Entradas

Plenario extraordinario da RAG centrado en Celso Emilio Ferreiro

A xornada deu comezo ás 11:30 horas cunha recepción na Casa do Concello. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Asistiron tamén o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño, os deputados Ana Belén Vázquez, Manuel Vázquez, Santiago Rodríguez-Miranda e Francisco Cerviño, académico correspondente desta corporación, entre outras autoridades, membros da Academia, e figuras da cultura.

Tras a recepción, autoridades, académicos e público asistente, trasladáronse en cortexo cívico ata a casa natal do poeta, no número 25 da rúa Curros Enríquez. En primeiro lugar, tomou a palabra Antonio Mouriño, alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, que agradeceu, “no nome do pobo de Celanova”, a colaboración da Xunta de Galicia e da Real Academia Galega no desenvolvemento do ano Celso Emilio Ferreiro. Mouriño lembrou algúns dos proxectos levados a cabo na vila, como ‘Cen anos, cen comercios, cen poemas’, ‘Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio’ ou o debuxo, plasmado na Praza Maior, á semellanza daquel que Picasso deseñara para ilustrar o libro de poemas Longa noite de pedra, que favoreceron a visita de preto de 2.000 alumnos ao longo deste curso.

A continuación interviu Luís Ferreiro Loredo, fillo do homenaxeado e presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro, que subliñou “a voz rexia, contestataria e de protesta” da poesía de seu pai e, ao mesmo tempo, a súa vixencia hoxe en día, “que se expresa en músicas novas coma o rap e o punk”. Rematou a súa intervención cuns versos do poeta.

A seguir, o presidente da Academia recoñeceu a Celso Emilio como “meu amigo, meu mestre, meu camarada” e considerouno “un poeta xemelgo, ou paralelo, de Curros Enríquez”, por teren sido ambos os dous poetas críticos en tempos escuros e de “talento literario fastuoso”. Finalizou clasificando o homenaxeado coma “un grande poeta e un grande home” que “está perfectamente vivo entre nós”.

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmou a continuidade da cultura galega a través da historia e a importancia da vila de Celanova como berce de poetas senlleiros. Salientou o papel do poeta para a comunidade e afirmu “Celso Emilio non calou, por iso nin a alegría, nin a luz, nin a esperanza se apagaron”, por iso “hai cen anos que naceu a súa palabra e non esmorece”.

Para rematar o acto, a banda de música de Celanova, interpretou o himno galego.

O cortexo cívico trasladouse ao Auditorio Municipal Ilduara, onde tivo lugar a sesión plenaria extraordinaria da Academia. Abriu a sesión o presidente, agradecendo ao Concello e á Fundación Curros Enríquez a súa xenerosa colaboración e ás autoridades, á familia do homenaxeado e ao público a súa presenza. A continuación, o secretario, Xosé Luís Axeitos, deu lectura á certificación do acordo, que se tomou en sesión ordinaria do Pleno o 30 de marzo de 2012, para a celebración deste plenario extraordinario. En primeiro lugar, interviu a académica de número Margarita Ledo Andión cunha alocución que titulou, “Celso: editor clandestino”, na que fixo memoria do labor do homenaxeado como propagandista político. Destacou “a importancia da forma na configuración do nacionalismo” e “a construción do noso imaxinario nacional a partir da espiral”. Lembrou que, nos últimos anos da década de 1960, se “desenvolveu unha pegada nunca subsumida na retórica esencialista”. Rematou o seu discurso reivindicando a vixencia das palabras de Celso Emilio: “a miña terra é íntima e tenra, pero a xuventude fuxe dela á procura de pan”.

En segundo lugar, o académico Darío Xohán Cabana Yanes destacou a influencia de Celso Emilio e Curros Enríquez na súa formación como poeta: “foron os dous de Celanova, os virxilios que guiaron os meus primeiros pasos na literatura”. Sinalou tamén a dificultade que, para as xeracións máis novas, supón comprender o impacto de Longa noite de pedra tivo naquela altura, pois “chegou a vender quince ou vinte mil exemplares en tempos sen galego no ensino”. Para Darío Xohán Cabana, “Celso Emilio era o novo Curros, era o símbolo da loita antifranquista. Era o gran poeta que todos queriamos imitar”.

A continuación, o académico e vicesecretario, Francisco Fernández Rei, expuxo unha alocución sobre a lingua de Celso Emilio, especialmente, a lingua de Celanova na súa obra. Segundo explicou o académico, os textos do homenaxeado manifestan solucións aurienses, isto é, propias da súa zona, como o uso da forma il, para o pronome persoal, e outras alleas, como a forma ista, para o demostrativo, procedente do galego literario e creada con vontade diferencialista. Sinalou, neste sentido, un abundante uso de hipergaleguismos, como as formas asembrea e outo, no canto de asemblea e alto, na tradición diferencialista oteriana; a introdución dalgúns lusismos adaptados ao galego, como a palabra búsola; e a formación de palabras novas, como afermosar ou televexo, un termo que o Tesouro Informatizado da Lingua Galega rexistrou, por vez primeira, na obra de Celso Emilio.

Por último, o académico Salvador García-Bodaño Zunzunegui, interviu cun discurso arredor da complexidade vital e da obra do homenaxeado. Recoñeceu en Celso Emilio “o poeta de maior difusión social”, despois do Rexurdimento. “En cidades e vilas daquel tempo, homes e mulleres comprometidos, repetían lecturas ou as entonaban cos representantes da Nova Canción Galega”. García-Bodaño coincidiu co profesor e académico Alonso Montero en que “n’O soño sulgado se asenta a soeira da mellor poesía vindeira de Celso Emilio”. Por último, leu un poema elexíaco da súa autoría dedicado ao poeta de Celanova co título “Palabras para o seu retorno posible”.

Antes de pechar a sesión, o presidente da Academia defendeu que o poeta celanovés “debe ser comprendido como unha totalidade” e considerouno coma un poeta “globalmente dominado pola sensación da perda: a perda patria primitiva, que el chama Celanova, que é a perda da infancia”. Reivindicou, asemade, a potencia da obra e da figura de Celso Emilio, “suxeito histórico que actúa sobre a literatura galega, condicionándoa, pois impón unha maneira de entender a literatura social”. Neste sentido conclúe: “a literatura galega, grazas a Celso Emilio Ferreiro, ten unha historia distinta da literatura española. É autónoma”. Finalmente, celebrou a vitalidade de Celso Emilio Ferreiro e afirmou que “as súas palabras non se perderán nunca en Galicia”.

O presidente pechou a sesión plenaria e, como colofón, tivo lugar unha actuación do recoñecido cantautor Amancio Prada, que interpretou poemas musicados do poeta celanovés.

Fonte: Real Academia Galega

Foto: Imaxe do pleno [ Fotografías de Xoán Crespo / Xunta de Galicia ]