Entradas

Manuel Rivas e X. M. Pereiro “resucitan” a revista Luzes

Na historia de xornalismo hai cabeceiras que teñen varias vidas. Reencárnanse, toman novos formatos, collen folgos e botan a andar de novo. Manuel Rivas e X. M. Pereiro animan a saída de “Luzes” unha revista mensual que quere ser “un ecosistema favorábel para o xornalismo”

O escritor e xornalista Manuel Rivas non tardou na presentación do novo proxecto editorial na Feira do Libro da Coruña en evocar o espírito de Loia. Tendo a X. M. Pereiro á beira era fácil que a memoria persoal remitise a aquel momento inicial na que os dous, en Madrid, botaban a andar aquela revista literaria-cultural de poucos números e moito entusiasmo. Son outros tempos, pasaron anos, mais Rivas e Pereiro volven animar a saída dunha nova cabeceira, como cando eran estudantes, como cando o xornalismo non era só un desexo senón tamén un proxecto de futuro. “O fracaso é non facer nada, non fracasa quen non se arrisca” dixo Manuel Rivas e esa é explicación que xustifica idear un proxecto en papel, en galego e para ler de vagar en tempos nos que a crise convida ao pesimismo.

“O fracaso é non facer nada, non fracasa quen non se arrisca” dixo Manuel Rivas 

Loia na memoria, mais tamén, e de maneira especial, Luzes de Galicia, aquela revista dirixida por Rivas que tiña sede no Centro de Información de Isaac Díaz Pardo e que estaba conducida polo seu mesmo espírito libertario e “conservador” -de consevar o bo, o patrimonio, o medioambiente, a lingua…-, como a revista defendera na súa liña editorial. Referencia de igual maneira á desaparecida sección cultural da edición galega de El País, con que compartía iluminador título.

Presentouse na Coruña o número 0 que definiron como un exemplar inicial particular que non queren considerar definitorio. Sen embargo, apunta maneiras. Tratarase dunha revista mensual, con xornalismo de calidade e demorado, non para facer e ler ás presas, sen os límites que fragmentan e reducen os textos. Se unha reportaxe ou unha entrevista merece oito páxinas, pois terá oito páxinas afirmaron os promotores. “Trátase dun primeiro paso dun proxecto a construír entre todos, xornalistas, libreiros, inversores e sobre todo lectores” comentou X.M. Pereiro para quen Luzes responde á “perda de autoestima e confianza do xornalismo” e buscará convencer a quen quere “que lle conten cousas distintas”.

“Trátase dun primeiro paso dun proxecto a construír entre todos, xornalistas, libreiros, inversores e sobre todo lectores” comentou X.M. Pereiro

“Non estamos pretendendo encher ningún grande baleiro. Queremos intervir no proceso fronte á fatalidade, ao pesimismo aportando os nosos depósitos de esperanza” dixo o autor de A corpo aberto, o seu libro de xornalismo “indie” que ten na edición en español unha capa ilustrada cunha foto de Manuel Vilariño da mesma serie que a portada do número 0 de Luzes. Nos dous casos, unha muller co torso núo mirando á fronte de maneira decidida e porta sobre a súa cabeza material de traballo, na maneira tradicional de trasladar pesos. Para o escritor, o xornalismo non está en crise e diso dará conta Luzes, unha aposta por “combater a suspensión das conciencias”, explicado en vocabulario propio de Rivas.

Se Rivas e Pereiro se presentan como directores da nova publicación, o coordinador é o xornalista Iago Martínez, director tamén do programa radiofónico cultural Disimulen. Martínez falou do número 0 como “prototipo” co que se está a testar case todo, desde os materiais á organización dos contidos. Será unha revista de información xeral cunha importante sección de cultura que responde ao título de “República”.

 Iago Martínez falou do número 0 como “prototipo” co que se está a testar case todo, desde os materiais á organización dos contidos.

Contan que as subscricións, as vendas, o apoio publicitario e a colaboración dalgunhas empresas abonden para que a conta de resultados permita longa vida a Luzes. O que si quixeron deixar claro é que a eles tres, o proxecto lles “presta”, teñen “alegría” de botalo a andar e, cos tempos que corren, iso é, ao seu ver, un valor en alza.

Luzes nace cun consello de redacción no que se atopan, entre outros, Tati Mancebo, Manuel M. Barreiro, María Yáñez, Juan Janeiro, Antón Lado ou Julio Gómez e un consello editorial con Antón Patiño -tamén “descendente” de Loia-, Xoán Antón Pérez-Lema, Fermín Bouza, Lino Braxe, Xabier Seoane, Jonathan Dunne, Martine Siber, Ramón Chao, Débora Campos ou Suso Iglesias.

Fonte: Sermos Galiza

Homenaxe a Chavela Vargas un ano despois da súa morte

Un ano despois da súa morte, Chavela Vargas foi recordada en Cidade de México por músicos e amigos procedentes de México, España e Arxentina, que a quixeron homenaxear como a ela máis lle gustaba, con tequila e cancións da artista.

O concerto, titulado «Chavela Vargas por sempre», comezou coa voz da artista recitando uns versos do poeta Federico García Lorca que aparecían no seu último disco «Lúa Grande».

As guitarras do dúo Os Macorinos e a española Inma Serrano foron os mestres de cerimonias nun acto ao que acudiron numerosos artistas entre os que se atopaban o cantautor Tontxu, o mexicano Edgar Oceransky e a arxentina A Negra Chagra.

Chavela Vargas estivo presente en todo momento, sobre o escenario colocouse a cadeira tradicional mexicana, que estivo baleira durante toda a velada, e unha botella de tequila branca sobre unha mesa, bebida favorita de Chavela nos seus mellores anos. Esa alegoría foi explicada polo cantante Fernando do Castelo «O Chinés» antes de interpretar Desde o abismo, «alí sentábase ela sempre. Os últimos anos de Chavela foron máis espirituais, a vida foille dando esa introspección, de recollemento, que lle axudou a sentir as cancións doutro xeito».

A actuación estivo seguida desde a primeira fila pola mexicana María Cortina, gran amiga e biógrafa de Chavela Vargas. Cortina foi tamén a directora musical do concerto-homenaxe, organizado polo departamento de cultura da Embaixada de España en México

Antes de abrir o espectáculo ás improvisacións, as copas de tequila e os «saúde Chavela, que viva Chavela, arriba Chavela», cantáronse outros temas da falecida como Non son de aquí nin son de alá ou Onde te  vas pomba.

Fonte: La Voz de Galicia

A divulgación e ilustración da natureza, da man de Calros Silvar

Mércores 7, ás 18:00 horas, Calros Silvar falará de O carballo, na colección “A aventura de vivir”, á vez que nos guiará na ilustración naturalista, que poñeremos en práctica.

Sabedes diferenciar os tipos de carballo polas follas? Sabedes a cantas especies dan acubillo os carballos? Cales pensas que son os perigos que ten que afrontar un carballo para chegar a vello? Cal é o peor?

Sabías que as formigas son gandeiras e crían pulgóns nas cortizas das árbores?

Estas e outras moitas cousas poderás aprender con Carlos. ACOMPÁÑANOS!

A importancia da tradición oral nos hábitos lectores (Feira do Libro da Coruña)

Dúas obras distintas e dous enfoques distintos de presentación, pero coincidencia total na importancia da tradición oral nos hábitos lectores, na Feira do Libro da Coruña.
Na presentación de Fadita Fosca!, Miguel Vázquez Freire subliñou a importancia de compartir experiencias entre avós e netos, narrado na obra a través da teima por “cazar” unha mosca.Unha hora máis tarde, na presentación de A neve e o lume, de novo saiu a debate, promovido por Chelo Suárez e Marica Campo, a importancia da narración da tradición oral no seo familiar para crear hábitos lectores.
Reproduzo este estracto de artido de Cristina Novoa (publicado na Revista Grial) sobre a importancia de recuperar a tradición oral  e a  a través das bibliotecas escolares, a súa especialidade:
“O ámbito educativo é un espazo privilexiado para a divulgación entre os falantes máis novos da tradición oral, moi esquecida xa nas familias. Máis aínda, a incorporación de textos orais desde os primeiros anos de infantil (aos que o profesorado accede grazas ás publicacións realizadas nas últimas décadas), permite un tratamento de contidos lingüísticos enleado na propia cultura, alimentado por ela, e realiza un camiño de volta ás familias a través dos pequenos que levan canda eles os poemiñas, recitados, cancións e contos que estaban xa esquecidos. E nesa tradición oral comeza o trato coa palabra literaria, coa narración, coa poesía. Todos os docentes atentos á adquisición das habilidades lectoras do seu alumnado coñecen a estreita relación existente entre a tendencia familiará narración de contos, ao xogo de palabras, á canción, e unha maior facilidade para a adquisición da lectura e dos mecanismos básicos da cultura escrita.”

Cristina Novoa Fernández, “Educación, Lectura e compromiso.Biblioteca escolar, espazo para a utopía” revista Grial n.º 173, Abril 2007, Editorial Galaxia, Santiago de Compostela

Un fondo económico avalará á industria cultural catalá

Disporía nos próximos anos de ata 20 millóns de euros.

Un fondo de garantía que disporía nos próximos anos de ata 20 millóns de euros, impulsado desde a Generalitat, servirá de aval á industria cultural catalá para financiar os seus proxectos, explicou o conseller de Cultura, Ferran Mascarell.

Este fondo de garantía, ao que este ano se achegarán 2,5 millóns de euros, e que nos próximos anos podería acumular entre 10 e 20 millóns, é «unha das novas fórmulas que a Generalitat expón para os próximos anos, que servirá para garantir o despregamento de iniciativas culturais».

«Ter unha garantía de 20 millóns pode xerar aproximadamente uns 200 millóns de actividade» no ámbito da cultura, ha exemplificado o conseller.

Ferran Mascarell recorda que «o sistema cultural catalán e o conxunto das políticas públicas en España estiveron orientadas desde hai anos só cara á subvención e ese modelo, debido á crise, acabouse», aínda que, engade Mascarell, «nos próximos anos manteranse as subvencións, por máis que o sector cultural non é dos máis subvencionados».

Ademais do fondo de garantía e das subvencións, o sistema cultural disporá, engade Mascarell, dos denominados «fondos reintegrables», que se retornan en parte cos recursos recadados polos beneficiarios dos mesmos; e de «fondos de capital risco que servirán para despregar iniciativas culturais».

Fonte: La Voz de Galicia

O carballo, símbolo de vitalilade e forza!

Nas culturas tradicionais, os carballos eran algo máis cunha árbore, simbolizaban a vitalidade e forza (de ahí ser forte como un carballo) e a eles se atribuían poderes máxicos.

A palabra latina Quercus, deriva das celtas Kaer, que significa “fermoso” e Quez, “árbore”. Para os celtas, o caballo era Kaerquez,  “Árbore fermosa” e considerábase unha árbore sagrada e as carballeiras tiñan un significado especial: nelas celebrábanse os ritos relixiosos. Estes bosques sagrados chamábanse Lubre, palabra celta que se conserva intacta na toponimia galega e tamén na francesa: Louvre.

Foi tal a veneración dos galos a algúns carballos que se consideraban tótems (protector e representante) do Clan.

Desas e doutras moitas cousas fálase en O carballo, de Carlos Silvar

Hoxe, na Feira do Libro da Coruña, Miguel Vázquez Freire e Chelo Suárez presentarán os seus libros

Martes 6 de agosto, ás 18:00 e 19:00 horas Miguel Vázquez Freire presentara o último libro da colección infantil  “Mar de letras”, Fadita Fosca!, o último dunha triloxía que se inicira con María é maior hai uns anos. Estará acompañado por Xosé Tomás, ilustrador da obra e Belén López Vázquez.

A continuación, Chelo Suárez presentará A neve e o lume, nunha homenaxe personal á poeta arxentina Alejandra Pizarnik, da que toma os versos de Erzébet Báthory, a condesa sanguenta, como epígrafe de cada capítulo. Marica Campo ofreceranos o achegamento crítico á obra.

E mañá, tamén ás 18:00, Carlos Silvar falaranos de O carballo, e os retos que se lle presntan para poder sobrevivir, á vez que nos explica como debuxalo.

ESTADES TOD@S CONVIDAD@S

Visualiza gratis un capítulo de A neve e o lume antes de decidires se queres coñecer a autora

Visualiza gratis un capítulo de A neve e o lume antes de decidires se queres pasar a coñecer a autora, Chelo Suárez Muíños, á Feira do Libro da Coruña, (martes 6, 19:00horas)

http://www.baiaedicions.gal/galego/a-neve-e-o-lume.html?SID=un755iinp8jcdqojftnnv818m2

Comentario:

Vén Chelo Suárez guiada por Alejandra Pizarnik cuxos versos son a epígrafe de cada capítulo, con ecos do mundo de Erzébet (Elisabeth ou Elizabeth) Báthory, a condesa sanguenta, aquela que fixera do sadismo máis brutal o seu emblema até se converter en paradigma da crueldade sen límites ao servizo do pracer sexual. Mais aquí non hai outra tortura que o alento axeado do misterio, o rostro da morte cando esta é violada, os poderes do Maligno desencadeados como a tormenta perfecta. O perigo axexa, docísimo, tras a porta. Traspasala é chegar ao mundo dos mortos viventes, aboiar para sempre entre o ser e o non ser.

Vén, sen pudores nin eufemismos, porén delicada, cunha historia imposíbel, mais verdadeira por coherente, co seu sentido alén da realidade.

Porque, a que tes nas mans, lector ou lectora afortunado na túa escolla, é unha novela gótica que, se gustas deste xénero, non te ha decepcionar.

[Do Prólogo de Marica Campo]

Hoxe presentamos a Henri, o mosquito, defendendo á cantante Miss Turata

Moscas e mosquitos adoitan aparecer á vez, coa chegada da calor, mais non todos son tan excepcionais como Henri, o mosquito da imaxe, a quen vemos na imaxe defendendo á cantante Miss Turata das avespas macarras. É de recibo recoñecer que Miss Turata é unha libélula tamén excepcional.

Tal é a excepcionalidade de Henri, que o seu creador, Raúl Dans, recibiu o  X Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil.

Parabéns a Raúl Dans, a Henri e a Jacobo Serrano, polos fabulosos retratos das aventuras e desventuras de Henri.

Sabías que:

Moscas, mosquitos e tábanos pertencen todos á unha única orde, a DIPTERA, que en xeral son magníficos voadores. No mundo hai catalogadas 100.000 especies distintas, 15.000 delas están en Europa

Fonte: Insectos de Galicia, Jose Manuel Parada, Xosé lois Rei muñiz e Carlos rey Rañó (Bahía Edicións, 1997)

Martes 6 agosto, 19:horas presentación da novela gótica A neve e o lume

Ás 19:00: A neve e o lume

A escritora coruñesa Chelo Suárez e a tamén escritora e prologuista da obra, Marica Campo, farán unha introdución a esta singular novela dirixida ao público xuvenil e ilustrada moi certeiramente por Calros Silvar,

Comentario:

Vén Chelo Suárez guiada por Alejandra Pizarnik cuxos versos son a epígrafe de cada capítulo, con ecos do mundo de Erzébet (Elisabeth ou Elizabeth) Báthory, a condesa sanguenta, aquela que fixera do sadismo máis brutal o seu emblema até se converter en paradigma da crueldade sen límites ao servizo do pracer sexual. Mais aquí non hai outra tortura que o alento axeado do misterio, o rostro da morte cando esta é violada, os poderes do Maligno desencadeados como a tormenta perfecta. O perigo axexa, docísimo, tras a porta. Traspasala é chegar ao mundo dos mortos viventes, aboiar para sempre entre o ser e o non ser.

Vén, sen pudores nin eufemismos, porén delicada, cunha historia imposíbel, mais verdadeira por coherente, co seu sentido alén da realidade.

[Do Prólogo de Marica Campo]