Entradas

O ensino público perdeu en Galicia máis de 1.000 docentes en dous anos

Os datos adoitan ser un dos mellores antídotos contra as as consignas ou os eslogans, especialmente en campos sensibles da permeable fronteira que separa a política e os servizos públicos. Ao longo da lexislatura autonómica que remata non foron poucas as ocasións nas que o Goberno galego e, nomeadamente, a Consellería de Educación, polemizou con representantes da comunidade educativa -asociacións de pais e nais, sindicatos, organizacións estudantís- para rebater as acusacións en torno aos recortes de profesorado. Mentres dende a Xunta falaba de racionalización ou axustes nas aulas dos centros públicos alertábase de que se estaba a practicar unha tesoirada. Existiu unha tesoirada? Os datos oficiais din que si, de máis de 1.000 profesores e profesoras en apenas dous anos.

Segundo as cifras oficiais do Instituto Galego de Estatística a finais do pasado setembro exercían en Galicia un total de 36.656 docentes, dos que 28.917 profesores e profesoras pertencen ao ensino público e os 7.739 restantes, ao privado. Estas cifras contrastan coas rexistradas dous anos antes polo IGE. En 2010 os centros públicos do país contaban cun cadro de profesorado formado por 30.026 persoas, isto é, 1.109 docentes, o que supón unha redución do 3,8%. Tamén perdeu persoal a escola privada, aínda que nunha magnitude moi inferior, non só en números absolutos, con 54 docentes menos, senón tamén en termos porcentuais, quedando o recorte en apenas o 0,6%.Só fican 21 docentes dos máis de 1.000 sumados durante o mandato do bipartito.

Esta baixada no cadro de mestres e mestras, que os sindicatos educativos explican con factores como a non cobertura de xubilacións, a ausencia de convocatorias de novas prazas ou a supresión de interinidades, permite tamén realizar unha lectura adicional acudindo un chisco máis atrás nas estatísticas do IGE. Ao realizar esta operación é posible concluír que o ensino público de Galicia perdeu xa practicamente todos os docentes que sumara durante o mandato do Goberno bipartito. Cando PSdeG e BNG asumiron o Executivo nas escolas públicas do país impartían clase 28.899 persoas. No último ano completo que gobernaron, o 2008, había 1.130 máis, chegando aos 30.029. En en 2009 a cifra caeu ata os 29.977 e en 2010 repuntou levemente, ata situarse en 30.026, iniciando despois a devandita caída ata a actualidade. Así as cousas, do profesorado sumado neses anos apenas fican 21 docentes.

Outro dato a ter en conta son as variacións experimentadas polo ensino privado nestes mesmos anos. Mentres as oscilacións na escola pública foron notables, na privada produciuse un crecemento sostido no seu cadro docente entre 2005 e 2011, pasando de 7.356 a 7.818. A primeira caída chegou neste 2012, cando os colexios privados contan cos mencionados 7.739 mestres e mestras.

Fonte: Praza

Foto: O conselleiro de educación nun colexio. Xunta de Galicia.

Ensino en galego en toda Galiza, por tan só 10 euros ao mes…

A Cooperativa Avoescola e Galiza co Galego –asociacións sen ánimo de lucro– seguen a avanzar construíndo os alicerces dun proxecto independente para unha educación galega en mans da cidadanía.

O pasado mes de xullo asinaron coa asociación pedagóxica Nova Escola Galega un convenio de colaboración; e deica finais de ano participan en obradoiros gratuítos sobre cooperativismo e xestión directiva impartidos pola Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA), sendo o lugar para anotarse en Cooperativa de Ensino Popular.

En setembro, Galiza co Galego reunirase coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, para realizar novos acordos e achegar máis recursos de calidade ao ensino galego. Así mesmo elaborará o plan de empresa para “Avoaescola” que lle permitirá dar escola en calquera lugar de Galiza.

Avoaescola – Galiza co Galego prevé entrevistarse cos responsábeis do programa educativo de preescolar na casa, para pórse á disposición da súa fundación, das familias e educadores/as coa finalidade de buscar solucións que permitan o mantemento deste imprescindíbel labor educativo.

Asociarse a Galiza co Galego -Avoescola supón contribuír a garantir escolas en galego, laicas, inclusivas, de calidade, pluralistas e democráticas, por 10 euros ao mes durante o primeiro ano, e unha cota anual de 10 euros a partir do segundo.

As persoas socias poden participar en todas as actividades, e mesmo teñen a posibilidade de ser socio/a traballador/a na cooperativa de ensino “Avoaescola”.

Galiza co Galego

Fonte: Galicia Confidencial