Artigos

Baía participará na Feira Internacional do Libro de Fránkfurt

Do 7 ao 12 de outubro o sector galego estará representado na Feira do Libro de Fránkfurt por profesionais de Nova Galicia Edicións, Kalandraka Editora, Ouvirmos, Baía Edicións, Hércules de Ediciones, KNS Ediciones, Arnoia Distribucións e Asociación Galega de Editores. A Cámara de Comercio de Santiago colabora na organización da visita cunha importante  axuda á presenza individual dos editores e dos seus stands. A institución cameral despraza a Fránkfurt a unha das súas profesionais. A AGE ten previstas diversas reunións e entrevistas con axentes editores do sector internacional.

O stand colectivo da Xunta de Galicia contará cunha mostra de libros dos editores que traballan na feira. Segundo unha nota publicada na web da Xunta de Galicia viaxa a Fránkfurt o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén estará na feira convidado pola institución autonómica, o ilustrador Xosé Tomás, que ten previsto ofrecer dous obradoiros de ilustración.

Finlandia é o país convidado do ano 2014.

A primeira Feira do Libro de Fránkfurt data do ano 1480

A Feira Internacional do Libro de Fránkfurt continua sendo unha cita obrigada para os editores de todo o mundo. Desde o século XV e co desenvolvemento da moeda e dos negocios relacionados con ela foron sentándose as bases  do mercado, os bancos, etcétera. A cidade alemana veu sendo protagonista dos cambios e transformacións do sistema económico dese tempo no que as feiras de todo tipo de mercadorías eran a oportunidade para o intercambio de bens. Coa imprenta de Gutenberg no ano 1445, os libros comezaron a ser obxectos demandados e ese negocio de material impreso transforma a cidade no  primeiro centro de impresión de libros de Alemania, a finais dese século. No ano 1480  ten lugar a primeira feira de libros desa cidade. Logo de moitas décadas de interferencias e conflitos sociais e políticos, no século XX, concretamente no ano 1907 restablécese a tradición das feiras de Fránkfurt.

Fonte: AGE

Baía Edicións, unha das editoras galegas que representará ao sector do libro na Feira do Libro de Fránkfurt

A edición da Feira do Libro de Fránkfurt contará coa presenza de quince profesionais do sector do libro, representantes das nove empresas que se desprazan entre o 7 e o 12 de outubro á cidade xermana de Fránkfurt onde se celebra o evento do libro máis importante do mundo.

A Consellería de Cultura patrocina o stand galego, realizado pola empresa galega Escenoset, e anunciou a presenza na feira do ilustrador Xosé Tomás. A Asociación Galega de Editores asinou un convenio coa Cámara de Comercio de Santiago para organizar unha visita dos profesionais do sector. Esa colaboración conta co apoio dos Fondos Feder e da parte correspondente de fondos nacionais a través dun convenio entre a organización gremial e a  Consellería de Cultura.

Catálogo de dereitos dispoñibles          

Os editores e outros profesionais do sector pertencen ás empresas Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Ediciones del Viento, KNS Ediciones, Hércules de Ediciones, Ouvirmos, Baía Edicións, Edicións do Cumio, Distribucións Arnoia e a propia AGE, que vén de elaborar un catálogo de dereitos dispoñibles dos editores asociados, publicación que conta con formatos en  dixital e papel.

A AGE conta na súa axenda con diversas citas e entrevistas con diversos axentes internacionais do sector do libro.

Fonte: AGE

Baía Edicións rumbo á Feira de Fránkfurt

Brasil desembarca fachendoso en Fránkfurt, sabendo que protagoniza a feira do libro máis importante do mundo nun intre fundamental da súa historia, anos de recuperación identitaria, revolucións sociais, economía emerxente e moito, moito bagaxe de traballo intelixente para ser e estar  no mundo. Máis de sete mil stands e 170.000 profesionais están acreditados na Feira do Libro de Fránfurt do ano 2013. Galicia conta cun stand de 16 m2 patrocinado pola Xunta de Galicia e no que se expoñen os libros dos editores que traballan este ano no evento: Baía Edicións, Hércules de Ediciones, Nova Galicia Edicións, Kalandraka e MCSport. A Asociación Galega de Editores leva concertadas diversas citas profesionais con asociacións de editores de diversos países, entre os que está a edición iraní.

Brasil  total 

A diversidade e a mestizaxe da súa cultura son as ideas centrais que Brasil quere exportar ao mundo e se reflicten tanto no lema co cal se presentan en Fránfurt: “Brasil, un país cheo de voces”, como no seu pavillón de 2.500 metros cadrados deseñado pola escenógrafa Daniela Thomas e o  arquitecto Felipe Tassara. Arte, deseño, arquitectura, música, actividade intelectual, cultura popular e relación entre o patrimonio literario e  o xeito de vida en Brasil, dixo Thomas.  O programa brasileño complétase con 480 mostras, obras de teatro, ciclos de cine e recitais antes e despois da feira.

Fonte: AGE

Inauguración da Feira do Libro de Fránkfurt

A Feira de Fránkfurt é o escaparate mundial do libro, o evento máis importante do mundo en materia de dereitos de autor. Miles de profesionais de todo o mundo achéganse a ela para mercar, vender ou visualizar as últimas novidades de formatos e contidos. Cada un dos seus enormes pavillóns conforma un mundo diverso e colorista con miles de referencias en todas as linguas do mundo. A revolución dixital voltará de novo para formar parte dos foros e debates de expertos e gurús do sector editorial e das novas tecnoloxías. Jürgen Boos, director da feira, comparou a situación do sector co “bigbang”, unha especie de explosión que cambiará a galaxia de Gutemburg, dixo. Recordou que o importante non era o soporte, senón as historias que se len neses soportes.

O país convidado da edición deste ano é Nova Zelanda, dende cuxo pavillóns se fixo unha presentación para a prensa internacional que cubre este macro evento.  O presidente do gremio xermano, que agrupa ao conxunto do sector do libro, Gottfried Honnefelder, foi o encargado de realizar esa presentación.

Contarán con stand en Fránkfurt Nova Galicia Edicións e Kalandraka, aínda que Baía Edicións estará presente a través da súa directora editorial Belén López Vázquez. Por primeira vez en moitos anos non haberá stand colectivo dos editores galegos.

Fonte: AGE