Entradas

Centenario da II Asemblea das Irmandades da Fala

Para celebrarmos o centenario da II Asemblea das Irmandades da Fala, na Libraría Couceiro, o mércores 13 de novembro ás 19.30 horas, o profesor e doutor Emilio Xosé Ínsua disertará sobre esta efeméride.

A conferencia xirará arredor do contexto, desenvolvemento e significado da segunda Asemblea Nacionalista, celebrada polas Irmandades da Fala en Compostela en novembro de 1919, hai agora exactamente cen anos. Repasaranse os debates afrontados, as figuras máis sobranceiras participantes e as conclusións adoptadas, con algunhas reflexións desde a perspectiva que nos brinda o tempo histórico transcorrido desde entón.​

Emilio Xosé Ínsua, autor de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)

 

Baía presenta en Santiago de Compostela ‘En branco e negro’, de Pere Tobaruela

Baía Edicións presenta o libro En branco e negro na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6 – Santiago de Compostela), o mércores, 23 de maio ás 19:30 horas.

A presentación correrá a cargo de Dolores Vilavedra e contaremos coa participación de Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións) e de Pere Tobaruela, autor do libro.

Contido do libro:

Sara Martí, a protagonista de En branco e negro, é unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é. Así o manifesta nos seus artigos de opinión en Coses Nostres. A través de vivencias propias e alleas, Sara vai tecendo unha historia salpicada de recordos amargos: o exterminio nazi, unha violación, a guerra dos Balcáns, o asasinato dun ser querido, as represalias do réxime ditatorial na Guinea Ecuatorial despois da súa independencia, o desacougo dun amor frustrado…

Mais non todo é negro na vida de Sara, pois, como di un dos personaxes, recordando as palabras de Ernesto Sábato: “O mundo está cheo de horrores, de traizóns, de envexas; desamparos, tortura e xenocidios. Pero tamén de paxaros que levantan o meu ánimo cando escoito os seus cantos, na alborada; ou cando a miña vella gata adormece sobre os meus xeonllos; ou cando vexo a cor das flores, ás veces tan minúsculas que hai que observalas desde ben cerca”.

 

‘Mar…usía’ en Compostela

Competindo con sete presentacións na cidade, Paco Rivas presentou onte con éxito na Libraría Couceiro a súa última publicación, Mar…usía. Relatos salpresados, unha clara homenaxe á xente do mar e, en especial, á de Nois, na mariña luguesa. Homenaxe que estende á linguaxe, cun abano de termos de clara influencia mariñá, que abarca a toponimia e as palabras de uso cotián no falar das xentes do lugar, algunhas case descoñecidas para o resto de galegas e galegos.

Arroupado polo prologuista e intúo tamén mentor, Luís Alonso Gilgado, quen dixo, entre outras verdades, que en Mar…usía “narrativa e lírica son a mesma cousa”, “dá a súa particular visión sensorial da realidade que evoca a poesía afrocubana de Nicolás Guillén”, así como indica as claras reminiscencias a Poe, Alberti ou Cunqueiro, e polo profesor, investigador e académico Francisco Fernández Rei, quen actuou como tal ao esmiuzar a terminoloxía empregada na obra, destacando o uso e “abuso” de sinónimos e xogos de palabras ao servizo do ritmo que impregna toda a obra.

Non sabemos se o exhaustivo traballo de recolla e espallamento da terminoloxía mariñá lle outorgará no futuro ao poeta e estudoso dos temas mariños Paco Rivas un lugar na Academia, como semellaba prognosticar a presenza neste acto de catro membros da Real Academia Galega, pero do que non temos dúbidas é que o autor é, a día de hoxe, o maior especialista en terminoloxía do mar da mariña luguesa.

Grazas a todas e todos os compañeiros de mesa, persoas asistentes e, como non, á Libraría Couceiro, anfitrioa indispensable do libro e a lectura en galego.

Nota da editora

Baía presenta este xoves ‘Mar…usía. Relatos salpresados’ en Santiago

Baía Edicións presenta o libro Mar…usía Relatos salpresados na Libraría Couceiro (Praza Cervantes, 6), este xoves, 23 de novembro ás 19:30 horas.
A presentación contará coa participación de Francisco Fernández Rei, da RAG, Luis Alonso Gilgado, prologuista, Belén López Vázquez, Directora Editorial de Baía e co autor da obra, Paco Rivas.

Contido do libro: Colección de 15 relatos con protagonismo do mar e das súas xentes que respiran a mellor tradición do realismo fantástico e mostran unha lingua que procura recoller fielmente a fala da xente da Mariña luguesa, mesturada, no entanto, cunha prosa rica en matices e recursos estilísticos postos ao servizo do dramatismo das distintas historias.

Palestra-coloquio sobre “As irmandades da fala” na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela

Baía Edicións e a Agrupación Cultural o Galo convidan á palestra-coloquio As Irmandades da Fala. 100 anos despois que terá lugar na Libraría Couceiro (Santiago de Compostela) o xoves día 19 de xaneiro ás 20:00 horas.

Nela intervirán Emilio Xosé Ínsua, profesor, escritor e ensaísta, autor de A Nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931) e Pepe Carreiro, debuxante, historiador e autor de As irmandades da Fala. Nin provincianismo, nin rexionalismo, nin galeguismo: nacionalismo!