Entradas

A edición española perde o stand na Feira do Libro para rapaces de Boloña

Por primeira vez a Federación de Gremios de Editores de España non estará presente na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. O ano 2013 será o de menor participación dos gremios de editores nas feiras internacionais. Xa no ano 2012 as administracións públicas deixaron de apoiar numerosos eventos profesionais do libro. É un fito histórico para a edición española que a Federación de Gremios de Editores de España non teña presenza nunha das feiras de compravenda de dereitos máis importantes do mundo.

Segundo a nota difundida pola entidade, á que pertencen os gremios de Cataluña, Andalucía, Castela- León, País Valenciá, Euskadi, Madrid e Galicia, ademais de ANELE, son motivos económicos os que impiden a organización desa presenza na feira italiana.

Fonte: AGE

Foto: Belén López Vázquez, directora editorial Baía Edicións, na Feira de Boloña.

A cultura italiana na Feira do Libro de Madrid

A Feira do Libro de Madrid está facendo posible achegarse á cultura clásica e contemporánea de Italia mediante unha chea de de actividades culturais organizadas por entidades e institucións italianas e españolas e que ofrecen un percorrido polas obras e temas máis candentes e actuais dese país.

Inaugura o programa o escritor e ensaista Claudio Magris. Tamén participarán escritores representativos das últimas tendencias literarias, segundo a información facilitada pola organización feiral, como o grupo que promove  a nova novela  italiana de xénero épico, o colectivo Wu Ming, os mestres do  giallo ( policíaco italiano) e as poetisas que están a renovar a linguaxe poética en Italia.

O programa tamén  ofrece a oportunidade de volver a ler aos autores do Novecento italiano, como Luigi Pirandello, Italo Calvino, Leonardo Sciascia, ademais de celebrar o centenario do nacemento de Elsa Morante. No Pavillón Infantil e Xuvenil haberá un espazo para a producción editorial italiana onde se poderán coñecer autores- as e obras para os lectores máis novos.

A Embaixada de  Italia en España e o Instituto Italiano de Cultura de Madrid  participarán na organización do programa de encontros a nivel político e cultural.

Fonte: AGE