Entradas

Propostas da AELG para o Día Rosalía de Castro 2015

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010 a conmemoración o 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, do Día de Rosalía de Castro, data na que esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor.

Nos últimos anos foron varias as accións promovidas desde a AELG que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade e, moi especialmente, polo sector educativo, tal e como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da  web da AELG.

Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema “Eu son Rosalía” e convidamos os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”

A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.

En calquera caso, serán moi benvidas todas aquelas propostas orixinais que se nos fagan chegar para difundir desde a web da AELG, que poidan experimentar coa combinación dos formatos audiovisual e musical.

A AELG pon a disposición da cidadanía os seus medios dixitais de comunicación e difusión nas redes sociais para recompilar todas aquelas ligazóns que aloxen os contidos das actividades de celebración desta data, para amplificar así a súa visibilidade. O enderezo electrónico ao que enviar as ligazóns é oficina@aelg.org.

Por outra banda, desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número de 33, sumándose tamén as Deputación da Coruña e Lugo. A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.

AELG está elaborando o seu manifesto anual para esta celebración, que se lerá o domingo 22 de febreiro no acto central no Panteón de Galegos Ilustres; e para o 24 de febreiro promoverá, a través da súa base asociativa, outros en diversas cidades e vilas do país, alén de propoñer unha franxa horaria e un cancelo (#) para compartir nas redes sociais as particulares homenaxes á insigne poeta galega Rosalía de Castro, voz para todo o presente porque “Todas somos Rosalía!

Fonte: Axenda Cultural AELG

48 mulleres asasinadas. HISTORIA DAS MULLERES GALEGAS

Luns, 28 de abril, Pepe Carreiro presenta, acompañado de Encarna Otero,  HISTORIA DAS MULLERES GALEGAS. Será na Feira do Libro de Santiago, ás 20:00.

Deixo aquí o colofón do libro:

“En 2013 corenta e oito mulleres foron asasinadas polas súas “parellas sentimentais” no reino de España. O terrorismo, en troca, deixou de ser unha preocupación para a sociedade: A violencia contra as amulleres preocupa un 0,3  por cento.

Preocua máis a inseguridade cidadá, un 2,3; os políticos, un 3,7; os nacionalismos, un 1,7; os bancos, un 2,1; a monarquía un 0,6; as excarcelacións, un 0,5; o desemprego, un 78,5…

E loxicamente, preocupa moito máis a crise de valores, un 2,5.

Falaremos do tema máis polo miúdo o luns ás 20:00 horas. Agardámoste!!!

Baía Edicións

Feliz 8 de marzo a todas, malia os datos que confirman a nosa situación

Este sábdo 8 de marzo, parece que a Natureza nos vai regalar luz. Anímovos a tirar coa apatía e  invernía e saíde á rúa, tomade aire e compartide coas amigas as vosas reflexións sobre como podemos mudar a situación do noso colectivo, porque os datos do último ano son desastrosos para as mulleres. E se non damos coa solución, canto menos aproveitemos para ser felices.

Deixo algún tomado de aquí e acolá, pois nen sequera hai información suficiente:

A fenda salarial entre homes e mulleres: varía entre un 10 e un 23% según as fontes.

As mulleres máis expostas ao desemprego en Galicia son as que teñen entre 16 e 24 anos, cunha taxa do 32,1%.

A metade das paradas galegas sono de longa duración.

Case unha de cada catro mulleres en Galicia atópanse en risco de pobreza ou exclusión social

45 mulleres asasinadas no 2013.

Hai un 60% de mulleres nas universidades galegas pero só un 10% chega a postos directivos.

http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/salarios/EstruturaSalarial_ResumoResultados.html

 

 

 

Entrega de premios e protestas nos Premios da Cultura Galega de 2012

Foi unha gala de variados sons e diferentes texturas. Dentro, voces poéticas e suaves sintonías. Fóra versos en pancartas e áspera estridencia. Na presentación do acto, moderno con aires vintage, nunha sala da Cidade da Cultura ataviada con altas torres de focos, grandes pantallas e proxeccións nas paredes, un vídeoclip utilizaba como fío conductor un dial analóxico de radio sintonizando diferentes imaxes de actuacións musicais, teatro, audiovisual e escenas culturais. Aínda que, realmente, o fío conductor foi a propia cultura, un fío moi presente dentro e fóra do Gaiás que serviu para que os propios protagonistas reivindicaran, unha vez máis e cada un á súa maneira, o propio feito cultural e a lingua galega ante o presidente da Xunta, o conselleiro do ramo e outras autoridades do Goberno autónomo.

Antes do comezo do acto, na rotonda acceso á CdC, baixo a choiva e ante un cordón policial, un nutrido grupo de traballadores das artes escénicas berraban un contundente ‘non’ ao desmantelamento do sector, e apupaban ás autoridades ao seu paso nos coches oficiais cara á gala de entrega de premios, nunha acción de visibilidade como as de días pasados contra a denunciada “paralización” do sector.

Dentro, a escritora Yolanda Castaño presentaba os Premios da Cultura Galega enlazando versos de egrexios poetas coas figuras dos galardoados. Chamaba, en primeiro lugar, a Manuel Quintana Martelo, premio na categoría de Artes Plásticas. O pintor salientou que a cultura fai a historia dos pobos, a nosa historia; recordou ao falecido Jorge Peteiro e dedicoulle o premio a súa nai, unha muller de 93 anos que entendeu que abandonara unha carreira “seria” para empuxalo ás belas artes.

O segundo galardoado foi a Asociación Internacional de Estudos Galegos, colectivo académico que naceu nos Estados Unidos en 1985 co obxectivo de poñer en común investigacións de estudosos da cultura galega de todo o mundo. Non recolleron o premio. Non asistiu ningún dos seus representantes.

A música foi homenaxeada na figura de Manuel Rodeiro, que despois de recoller o seu premio deu conta do reforzo do seu compromiso e da relación coa terra. Detrás de Rodeiro recolleron galardón os representantes da Fundación Eduardo Pondal, entidade recoñecida polas súas iniciativas en prol do Patrimonio cultural.

O Premio das Artes Escénicas recaeu no cadro artístico Airiños, que cumpre 80 anos no teatro, que naceu na parroquia rianxeira de Asados no ano 1933 da man dos curmáns de Castelao e arredor do Centro Galeguista, e que leva unha traxectoria admirable no espazo creativo en galego. Tampouco acodiron a recoller o premio.

Miguel Anxo Fernández, un todoterreo da escena galega que cre nun país de imaxes propias, case implorou que a crise faga unha excepción coa creación audivisual. Precisamente o seu labor nese ámbito foi recoñecido cunha das estatuíñas.

Finalmente, o presidente da Xunta entregoulle o último dos premios a Salvador García Bodaño, gañador na categoría das Letras. O poeta pronunciou un breve e sentido discurso en defensa da lingua galega, que “é patrimonio de todos, de todos cantos a aman”. E deixou a mensaxe, tamén sentida, de que cómpre un esforzo de consenso para que a lingua galega permaneza no século XXI e que se cumpra o soño dos nosos devanceiros. “Fagamos que sexa posible”.

No medio da gala, a soprano Laura Alonso e o pianista Javier Otero estrenaron unha fermosa canción, ‘Dous cantares’, de Fernando Bulide. Ambos artistas cerraron o acto co himno galego. Antes Núñez Feijóo pronunciou o último dos discursos, con Vicente Risco como referencia. Galicia non é un país pequeno. Galicia é un mundo. Cunha teima por ampliar e conquistar espazos. Cun expansionismo singular. E gracias á cultura, “que nos fixo fortes para afrontar os problemas”. A cultura, “un vencello co pasado e co futuro”.

E precisamente de futuro, e de presente, falaban os manifestantes da Plataforma de traballadores de artes escénicas que, fóra do Gaiás, se manifestaron para facérense visibles, que din vivir na incerteza porque o sector das artes está paralizado, e que se queixan de que non teñen interlocutor na Administración. O nutrido grupo de artistas concentrados denunciaban o desmantelamento do sector, e nesta ocasión reivindicaron a cultura de rúa precisamente aos pés da CdC, no mesmo lugar onde se entregaban os premios do 2012.

Houbo outra pincelada musical polo medio da gala. Foi a cargo do grupo Acadacanto, que regalaron a beleza do sinxelo co tema ‘Teu nome por mar e terra’. Delicioso. Tamén os compoñentes deste grupo aproveitaron o momento para lanzar un anceio “polo futuro do sector”.

Fonte: El Correo Gallego

Foto: Fernando Blanco

CAPÍTULO VII – INFERNO E ORQUESTRA

Parece que todo irá rematando, traxicamente ou coa mínima esperanza de poder ver ao ser amado a salvo. Non hai finais felices cando una hecatombe apocalíptica fixo presa da túa aldea e nada volverá ser o mesmo.  Algo no que xa non pensarán nunca máis quen está nesoutro lado da vida. O importante seguirá sendo a busca desa carne viva que, ignorante, tenta arranxar (ou seica agochar?) a catástrofe.

As cousas distan de rematar, por moito que os nosos atribulados protagonistas así o cheguen a supoñer.

Benvidas e benvidos a este antepenúltimo chanzo de Inferno e orquestra: o seu capítulo VII.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

CAPÍTULO VI – INFERNO E ORQUESTRA

Por que ninguén quere explicar o que pasa? Os que esperan abaixo angustiados soportan esa tortura mentres os que seguen loitando pola súa vida teñen ademais o inimigo engadido da loucura ante o desesperado da situación. Hai que fuxir, pero as estratexias revélanse tráxicas cando veñen ditadas pola frustración do encerro e o desexo de vinganza. Ademais, non hai nada menos apropiado que a vaidade como asesora dos plans a vida ou morte, unha morte pervertida que parece axexar tras a porta, nunha fuga imposible.

Estamos máis cerca do inferno ou da salvación? Lean o capítulo VI de Inferno e orquestra.

Velaquí o capítulo VI de Inferno e orquestra.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

CAPÍTULO V – INFERNO E ORQUESTRA

O pesadelo intensifícase cando comprobas que quen máis queres nunca estivo a salvo, e só a esperanza de poder salvar á túa pequena evítache acabar con todo. Na casa, as cousas non van mellor, pois salvarse do perigo maior pode abrir a caixa de Pandora dos instintos máis perigosos. Tan só quen xa non camiña no mesmo lado da vida vese libre desas angustias, pero, pola contra, segue presa doutras ansias máis primarias. A fame é un pozo sen fondo que obriga a buscar e buscar, sen conciencia de riscos ou mesmo dunha mera orientación en contornos até hai pouco ben coñecidos.

Velaquí o capítulo V de Inferno e orquestra.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

SABEDORÍA POPULAR, de Beatriz Lorenzo

A tradición é algo moi arraigado en Galicia, e parte desa tradición son os refráns e ditos que sazonan o transcorrer das vidas, funcionando como advertencia, aviso ou simple moralexa para as nosas accións.

Este microrrelato que traio a Xuntanza de Escritoras ten un protagonista que toma os refráns moi en serio… tan en serio que o acaban conducindo a un final inesperado e arrepiante.

Sabedoría Popular gañou a VIII Edición do Certame de Microrrelatos “Lonxa Literaria” de Moaña

Se queres ler o texto clica aquí.

CAPÍTULO IV – INFERNO E ORQUESTRA

Onde os medos que pasan os que están a salvo se unen ao inmenso terror de moverse polo medio dese inferno. Porén, se o inferno son os outros, pode pagar a pena tentar a fuxida, pois, ademais, nada semella peor que a dúbida polos teus, indefensos na profundidade desa noite terrible. Por outra banda, nunca se está a salvo, sobre todo se entre quen te acompaña está o xerme dese mal, engadido desgraciadamente a esa miseria humana que tan pouco axuda.

Se aínda teñen ánimos ante esta presentación, pasen e lean este IV capítulo de Inferno e orquestra e consideren seriamente onde están de verdade os monstros.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

Literatura e ciencia (III). RELACIÓN DE INCERTEZA

Dende o Renacemento a investigación científica presupuña a existencia dunha realidade externa obxectiva que ía sendo descuberta perante a observación. Elaborábanse teorías que explicasen os feitos observados e propúñanse experimentos que permitisen corroborar ou desbotar esas teorías.

E ese proceso, tería fin?

De entrada, calquera con dous dedos de fronte –medida pouco rigorosa, xa sei– diría que non, que o mundo é grande dabondo como para chegar a coñecelo, amais de que vai cambiando o cal non axuda a sabelo todo. Iso sen contar coa intuición, nada na evidencia cotián, que nos di que non sabemos unha merda de nada.

Pero no propio eido científico houbo un momento no que se chegou ao límite do observable, un límite digamos estrutural, do coñecemento. E ese momento, plasmado por Heisenberg no seu Principio de indeterminación, deu un xiro á concepción do mundo e a realidade, comparable ao de Copérnico uns cincocentos anos antes.

Tamén xirou algo na miña cabeza cando llo escoitei á profesora de Física e Química de COU, Carmen Aranda –que boa profesora foi!–. Logo de aprender e crer que as matemáticas eran a ferramenta para describir o mundo e a natureza de xeito científico, agora, zas! resulta que a última descuberta era que as cousas non se podían coñecer por completo. Se acadabamos moita precisión por unha banda, iámola perder por outra. Para coñecer se precisaba interactuar, o feito de coñecer mudaba sen remedio o obxecto observado, así que nunca iamos coñecer exactamente o que estabamos a observar. Canto máis afondásemos no seu coñecemento, máis o iamos cambiar. Era a confirmación do que a experiencia dicíanos decontino, que a percepción inflúe no obxecto percibido, algo que aprenderamos había moito nas relacións sociais –sei que sabes que che estou mirando, e sei que sabes que sei que o sabes­–. Pois velaí que non só ocorría nas relacións sociais, tamén nos niveis ínfimos da materia.

A ciencia esboroábase?

Calma, calma, iso era no nivel microscópico. No macroscópico seguían a funcionar as medicións de adoito… pero xa non me valía. Ter unha aproximación estatística, era o máis que se podía acadar pola propia natureza do acto de coñecemento. Se aquel home o puxera tan ás claras, aínda que con fórmulas inintelixibles para nós, que sentido tiña teimar naquela liña?

Desa e doutras matinacións arredor do que podemos ou non saber naceu este relato,

Relación de incerteza.

Texto: Cris Pavón