Artigos

A RAG escolle entre a poesía de Pato e a narrativa de Casalderrey

Recén superada a crise das contas, a Real Academia Galega celebra mañá un plenario para decidir a entrada dunha nova muller como académica. As dúas candidatas que ten o plenario para debater durante a sesión de mañá son Fina Casalderrey e Chus Pato. Dúas autoras cun perfil radicalmente distinto, aínda que non contrario.

Unha destas dúas autoras ocupará a vacante deixada na RAG polo pasamento de Xaime Isla Couto e ampliará a criticada, por escasa, cota de autoras no plenario da institución.

Tanto Chus Pato como Fina Casalderrey coincidiron en sinalar que vivían o proceso con distancia. Para a primeira o que decida a academia «ben decidido estará», mentres que a segunda apuntou que xa é un «recoñecemento que alguén pense en ti para estar aí». As dúas comentan que non é momento para falar sobre posibilidades e si para deixar que a Academia decida.

As traxectorias como autoras de ambas as dúas son ben distintas. A de Chus Pato está centrada na poesía, con títulos como Charenton, Urania, A ponte das poldras ou m-Talá, recibidos como un tipo de poesía transgresora e pouco dada a utilizar as convencións do xénero. Pato comezou a publicar nos anos oitenta, aínda que a súa escrita estea moi distanciada dos seus coetáneos. Gañou o premio Losada Diéguez en dúas ocasións.

No caso de Fina Casalderrey, a súa literatura está case completamente orientada ao infantil e xuvenil e, de saír escollida, sería a primera académica cunha traxectoria desenvolvida de maneira case completa nese xénero. Cando non escribe para cativos, é gastronomía o que ocupa as súas páxinas. Máis de cincuenta títulos marcan a súa bibliografía, unha grande parte deles traducidos a outras linguas e a converten nunha das autoras máis destacada da Península. En 1996 foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo libro O misterio dos fillos da lúa, libro que fora xa premio Barco de Vapor.

Fonte: La Voz de Galicia

ÚLTIMO CAPÍTULO – INFERNO E ORQUESTRA

…. E VOLTA  A EMPEZAR

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

CAPÍTULO VIII – INFERNO E ORQUESTRA

Ao cabo, que queda? Conformarse co diñeiro, tentar medrar nun novo posto ou buscar as respostas ou, por que non, a vinganza debida? Xa non hai ánimos para novas festas de San Xacobe e si unha profunda mágoa. Pode que o único consolo sexa chorar e rezar polos desaparecidos, xunta toda a comunidade, nese mesmo templo que un ano e un día antes foi o escenario do maior pesadelo imaxinado aínda que, está de verdade rematado?

Lectoras e lectores, estamos no penúltimo episodio deste inferno e orquestra pero, a piques do final? Compróbeno vostedes neste capítulo VIII.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

BAÍA EDICIÓNS deséxavos unha boa entrada de ano! FELIZ 2013!


CAPÍTULO V – INFERNO E ORQUESTRA

O pesadelo intensifícase cando comprobas que quen máis queres nunca estivo a salvo, e só a esperanza de poder salvar á túa pequena evítache acabar con todo. Na casa, as cousas non van mellor, pois salvarse do perigo maior pode abrir a caixa de Pandora dos instintos máis perigosos. Tan só quen xa non camiña no mesmo lado da vida vese libre desas angustias, pero, pola contra, segue presa doutras ansias máis primarias. A fame é un pozo sen fondo que obriga a buscar e buscar, sen conciencia de riscos ou mesmo dunha mera orientación en contornos até hai pouco ben coñecidos.

Velaquí o capítulo V de Inferno e orquestra.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

Cristina Pavón preséntanos ‘A fin das especies’

Dos descubrimentos feitos pola humanidade dende que a ciencia naceu, poucos –para min ningún- se poden comparar ao descubrimento da evolución biolóxica, pola súa potencia explicativa do que nos rodea e, por riba de todo, de nós mesmos.

Mesmo sen coñecer os mecanismos básicos da herdanza, Darwin enxergou as liñas xerais do proceso evolutivo grazas a súa observación apaixonada do mundo natural. Instinto de cazador o seu –confésase nas súas memorias moi amante da caza- sublimado e aplicado ao estudo dos seres vivos de calquera condición. Iso, amais da súa intelixencia xenerosa, a súa laboriosa disciplina e o seu talante humilde –condición máis rechamante quizais nunha época na que o home europeo fachendeaba orgulloso de ser o cumio da creación- foron calidades que lle permitiron un achado de tal magnitude que aínda moita xente non o da asimilado, logo de máis de século e medio da publicación d’A orixe das Especies. Pero incontestablemente colocou á especie humana no seu chanzo animal correspondente.

É moi de agradecer logo saber onde estamos, que lugar ocupamos no universo, como foi que chegamos ata aquí, malia que ese coñecemento nos arrebate calquera pretensión de ser necesarios que poidamos ter. Somos un produto do azar e a nosa presencia sobre este planeta é dunha continxencia tan esmagante … que hai que buscar o xeito de levantar cabeza. Haille que buscar un sentido á vida. E ese sentido estará inextricablemente mesturado coas relacións cos outros. E nas relacións cos outros hai ese tipo de relación privilexiada, ofuscadora e iluminadora por veces, que demos en chamar amor. Esa combinación de paixón intelectual, comprensión hormonal, acoplamento afectivo, sentimento oceánico e intereses partillados.

De aí, e dos moitísimos anos que levo co meu amor, con quen pasei por tantas épocas que as veces seméllanme eras xeolóxicas, nas que os continentes achéganse e afástanse levando con eles enriba a bichería toda como nunha táboa de surf, buscando o que buscan todas as especies, cada unha ao seu xeito, ser feliz, de aí naceu este relato.

Se queres ler o texto clica aquí  A fin das especies

 Texto: Cristina Pavón

Soñar en branco e negro

Ás veces perdo a ollada nalgún punto, non sei canto tempo podo pasar así, só sei que é coma facer unha viaxe no tempo. Volvo atrás, a un punto concreto coma lugar de partida para espallar as lembranzas e entón, bótome a escribir coma unha tola. Escribín Soñar en branco e negro esparexendo e volvendo a xuntar  na memoria anacos doutros momentos, que non por pasados foron máis fermosos, pero si tinguidos cunha capa de pintura que só deixou ao descuberto os momentos felices. Será por iso que pensamos que calquera tempo pasado foi mellor. Soñar en branco e negro é unha especie de homenaxe persoal a esas pequenas cousas que gardamos sen que teñan outra finalidade que traernos de novo a visión, o recendo e o recordo de vivencias que foron especiais no seu momento. De sobra sei que o que xa sucedeu nunca volve, nin as persoas somos como antes, que evolucionamos e que de seguro non volveríamos cometer os mesmos erros que antano, pero de todos xeitos sentei na cama para mergullarme, nunha morriña tépeda con olor a naftalina. Desempoei fotos, cualificacións, abrigos, entradas do cine, pequenas pedras… na miña derradeira mudanza. Foi como facer balance, negándome a que o seguinte paso sería o meu presente, aferrándome a aquelas reliquias con toda a forza que tiña ao meu alcance. Ate que todo rematou e deixei atrás a casa onde chegara a ser tan feliz e con ela desprendinme de obxectos que recendían nostalxia. Foi terrible, pero pasou e non morrín. Daquel momento tan duro naceu Soñar en branco e negro, que acadou o 1º Premio Vila de Mugardos a finais do 2010 e que foi un punto de inflexión na miña vida. Entrei na miña nova casa en xaneiro do 2011. Aquí sigo e de novo soño a toda cor.

Se queres ler o texto clica aquí Soñar en branco e negro

Texto: Clara do Roxo

Espazo, esa palabra.

Espazo, esa palabra.

Ben tratando distancias siderais ou ben como cuestión básica para a ordenación dos obxectos, representa en xeral a oportunidade para facer cousas, pois son os sitios os que acaban por determinar a nosa acción. Sitios medibles en metros, áreas ou, nese misterio virtual, nos bytes, kilobytes das Novas Tecnoloxías, inaprensibles pero de capacidades inimaxinables.

As mulleres recoñecemos coma ninguén o verdadeiro valor do espazo, e as autoras de maneira especial: É significativo que o ensaio por antonomasia sobre a escrita de mulleres sexa precisamente “un cuarto de seu”, de Virginia Woolf, unha apelación á necesaria disponibilidade de sitios para a súa actividade creativa. O que seica a británica esquecía era tamén esa necesidade de contar con lugares onde ver e falar desa obra, naquela época na forma tradicional do tanxible conxunto de páxinas encadernadas. Na actualidade, esas páxinas teñen ademais a consistencia das pantallas, pero a necesidade segue intacta, ou aínda acrecentada: Temos moitas cousas que contar, e seguimos a precisar de lugares estables onde poder facelo.

E, como non, cando na mesma dimensión atopamos eses espazos e as vontades comúns, o produto resultante son as xuntanzas, verdadeiros viveiros de ideas e propostas, que, no caso da escrita, son impulsados polo motor do entusiasmo. Un entusiasmo que é vello amigo das autoras, fiel compañeiro en todo o seu proceso creativo. Unha xuntanza de escritoras vai ser, basicamente, un espazo do entusiasmo compartido, aínda que sexa nos terreos tan intanxibles do espazo virtual. A vocación común ofrecendo os mellores froitos da árbore da imaxinación e toda a reflexión que ese feito marabilloso implica.

Xuntanza de escritoras é, por tanto, ese recuncho acolledor e cheo de promesas que esta editorial pon a disposición das súas autoras na web, unha sala virtual onde a literatura é o motivo de reunión e que, como calquera estancia confortable, invita á permanencia. Aquí exporemos os nosos traballos, falaremos da escrita e intercambiaremos información sobre iso tan emocionante do negro sobre branco prolongando así a nosa paixón común aos límites case infinitos do ciberespazo. E é, tamén, a cordial invitación a quen se achegue para gozar por uns momentos dese encontro onde as historias e a palabra son os agasallos de benvida.

Texto: Conchi Regueiro

Obras breves de imaxinación

O Premio de Relatos Mulleres Progresistas foi convocado por vez primeira no ano 2006, vindo substituír o xa veterano de Novela, cun obxectivo moi claro: animar e fomentar a escrita de narrativa en galego por mulleres, e nada mellor para isto que facer esa convocatoria desde o formato do relato, verdadeiro banco de probas de todo tipo de argumentos e voces e de maior poder de convocatoria para todas aquelas que algunha vez pensaron en contar algunha historia en negro sobre branco.

O resultado final e concreto é este recompilatorio: quince pezas breves dun total de once autoras entre gañadoras, finalistas e mencións especiais do I, II, III e IV Premios, que veñen amosarnos a riqueza temática e de estilos da narrativa galega escrita por mulleres, pero, sobre todo, que veñen dar forma e corpo a un entusiasmo compartido.

Coa colaboración da Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Vigo

Máis información