Artigos

CAPÍTULO III – INFERNO E ORQUESTRA

Prohibido para aquelas persoas con claustrofobia, pois nel veremos como una casa acolledora pode converterse no máis parecido a una ratoeira. Os superviventes están illados e non parece que haxa moitas posibilidades de axuda. Qué se pode facer? Seica que pague algún culpable ou, simplemente, baixar os brazos e renderse? Pero, é curioso, incluso nos peores momentos parece haber algunha oportunidade para o amor.

Amigas e amigos, pasen e lean este terceiro capítulo de zombis galegos.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

CAPÍTULO II – INFERNO E ORQUESTRA

Ou o inferno desencadeado. As festas revélanse pésimas de verdade, pero até a verbena máis cutre convértese nun recordo anelado fronte ao pesadelo que acontece, como ben podería dicir Pico. Damas e cabaleiros, a cousa ponse cada vez peor, pero polo menos poderemos coñecer ao rapaz e a rapaza da historia no medio dese caos, os dous dispostos a botar unha man en toda esta lea. E os políticos? Pois, ás veces poden ser de verdade os salvadores, aínda que sexa dun xeito modesto pero, como ben se di, quen salva unha vida salva ao mundo enteiro.

Toca enfrontarse (se queres e tes ánimos) a este segundo capítulo de Inferno e orquestra.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

Aulas e mulleres: a paradoxa das “primeiras que chegan”

Faltaba aínda un século para que Alemaña, na súa tolemia fascista, proclamase a tríada Kinder, Küche, Kirche como máxima aspiración das “boas” mulleres; pero noutro tempo e noutro lugar xa había quen se resistía a apreixar as reixas da condición feminina decimonónica. En 1843,  nun Madrid contemplado polos ollos dun Galdós recén nado, unha galega rompeu cos moldes do seu xénero ó aventurarse nas aulas da Universidade Central -agora Complutense- para asistir como oínte e disfrazada de home ás clases da Facultade de Dereito. Aquela muller chamábase Concepción Arenal, e pouco imaxinaba cando se rebelou contra a decisión materna de enviala a un colexio “para señoritas” que acabaría convertíndose nunha das primeiras en ter entre as mans un dos visados máis potentes para a independencia: a educación.

Porque educación non era, como ben sabía Concepción, a mestura composta por un pouco de francés gaguexante, un par de pezas debulladas no piano e -iso si- unhas sólidas nocións de economía doméstica. E sabíao por enriba de aseveracións coma as de Rousseau, que proclamaba no seu “Emilio” que unha muller debía saber tocar o clavicordio non polos coñecementos musicais, senón -e soamante- pola beleza das súas mans sobre o instrumento. Non imaxinaba o filósofo, abofé, que poucos anos despois nacería a que sería catalogada como a primeira muller compositora, Maria Agata Wołowsk, mestra tamén doutro músico-home, por suposto -que acadaría a fama e a gloria, Frédéric Chopin.

Afirmaba Stendhal que “os xenios que nacen mulleres acabanse perdéndo para o público, pero cando o azar lles proporciona os medios de manifestarse, acadan os talentos máis difíciles”. Poucas foron no século do filósofo as que conseguiron “non perderse”: precursoras como a citada Concepción Arenal ou María Elena Maseras, primeira muller que se matriculou formalmente nunha universidade en 1875, ou Dolores Aleu, primeira en acadar un doutoramento en 1882. Todas elas entendían a educación como unha ponte para chegar á independencia, como mellora das condicións de vida, como sinónimo de liberdade. Todas elas levaron sobre si, tamén, o letreiro agridoce de seren a “primeira muller que…”.

Agora, en pleno século XXI, as mulleres son  maioría nos corredores da mesma Facultade que Concepción percorría vestida de home e coas puntas dos pés. Mulleres licenciadas e nos cursos de doutoramento; mulleres nas aulas, si, máis non nos despachos, que seguen a ser coto vedado para o xénero feminino. Únicamente un 30% do persoal investigador nas universidades españolas está composto por mulleres, e só pouco máis do 10% chegan a ser catedráticas.  Estamos ante un teito de cristal-invisible, inconmovible, rexo-, froito dun sistema no que as labores docentes e intelectuais consideradas “máis serias”, continúan descansando en estructuras patriarcais. Chegar á cúpula da pirámide universitaria convírtese para as mulleres nunha dura carreira de obstáculos onde a meta, igual que no conto de Caroll, atópase tras dunha porta demasiado pequena para o exército de Alicias armadas con bolígrafo e papel.  E as poucas que consiguen chegar ós “xardíns floridos” dos despachos máis altos da investigación ou a docencia, as poucas que acadan o recoñecemento público dos seus logros,  levarán tamén prendida na roupa, como a levaron as precursoras, a etiqueta de “primeira muller- na súa vila, promoción ou facultade- en chegar á cima”.

Autora: Beatriz Lorenzo

Literatura e ciencia

Imaxe: S. Beckwith (STScI) Hubble Heritage Team, (STScIAURA), ESA, NASA

Quen escribe busca entender o mundo que o rodea, como calquera ser viviente, e amais comunicarse con el. Faino cunha peculiaridade: segrega linguaxe en forma textual, e aí cifra unha parte –a que pode- do que comprende, do que da por feito sen comprendelo, do que ignora.

Se deixamos a un lado os textos estritamente técnicos -manuais diversos, corpus lexislativos, dicionarios- e cinguímonos aos que tentan expresar pensamento con emoción e reflexión, podemos considerarnos no eido da literatura e arredores (xornalismo, ensaio, historia). Aí o tema pode ir da denuncia das condicións de vida dun colectivo á procura de sentido nas experiencias vividas polo autor, pasando pola exposición dos avances na neurociencia. O xénero textual pode abalar da poesía ao guión audiovisual e recalar no conto fantástico. Pero todos han de partillar unha premisa básica para captar a nosa atención: que nos digan algo sobre nós mesmos e o mundo que habitamos e facemos.

E aí a ciencia sempre ten algo que dicir, e moitas veces algo revolucionario para as nosas vidas e o noso concepto do mundo. Emile Bréhier dixo que, en cada época, tanto ou máis ca o modelo económico de producción, inflúe a imaxe astronómica. E de ser así, malia non ter relación laboral directa cun área científica ou tecnolóxica, simplemente por vivir no mundo que vivimos, como alguén curioso non se vai interesar pola teoría da evolución, o funcionamiento do sistema nervioso, a estrutura da materia ou a computación?

A min esa curiosidade levoume a ler ensaios de divulgación científica -algúns verdadeiros clásicos modernos- que me apaixonaron e dos que se cadra falarei máis adiante. E esas e outras lecturas máis literarias leváronme hai un tempo a escribir unha serie de relatos –algún dos cales poderedes ler aquí- e logo unha novela, onde mesturei ciencia e literatura canto me foi posible. Ciencia-ficción logo? Sí, se é un termo no que tanto caben W. Gibson como I.Calvino, R. Bradbury como Borges, U. K. Leguin como Orwell. Quen me dera estar nese grupo, no que me faltan mulleres!

Texto: Cristina Pavón

Espazo, esa palabra.

Espazo, esa palabra.

Ben tratando distancias siderais ou ben como cuestión básica para a ordenación dos obxectos, representa en xeral a oportunidade para facer cousas, pois son os sitios os que acaban por determinar a nosa acción. Sitios medibles en metros, áreas ou, nese misterio virtual, nos bytes, kilobytes das Novas Tecnoloxías, inaprensibles pero de capacidades inimaxinables.

As mulleres recoñecemos coma ninguén o verdadeiro valor do espazo, e as autoras de maneira especial: É significativo que o ensaio por antonomasia sobre a escrita de mulleres sexa precisamente “un cuarto de seu”, de Virginia Woolf, unha apelación á necesaria disponibilidade de sitios para a súa actividade creativa. O que seica a británica esquecía era tamén esa necesidade de contar con lugares onde ver e falar desa obra, naquela época na forma tradicional do tanxible conxunto de páxinas encadernadas. Na actualidade, esas páxinas teñen ademais a consistencia das pantallas, pero a necesidade segue intacta, ou aínda acrecentada: Temos moitas cousas que contar, e seguimos a precisar de lugares estables onde poder facelo.

E, como non, cando na mesma dimensión atopamos eses espazos e as vontades comúns, o produto resultante son as xuntanzas, verdadeiros viveiros de ideas e propostas, que, no caso da escrita, son impulsados polo motor do entusiasmo. Un entusiasmo que é vello amigo das autoras, fiel compañeiro en todo o seu proceso creativo. Unha xuntanza de escritoras vai ser, basicamente, un espazo do entusiasmo compartido, aínda que sexa nos terreos tan intanxibles do espazo virtual. A vocación común ofrecendo os mellores froitos da árbore da imaxinación e toda a reflexión que ese feito marabilloso implica.

Xuntanza de escritoras é, por tanto, ese recuncho acolledor e cheo de promesas que esta editorial pon a disposición das súas autoras na web, unha sala virtual onde a literatura é o motivo de reunión e que, como calquera estancia confortable, invita á permanencia. Aquí exporemos os nosos traballos, falaremos da escrita e intercambiaremos información sobre iso tan emocionante do negro sobre branco prolongando así a nosa paixón común aos límites case infinitos do ciberespazo. E é, tamén, a cordial invitación a quen se achegue para gozar por uns momentos dese encontro onde as historias e a palabra son os agasallos de benvida.

Texto: Conchi Regueiro