Entradas

Gonzalo Hermo gaña o Premio Nacional de Poesía Nova “Miguel Hernández”

Gonzalo Hermo (Rianxo, A Coruña, 1987) gañou hoxe o Premio Nacional de Poesía Nova “Miguel Hernández”, dotado con 20.000 euros, coa obra escrita en galego “Celebración” (Apiario, 2014) ao considerar o xurado que a súa linguaxe “arriscada e innovador” abre “novos camiños”.

O xurado do premio, que outorga o ministerio de Educación, Cultura e Deporte, valorou en Hermo a súa aposta por abrir novos camiños para a expresión poética “apuntando unha linguaxe arriscada e innovadora” cun libro que trata sobre a memoria e o esquecemento, “sobre a necesidade de construír sobre as ruínas, de romper o círculo e avanzar malia todo”.

Hermo, licenciado en Filoloxía Galega, empregado no Instituto da Lingua Galega e membro do colectivo de intervención sociocultural Redes Escarlata, publicou as súas primeiras obras en revistas como Dorna, Andar 21 ou Nova Ólisbos e, posteriormente, a colección de poemas “Escola do resentimento” na Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe.

Logo editou o libro de poemas “Crac” (2011), co que gañou o premio de poesía do certamen Xuventude Crea, e “Celebración”, que mereceu o Premio da Crítica de Poesía en galego.

“Celebración” está editado dentro da colección “Cera labrada” da editorial coruñesa Apiario, dirixida polas tamén poetas Antía Otero e Dores Tembrás.

O xurado, presidido por Mónica Fernández, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, estivo composto polos autores galardonados en 2015 e 2013, Carlos Loreiro e Unai Velasco; Juan Gil, Xosé Luís Regueira, Amaia Jaureguizar, Susanna Rafart, Xandru Fernández, Guadalupe Grande, Julia Barella, Juan Carlos Fernández Aganzo, Dídac Llorens e Ignacio Elguero.

Fonte: El Confidencial. Foto