Entradas

Coñecemos un pouco máis a Andrea Maceiras

A coruñesa Andrea Maceiras é licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galega. Recibiu en 2010 o cuarto Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil, que convoca Baía Edicións, pola súa obra Violeta tamurana. Unha obra que cualifica como unha “alegoría contra o racismo” na que advirte os seus lectores de que “quen sustenta o dominio sobre os pobos o fai mantendo a ignorancia e o temor ao descoñecido e ao diferente”. Ademais desta obra, publica en 2012 outra coa que procura, tamén nesta ocasión, romper cos tabús e achegarnos a unha realidade vista aínda co receo pola sociedade, O segredo do lagarto arnal. Entrevistamos a Andrea Maceiras para coñecela un pouco máis!

  • Bos días Andrea, cóntanos… cando empezaches a escribir?

Comecei a escribir nas portas da adolescencia. Nun momento dado decateime de que era posíbel situarme do outro lado das letras, como quen repara por vez primeira na existencia dunha ponte sobre un río caudaloso e, nunha intuición fascinada, sábese capaz de chegar á outra orela. Foi un proceso de evolución natural que se viu afectado por estímulos externos: a posibilidade de participar en certames literarios para xente nova (como o de Cambre ou o “Viaductos” de Redondela) foi moi importante. Desde entón, a literatura converteuse en algo imprescindíbel miña maior arela foi transitar as súas dúas beiras tanto canto fose posíbel: a través da lectura, da escrita,da miña vida académica e laboral.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Os meus primeiros referentes foron os da literatura pensada para nenos e mozos da que eu gozaba inmensamente como lectora. Tiven a gran sorte de poder ler, sendo moi nova, a moitos escritores que comprendían a necesidade dunha literatura concibida para os máis xoves: desde os membros da xeración Lamote, como Agustín Fernández Paz ou Xabier Docampo, ata Roal Dahl e Michael Ende, pasando por autores como Andreu Martin, Maria Gripe, Ruíz Zafón e moitos outros. Supoño que o feito de lembrar con gran viveza e agarimo aquelas lecturas fai que me sinta moi cómoda escribindo LIX.

  • Cando e por que xurde Violeta tamurana? Foi a túa primeira obra publicada?

Violeta tamurana é unha obra especial. Xurdiu naquela primeira etapa e foi evolucionando ata o momento no que a escribín, anos despois, de modo que conviviu moito tempo comigo. A novela en si mesma é unha metáfora de moitos aspectos do noso mundo e, como tal, inspírase na observación da realidade. Porén, non foi  a miña primeira obra publicada: tres anos antes vira a luz Proxecto Bolboreta, obra gañadora do I Certame Literario do Concello de Soutomaior, da man de Xerais.

  • É unha historia de aventura e fantasía, mais introduces moitos temas de actualidade como os conflitos xeracionais, a preocupación ecoloxista… cóntanos que nos podemos atopar na obra?

Violeta tamurana recrea un mundo violeta, ficticio só nalgúns aspectos e moi real noutros. Na obra contrástanse dous mundos moi diferentes: o do Arquipélago Perdido, de carácter tradicional e tribal, e o do Continente Luminoso, desenvolvido e tecnolóxico. No desequilibrio existente entre ambos son fundamentais problemas como o racismo, a manipulación da información ou a devastación da natureza a mans do home. Pao, o heroe da obra, emprende unha arriscada viaxe desde a súa illa natal ata o outro extremo do mundo, coa intención de deter a destrución do seu fogar e das extraordinarias flores que alí medran: as tamuranas. O inconformismo da mocidade, a busca de respostas e, sobre todo, a defensa da identidade propia son outras cuestións moi presentes na novela.

  • E despois desta magnífica obra que recibiu o Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2010, publicas no 2012 O Segredo do lagarto arnal. Cando xurde a idea desta obra?

O segredo do lagarto arnal xorde da experiencia do paso do colexio ao instituto e afonda nos cambios, medos e esperanzas desta nova etapa. A este proceso, que é común para a ampla maioría dos rapaces, engádense outras cuestións. David, o protagonista, está preocupado polo divorcio dos seus pais e estraña moito a aldea, que identifica coa felicidade da infancia. Neste momento de inestabilidade precisa un referente vital: o seu curmán Marcos, varios anos máis vello ca el e co que mantén unha relación fraternal. Porén, hai catro anos que non sabe del e a súa familia garda silencio ao respecto.O segredo da obra ten moito que ver co descubrimento do mundo, con ese espertar asociado ao inicio dunha nova etapa, coa capacidade de tomar decisións e de ser un mesmo, sen deixarse intimidar, a pesar das circunstancias.

  • Pensas que as mozas e os mozos poden sentirse identificadas coa obra?

A obra aborda moitos conflitos cos que pode atoparse calquera rapaz nesta idade: desde as amizades, as ilusións ou os desenganos ata cuestións de maior gravidade como o acoso escolar e a marxinación e persecución daqueles que son vistos como máis débiles pola sociedade… A novela fala de atreverse a ser diferente e… quen non se sentiu diferente algunha vez?

  • Tratas moitos temas de actualidade: o divorcio, os segredos familiares etc. consideras importante tratar este tipo de temas na literatura xuvenil?

A literatura xuvenil procura atraer os intereses do público mozo, mais estes son moi diversos. As historias afastadas da vida cotiá, xa sexa porque son distantes a nivel xeográfico ou porque recrean mundos de ficción, apelan á curiosidade e ofrecen moitas posibilidades de evasión. No entanto, os relatos que se centran en aspectos máis próximos poden resultar interesantes porque permiten unha maior identificación e dan pé á reflexión sobre cuestións do día a día que non sempre son tan intranscendentes como parecen. O verdadeiramente importante é conectar cos lectores e lectoras tratando de ofrecer historias que inspiren e entreteñan porque estas son as funcións orixinarias e primixenias da literatura.

  • En 2013 publicas Nubes de evolución, na que segues tendo en conta a actualidade e nos indicas que somos nós quen podemos virar a nosa historia e loitar para dar as costas a decepcións e enganos. Que pretendes con esta obra?

Nubes de evolución é unha historia intimista de fríos e soidades.Os seus personaxes principais teñen en común unhas vidas imperfectas que non encaixan na sociedade tal e como está concibida: unha moza de dezanove anos cunha filla pequena, un rapaz problemático e un profesor de secundaria viúvo e frustrado coa súa profesión. Os tres frecuentan a cotío unha estación de autobuses e é nese espazo impersoal e húmido onde se produce o seu encontro. A novela fala das pequenas cousas que son capaces de mudar o noso xeito de ver o día a día, de saber poñerse na pel do outro, da capacidade de transformar os lugares que habitamos e, sobre todo, da vontade de mudar as cousas para conseguir os nosos propósitos.

  •  Poderías indicarnos cales son as túas autoras e/ou autores favoritas/os?

-Quizais porque durante a miña formación tiven a oportunidade de ler a moitos autores clásicos, na actualidade o meu interese pasa por obras máis contemporáneas e achegadas a min no tempo: Murakami, Milan Kundera, Paul Bowles, Orhan Pamuk, Christa Wolf, Clarice Lispector, Amin Maalouf, Don DeLillo… En Galicia considero que temos unha LIX de gran calidade e hai moitas obras coas que gozo moito, como as de Marcos Calveiro ou Ledicia Costas, por poñer algún exemplo. Despois hai textos aos que regreso con frecuencia porque nunca se esgotan, como os de Carlos Casares ou Marica Campo. As miñas lecturas pendentes son igualmente variadas: desde o novo de Pedro Feijoo ata o último de Kazuo Ishiguro. Interésame estar ao día e explorar as novidades.

  • Que farías para fomentar a literatura xuvenil?

-Aínda que en principio poida parecer paradoxal, sabemos que na actualidade os rapaces e rapazas len e len moito e sabémolo porque hai moitos fenómenos de libros que acadan gran repercusión nos medios, o que quere dicir que detrás deles hai un público que desexa historias. Por desgraza no mundo no que vivimos o que non está exposto á vista de todos aparentemente non existe. Nas grandes superficies, que é onde cada vez máis mercan libros os mozos e mozas, a literatura galega está moi difícil de localizar e ocupa espazos moi reducidos. É unha cuestión de visibilidade. Con toda probabilidade os adolescentes aceptarían de forma natural que nos andeis de libros xuvenís se mesturasen os de distintas linguas e literaturas. Esta percepción baséase no feito de que nos clubs de lectura dos institutos (que fan un enorme labor a moi distintos niveis) as lecturas están moi repartidas entre as distintas literaturas porque os profesores se encargan de darlles visibilidade a todas elas.

  • Como ves hoxe en día a situación no mercado editorial?

Vivimos tempos difíciles en todos os ámbitos. Loxicamente os problemas económicos que afectan á maior parte da poboación teñen o seu reflexo tamén neste sector. A pesar diso, as editoriais galegas apostan polo futuro, facendo esforzos por integrar e integrarse nas novas tecnoloxías e iso propicia o interese dos lectores. Como autora, considero que un dos grandes acertos das editoriais galegas é a creación e mantemento de premios literarios que ofrecen moitas posibilidades para calquera escritor, pero sobre todo para aqueles que estamos comezando.

Grazas Andrea! Foi un pracer!

O segredo do lagarto arnal, de Andrea Maceiras

VISUALIZA UN CAPÍTULO DO LIBRO

Despois de dársenos a coñecer coa súa primeira novela, Violeta tamurana, gañadora do IV Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2010, Andrea Maceiras sorpréndenos de novo cunha obra que procura, tamén nesta ocasión, romper cos tabús e achegarnos a unha realidade vista aínda co receo pola sociedade.

Despois dunha visita ao que será o seu instituto no curso próximo, David sente que algo non vai ben. As sombras dos lagartos perségueno na rúa, na escola e mesmo na casa, facéndoo lembrar intensamente a aldea dos seus avós, Santo Antón de Piñeiro. David sabe que só alí pode volver ser el mesmo e responder ao seu nome verdadeiro: Arnal. Tampouco pode esquecer a persoa que lle puxo ese alcume, o seu curmán Marcos, un rapaz introvertido que desapareceu misteriosamente e de quen ninguén quere falar. Por iso David está disposto a dedicar todo o verán a procurar a luz nas sombras do seu pasado. Quizais así poida reencontrarse cos seus amigos da primeira infancia, esquecer un pouco o divorcio de seus pais, revelar un segredo familiar oculto e dicir, ben alto, que todas as persoas teñen o dereito de decidiren o seu destino, sexa este o dos lagartos, o das avelaíñas ou mesmo o das bolboretas.

Máis información

DE BALAS E LIBROS

Hai algún tempo tiven a oportunidade de contemplar algunhas das xoias bibliográficas da Universidade Complutense de Madrid. Na sala da improvisada exposición, había tesouros de valor incalculábel: fermosos manuscritos medievais delicadamente iluminados, edicións antigas e estrañas de obras da literatura universal, libros curiosos na súa encadernación, na súa forma ou no seu contido. Entre todos aqueles testemuños da historia dos homes, había dous superviventes que chamaron especialmente a miña atención: viviran moito e saíran vivos, aínda que non indemnes. Eran dous volumes de tamaño bastante máis grande do que hoxe entendemos como habitual, coas follas gastadas e amarelas. Un deles tiña un burato de bala que deixaba pasar a luz a través do seu corpo de palabras. O outro aínda levaba a bala aloxada no corazón.

Durante a guerra civil, no tempo no que aínda non existían os chalecos antibalas, aqueles libros serviran de protección aos homes. Os soldados non só escribiran cartas de despedida nas follas en branco, non só usaran o seu papel para facer lume co que quentarse, senón que idearan a forma de aproveitar a súa materialidade como defensa. Ao parecer, os libros son un dos mellores escudos contra as balas porque as súas múltiples capas de follas reducen progresivamente a velocidade do proxectil ata detelo.

Eu, que sempre supuxera que a literatura tiña unha función de escudo contra todos os males do mundo, comprobei in situ que esta calidade era tamén física. E máis alá de cavilar sobre a importancia do libro material por oposición ao libro en soporte virtual, que pasou como unha exhalación pola miña cabeza, comprendín dunha vez por todas a inxente necesidade que ten o ser humano de compartir libros, sexa como obxectos ou como esencias. Os libros salvan da rutina, das imposicións, salvan da mediocridade e salvan, sobre todo, da ignorancia. Todos os ditadores da historia comprenderon a capacidade protectora dos libros e sempre que alguén quixo prohibir o pensamento, prohibiu antes a palabra. Quen le abre a súa mente a novas experiencias, entra na realidade e constrúe a súa visión da mesma, ou, polo contrario, evádese dela. Quen escribe, axuda a que funcione esa viaxe de ida e volta, facilita que sexan posíbeis a singradura e o retorno. E, na consciencia de saber que a ponte existe, tanto o lector como o escritor están a salvo.

En calquera viaxe e, máis aínda, naquela en que se procura a liberdade, é preciso, por tanto, ter un refuxio. E, canto máis aberto é o espírito de quen a vive, máis confortábel debe ser o acubillo. Se cadra por iso, os escritores de literatura infantil e xuvenil sabemos que a nosa ollada do mundo ten que ser amplísima e cubrir tanta extensión de terreo como sexa posíbel. Por iso penso que as portas desta literatura non poden ter follas que as pechen. Pode ser, tamén, que esta necesidade de facer literatura para nenos e mozos sexa en certa medida unha resposta ás múltiples armas da nosa sociedade. Todos vivimos bombardeados en moitos frontes, a praga dos nosos días son os bombardeiros. Como escapar desta abafante abundancia de armas? Como resistir a traxectoria dos proxectís e seguir correndo ao descuberto?

No noso mundo, existen armas suficientes para acabar con todo e con todos. Hai armas brancas, armas de fogo, armas de dobre gume, armas físicas e ideolóxicas. O concepto de arma espallouse ata chegar a todos os recantos da nosa sociedade e, porén, non aconteceu o mesmo co caso do escudo. Xa ninguén pensa na concepción primaria deste termo, na idea dunha protección material e tanxíbel, relegada agora aos filmes de combates antigos e de homes bárbaros que loitaban corpo a corpo. Perdemos o concepto do libro como escudo porque, sinxelamente, perdemos o concepto do escudo. Pero nas pequenas batallas dos nosos días os feridos seguen a ser, como foron sempre, os que aínda non aprenderon a se defender dos perigos.

Nos tempos que corren, en todos os aspectos, precisamos cada vez máis estar protexidos, facernos fortes, ser nós mesmos. Precisamos deixar os camiños limpos para poder circular a salvo e para que os que veñen detrás de nós tamén os transiten. Precisamos, pois, de libros que nos fagan libres, en todas as idades e condicións, pero sobre todo cando somos máis vulnerábeis. Quen non lembra esa historia lida na súa infancia, esa que reaparece como unha pantasma na contorna das palabras de cada nova lectura? Temos que volver mirar os libros como o que son, promesa e defensa, e facer que os que nos seguen perpetúen a nosa ollada. Non esquecer nunca a función máis elemental da literatura, porque algunhas veces o ataque  e a blindaxe son a mesma cousa.

Non desestimemos, entón, a axuda dos libros á hora de parar as balas.

Texto: Andrea Maceiras