Entradas

Ensino en galego en toda Galiza, por tan só 10 euros ao mes…

A Cooperativa Avoescola e Galiza co Galego –asociacións sen ánimo de lucro– seguen a avanzar construíndo os alicerces dun proxecto independente para unha educación galega en mans da cidadanía.

O pasado mes de xullo asinaron coa asociación pedagóxica Nova Escola Galega un convenio de colaboración; e deica finais de ano participan en obradoiros gratuítos sobre cooperativismo e xestión directiva impartidos pola Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA), sendo o lugar para anotarse en Cooperativa de Ensino Popular.

En setembro, Galiza co Galego reunirase coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, para realizar novos acordos e achegar máis recursos de calidade ao ensino galego. Así mesmo elaborará o plan de empresa para “Avoaescola” que lle permitirá dar escola en calquera lugar de Galiza.

Avoaescola – Galiza co Galego prevé entrevistarse cos responsábeis do programa educativo de preescolar na casa, para pórse á disposición da súa fundación, das familias e educadores/as coa finalidade de buscar solucións que permitan o mantemento deste imprescindíbel labor educativo.

Asociarse a Galiza co Galego -Avoescola supón contribuír a garantir escolas en galego, laicas, inclusivas, de calidade, pluralistas e democráticas, por 10 euros ao mes durante o primeiro ano, e unha cota anual de 10 euros a partir do segundo.

As persoas socias poden participar en todas as actividades, e mesmo teñen a posibilidade de ser socio/a traballador/a na cooperativa de ensino “Avoaescola”.

Galiza co Galego

Fonte: Galicia Confidencial

Valentín García: “De nada vale investir en lingua se todo o mundo fala castelán”

“O galego ten que ter o seu lugar dentro da nosa sociedade”. Estas foron algunhas das palabras do secretario xeral de Política Linguística, Valentín García Gómez, nunha entrevista en RNE na que engadiu que “o galego ten que ser a nosa primeira lingua”, independentemente de que dentro da Unión Europea “conmutemos como falantes plurilingües” e iso “ten que ser visto como unha auténtica vantaxe”.

Asimesmo a nosa lingua danos a facilidade para interactuar con falantes de fala portuguesa, tendo en conta que, hoxe en día, hai moitos empresarios que están creando negocios en Brasil, país que conta ­cunha economía emerxente.

“O galego comunícanos con máis de 270 millóns de habitantes no mundo”, asegurou, “temos unha lingua que ofrece moitas posibilidades.

García Gómez está convencido de que a lingua non debe formar parte de ningún conflito político, intentando sempre quedar ao marxe das diversas contendas electorais.

Con respecto ao uso da lingua galega no ensino, o secretario xeral afirma que esa é unha parte importante dentro do proceso de normalización lingüística, pero para que a lingua sexa unha lingua de expresión e forme parte da vida activa dos cidadáns, ten que estar presente na sociedade.

“Moita xente cambia de lingua por moitos motivos: parella, círculo de amigos…, afirmou. “Temos que saber explicarlles aos adolescentes que en galego tamén se pode ligar; temos que explicarlles aos empresarios que se pode ter unha empresa en galego e aos profesionais da sanidade que os carteis nos hospitais teñen que estar en galego. En definitiva, hai que explicarlle á xente que tamén se pode vivir en galego unha vez que se sae do sistema educativo”.

Valentín García asegura que hai que esforzarse porque esa proxección que nace no ámbito do ensino sexa capaz de estar presente despois na sociedade.

“De pouco vale facer ­unha inversión lingüística en Galicia, se despois todo o mundo fala castelán”, continuou, xa que “a maior parte da poboación vive en núcleos urbanos, que son dende o século XVIII, os máis desgaleguizados”.

Ademais explicou que o decreto que prepara a Xunta para que se respecte a toponimia en galego está “en periodo de alegacións”. “É un proxecto importante porque a toponimia ten gran relevancia a pesar de formar parte do patrimonio inmaterial, sobre todo na nosa comunidade, na que hai unha alta densidade de topónimos”.

Fonte: El correo gallego

Foto: O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. EFE/Archivo

Todos os concertos de San Froilán serán gratuítos

O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura e Turismo de Lugo, Antón Bao, anunciou hoxe que todos os concertos incluídos no programa das patronais de San Froilán serán “gratuítos”, e dixo que o goberno local actuará con calma, “cautela e prudencia” para facer as mellores contratacións e ao menor prezo posible.

Bao respondía así, no transcurso dunha rolda de prensa, ao grupo municipal do Partido Popular, que esta semana se queixaba de que a só dous meses para o inicio das patronais lucenses, unhas festas declaradas de Interese Turístico Nacional, o goberno local non pechase aínda nin unha soa actuación.

O portavoz nacionalista recoñeceu que ao coincidir os dous festivos das patronais -os días 5 e 12 de outubro- en venres, o programa das festas concentrarase en dous fins de semana longos, polo que se reducirá o número de concertos”, que serán “todos gratuítos”.

En todo caso, Bao afirmou que “convén ter paciencia para negociar as mellores actuacións”, dado que coa actual situación económica o goberno local está disposto a controlar o gasto “céntimo a céntimo”.

“Non podemos lanzarnos a unha piscina sen auga”, dixo Bao, quen tamén asegurou que no programa das patronais volverán ter moita presenza os grupos lucenses e as actuacións de animación rueira que distinguen a estas festas e fanas diferentes.

Fonte: Galiciaé

Galiza perde turismo

Un dos recursos importantes que ten Galiza é o seu atractivo turístico. As diferentes campañas de promoción do noso territorio teimaron en vender o Camiño de Santiago e a zona das Rías Baixas. O primeiro atrae a moitos visitantes mais dun perfil de baixo poder adquisitivo e que pasa pouco tempo no noso país e o segundo compite coa  inmensa costa mediterránea.

Se partimos desta base enténdese que, segundo datos aportados pola propia Secretaría Xeral de Turismo, Galiza non chegara aos 3,5 millóns de visitantes no primeiro semestre deste ano. Deles unha mínima parte deciden durmir no noso territorio, non chega ao 2%.

Turismo de mochila

A pouca inversión en produto cultural dos últimos meses, cunha grande baixada de programación nalgunhas cidades como Compostela ou A Coruña, provocaron esta situación. Iso si, o número de peregrinos que chegaron a visitar a catedral de Santiago foi en aumento. “O problema é que estes visitantes non gastan nin quedan”, asegura un hostaleiro de Compostela. Outras das razóns que se están a dar, como comenta este empresario do sector, é que “non hai grandes congresos nin outros eventos como en cidades como Donosti ou Barcelona para atraer potenciais clientes”.

Fonte: SermosGaliza

SAÍDA á SERRA DO XISTRAL

A Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural vén organizando dende hai varios anos saídas a lugares de interese ambiental. O próximo 10 de xuño será a Serra do Xistral o obxectivo da andaina. Manuel Rodríguez Guitián, pofesor de botánica da USC vai ser o monitor que desvele os segredos deste contorno de alto valor ecolóxico.

A saída efectúase dende Sada (á porta do IES Isaac Díaz Pardo) ás 10 a.m. E a data tope para se apuntar é o próximo xoves 7. Pódese facer vía sms no 686 143 143 ou no enderezo-e asmarinhas@sghn.org.

Máis información no PDF

Foto: Turgalicia

María Antón, nova xerente do Consorcio de Santiago

O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, presentou a María Antón como nova presidenta do organismo no que participan as tres administracións. Currás resaltou as aptitudes de Antón (Mugardos, 1965) para desenvolver os proxectos deseñados nos orzamentos da entidade para o 2012, aprobados recentemente por 11,2 millóns de euros, informa o Consorcio nun comunicado.

Entre outras iniciativas, referiuse á construción, na antiga curtiduría de Pontepedriña de Arriba, do Centro Nacional de Formación en Materia de Rehabilitación, que será «único no territorio español».

Tamén recordou a axuda que vai prestar á Catedral de Santiago, cifrada en preto de 300.000 euros, en apoio do plan de xestión que desenvolve para conseguir a súa autofinanciación.

María Antón foi directora xeral de Turismo da Xunta entre o 2001 e o 2005 e foi responsable da posta en marcha das políticas de promoción e valorización do Camiño de Santiago, recorda o Consorcio no seu escrito.

Fonte: La Voz de Galicia

Dezanove editoras participan na Feira do Libro de Madrid

A Feira do Libro de Madrid, que se celebrará entre o 25 de maio e o 10 de xuño no Parque do Retiro, contará nesta súa 71 edición, cunha nutrida presenza galega. Un total de dezaseis firmas da edición compartirán o espazo reservado pola Asociación Galega de Editores neste evento. Trátase de Ir Indo Edicións, Editorial Espiral Maior, Baía Edicións, NigraTrea, Editorial El Patito, Editorial Galaxia, Edicións Xerais, Alvarellos Editora, Andavira Editora, Auga Editora, Edicións Embora, Hércules de Ediciones, MCSport, Sotelo Blanco Edicións, Editorial Toxosoutos e Editorial Linteo.

Canda a elas, as editoriais Kalandraka e Ediciones del Viento, así como a distribuidora Arnoia, terán cadanseu posto no evento, considerado un dos máis importantes a nivel estatal.

Fonte: Culturagalega

Organizan un concurso en liña de mensaxes de amor para dinamizar o galego na Rede

Os obxectivos da nova iniciativa son fomentar a participación en galego da mocidade, aumentar a presenza do noso idioma en internet e animar ao seu uso nas relacións interpersoais, de acordo co establecido polo Plan xeral de normalización da lingua galega nos ámbitos da mocidade e das novas tecnoloxías.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recordou durante a presentación que o galego é actualmente “a lingua que preferimos para falar coa xente que queremos: os amigos, a familia, as persoas que temos preto”, mais que pode ser tamén “a lingua que usemos para dirixirnos a persoas descoñecidas e iniciar relacións novas que, se comezan en galego, se manterán en galego”. García Gómez destacou tamén que o noso idioma, “que foi lingua de namorar na Idade Media, pode seguir séndoo hoxe e esperamos que así o entenda a mocidade galega”. Neste sentido, indicou que “o prestixio literario que tivo e ten a lingua galega debe complementarse co que hoxe ofrecen outros medios, coma internet”.
Ata o 17 de maio, os mozos e mozas que queiran participar poderán inscribirse e colgar as súas declaracións, de menos de 350 caracteres, na páxina web do concurso, onde se poden consultar as súas bases. Todas as declaracións serán alí visibles, onde figurarán de forma anónima, para que, a partir do Día das Letras Galegas e Día de Internet, as persoas que o desexen poidan votar polas que máis lles gusten.
Neste mesmo senso, Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude e Voluntariado, fixo fincapé en que a promoción do idioma galego é necesaria e, por iso, lembrou que é unha das prioridades da primeira Lei de Xuventude de Galicia. As bases establecen dúas categorías (unha para mozos de 14 a 19 anos e outra para mozos de 20 a 35) e tres premios por categoría consistentes en produtos tecnolóxicos coma un iPad, unha Wii ou un lector de libros electrónicos, entre outros.

Fonte e foto: Codigocero

A gala dos Premios Mestre Mateo 2011 terá a crise como eixe

A actriz María Castro será a encargada de conducir este ano a gala dos premios Mestre Mateo, que se celebrará o 28 de abril en Palexco, na cidade de A Coruña, e que repasará as crises dos últimos séculos, desde a Revolución Industrial, a través de sketches humorísticos e espectáculos musicais.

Así o explicou, en rolda de prensa, a coprodutora executiva da gala, María Liaño, quen sinalou que se utiliza como argumento a crise pero “non desde o derrotismo”, senón que será unha gala “optimista”.

Pola súa banda, María Castro, acusou a gala de “atípica”, posto que a actriz terá que bailar e cantar ao tempo que conduce a gala. “É un reto pero espero estar á altura das circunstancias”, engadiu.

Na gala, dirixida por Ángel de la Cruz, farase entrega do premio de honra Fernando Rey 2011 á produtora Dolores Ben pola súa destacada traxectoria. O acceso á cerimonia é con convite pero poderase ver en directo a través da TVG e terá unha duración estimada de dúas horas, segundo Liaño.

AXUDAS AO SECTOR AUDIOVISUAL

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fernández, destacou o labor do audiovisual galego en tempos de crise, afirmado que a calidade das producións “non mingua a pesar da crise”, ao tempo que anunciou que o día 19 se darán a coñecer as axudas ao audiovisual galego “co mesmo importe que o do ano pasado” de 2.900.000 euros.

Mentres, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, defendeu o financiamento público-privada da cultura en referencia ás entidades que patrocinan esta gala. “É o camiño polo que hai que transitar”, apostilou.

Foto: María Castro nun acto en Vigo. Carlos Pereira

Fonte: GaliciaHoxe

O Correlingua 2012 comezará en Ourense

Co lema Galego. Todo o que buscas, a edición 2012 de Correlingua comezará o vindeiro 2 maio en Ourense. A organización deste evento presentou onte os premios dos certames escolares deste ano. O CPI Pontecesures levou o premio ao Manifesto, mentres en vídeo impúxose o o IES Mosteirón de Sada. Pola súa banda, o premio á mellor banda deseñada foi ex-aequo para o CEE O Pino de Ourense e o CEIP A Laxe de Marín. Logo da saída, a carreira transcorrerá por once comarcas, Ferrolterra, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Baixo Miño e O Condado, O Morrazo e a Ribeira Sacra e para rematar o vindeiro 16 de maio na Mariña.

Fonte: Culturagalega