Entradas

Galiciencia abre hoxe as súas portas, coa previsión de recibir máis de 2.200 visitas

Máis de 2.200 persoas visitarán a maior feira científica de Galicia, Galiciencia, entre a xornada de hoxe e o venres en Ourense. O evento foi recoñecido como unha das vinte actividades de referencia da Semana da Ciencia en España pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), patrocinadora do encontro, xunto coa Consellería de Economía e Industria.

O Parque Tecnolóxico de Galicia acollerá no seu recinto unha carpa na que cincuenta equipos mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación.

Neste ano, a representación máis numerosa procede de colexios de Vigo, con 17 equipos que presentan os seus proxectos. A eles súmanse outros tres da provincia de Pontevedra (de Cangas e Ponteareas). Ourense está representada por 16 grupos, correspondentes a Cea, Pereiro de Aguiar e da capital. A Coruña aporta 8 traballos, de Santiago, Ferrol e Narón. Lugo presenta dous, da capital e de Ribadeo. Barcelona está representada por dous equipos.

A exposición de proxectos realizarase de dez a doce e de 16 a 18 horas, na carpa situada á beira do edificio do CEI do Parque Tecnolóxico de Galicia.

Dentro do marco de Galiciencia, na xornada de hoxe presentarase o libro Dous quarks á próxima extinción. Unha viaxe fascinante pola historia do Universo e a vida, de Pedro José Cascajosa, con edición científica de Xurxo Mariño, publicado pola Xunta.

A Fundación Barrié participa por segundo ano consecutivo en Galiciencia cun stand propio. Organiza o “Gran xogo da ciencia” e ofrece unha charla para que os docentes coñezan “educaBarrié”, unha innovadora páxina web na que pon a disposición da comunidade educativa os contidos didácticos e materiais relacionados con proxectos de referencia das súas áreas de actuación: patrimonio, cultura, investigación, educación e servizos sociais.

Galiciencia dedica un taller á figura e ao legado do considerado “pai da química galega”, Antonio Casares, con motivo da conmemoración do Día do Científico Galego, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias.

Outro taller está dedicado ao cerebro. Nel presentaranse os coñecementos actuais sobre o seu funcionamento e, mediante xogos sensoriais, os participantes poderán descubrir segredos que esconde a mente humana.

Fonte: Faro de Vigo