou volumes de banda deseñada. Agora xúntanse, coa apoio de Baia Edicións e o Colexio San Narciso de Marín, para promover un espazo de formación no que a ilustración e a técnica daranse a man coa palabra, a teoría e a literatura co álbum ilustrado como referente.

As sesións do programa terán lugar os venres á tarde en San Martiño Pinario, no centro histórico de Compostela, ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro e por elas pasarán, de maneira alterna a teoría e a análise de Miguel Vázquez Freire e a aplicación práctica de Xosé Tomás.

Outra parella ben coñecida da edición infantil, o escritor Xabier P. Docampo e o ilustrador Xosé Cobas, participarán no programa a través dunha Máster Class conxunta. A directora de Baía Edicións, Belén López mais a da Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña, Mercedes Cerdeiras serán as protagonistas doutras das clases da escola.

Cada participante realizará un proxecto titorizado polos profesores ao final do curso e Baía Edicións escollerá quen será o ilustrador ou ilustradora escollida para a publicación dun álbum de maneira profesional. Para máis información e matrícula está operativa na súa web http://www.onenoamarelo.com/

Case sete mil mozos galegos, en lista de espera para poder estudar FP

Auxiliar de enfermería e de cociña acumulan máis de 500 cada un

Galicia oferta para este curso case 27.000 prazas de formación profesional distribuídas en 910 ciclos de grao medio e de grao superior. Hai prazas para todos e probablemente haxa centos de vacantes, pero a oferta e a demanda seguen sen atopar o seu equilibrio. A estas alturas, hai decenas de ciclos formativos con lista de espera, aínda que só en trinta se acumulan case sete mil solicitudes. En concreto, e tendo en conta que son cifras provisionais, 6.896. Aínda quedan procesos de adxudicación, pero algúns destes ciclos xa cubriron todas as prazas que ofertaban, polo que é difícil que os estudantes que se acumulan logren entrar no curso que querían.

Os ciclos nos que se rexistra máis demanda varían en canto a temática, en canto á súa implantación en Galicia e en canto ao seu grao de inserción. Por exemplo, auxiliar de enfermería está implantado en 17 centros educativos e 584 estudantes están en espera; mentres que iluminación e tratamento de imaxe, que só se imparte nun instituto, o IES Imaxe e Son da Coruña, acumula 87 solicitudes, e iso que a estas alturas están cubertas as 22 prazas que oferta, 18 mediante acceso directo e catro a través dunha proba. Cociña e gastronomía suma 557 persoas esperando en tan só sete centros.

Solicitudes repetidas

Desde a Consellería de Educación aclaran que nesta lista de espera pode haber alumnos repetidos porque solicitaron praza en máis dun ciclo, o que fará que se reduza a listaxe definitiva. Outro motivo polo que pode decrecer o número de peticións é porque alumnos que si tiñan praza renuncien a ela -por exemplo, porque acceden a unha carreira universitaria-. Dentro destes ciclos máis demandados hainos de familias dispares, como actividades físicas e deportivas; comunicación, imaxe e son; hostalería e turismo; imaxe persoal; industrias alimentarias; sanidade, ou servizos socioculturais á comunidade.

“Centros que separan.Dentro da lista de espera que publica a Consellería de Educación inclúense colexios concertados, e entre eles o único que practica a educación diferenciada e ten ciclos formativos, o colexio Aloya de Vigo. Unha das críticas máis contundentes tras a sentenza que declara non lexítimo concertar esta educación é que se dese a este centro un novo ciclo superior de integración social, que segundo os sindicatos fora negado a institutos públicos da provincia de Pontevedra. Nas listas provisionais só un alumno está na lista de espera deste centro, fronte aos 96, por exemplo, que ten o centro integrado de FP Ánxel Casal”

A demanda tampouco se corresponde co futuro laboral. Sanidade e imaxe e son son dous das familias con peores resultados no estudo de inserción que realiza periodicamente a Xunta, pero son tamén dúas das áreas onde se concentra máis demanda.

Fonte: La voz de Galicia

Dixitalizar os montes de todos

A iniciativa “O monte é noso, sachando procomún” crea conexións entre entidades locais e software libre para manter vivos os montes comúns.

O monte común é parte do patrimonio cultural galego: unha modalidade ancestral de autoxestión e propiedade colectiva que se vai ver afectada polo anteproxecto de Lei de racionalización e sostibilidade da administración local, coa posible perda de 3700 mancomunidades. “O monte é noso_Sachando Procomún” é un proxecto que nace da unión de varios colectivos de diversa índole cultural e artística coa finalidade de xuntar os conceptos de tecnoloxía (rede) e terras (monte) baixo un mesmo fin: a permanencia dos montes en mancomunidade.

“Unido ao rural e á idea de procomún, o proxecto desenvólvese baixo o lema reivindicativo “O monte é noso” e os seus principais obxectivos son, por un lado, facilitar a visibilidade dos montes comunais a través das novas tecnoloxías aplicadas á cartografía; e, polo outro, crear sinerxías entre as comunidades de montes para a mellora no aproveitamento e sostibilidade das terras. Unha rede de apoio mutuo que lles permita compartir experiencias aos comuneiros e axude a implementar a revalorización dos montes”

A iniciativa xorde dous anos atrás na Summerlab Feira Imaxinaria 012 de Vigo, como relata Álex Fernández, un dos participantes no proxecto: “alí encontrámonos varias xentes interesadas en atopar formas alternativas de gobernanza”. Xorde, entón, a idea de decantarse polos montes en man común, unha realidade social que se xestiona en liberdade de axentes externos. Os colectivos que forman parte do proxecto son Alg-a.org (comunidade de artistas), Rural Contemporánea (colectivo de acción social no medio rural), Asociación Artesáns de Innovación (creatividade aplicada á artesanía), Tecnologías Apropiadas e Constelaciones (medios dixitais).

O procomún dos montes veciñais
A idea de procomún (pro-proveito e común), que na actualidade se desenvolve no Laboratorio de MediaLab Pro en Madrid, rompe a clásica dicotomía público/privado. É dicir, os montes comunais non son xestionados pola Administración pública nin por unha entidade de carácter privado. O colectivo defende o procomún como “a nova maneira de expresar unha idea moi antiga: que algúns bens pertencen a todos; e que forman unha constelación de recursos que herdamos e creamos conxuntamente e que esperamos legar”. A súa principal característica é que son os propios veciños (coñecidos como comuneiros/as), que residen de maneira habitual nese territorio, os copropietarios del e os que deciden o seu uso e xestión. Son capaces de establecer gobernanza a través do consenso e do costume.

O monte é noso_Sachando Procomún quere dar visibilidade non só ao aspecto económico do monte, senón tamén ao seu carácter social e de benestar medioambiental, “o monte é moito máis ca unha terra que explotar”, afirman. Estase producindo desde hai anos unha reapropiación dos montes comunais por parte das institucións baixo a premisa de que estes están inutilizados e en mans de ninguén. Nada máis lonxe da realidade, se antigamente o monte comunal representaba un ben vital (alimento do gando, fertilizante, leña…) para o desenvolvemento das persoas, hoxe é un recurso engadido para as comunidades de montes.

Os montes en mancomún e as entidades locais veranse afectados polo anteproxecto de Lei de racionalización e sostibilidade da administración local se finalmente entra en vixencia. Co obxectivo de que estas entidades se adapten á Lei orgánica de estabilidade presupostaria e sostibilidade financeira, “disolveranse as 3725 entidades locais menores existentes, entre as que están as pedanías ou as parroquias, que pasarán a ser absorbidas polos Concellos dos que dependan” e, polo tanto, a xestión actual dos seus montes, escolas, dereitos de caza, etc. En Galicia hai 9 parroquias que son entidades locais menores. Unha en Ourense, en Berán (Concello de Leiro), e oito en Pontevedra (Gondomar), Pazos de Reis (Tui) e Queimadelos e Vilasobroso (Mondariz). Faranno aquelas mancomunidades “cuxa sostibilidade financeira non estea asegurada e as súas competencias pasarán a ser exercidas polas deputacións provinciais, que se reforzan”.

Na actualidade, existen arredor de 640 000 hectáreas de montes comunais e aproximadamente 150 000 comuneiros/as. Concéntranse sobre todo na provincia de Ourense, onde acadan case o 40% dese territorio. Pódese establecer que máis de 500 000 persoas están directamente relacionadas cos montes comunais, representando aproximadamente 1/6 do total da poboación galega. De feito, entre un 20 e un 30% da poboación das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra son partícipes nos montes en man común, mentres que na provincia da Coruña esta porcentaxe descende ao 5% segundo Francisco Quiroga, investigador do proxecto. Na actualidade, en Galicia o 51,6% da superficie veciñal está xestionada pola Administración, o 44,3% polas propias comunidades e o 4% da superficie está abandonada.

Cartografía estendida
Unha das iniciativas que está levando a cabo o proxecto O monte é noso_Sachando Procomún é a creación dun mapa en liña interactivo que xeolocaliza e delimita todos os montes en mancomún que existen en Galicia. “Trátase dunha forma de facer visibles os montes e que os comuneiros compartan experiencias e formas de xestionar o monte” afirma Fernández. Pretenden tecer, desta maneira, unha gran rede de comunicación eficiente para o intercambio de prácticas e experiencias entre as comunidades de montes. A idea é que de forma intuitiva calquera poida navegar no mapa e editar contidos (subir fotos, vídeos, audios, textos…), contribuíndo á construción dun coñecemento base arredor dos montes en man común. A información organízase en diferentes capas/niveis distinguindo o plano material (recursos do monte), fronte ao inmaterial (actividades socioculturais que dinamicen as comunidades).

Lar comunal
Outra proposta deste grupo de colectivos é a xénese dun grupo de investigación coñecido como Lar comunal e cuxa función é indagar sobre a xestión do chan dos montes comunais, tanto en Galicia coma noutros lugares con realidades semellantes (norte de Portugal, Alemaña ou Polonia), ter claro cal é a lexislación que o regula e ver que posibilidades e usos, ademais de gobernanza e aproveitamento, poden ofrecer as comunidades de montes: “crear un laboratorio aberto para a investigación dos montes comunais e a súa xestión baseándose no procomún que xere un lugar para a documentación e arquivo”.

Intervencións artísticas
O monte é noso_Sachando Procomún pretendeu tamén o lanzamento dunha convocatoria aberta de residencia coa finalidade de desenvolver intervencións nos montes comunais. Comezan cunha proposta específica no monte de Valadares (Vigo) e vai dirixida a arquitectos, permacultores, enxeñeiros, biólogos, sociólogos, músicos… Xunto aos propios comuneiros e tras rematar a convocatoria, “elixiremos os proxectos que sexan máis adecuados ao que pretendemos no monte”. Ao mesmo tempo, desenvólvense outro tipo de accións paralelas coma obradoiros (sobre redes sociais, xestión de subvencións, música para os nenos), exposicións, libros, etc.

Fonte: culturaggalega.org

O Culturgal adianta novidades

Contará coa metade do orzamento e separará as actividades musicais

Con 120.000 euros de orzamento, un 55% menos que no pasado ano, o Culturgal prepara a súa edición para 2013. O evento que continuará en Pontevedra, contará con novidades, segundo adiantou o seu director, Xosé Manuel Aldea. Así, ofertarase a posibilidade de que o público pague voluntariamente por asistir ao encontro, con vistas a que poida contribuír ao sostemento da actividade. Ademais, as actividades musicais serán maioritariamente de pago e faranse nunha carpa propia no exterior do Pazo da Cultura. O prazo para contratar postos e propor actividades para o evento, que se celebra entre o 29 de novembro e o 1 e decembro, está xa aberto.

 Fonte: culturagalega.org

Crise económica + crise cultural.

Con 6 millóns de parados, España superou  a países como Reino Unido ou Francia en venda de ‘smartphones’ segundo datos da consultora Comscore. O dato non deixa de ser sorprendente tendo en conta que o noso país está á cabeza de Europa en desemprego e a crise económica provocou un descenso importante no consumo.

Seis de cada dez móbiles no noso país son intelixentes, é dicir, serven para moito máis que escribir mensaxes de texto ou realizar chamadas. A boa saúde do sector en España tradúcese en preto de 20 millóns de usuarios con teléfonos intelixentes. Destacar tamén que os 8 móbiles máis vendidos en España o ano pasado, custan todos máis de 400 euros e 2 deles chegan a 600 euros. A este custo incial hai que engadir o consumo mensual, entendo que dificilmente por debaixo de 20 euros.

Segundo un estudo publicado polo Chupete.com (festival de publicidade e comunicación infantil) baixo a lema: Smartphones para nenos e  adolescentes, ensinan ou distraen? , sabemos que case un 40 por cento de todos eles prefiren ter un smartphone; é dicir, un móbil intelixente. É máis, na carta aos Reis Meigos así consta. Nese mesmo estudo, o uso podería catalogarse da seguinte maneira: principalmente para xogar, seguido do seu uso para aplicacións educativas ou, simplemente, para conectarse a Internet.

Nos dous últimos anos, en España creceu a demanda de dispositivos móbiles tipo smartphones e tabletas táctiles, outro dos sectores do mercado que segue aumentando cota de mercado e que os usuarios prefiren para visitar páxinas de Internet dunha maneira máis cómoda. É máis, o trafico de Internet aumentou considerablemente respecto dos seus irmáns máis pequenos: os móbiles intelixentes.

Ademais, este tipo de clientes, adolescentes, son moi rendibles para os operadores; son un grupo de consumidores con moita actividade desde o móbil: ademais de usar as diferentes plataformas de mensaxería instantáneas, estes envían unha media de 60 mensaxes de texto ao día. Así mesmo, como nota curiosa do estudo, a diferenza do que se poida crer, Facebook non é a rede social que máis se usa: esta queda en terceira posición tras Twitter en primeiro lugar e Tuenti en segundo.

Por outra parte, o servizo de estatísticas online  Alexa(un dos máis importantes xunto con Compete) nos ofrece métricas bastante fiables sobre os principais aspectos da analítica web (tráfico, usuarios únicos, páxinas vistas, etc). Métricas que nos permiten analizar a evolución das páxinas web máis importantes. As  primeiras son referidas a buscadores e redes sociais e hai que agardar ao posto 11 para encontrar un referido a contido. Non parece, por tanto, que o que está a ocorrer coa cultura en España sexa unha substituciñon da canle de transmisión (analóxica por dixital, como din os gurús do electrónico), senón que simplemente, a información e o coñecemento está deixando de ter interese, por que? Tívoa algunha vez? Somos un país de incultos?

O día 28 de agosto reproducía nunha nova no noso espazo editorial, aparecida en la Voz de Galicia, según a que o 70% dos españois nunca visitaban un museo, que no noso país son maioritariamente de acceso gratuíto, ou case. As bibliotecas tamén son gratuítas e cal é o seu uso?

 

O alumnado baixa na escola privada este curso e sobe na pública

Un total de 200.710 estudantes de infantil e primaria empezarán a mediados desta semana o ciclo 2013-2014 en Galicia, segundo información «provisional» difundida onte pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Suman 256 máis que o curso pasado. De feito, trátase da cantidade máis elevada no que vai de século XXI, de acordo coas bases de datos do departamento que dirixe Jesús Vázquez, o cal, con todo, non deu a coñecer «aínda» o número de profesores que pensa mobilizar para atender esa marca de nenos nas aulas. Observando en detalle as cifras si facilitadas pola Xunta, aprécianse outros dous feitos de certa relevancia: en plena crise, sobe o alumnado no ensino público mentres que baixa na privada e a concertada, e o parque de colexios descende un pouco, a pesar de ascender levemente o grupo de usuarios.

Fronte aos 985 do período 2012-2013, a partir do mércores abrirán as súas portas na comunidade 18 centros menos, ou sexa, 967: 151 de educación infantil, 644 de primaria e infantil e 172 de primaria e secundaria obrigatoria. Por provincias, 369 das devanditas instalacións sitúanse na da Coruña, por 362 que se achan na de Pontevedra, 122 na de Lugo e 114 na de Ourense. «Neste punto, cómpre destacar que a consellería volve garantir a axeitada atención docente a todo o alumnado galego, prestando especial atención e apoio aos estudantes con necesidades específicas», valorou onte a través dunha nota de prensa, a pesar do peche de infraestruturas, o equipo de Vázquez.

Marca de matriculados

Desde pasadomañá, a eses edificios comezarán a chegar un 0,13 % máis de menores que os 200.454 que estaban matriculados no sistema hai apenas uns meses. Ese volume de nenos acollidos contrasta co do 2001-2002 (190.626), o do 2002-2003 (187.967), o do 2003-2004 (186.172), o do 2004-2005 (185.451), o do 2005-2006 (183.450), o do 2006-2007 (184.833), o do 2007-2008 (187.438)… De feito, non atopa parangón con ningún curso da serie histórica dispoñible.

Dese total, nas escolas concertadas e privadas formaranse tres de cada dez, exactamente, 60.281, un 0,7 % menos que os 60.713 rexistrados no 2012-2013. No polo oposto, nas públicas farán o propio 140.429, medio punto porcentual máis que na tempada anterior (139.741). Consultada respecto diso, a Administración dixo onte non dispor dunha explicación oficial para esa circunstancia, «máis aló de que se estea producindo unha maior aposta pola educación pública», en expresión dunha portavoz.

A crise de natalidade

Aínda que en termos xerais se detecta un tenue incremento de escolares, discriminando entre o ensino infantil (de 3 a 6 anos de idade) e a primaria (ata os 12) obsérvanse comportamentos diferentes. Na primeira baixan de 67.716 a 67.591 os inscritos, cando na segunda ocorre xustamente o contrario: soben desde 132.738 ata 133.119. Dito doutro xeito, hai unha caída do 0,2 % contra un repunte do 0,3. Iso débese á crise de natalidade que padece a comunidade autónoma, un argumento cuxa validez a Xunta tamén recoñece.

Sumando ambas as etapas de formación, por territorios, o volume de matriculados soamente mingua en terras pontevedresas, ao retroceder un 0,5 % (de 77.713 a 77.321). En cambio, avanza en chan coruñés (de 83.748 a 84.279) e, xa en menor medida, tanto no lucense (de 19.937 a 19.992) como no ourensán (de 19.056 a 19.118).

Fonte: La voz de Galicia