Entradas

O emprego nas industrias culturais continúa a súa sangría

O emprego na industria cultural en Galicia caeu un 11,6% o pasado ano 2012, segundo os datos dun informe divulgado hoxe e elaborado polo Observatorio da Cultura Galega.

“A perda de 2.800 empregos culturais en 2012 arroxa o peor dato sobre ocupación dos últimos nove anos, cunha retracción próxima a niveis de 2004”, sinala o Consello da Cultura Galega nun comunicado.

No sector cultural galego, o número de persoas que traballaron en 2012 ascende a 21.400, cunha cota de representación respecto ao total de emprego en Galicia do 2,1%.

Esta redución, apunta o informe, tamén se proxecta no conxunto do Estado, aínda que a media de perda de emprego se sitúa 5 puntos porcentuais por baixo da galega, cun 6%.

Tan só a Comunidade de Madrid, a que maior emprego cultural xera en España, e as comunidades de Murcia, Asturias e Canarias , as peor situadas, viron incrementado en 2012 o número de empregados neste ámbito. Galicia sitúase na sexta posición estatal en número de traballadores culturais.

Tamén é negativa a tendencia no número de afiliacións á Seguridade Social, e aínda que todos os réximes caeron ata un total de 793 afiliados, os máis afectados proporcionalmente foron os do réxime xeral, con 721 menos, fronte a 72 de autónomo.

Por ramas, os servizos de información e as actividades de bibliotecas, arquivos e museos son as únicas cun aumento de afiliacións de réxime xeral neste último ano.

Os autónomos mantéñense tamén nos servizos de información e nas actividades de programación e emisión de radio e televisión. Artes gráficas e edición seguen sendo as ramas que contan con maior número de afiliados, segundo os datos do informe do Observatorio da Cultura Galega.

Fonte: Galiciaé

Foto