Entradas

Ser Libris segue a viaxar nos autobuses de Santiago

Os textos literarios de oito editoriais galegas seguen acompañando aos viaxeiros dos autobuses urbanos de Santiago até o 20 de febreiro. Le un libro e viaxa é a campaña deseñada por Illa Bufarda Produtora Creativa para a Asociación Galega de Editores dentro do marco de Ser Libris, unha iniciativa que a AGE promoveu no ano 2012 para dinamizar o libro e a lectura en Galicia.

Os obxectivos desta campaña céntranse na promoción do libro e a lectura como unha actividade máis da vida cotiá da cidadanía galega, así como na visiblización da edición dos libros dos editores galegos a través de textos de obras publicadas polas empresas editoriais integradas na Asociación Galega de Editores.

Corresponsabilidade asociativa

Os textos literarios, impresos nos vinilos que levarán os autobuses, foron seleccionados polas editoriais participantes nesta campaña: Nova Galicia Edicións, knsEdiciones, Ouvirmos, Editorial Galaxia, Edicións Xerais, Baía Edicións, Tambre Edicións, Ediciones Linteo e Dardo Editorial,  empresas que contribúen corresponsablemente ao financiamento desta campaña. No entanto, e como se pode visiblizar no cartel anunciador da iniciativa, todas as empresas editorais asociadas participan da idea promovida pola AGE.

A Asociación Galega de Editores agradece a colaboración do Concello de Santiago e da empresa TUSSA, concesionaria do servizo de autobuses urbanos da cidade, pola súa implicación nesta iniciativa.

Fonte: AGE