Entradas

Avoaescola Ferrolterra estrea nova escola en galego

Este mércores preséntase Avoaescola Ferrolterra, un espazo educativo en galego dedicado, nun primeiro momento, a nenos e nenas até os 6 anos. Iníciase, segundo os seus impulsores, coa finalidade de se transformar nunha escola infantil e abrirá xa as sáus portas o vindeiro outorno.

Avoaescola Ferrolterra realizará todas as accións, actividades lúdicas e educativas en lingua galega, co fin de que nenas e nenos “acaden o seu uso nas relacións afectivas e de comunicación tanto sociais como familiares”. “Será un espazo educativo inclusivo, laico, respectuoso e aberto á comunidade social do seu entorno”, apuntan.

As actividades faranse en contacto co medio natural e fomentarán a expresión artística como a música, a pintura ou o movemento. Os seus impulsores aseguran que a aprendizaxe dos coñecementos será “un proceso activo lúdico de construción e investigación, para as crianzas dende a creatividade e liberdade”.

Valores

Tamén insistirase nos valores da “tolerancia, a solidariedade, a empatía, a igualdade, as habilidades sociais ou a expresión de sentimentos”. “O contacto con apego conformará unha relación baseada no afecto e na confianza”, din.

Avoaescola de Ferrolterra sitúase ao lado do paseo marítimo de Ferrol, dun parque infantil e de amplas zonas verdes. As propias instalacións contan con zona de xogo ao aire libre, espazos verdes e unha horta ecolóxica. De feito, na escola primará o concepto de funcionamento sostible, aprendendo sobre ciclos da natureza a través, por exemplo, da compostaxe e reciclado.

Cooperativa

Este é un modelo educativo en cooperativa na que as propias familias asociadas teñen poder de decisión sobre as cuestións relacionadas co funcionamento e mantemento do espazo. Ademais participan co persoal educativo na xestión e dinámica educativa. Nace apoiada económica e socialmente pola Asociación Galiza co Galego, en colaboración coas Asociacións pedagóxicas Nova Escola Galega e Asociación Socio-Pedagóxica Galega, e a Asociación de Escritores e Escritoras en lingua Galega.

Fonte: GaliciaConfidencial