Artigos

Todos os días deben ser o Día Mundial do Medio Ambiente

O Día Mundial do Medio Ambiente, creado por acordo da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, celébrase cada 5 de xuño dende 1973; xa que logo, hoxe cumple 40 anos.

O Grupo Ornitolóxico Galego, xérmolo da SGHN, rematou todos os trámites para a súa legalización o 31 de agosto de 1973; xa que logo, faltan só 87 días para que cumpla 40 anos.  GOG-SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando os nosos gobernantes comezaron a decatarse da importancia do medio ambiente (creación do Ministerio e da Consellería homónimas en 1996 e 1997, respectivamente) o GOG-SGHN levaba xa case un cuarto de século estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego. Lamentablemente, para moitos políticos, incluidos os que teñen as máis altas competencias e obrigas en Santiago e Madrid, o medio ambiente non é máis que unha excusa para facerse unha foto cada 5 de xuño; non semella próximo o momento en que, como SGHN, adiquen os 365 días do ano a defender o noso patrimonio natural.

Seguro que xuntos lograremos que todos os días sexan o Día do Medio Ambiente. E para elo nada mellor que inspirarse nos 40 anos de historia da Sociedade Galega Historia Natural, unha afanosa traxectoria guiada pola paixón e o compromiso na que destacan:

– Conseguir o apoio de España á moratoria da caza de baleas.

– Prohibir os vertidos radioactivos na Fosa Atlántica.

– Aportar información básica para a declaración dos 5 humidais galegos de importancia internacional.

– Declarar a Illa de Cortegada como parte Parque Nacional das Illas Atlánticas (o único en Galicia).

– Declarar Parque Natural a Serra de Enciña da Lastra.

– Publicar e actualizar o Atlas de Vertebrados de Galicia.

– Mellorar o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

– Publicar Braña, a primeira revista científica en galego.

– Ser pioneiros na Custodia do Territorio (acordo cos monxes de Sobrado e participación en Fragas do Mandeo).

– Crear, manter e potenciar o Museo de Historia Natural de Galicia (Ferrol)

– Coidado, recuperación e liberación ao medio mariño de exemplares de especies recollidas no seguemento de varamentos na costa (en colaboración coa CEMMA).

– Censos anuais de aves invernates.

– Seguemento de incendios forestais.

– Representación en distintas comisións, comités, etc. de participación cidadá; así como participación moi activa nos trámites de información pública de proxectos que afecta ao medio natural.

– Realización de estudos, comunicacións e informes do medio natural (fauna vertebrada e invertebrada, flora, espacios, paisaxe, …).

En definitiva, moito traballo para facer honra aos obxectivos fundacionais de ESTUDIAR, DIVULGAR E DEFENDER O PATRIMONIO NATURAL GALEGO de xeito que, xunto co resto dos grupos, manteñamos viva a concienciación ambiental en Galicia

Dende estas liñas queremos rendir homenaxe a toda a xente (fundadores, socios, colaboradores, simpatizantes, …) que ao longo destes anos fixeron posible moitos logros co seu esforzo, entrega e adicación desinteresada, porque XUNTOS, con rigor e obxectividade, SOMOS QUEN DE PROCURAR unha VIDA XUSTA e SOSTIBLE para todas as persoas.

Máis información e acceso a todas as reseñas sobre o “Día MENSUAL do medio ambiente” en www.sghn.org

ADEGA colabora con Baía Edicións no espazo ‘Encontro coa Natureza’ informándonos das súas actividades e problemáticas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) é unha asociación ecoloxista democrática, independente e sen ánimo de lucro, que traballa en defensa do medio ambiente galego e o global, do que depende a nosa calidade de vida.

ADEGA avoga por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto, un modelo sen destrución ambiental que reduza as desigualdades dentro de cada país e entre os diferentes países.

ADEGA é unha das máis veteranas entidades ecoloxistas galegas, fundada en 1976, e posiblemente a máis implantada no territorio galego.

Centra o seu traballo en Galiza sen por iso deixar de ter unha visión global da problemática ambiental e de exercer a solidariedade coas loitas ambientalistas doutros pobos.

ADEGA entende que a diversidade biolóxica ten o seu reflexo na diversidade cultural e que ambas as dúas deben ser preservadas. Isto supón asumir un compromiso coa defensa da cultura e a lingua propias de Galiza.

ADEGA forma parte da Federación Ecoloxista Galega (FEG) que agrupa á maioría das asociacións ecoloxistas galegas, da Oficina Europea do Ambiente (OEA), a federación constituída polas organizacións de defensa do ambiente máis importantes da Unión Europea, tamén da Federación de Transporte e Medio Ambiente Europea, da Plataforma Nunca Máis, da Coordenadora para a Defensa dos Ríos (COGADER) e da Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

Podedes informarvos polo miúdo ou contactar con ADEGA nos seguintes enderezos:

Web ADEGA

Correo electrónico: adega@adega.info

Travesa dos Basquiños, nº 9 baixo

Tlf. 981 570 099

adegalugo@adega.info

R/ Fontiñas nº 180 Ent. Lugo.

Tlf. 982 240 299

 

SAÍDA á SERRA DO XISTRAL

A Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural vén organizando dende hai varios anos saídas a lugares de interese ambiental. O próximo 10 de xuño será a Serra do Xistral o obxectivo da andaina. Manuel Rodríguez Guitián, pofesor de botánica da USC vai ser o monitor que desvele os segredos deste contorno de alto valor ecolóxico.

A saída efectúase dende Sada (á porta do IES Isaac Díaz Pardo) ás 10 a.m. E a data tope para se apuntar é o próximo xoves 7. Pódese facer vía sms no 686 143 143 ou no enderezo-e asmarinhas@sghn.org.

Máis información no PDF

Foto: Turgalicia

Día Mundial do Medio Ambiente

Cada 5 de xuño desde 1972 celébrase o Día mundial do Medio Ambiente. A data foi establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na Conferencia de Estocolmo, co Medio Humano coma tema principal. O mesmo día, a Asemblea Xeral da ONU aprobou tamén a creación do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA).

A través do Día Mundial do Medio Ambiente a ONU tenta sensibilizar á opinión mundial con respecto ás problemáticas ambientais, intensificando a atención e a acción política e co obxectivo principal de motivar ás persoas para que se transformen en axentes activos do desenvolvemento sostible e equitativo; promover o papel fundamental das comunidades no cambio de actitude cara os temas ambientais, e fomentar a cooperación e solidariedade entre os países, para garantir así que tódalas as persoas e as nacións podan gozar dun futuro prospero e seguro.

O Día mundial do Medio Ambiente da pé á realización de múltiples actividades: concentracións, concertos, actividades escolares, plantacións de árbores, campañas de reciclaxe e de limpeza, entre outras moitas.

Alén máis, é un suceso que desperta o interese da prensa e os medios audiovisuais acerca do ambiente e que leva á celebración de múltiples actividades.

A celebración é unha oportunidade de asinar ou ratificar convenios internacionais e, ás veces, establecer estruturas gobernamentais permanentes relacionadas co manexo ambiental e a planificación económica.

A desforestación os Desertos e a Desertización , o Desxeo ou a consecución dunha economía baixa en carbono, foron algúns dos temas tratados neste evento ao longo dos anos… por desgracia non faltan motivos para continuar a celebralo e a demandar a atención dos organismos públicos, dos gobernos e da poboación en xeral, sobre cuestións vitais para a subsistencia do planeta e de cantos nel habitamos.

A conciencia real dos problemas ambientais e a nosa aportación para eliminalos ou amortecelos é fundamental: a nosa actitude diaria, a presión que exerzamos para que se tomen en consideración os problemas e se aporten solucións efectivas e duradeiras por parte dos nosos gobernantes, fará posible que o mundo siga a ser habitable. Un dia de conmemoración semella algo fútil, pero menos é nada: aproveitémolo para deixarnos ouvír e actuar, reivindicando accións concretas, solucións reais, fondos para solventar os problemas: é moito máis importante que salvar os beneficios dos banqueiros.

 Texto: Calros Silvar

O rural que queremos

Para este sábado, día 2 de xuño, está programada a xornada O rural que queremos. Experiencias e propostas para a súa custodia e posta en valor, na Casa de Cultura do Salgueiral en Bora (Pontevedra). O obxectivo dos organizadores é crear un espazo de encontro, de diálogo e de exposición da diversidade de axentes que están contribuíndo a activar, ó tempo que conservar, os recursos específicos do mundo rural.

Fragas do Mandeo, como entidade de custodia do territorio para a conservación da natureza de As Mariñas, está invitada a expoñe-la súa traxectoria e experiencia, introducindo ós asistentes na realidade da custodia do territorio como un instrumento para conserva-la biodiversidade local e axudar a dinamizar o mundo rural.

A empresa Hifas da Terra  estará representada polo seu director da área de medio ambiente, que terá ocasión de comentar como a micoloxía ofrece un recurso sostible na explotación dos bosques.

Amigos da Terra aproveitará para relatar a extensa experiencia do Centro de Educación Ambiental de As Corcerizas (San Mamede, Ourense), no que demostran alternativas para os problemas ambientais.

A cooperativa de mulleres Ancares de Meu contará a súa experiencia como iniciativa empresarial no mundo do tempo libre e das rutas ambientais nos Ancares lucenses.

Máis información en: Aniasociocultural

Calros Silvar imparte en Oleiros un obradoiro de Técnicas básicas de debuxo da natureza

Os días 14, 15 e 16 de xuño, Calros Silvar impartirá un Obradoiro de Técnicas básicas de debuxo da natureza no Castelo de Santa Cruz, Liáns, Oleiros. O 14 e 15 de xuño o horario será de 19.00 a 21.00 horas e o sábado 16 se realizán as prácticas de campo en horario de 10.00 a 14.00. As prazas son limitadas.

Os obxectivos que se pretenden son os seguintes:

  • Coñecer as técnicas básicas específicas do bosquexo de campo.
  • Capacitar aos asistentes para realizar apontamentos do natural.

 

Cartaz do Obradoiro Técnicas básicas de debuxo da natureza