Artigos

Cultura e Educación organiza, a través do programa ‘Letras Vivas’, 435 actividades de animación e promoción da lectura en 105 bibliotecas públicas de toda Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro das políticas de promoción do libro e da lectura, vén de presentar o informe anual do programa Letras Vivas. Tal e como se informou hoxe no Concello da Xunta, a Secretaría Xeral de Cultura organizou ao longo deste ano 2012 un total de 435 actividades de animación e promoción da lectura e a lingua galega en 105 bibliotecas públicas.

O programa Letras Vivas, que este ano chega á súa quinta edición, promove o papel da biblioteca como punto de encontro cultural e como centro para a formación e a información dos individuos a través do libro. Deste xeito, a través desta iniciativa, conséguese, por unha banda, que as bibliotecas públicas poidan elaborar unha programación anual estable de fomento da lectura, e doutra banda, promociónase o traballo dos creadores galegos con actividades como obradoiros creativos, contacontos, mesas redondas, actuacións teatrais, recitais literarios, sesións de maxia, etc.

A gran maioría das actividades que se ofrecen a través do programa Letras Vivas caracterízanse por procurar un achegamento á lectura desde un enfoque interactivo e lúdico, que axude a transmitir a paixón polos libros como fonte de gozo e de coñecemento. As propostas atenden os distintos sectores de usuarios da bibliotecas, se ben a meirande parte delas están dirixidas aos nenos e nenas, por conformaren unha franxa chave na formación lectora das persoas. De igual forma, prográmanse accións tanto destinadas a un público carente do hábito lector e outras específicas para os afeccionados á lectura.

Letras Vivas

A través do portal web da Rede de Bibliotecas de Galicia, a Xunta creou un espazo aberto no que axentes e animadores culturais ofrecen as súas propostas anuais de actividades para favorecer a lectura e a creación literaria entre o espectro amplo da sociedade. Calquera das bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia pode solicitar participar neste programa.

Deste xeito, os propios axentes sociais activos (empresas e entidades con actividade dinamizadora, escritores, ilustradores, contacontos, actores, etc.) os que introducen no catálogo as súas propostas de actividades, favorecendo así un extenso abano de opcións en permanente actualización, a partir das cales cada biblioteca planifica a súa propia programación segundo as súas necesidades e públicos específicos

En canto ao tipo de actividades, o programa Letras Vivas divídese en dúas áreas: Letras Vivas-Animación, actividades de achegamento aos libros a través do teatro, dos monicreques, da maxia, de contacontos e un amplo abano de obradoiros creativos; e Letras Vivas- Creación, obradoiros, presentación de libros, conferencias, recitais literarios e literario-musicais… desenvolvidos por autores, ilustradores e, en xeral, profesionais de referencia vinculados á creación literaria. Das 435 actividades que se organizaron este ano 330 foron de animación e 105 de creación.

Excelente acollida

Na súa quinta edición, o programa Letras Vivas continúa tendo moi voa acollida tanto por parte dos programadores das bibliotecas como do público asistente. Esta iniciativa permite que as bibliotecas públicas podan planificarse a longo prazo, fidelizar públicos e crear hábitos de asistencia a este centros. Ademais, a través dos obradoiros artísticos, de música, teatro… favorécese un diálogo entre as distintas vertentes creativas, que permite tamén espertar intereses diversos nos participantes así como favorecer a entrada na lectura positiva da man doutras afeccións.

Outro aspecto positivo do programa Letras Vivas é que se da coherencia a finalidade da propia biblioteca, promocionando a lectura, a lingua e a cultura galegas ao mesmo tempo, obxectivos principais do sistema bibliotecario de Galicia. Asemade, a maior parte das actividades ofertadas están dirixidas aos máis pequenos, conseguindo crear un hábito lector nas xeracións que representan o futuro.

Outras actividades de animación á lectura

A Consellería de Cultura e Educación, ademais das actividades do programa Letras Vivas, tamén promoveu outras moitas iniciativas nas bibliotecas nodais galegas, como son os contacontos, clubs de lectura, conferencias, visitas guiadas e de formación para dar coñecemento dos servizos do centro, mostras bibliográficas e exposicións, entre outras.

Doutra banda, o longo deste ano 2012, co fin de difundir a vida e a obra dos autores e principais efemérides literarias, a Xunta de Galicia levou este ano ás bibliotecas nodais a exposición interactiva sobre Celso Emilio ferreiro, a quen o Parlamento Galego acordou dedicarlle este 2012 no centenario do seu nacemento, e a exposición audiovisual sobre Valentín Paz-Andrade, homenaxeado nas Letras Galegas.

Fonte: Xunta de Galicia