Artigos

Finalistas dos V Premios Martín Códax

A sede das adegas Martín Códax en Cambados acolleu o mércores pasado a presentación dos nomeados aos V Premios da Música de Galicia. O encontro deu a coñecer os proxectos que recibiron máis votos dos membros da Asociación Músicos ao Vivo e entre os que un xurado profesional seleccionará agora os gañadores. Na listaxe que se deu a coñecer conviven proxectos recoñecidos con novas propostas.

Así, na categoría de Pop e Indie, unha das conta con mais inscritos, competirán Eladio y los seres queridos, Espiño e Novidades Carminha. No rock pola súa banda atópanse Igmig, Mad Martín Trío e Moon Cresta. No campo de Folk están presentes Tanxugueiras, Xosé Lois Romero e Aliboria e mais Os D´Abaixo, mentres en canción de autor intégranse nomes dispares como Caxade, A banda da loba e Uxía.

No campo dos festivais, chegan á final dos galardóns Nigranjazz, o Resurrection Fest e mais o Festival de Pardiñas, mentres a mellor sala escollerase entre a Sala Garufa, A Arca da Noe e mais El Contrabajo Club. Músicas galegas ilustradas, Ábrete de Orellas e Tolemias.tv, pola súa banda, son os proxectos que optan ao premio ao mellor espazo de comunicación musical. Os gañadores coñeceranse o 9 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra.