Entradas

Galicia360.com renóvase con máis imaxes en HD, novos puntos de vista e son ambiente

A web Galicia360.com segue a reinventarse a si mesma na procura do nunca visto en materia de amosar as realidades turísticas da nosa terra. Os días pasados, a empresa a Fotopanorama (responsábel destes servizo, sen dúbida un dos de maior experiencia en materia de promoción turística galega) púxonos ao tanto dun novo proceso de reinvención. O resultado son imaxes panorámicas e visitas virtuais que se sitúan cada vez máis preto do que significa a experiencia de atoparse in situ nos lugares que se amosan. En realidade, o obxectivo é ir alén desta experiencia, mesmo achegando puntos de vista (como o elixido para o espazo natural de Razo e Baldaio, unha vista aérea en 360 graos) dos que dificilmente poderemos dispor na nosa vida cotiá.

Cómpre lembrar que o proxecto de Galicia360.com comezou a súa andaina xa hai unha ducia de anos, e que polo tanto estamos a falar dun sitio pioneiro neste tipo de imaxes panorámicas. A actualización que nos están a presentar estes días os seus responsábeis ten que ver cos novos enfoques engadidos e, tamén, coa aplicación de “moitas melloras en imaxes en High Definition, incluíndose son ambiente, xeolocalización e integración nas diferentes redes sociais”. O proxecto, levado da man polo fotógrafo galego Ricardo Cambón e o devandito estudo Fotopanorama, achegará en breve unha completa listaxe de capturas de “zonas máxicas de Galicia”, sinala Cambón, entre as que se atopan dolmens, castros e outras imaxes aéreas de espazos naturais de especial significado (na liña da devandita paraxe Razo-Baldaio).

Fonte: Codigocero