Artigos

30ª edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor

O Concello de Fene ten o pracer de organizar este ano a 30ª edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor. Este certame, dedicado a un dos máis grandes escritores da literatura galega de todos os tempos, é posible grazas ao patrocinio dos moitos concellos que decidiron apoiar a iniciativa nestes anos.

Este Premio cumpre un importante papel no sistema literario galego xa que contribuíu, no pasado, e segue a contribuír de maneira decisiva no presente ao impulso e consolidación da literatura galega, nomeadamente do xénero da novela longa, no que foi mestre Eduardo Blanco Amor.

Ao cumprirse este ano o 30º aniversario do certame e o 36º da homenaxe en vida que o pobo de Fene lle tributou a Don Eduardo (no CCRD de Perlío, en 1976), dende o Museo do Humor queremos sumarnos aos actos que está a programar o Concello para divulgar a vida e obra do xenial escritor ourensán.

Por este motivo poñémonos en contacto contigo para solicitar a túa colaboración na exposición-homenaxe a Blanco Amor que, comisariada por Siro, vai ter lugar no Museo do Humor do 2 ao 23 de novembro de 2012 e da que agardamos poder editar o correspondente catálogo.

Unha vez rematada a exposición, o Museo ofrecerá aos concellos patrocinadores do Premio e ás entidades interesadas a itinerancia gratuíta da exposición (só terían que aboar os gastos de transporte e seguro) até finais de 2013.

De podermos contar coa túa colaboración, cómpre que teñas en conta os seguintes extremos:

a) A exposición vai estar estruturada en dous grandes bloques: caricaturas de Blanco Amor e ilustracións relativas a personaxes ou anacos da obra de Don Eduardo. Xa que logo, a túa participación pode ser na sección que consideres máis acaída ou nas dúas.

b) Podes enviar cantas caricaturas/ilustracións consideres oportuno e utilizar calquera técnica. c) Aos efectos de facilitar a montaxe da exposición os debuxos deberán estar en formato A-3.

d) Os traballos, en formato papel ou semellante hai que envialos, antes do 30 de setembro de 2012, ao seguinte enderezo:
Museo do Humor – Concello de Fene Homenaxe a Blanco Amor Avda. de Conces, 20 – 22 15500 Fene (A CORUÑA)

e) Os traballos en formato dixital (JPEG, TIFF, GIF, PSD, PDF, PNG, BMP) hai que envialos, antes do 30 de setembro de 2012, ao seguinte correo electrónico museodohumor@gmail.com cunha resolución mínima de 300 ppp para debuxos en branco e negro e 500 ppp se son en cor.

f) Rematadas as itinerancias da exposición, os traballos aceptados a concurso pasarán a formar parte dos fondos do Museo figurando unha selección deles nos seus locais, en mostras itinerantes ou publicacións do Museo baixo una licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Sen obra derivada 3.0. (CC BY-NC-ND 3.0). O Museo comprométese a que sempre figure o nome do/a autor/a. Tamén hai a posibilidade de recuperar as obras, sempre que o/a autor/a o faga constar expresamente no envío.

Carta de Siro aos ilustradores