Entradas

Galiciana é a biblioteca dixital de Galicia impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia

Galiciana é a biblioteca dixital de Galicia impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Está xestionada pola Biblioteca de Galicia, coa misión de difundir e preservar o rico patrimonio documental e bibliográfico galego.

O proxecto ten como obxectivo non só a dixitalización dos fondos patrimoniais máis relevantes para Galicia, senón tamén a normalización do acceso mediante a aplicación das últimas directrices e estándares nacionais e internacionais. A súa finalidade é lograr a máxima visibilidade dos recursos dixitais integrados nela e a interoperabilidade cos principais proxectos de dixitalización existentes hoxe en día. Xa que logo, Galiciana está presente desde os seus inicios en Hispana, directorio e recolector de recursos dixitais españois, e en Europeana, a biblioteca dixital europea, xurdida como unha forma de contribuír á preservación e difusión da riqueza cultural dos pobos de Europa.

Galiciana integra actualmente, ademais de fondos propios da Biblioteca de Galicia, obras dixitalizadas en colaboración coas principais bibliotecas patrimoniais galegas. Nela pódense consultar recursos dixitalizados en institucións culturais tan importantes para Galicia como a Universidade de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Penzol de Vigo, e a Real Academia Galega. Esta vontade de cooperación ampliouse recentemente coa incorporación de fondos dixitalizados procedentes das bibliotecas do Seminario de Mondoñedo e da de Estudos Locais da Coruña. En definitiva, trátase de conseguir que Galiciana sexa a plataforma global para o acceso na web do importante patrimonio cultural de Galicia.

Fonte: Galiciana