Entradas

Ensino en galego en toda Galiza, por tan só 10 euros ao mes…

A Cooperativa Avoescola e Galiza co Galego –asociacións sen ánimo de lucro– seguen a avanzar construíndo os alicerces dun proxecto independente para unha educación galega en mans da cidadanía.

O pasado mes de xullo asinaron coa asociación pedagóxica Nova Escola Galega un convenio de colaboración; e deica finais de ano participan en obradoiros gratuítos sobre cooperativismo e xestión directiva impartidos pola Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA), sendo o lugar para anotarse en Cooperativa de Ensino Popular.

En setembro, Galiza co Galego reunirase coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, para realizar novos acordos e achegar máis recursos de calidade ao ensino galego. Así mesmo elaborará o plan de empresa para “Avoaescola” que lle permitirá dar escola en calquera lugar de Galiza.

Avoaescola – Galiza co Galego prevé entrevistarse cos responsábeis do programa educativo de preescolar na casa, para pórse á disposición da súa fundación, das familias e educadores/as coa finalidade de buscar solucións que permitan o mantemento deste imprescindíbel labor educativo.

Asociarse a Galiza co Galego -Avoescola supón contribuír a garantir escolas en galego, laicas, inclusivas, de calidade, pluralistas e democráticas, por 10 euros ao mes durante o primeiro ano, e unha cota anual de 10 euros a partir do segundo.

As persoas socias poden participar en todas as actividades, e mesmo teñen a posibilidade de ser socio/a traballador/a na cooperativa de ensino “Avoaescola”.

Galiza co Galego

Fonte: Galicia Confidencial