Artigos

Galicia agrupará na mesma aula a nenos de 6 a 12 anos para aforrar

Galicia retorna ao modelo educativo das escolas rurais: un mestre para todos. E para todo. A partir do próximo curso, os docentes impartirán, en Primaria, clase a 20 alumnos de entre 6 e 12 anos. Desde os que empezan a ler ata os que se preparan para a ESO. Mentres vixía de esguello as manualidades dos máis pequenos, o profesor deberá elevar o ton para captar a atención dos maiores á súa exposición sobre a materia de Coñecemento do Medio, ou a de Matemáticas, que deberá explicar en distintos niveis de complexidade, segundo idades. A Consellería de Educación decidiu –incumprindo o acordo que o mesmo conselleiro asinou cos sindicatos en 2009– recortar por aquí.

A coordinadora de CC OO en Ourense, Ana Barrios, alertou este mércores de que o Goberno de Feijóo intenta “cargarse os servizos públicos e dar prioridade aos privados”. O sindicato decatouse pola publicación dun anuncio da Consellería no DOG sobre supresión de prazas. Na provincia de Ourense desaparecerán 67 aulas de preto de 60 centros. Con elas suprímense 83 profesores funcionarios e preto de 20 interinos. Isto é, un centenar de empregos. O portavoz de Educación de CC OO en Ourense, Álex Portela, alerta do “golpe de morte” que o Gabinete de Jesús Vázquez inflinxiu con este acordo “unilateral” á educación no medio rural, onde cando se matriculan dous alumnos “é unha auténtica festa”.

O “grave atentado” á educación pública será máis notorio nas provincias do interior, Ourense e Lugo. As cifras de cursos que se reagruparán nesta última son similares ás de Ourense, segundo CC OO. A menor dispersión xeográfica da Coruña e Pontevedra pon a salvo a estas dúas. Nas vilas pequenas “é difícil chegar ao cociente de 25 con alumnos da mesma idade ou grupo” polo que “agruparase a alumnado de diferentes idades, grupos e niveis”, explica o representante de CC OO. Só en Ourense, 20 Concellos están tocados de morte cun único profesor para Infantil e un só para Primaria. Outros 24 centros quedarán cun só mestre para os tres cursos de Infantil e dous mestres para os seis de Primaria. Na capital, e fronte ao recente concerto de centros privados, perden unidades cinco centros de Infantil e Primaria. E, xunto a eles, os do Barco, Bande, Rairíz de Veiga, Amoeiro e A Rúa pechan tamén aulas.

Un “retroceso de 40 anos”, en palabras do portavoz de CC OO e un obxectivo claro do Goberno de Feijóo que, apenas recuperada a Xunta, decidiu estender o modelo do reagrupamiento de unidades. En 2009, unha mestra víase a diario con seis alumnos de tres cursos diferentes e dous ciclos educativos distintos. En Galicia había entón 429 escolas con algunha unidade reagrupada. Para estrearse no seu mandato, o conselleiro Jesús Vázquez decidiu estender o modelo que habería de afectar a entre 4.500 e 5.000 nenos.

Cando, en maio dese mesmo ano, Vázquez ordenou agrupar nunha mesma clase ata 20 alumnos de distintos cursos, os sindicatos saltaron. A Xunta resolveu o conflito asinando un acordo con eles que agora incumpre.

Fonte: El País

Foto: Escola con alumnos de distintas edades en Teo. / OSCAR CORRAL