Artigos

O proxecto Ferreñas e rock and roll foi seleccionado no II Concurso de ideas “Luisa Villalta” de proxectos culturais pola Igualdade

O proxecto Ferreñas e rock and roll presentado por Baía Edicións ao II Concurso de ideas “Luisa Villalta” de proxectos culturais pola Igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, foi seleccionado entre os dez merecedores de apoio.

O proxecto, autoría de Laura Romero e Iria Pedreira, ten como obxectivo a publicación dunha historia de mulleres avanzadas na música galega (fundamentalmente do século XX), nunha publicación que busca  o coñecemento e divulgación de mulleres que deben ser traídas á memoria ben por ser as primeiras en realizar algún tipo de actividade musical pública (tocar en orquestras, por exemplo) ou ben pola novidade e/ou importancia da súa proposta artística.

“Ferreñas e rock and roll” xurdiulle a Laura Romero de forma natural ao traballar noutro proxecto de catalogación e divulgación exhaustiva das músicas galegas en activo, Músicas Galegas Ilustradas pois nese afán de busca a autora foi percibindo que quedaban fóra outras que foron pioneiras ou que foron casos pouco habituais nun territorio aínda hoxe moi masculinizado por non estar activas na actualidade: a primeira gaiteira documentada, o primeiro grupo feminino, escasos exemplos de grupos de punk feminino nos anos 90, músicas de orquestra cando era raro ata ver mulleres cantando nelas, as poucas mulleres do movemento bravú…

Semellaba inxusto que as músicas actuais esqueceran as que lles precederon e de aí a idea de renderlles homenaxe e poñer a súa actividade en coñecemento tamén da sociedade.

Son historias e anécdotas pouco coñecidas incluso para xente do mesmo ámbito. Algunhas delas son contadas como curiosidades durante os faladoiros e charlas nos que adoita participar Laura Romero.

Estamos moi felices de que o xurado valorara coma nós o esforzo de Laura Romero Pereira leva facendo pola visibilización das músicas galegas.

 

PARABÉNS LAURA E IRIA!!!

MOITAS GRAZAS AO XURADO!!!

Ferreñas e rock and roll

O proxecto, de título provisional, Ferrañas e rock and roll de Laura Romero e Iria Pedreira concorre, da man de Baía Edicións, ao programa de subvencións destinado a entidades lucrativas para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural na provincia da Coruña durante o ano 2019.

Memoria do proxecto