Entradas

A Xunta detecta decenas de carballos ananos no Pindo

O carballo anano (quercus lusitanica), especie protexida que tiña no Pindo o seu único hábitat en todo o norte peninsular, sobreviviu á furia das chamas que arrasaron o vello Olimpo celta. Fontes da Xunta informaron de que «xa están a brotar» decenas de exemplares, segundo puideron constatar axentes de campo do servizo de Conservación da Natureza que tomaron varias fotos dos retoños. O director do Centro de Investigación de Lourizán, José Antonio Vega, explicou que este fenómeno é posible porque o carballo anano ten unha gran capacidade de rebrotar desde a cepa. Durante a primavera acumula gran cantidade de hidratos e se é destruída a planta externa polo lume, necesita sacar follas na superficie para manter a vida a través da fotosíntesis.

Na Xunta opinan, así mesmo, que tanto a temperatura que fixo estes días como o réxime de choivas suaves « permitiron que o chan forme unha costra en lugar de sufrir arrastres». Deste xeito déronse as condicións idóneas para que salga á superficie.

Mentres, no Pindo continuarán durante varios días os labores de aplicación de palla sobre a zona queimada. «Hai que protexer o chan porque é o ben máis sensible», di José Antonio Vega . O desenvolvemento dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas.

Máis información sobre os carballos en: Guía das árbores de Galicia e O carballo.

Fonte: La Voz de Galicia

Android vai camiño de acaparar a práctica totalidade do mercado estatal

O sistema operativo de Google para móbiles, Android, abrangue arestora o 87,1% da cota de mercado estatal, segundo se sinala nos máis recentes informes de Kantar World e reflicten os medios na Rede. Para entendermos mellor o que representa esta cifra, cómpre ter en conta que o ano pasado, en España, a devandita cota era do 47,9%. De continuar medrando así, a este ritmo, calcúlase que en breve estará presente na gran maioría dos trebellos, beneficiándose de tres acontecementos decisivos e fundamentais: o retroceso de Symbian, a caída de vendas de Apple e a suba dos trebellos da marca Samsung, que son hoxe en día os principais valedores de Android.

De feito, Samsung acapara case a metade das vendas a nivel europeo, chegando ao 60% en países como España.

Na outra cara da moeda temos ao xigante Apple, que perdeu até un 11% do mercado en determinadas áreas xeográficas, e a Symbian, que en España pasou de ter un 30% do mercado a contar con unicamente un 2,7%.

Fonte: Codigocero