Entradas

A Real Academia presenta a programación do 50 aniversario das Letras Galegas

“É a maior festa cultural de Europa”, dixo Méndez Ferrín na presentación da programación que a Real Academia Galega preparou para celebrar os 50 anos do Día das Letras Galegas. Un libro gratuíto para os estudantes de Bacharelato co información sobre os 50 autores, cincuenta microespazos na Televisión de Galicia no que os académicos “glosarán” a figura dos 50 escritores homenaxeados, un suplemento distribuído pola Voz de Galicia, “mil coleccións-exposicións de cincuenta carteis e a edición dun libro conmemorativo” para librerías, institutos e bibliotecas, e un acto cívico na Praza de María Pita que se celebrará o 16 de xuño, no que os escolares esparexerán sete “materias simbólicas” vinculadas ás casas de sete escritores e os alcaldes dos concellos nativos dos autores homenaxeados turnaranse para recitar textos,segundo informou El País.

Fonte: Culturagalega

Foto: Real Academia Galega

II Concerto Día das Letras Galegas organizado polo Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega organizará o seu segundo concerto “Día das Letras Galegas” no Pazo da Cultura de Pontevedra. Será o mércores 16 de maio ás 21 horas, con entrada libre e gratuíta, e contará coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave e acompañada pola Coral Polifónica e o Coro do Conservatorio Profesional “Manuel Quiroga” de Pontevedra. Na sesión estrearanse as obras “Cantata das cantigas”, de Roxelio Groba, e “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade”, de Juan Durán.

Máis de cen cantores

Máis de cen cantores ocuparán o escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra nun concerto que homenaxeará a lírica e a música galegas. O programa ofrecerá dúas “Cancións xacobeas” (“Maria Soliña” e “Moi lonxe”) compostas por Antón García Abril sobre poemas de Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979). Seguiralle a “Cantata das cantigas” creada por Roxelio Groba en 2007, partindo de poemas populares do libro “Antífona da cantiga”, de Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) e rematará co “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade. Esta partitura, que inclúe o recitado polo actor Xosé Barato, foi composta, a pedimento do Consello da Cultura Galega, expresamente para este concerto por Juan Durán en homenaxe a Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987), figura senlleira escollida este ano pola Real Academia Galega para a celebración do Día das Letras Galegas.

Fonte: AGE