Entradas

Interesante e preocupado debate na presentación de ‘A horta sen químicos’

Os 45´ de tempo para a presentación de A horta sen químicos quedou corto, mesmo roubando un pouco de tempo á seguinte actividade, polo que pido desculpas. O motivo da escaseza de tempo foi debido ao  intenso debate que xurdiu arredor dos efectos dos produtos químicos na saúde das persoas, ademais da perda de diversidade ecolóxica por mor das sementes industriais. Na conversa posterior arredor do café acousa foi a peor, cando comentou os problema engadidos nos fillos de embrazadas expostas a químicos e deixou aberta a dúbida dos beneficios da lactancia en nais sometidas aos tóxicos.

Mais fóra do debate, qque arredor deste tema sempre resulta deprimente, Xan Pouliquen deunos unha breve introdución ao traballo na horta ecolóxica, que non reproducirei aquí pois para iso está o libro e insitiu na facilidade, economía e conveniencia de elixir como opción a plantación sen químicos, á vez que facía fincapé na necesidade de optimizar tempos e traballos e nos alertaba a cerca da inutilidade de moitos dos sulfatos naturais, case aceptados como un dogma por parte dos produtores ecolóxicos.

Grazas Xan, pola información e a túa cercanía e aproveito para deixar o enlace a un vídeo que ten na web da súa empresa: https://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=Egldu9QEzb.

Seguiremos na Feira esta tarde coa presentación en paralelo de dous interesantes ensaios: A poesía oculta de Filgueira Valverde e Modelos de lingua e compromiso. As 19:00 é a nosa hora!!!

O compromiso de Baía Edicións coa Natureza I. Guías Natureza

Co gallo da presentación na Feira do Libro da Coruña do último título da colección Baía Verde, A horta sen químicos, de Xan Pouliquen, e xa van 26!,  veume á memoria o traballo de compromiso co noso medio natural que levamos facendo desde a creación do proxecto editorial que representa Baía Edicións.

Sei que se pode pensar que «non temos avoa», o que, por outra parte, é certo, polo que me atrevo sen ningunha falsa modestia a facer este recordatorio do noso traballo divulgativo.

Hai 25 anos saíu ao mercado a Guía de aves de Galicia,  de Xosé M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e de Calros Silvar, autor das súas ilustracións. Esta guía viviu  algunha reimpresión e unha nova edición moi mellorada e actualizada no ano 2004 e supuxo nos anos 90 un punto de partida na aventura de divulgación do noso medio natural, algo case insólito no seu momento. A esta seguiron outras de non menos importancia e impacto, como as referidas ás  árbores, macroalgas, liques, anfibios e réptiles, orquídeas, cogomelos, mamíferos, fentos, microorganismos das nosas augas continentais e libélulas, todas elas eminentemente descritivas das especies galegas na procura de dar a coñecer a nosa riqueza natural, sempre seguindo dúas máximas: unha do saber popular “só se valora e se pode conservar aquilo que se coñece” e outra do noso gran fabulador Álvaro Cunqueiro, […] dicir rula e abidueira e dorna e fonte […] fanme dono da rula e da abidueira e da dorna e da fonte[…]para indicar que só existe e posuímos aquilo que ten un nome, aquilo que coñecemos, nun afán á vez normalizador do noso idioma. Penso, se non fora porque a situación económica nos obrigou a facer un alto neste fermoso proxecto, que se convertería no mellor catálogo de especies galegas, non apoiado pola Consellaría que debería encargarse desta tarefa. Polo medio, varias referidas a espazos naturais.

Non recibimos case axudas para este grandioso proxecto, mai si numerosos recoñecementos, como o da Asociación Galega de Editores en 2010 á Guía dos Mamíferos de Galicia ao mellor libro ilustrado e o que quero destacar e agradecer de forma especial da Federación de Libreiros de Galicia en forma  de Premio á Obra Editorial nos XXIII Premios “Irmandade do Libro” do ano 2012; grazas amigas e amigos por serdes conscientes do esforzo e traballo que fixemos.  Mentres, as obras cítanse en varias universidades europeas e algunhas están traducidas e adaptadas a outras linguas…

En fin, recoñecemento popular, recoñecemento científico e cultural, pero esquecemento por parte da Administración a un traballo que pon en valor de forma divulgativa e rigorosa aspectos da noso medio natural coa finalidade de ir construíndo, digamos, “artigos” da enciclopedia da natureza galega.

Calros Silvar imparte en Oleiros un obradoiro de Técnicas básicas de debuxo da natureza

Os días 14, 15 e 16 de xuño, Calros Silvar impartirá un Obradoiro de Técnicas básicas de debuxo da natureza no Castelo de Santa Cruz, Liáns, Oleiros. O 14 e 15 de xuño o horario será de 19.00 a 21.00 horas e o sábado 16 se realizán as prácticas de campo en horario de 10.00 a 14.00. As prazas son limitadas.

Os obxectivos que se pretenden son os seguintes:

  • Coñecer as técnicas básicas específicas do bosquexo de campo.
  • Capacitar aos asistentes para realizar apontamentos do natural.

 

Cartaz do Obradoiro Técnicas básicas de debuxo da natureza