Entradas

O vigués Alejandro Marzoa presenta en Cans a súa primeira longametraxe

Suso e Manuel son dous pais de familia e amigos de toda a vida que quedan sen traballo tras cumprir os cincuenta. Un día, mentres están de pesca, atopan un paquete con dez quilos de cocaína. A súa situación era xa insostible e este feito desata toda unha serie de acontecementos imprevisibles. Este é o argumento de Somos xente honrada, o primeiro filme de Alejandro Marzoa (Vigo, 1979) que coproduce Vaca Films con El Terrat. A produción preséntase hoxe no Festival de Cans (Porriño) logo do seu paso por Málaga.

Fai parte da sección “Fillos de Cans”, esa na que personaxes que participaron no certame regresan para presentar os seus proxectos. Este filme, conta cun amplo elenco de actores galegos como Manuel Lozano, Morris, Pico, Luisa Merelas, Ricardo de Barreiro o Luis Iglesia que acompaña a Paco Tous, Miguel de Lira, Unax Ugalde ou Manuela Vellés. Rodouse na Coruña durante os meses de xuño e xullo de 2012 e chegará as carteleiras o vindeiro 7 de xuño.

Fonte: Culturagalega

Foto

O Festival de Cans persiste e terá lugar do 22 ao 25 de maio

Cans fai dez anos e, a pesar das dificultades económicas e da redución das achegas da Xunta e do Goberno central, despregará do 22 ao 25 de maio unha programación variada e con estreas e figuras de primeiro nivel. Entre elas, algúns dos principais convidados que pasaron polo Torreiro da Festa na última década: Wyoming, Jorge Ilegal, Víctor Coyote, Juanma Bajo Ulloa, Manuel Manquiña, Tony e Elio dos Santos ou. Silvia Superstar. Unha décima edición que recoñecemento a todas as persoas que apoiaron esta idea, un tanto disparatada pero xenial, pero unha décima edición para ollar cara ao futuro e para pensar como será a segunda década do Festival de Cans.

Na programación destaca a estrea de Somos gente honrada, de Alejandro Marzoa, Toñito Blanco, só, perdido e vicioso, de Xacobe Sineiro e Nico Campos. E tamén de Encallados, de Alfonso Zarauza, dentro da sección “Primeiro test”, un espazo no que se somete un filme sen rematar á valoración do público antes da súa versión definitiva. Haberá 21 curtas a concurso: 14 de ficción e 7 de animación, máis traballos ca nunca. E tamén se inaugura a sección “A que andas?” na que novos realizadores nos contarán en que proxectos están mergullados na actualidade. Outra das novas seccións é Cans Visibles, unha selección de curtas LGTB made in Galicia. Tamén haberá música, cunha vintena de actuacións de todos os estilos: rock, pop, folk, música lixeira, charanga… E recuperarase a Canastro Experience cun espectáculo de Víctor Coyote no Hórreo da Casa de Bugarín.

Fonte: Praza

Foto: © Festival de Cans

O audiovisual galego mantén a súa loita ao presentar 164 curtametraxes ao Festival de Cans

A pechadura do grifo nas axudas á produción audiovisual galega non mermou o volume de cortometrajes remitidos ao Festival de Cans que contará este ano, por primeira vez, cun premio á mellor banda sonora. Si o pasado ano as cintas galegas enviadas “das que se nutre a cita” foran 166; para esta edición alcanzáronse as 164, prácticamente o mesmo número, segundo informou onte o festival que celebra este ano a súa décima edición en mayo.

“A cifra de curtos recibidos superou as expectativas da organización. O número é moi importante si temos en conta que o festival nútrese só de producións realizadas en Galicia ou por directores e directoras galegas”, sinalaba nunha nota a organización. “Demóstrase así “engadía” que, malia o difícil que é neste momento conseguir financiamento para a produción de curtos, con escaso apoio das administracións, os novos creadores audiovisuales seguen apostando por crear e exhibir os seus traballos”.

Agora, a organización seleccionará os curtos que competirán finalmente e que o público poderá visionar o sábado 25 de maio na aldea de Cans.

Dous serán as categorías dos curtos en competición: ficción e animación. Realizadores galegos remitiron 82 cortometrajes de ficción; un total de 14 de animación; 56 videoclips e outras 12 pezas doutros xéneros.

Todos optan a facerse co premio do xurado (cunha dotación de 1.500 euros) ou o premio do público (de 1.000 euros). Ademais, un xurado formado por veciños elixirá ao mellor curto do festival.

Fonte: FarodeVigo

Manuel Manquiña recibirá o premio de honra do festival de Cans

A súa traxectoria na televisión, teatro e cine son os méritos polos que a asociación cultural Arela acaba de concederlle a Manuel Manquiña o premio de honra do festival de Cans. O premio consiste na escultura “Can de Pedra” do canteiro local Paco Candán e deixar a súa pegada no Torreiro das Estrelas. O acto de entrega terá lugar o vindeiro 24 de maio, no transcurso da décima edición do certame. Canda este premio, os Chimpíns de prata sonp ara a a serie de Zopilote para a TVG Era visto! e para os veciños (catro matrimonios) que cederon as casas da primeira edición do festival.

Fonte: Culturagalega

O Festival de Cans busca fondos privados para seguir adiante

Os organizadores do Festival de Cans anuncian o inicio dunha campaña de captación de fondos privados “tras coñecer que o Ministerio de Cultura deixaba o festival sen subvención, e á espera de que se concreten as axudas da Xunta de Galicia”.

Para iso, dirixiranse a empresas “de diferentes tamaños e sectores ás que involucrar no festival, ofrecéndolles unha forma diferenciada de estar presentes no evento e ter notoriedade”, indican nun comunicado.

“A idea de partida -explican- non é ofrecer fórmulas xenéricas de patrocinio, senón proporlle a cada marca unha proposta única, buscar o punto no que conflúan o espírito do festival e a imaxe e filosofía de cada empresa”.

Así, porán a disposición das empresas elementos e lugares característicos do festival, como os “chimpibuses”, os “jalpóns”, o “Jaliñeiro Unplugged”, alfombras vermellas ou a “Leira dos Coloquios”.

O obxectivo é, segundo os organizadores do festival, “reducir o peso das achegas de organismos públicos, que xa é menos da metade do orzamento, sen renunciar a contar con ese apoio”.

Fonte: Galiciaé

Catro festivais de cine galegos non recibirán axuda do Ministerio de Educación

O Festival de Cans, Curtocircuito, A Mostra de Cine Periférico da Coruña, e os Premios Mestre Mateo, todos eles xa celebrados, non recibirán subvención do Ministerio de Educación e Cultura para as súas edicións de 2012. Así figura na resolución do primeiro prazo das axudas a certames e festivais cinematográficos (que atende aos celebrados no primeiro semestre) e que dá un revés a moitas das citas. O Festival de documentais de Tui, Play Doc, é o único encontro galego que figura no listado, cunha achega de 5.000 euros. “É unha redución do 50% con respecto ao que recibimos en 2011, polo que é un golpe moi duro” explica Ángel Sánchez, codirector desta cita que considera que “o peor é pensar no ano que vén, que vai ser unha incógnita”. O Ministerio reduciu a achega para festivais un 60% con respecto a 2011.

A contía que o Ministerio de Educacion e Cultura destinou a organización de festivais e certames cinematográficos en 2011 foi de 1.650.000,00 (inicialmente convocara axudas por importe de 1.107.011 euros, pero a mediados de agosto incrementou as partidas en 500.000 euros). É un 60% máis que este ano, que destinou 795.000,00. Por iso, na propia resolución da convocatoria, o texto di “ao non contar coa suficiente cobertura orzamentaria para atender a todas as peticións, este Instituto unicamente pode conceder axudas aos Festivais que máis se axustan á maior puntuación”. E no caso galego, o único que pasa esa peneira é Play Doc. Quedan fóra o Festival de Cans e Curtocircuito, que na anterior edición recibiron 10.000 euros cada un e os premios do audiovisual galego, os Mestre Mateo que en 2011 contaron con 6.000 euros.

Desde o Facebook do festival de Cans explicaron que “a eliminación desta axuda supón un duro golpe que afecta seriamente á liquidez do certame e complica a situación económica para afrontar a décima edición, prevista para maio de 2013”. Paralelamente, denunciaron que falta por concretar a cantidade final que lles concederá a Agadic, que non estableceu un mecanismo de concorrencia competitiva para este tipo de iniciativas.

Fonte. Culturagalega

Cans leva unha selección de curtas e clips galegos ao Festival de Douarnenez, na Bretaña

O Festival de Cans segue a promover as curtametraxes galegas máis aló da parroquia que lle dá nome e dos días nos que se celebra. Algunhas das pezas máis destacadas que pasaron polo festival este ano poderán verse as próximas semanas en cidades e vilas de Galicia e doutros países, nun circuíto de proxeccións que comezou a finais de xullo e que terá como próxima parada o Festival de Cinéma de Douarnenez (Bretaña), un dos máis antigos de Francia.

Cans mantén o seu esforzo por difundir as curtas galegas dentro e fóra do país, polo que este verán renova Cans Itinerante, o seu circuíto internacional de proxeccións. Iniciouse o 24 de xullo no Festigal en Santiago de Compostela, continuou o 6 de agosto en Caminha (Portugal) e o 17 deste mes en Riós (Ourense), como parte da programación do Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel.

No Festival de Douarnenez

A próxima parada é mañá xoves 23 de agosto dentro da programación da 35ª edición do Festival de Douarnenez (Bretaña, Francia). O coñecido como festival das minorías dedica esta edición ás cinematografías e as culturas de Galicia, Euskadi e Cataluña. Na representación galega, que inclúe varios filmes e conferencias con personalidades salientables da nosa cultura, reserva un espazo destacado para o Festival de Cans.

Alí se proxectará o making of da edición 2011, as curtametraxes Estereoscopía, de Xacio Baño; Percebeiros, de David Beriáin; O xigante, de Luis Matta e Julio Vanzeler; e Mr Bear, de Andrés Rosende; ademais dos videoclips “Puerto del Sonido” de Mullet e “Un piatto” de Banda Crebinsky. Unha escolma que inclúe ficción, animación, documental e vídeos musicais para amosar nunha sesión de algo máis dunha hora a diversidade da produción audiovisual galega en formato curto. Proxectaranse este xoves ás 14:30h na sala MJC da cidade bretoa, onde se volverán pasar o sábado ás 11h.

Ourense e outras paradas

A seguinte cidade á que chegará Cans Itinerante será Ourense. Este venres 24 ás 23h na praza de San Martiño, o Festival de Cans será protagonista da penúltima sesión do ciclo “Baixo as Estrelas”, organizado polo Festival Internacional de Cine de Ourense. Alí poderase ver o palmarés completo da última edición de Cans. Logo as curtas estarán no 26º Festival da Poesía do Condado, o 31 de agosto en Salvaterra de Miño. A partir de setembro están previstas novas proxeccións en Vigo e Lisboa, entre outras localidades.

Desde a segunda edición, o Festival de Cans organiza cada ano este circuíto internacional de proxeccións que buscan levar a novos públicos as curtametraxes galegas exhibidas en Cans. Neste tempo as curtas xa chegaron á maior parte das cidades e moitas das vilas de Galicia, ademais das principais cidades da Península: Lisboa, Porto, Madrid e Barcelona, e a países como Inglaterra, Holanda, Bélxica e o Sáhara Occidental, entre outros.

Festival de Cans

Fonte: Galicia Hoxe

As mulleres dirixen en Cans

A tradición manda, especialmente nas aldeas. Iso é o que é Cans, e a moita honra, unha parroquia de O Porriño convertida en capital galega do celuloide por catro días desde que, hai nove anos, conta co seu propio festival de cine. De curtametraxes, aínda que conta cunha extensa programación paralela de estreas, conferencias, música e mesmo visitas escolares. O protagonista é un xénero minoritario e con escaso percorrido nas salas de exhibición, pero que triunfa nos festivais, e que este certame conseguiu revitalizar en Galicia, segundo as cifras que aumentan cada ano, en canto a participantes, público e premios que os seus concursantes cosechan antes ou despois do seu paso pola alfombra vermella que cubre corredoiras e tapiza as entradas para os galpóns que os veciños ceden gustosos para convertilos en salas de proxección.

E, á usanza de Cans, os veciños da pequena cidade de 400 habitantes son as estrelas da apertura oficial do festival. Por iso, onte asistiron a unha reunión coa directora de Tralas Luces, Sandra Sánchez, vestiron de tiro longo o seu Can de Pedra, a escultura que coroa unha rotonda á entrada da aldea, cantaron por primeira vez o seu himno oficial e presentouse aos medios de comunicación o terceiro xurado composto enteiramente por veciños: Francelina Marino, rosquilleira xubilada de 74 anos, Manuel Giráldez, construtor retirado de 71, un matachín de 68 chamado José  Quintas, Concha do Lameiro, traballadora do campo en activo á idade actual de 64 anos e Flora de Merando, a máis nova, 36 anos, que é a transportista no negocio da familia.

A estas cinco persoas lles toca a responsabilidade de decidir un dos premios; o resto é tarefa para un xurado profesional, cos actores Federico Pérez, María Mera, Yolanda Muiños e Edu Soto, os directores Ángel de la Cruz e Marta Piñeiro, e o profesor da Universidade de Santiago Antón Losada, que deberá distinguir entre as 18 curtametraxes a concurso,12 de ficción e 6 de animación. E, se no outro Cannes as directoras levantaron as súas voces para clamar contra a falta de filmes realizados por mulleres, neste Cans non teñen eses problemas, porque este ano, precisamente, hai máis realizadoras que nunca. Son sete, todas galegas nacidas na década dos 80 e con estudios universitarios.

Eva Quintas fixo a súa terceira peza en inglés, Soap Opera, unha historia de amor ambientada nunha lavandaría real de Nova York. É doutora en Publicidade, licenciada en Comunicación Audiovisual e concluíu recentemente un Máster de Belas Artes en Cine na Universidade de Columbia. “As principais dificultades son basicamente económicas, e agora coa supresión das axudas de talento de Agadic, producir curtametraxes en Galicia é practicamente inviábel.” As xemelgas coruñesas Sonia e Miriam Albert Sobrino deixaron a enfermería polo audiovisual, como proxecto fin de carreira en Comunicación Audiovisual crearon unha serie interactiva para Internet, teléfono e televisión, Ignoto, e foron finalistas nos Mestre Mateo con Rural Pretérito (2011), e actualmente cursan un Máster en Produción de Cine na Universidade de Utah. Xuntas asinan O Olláparo, peza que presentan en Cans e que definen como “unha curtametraxe de ficción con toques de cine experimental e realismo máxico.” A experimentación tamén orienta o traballo de Sabela Pernas e a súa curmá Sol Álvarez, licenciadas en Comunicación Audiovisual e Belas Artes, respectivamente, que gravaron cunha cámara de fotos á súa avoa Josefa na súa casa de Vilalba. É retratada nos tres minutos que leva Sefa Sound System. “Cos medios que teño á miña disposición teño a posibilidade de facer o que quero, que é experimentar cos documentais, libre de parámetros, e a curtametraxe é a miña forma de expresión”, indica Pernas.

“Eu si que son das que rodan neste formato, onde podo traballar sen axuda, porque non podo facer unha película”, afirma a coruñesa Iria Ares, directora de La increíble historia de Macareno y la puta milagrosa, unha comedia surrealista e con toques almodovarianos nos que participan os televisivos Daniel Currás e Camila Bossa, de Matalobos, serie na que Ares serviu como auxiliar de dirección. A actriz e realizadora viguesa Sonia Méndez si alcanzou o salto ao cine e está na fase de produción de Máximo. Acaba de gañar un Mestre Mateo por As damas negras e a Cans trae Conversa coa muller morta, onde Bossa volve a coincidir cun compañeiro de reparto na pequena pantalla, Luís Zahera. “Apetéceme facer unha película, pero non quero quitarme nunca o título de curtametraxes.”

Fonte: El País

A IX edición do Festival de Cans arrinca medrando fronte a crise

A crise déixase sentir nas producións pero non no evento. O Festival de Cans dá comezo hoxe á súa IX Edición aparecendo como unha excepción no panorama de crise do audiovisual. Fronte aos recortes ou suspensións aos que se enfrontan outras citas, o encontro do Porriño medra, aínda que os seus organizadores recoñecen que, dun xeito ou doutro, os problemas económicos se deixan senstir nas producións que reciben.

Para alén de chimpíns, proxeccións en galpóns e a participación dos veciños que singularizan o Festival de Cans, esta cita está a se presentar como unha cita imprescindible do audiovisual a nivel de programación. “Para alén desas características propias, procuramos superar a anécdota lúdica, afondar nos contidos e converternos nunha alternativa seria a nivel de contidos. Tentamos achegar sempre cousas inéditas”, explica Alfonso Pato, director do evento. Así, a seguir a liña de anos anteriores, mesmo filmes que xa foron estreados poderán verse con escenas novas. Desta volta é o caso de Tralas luces e de Engurras. “Tentamos abrir na programación ocos que non están abertos, escoita o que pasa no contexto actual e tentamos anticiparnos a cousas que ao mellor non están noutros festivais”. En total serán 18 curtas a concurso, 12 de ficción e 6 de animación as que fan parte da sección de animación. A aposta pola novidade está tamén presente na programación musical, na que destaca a presenza, entre os 20 concertos previstos, catro proxectos que estrean disco: Xoel López, Aerolíneas Federales, Banda Crebinsky e O Sonoro Maxín. Nesa liña, non podían faltar no programas as estreas, como a da longa Personal movie de Héctor Carré e mesmo as preestreas na sección Fill@s de Cans. “Xente coma Margarida Ledo ou Fernández Valdés amosarán escenas dos filmes nos que están a traballar. Isto é algo que non se fai en ningures, e aquí a xente ven encantada a esinar estas cousas”, lembra Pato. A conexión entre cinema e música, con documentais sobre a movida viguesa ou o proxecto Os Irmáns Lumieira e as proxeccións de videoclips é outra tendencia da actual xeira.

Economía sa
Indo a contracorrente na actual situación económica e cultural, Cans non se conforma con medrar, quere consolidar a súa autonomía. “O noso obxectivo nun prazo medio de tempo sería autofinanciarnos”, sinala Pato. “Isto non implica que renunciemos a reivindicar apoio público, esixímoslle á administración que cumpra a súa responsabilidade de promover a cultura. Pero nós testamos a tentar aplicar as nosas ideas a imaxinación para conseguir financiarnos. Temos a sorte de contar con patrocinadores privados que están a ser moi fieis. Mentres non nos abandonen penso que poderemos resistir mellor do que outros. Non sei por canto tempo será posible isto, pero non temos pensado cobrar pola proxeccións libres nin polas actividades paralelas”. Unicamente asistir aos filmes da sección oficial e mais a actividades con límite de aforo está suxeito a pago neste encontro.

Medrar con xeito
Neste sentido, o evento medra nesta edición, engadindo novas actividades, espazos de concertos e mais un mercadiño. Canda a isto, batiuse a marca de participantes, xa que a organización recibiu un total de 166 producións. Para alén de no programa, o crecemento déixase sentir tamén na loxística. Novas zonas de aparcamento e sinalización, servizo de bus e un maior esforzo da organización tentan dar conta dos preto de 9.000 visitantes que nos últimos anos están a se achegar a esta aldea de 600 veciños. “Non queremos bater marcas, o que procuramos é que a xente se sinta cómoda. O festival medrou moi rápido e estivémonos reorganizando, asentando unhas bases para ver como vai e se para o futuro podemos medrar ou se isto é abondo”, explica Pato. De todos os asistentes, unha cifra digna dun festival musical, a organización considera que entre 3.500 ou 4.000 persoas poden asistir ás proxeccións audiovisuais, mentres o resto participa nos concertos, os coloquios ou simplemente pasea.
A crise na creación
Malia a que no programa non se deixa sentir a recesión, a organización advirte mudanzas nas producións recibidas que si poden estar relacionadas coa situación económica. “Detéctanse cambios no aspecto creativo. O principal é a mingua nas producións de animación. Son proxectos que esixen moito tempo e, se non hai axudas para impulsar a esta xente, o sector non ten moitas trazas”. De feito, diminuíu moito a cantidade de fitas deste tipo que se presentaron a concurso. “Fronte a isto, medrou moito a cantidade e a calidade dos videoclips. Resulta un xénero relativamente barato, sinxelo de facer e que permite moito enxeño e experimentación”, sinala o director. Por outra banda, no campo das curtametraxes en xeral “o que se detecta é outros anos había moitas producións feitas en Galicia, e agora detectamos que participan moitos creadores do país que están a traballar fóra de Galicia. Á falta de axudas, a xente traballa de xeito independente ou busca a vida fóra, penso que con bastante fortuna”. Os seus traballos poden verse na sección Galegos no espazo exterior. Canda a isto, para Pato, tamén se detectan mudanzas no propio xeito de abordar a creación audiovisual. “Semella que a xente aposta algo máis por experimentar, e por formatos de menor duración. Nós este ano é no que atopamos máis xéneros abertos”. Proxectos como La charcutera caníbal, montado con imaxes do NO-DO, A culpa é dos pais ou Fillos de Sansón son exemplos da tendencia anovadora, así como o especial protagonismo que nesta xeira adquiren as webseries, entre outras iniciativas.

A dificultade de elixir
A nivel de programación, o director admite que “non me gustaría ser espectador deste festival. Cun programa na man non sabería onde ir con tantas cousas como hai en cada momento”. Postos a escoller, “eu penso que me gustarían moito os encontros cos directores, é algo que só se pode facer aquí. Teremos a Ángel de la Cruz e algúns dos actores que dobraron Engurrras. Reixa falará do musical Galicia caníbal e haberá unha lectura participativa dun guión con Isabel Coixet, entre outras propostas. O contacto coas persoas é algo que en Cans se fai con moita naturalidade e que noutros festivais non podes ter”, advirte Pato, “e para iso non cómpre ter entrada nin ver curtas”. Os interesados en ter a súa experiencia Cans, teñen ata o vindeiro 26 de maio para se achegar.

Fonte: Culturagalega