Artigos

A rede vólcase en descubrir a Roberto Vidal Bolaño a propósito do Día da Letras

Esta é a semana grande da cultura galega que ten o seu clímax este venres coa celebración do Día das Letras. A maior parte do material que figura na rede ten un alto carácter didáctico, motivado por centros de ensino e bibiotecas que queren achegar o seu gran de area para divulgar a figura do homenaxeado. Biografías, recursos didácticos, vídeos, entrevistas, imaxes… e o cronograma de culturagalega.org para dar a coñecer a figura de Roberto Vidal Bolaño (1950-2002).

Cronograma de Roberto Vidal Bolaño

Culturagalega.org, realizou un cronograma que detalla graficamente a vida e obra de Roberto Vidal Bolaño a través das súas estreas teatrais e da súa actividade cinematográfica.

Consulta o noso cronograma e o noso espazo para o Día das Letras.

A Asociación Roberto Vidal Bolaño

Dez anos despois da morte do autor teatral, creouse unha asociación para dar a coñecer a súa figura. O colectivo está formado por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández castro e Camilo Franco. O web contén unha descrición sobre quen foi e o seu leigado.

Web da Asociación

A CRTVG e RVB

A cadea pública recupera entrevistas, programas e todo o material audiovisual que emitiu sobre o autor teatral. Afonso Becerra, Laura Tato, Evaristo Calvo, Xavier Estévez, Francisco Macías, Laura Ponte, Belén Quintás… e o propio Roberto Vidal Bolaño son algunhas das figuras que saen nos videos recollidos deste espazo.

Canle da CRTVG

Bibliotecas escolares

As bibliotecas escolares galegas iniciaron xa o seu labor de sensibilización, información e apoio ao profesorado dos seus respectivos centros, co fin de que o alumnado coñeza e goce da obra deste autor e procurando, tamén, que aprendan a amar a través das actividades, un xénero literario e unha expresión cultural esencial para unha sociedade democrática e unha poboación culta. Seleccóns de recursos, propostas de actividades, materiais para a busca documental, iniciativas para espertar o gusto polo teatro, comezan a difundirse.

As bibliotecas

RVB na USC

A Universidade de Santiago de Compostela peneira nos seus recursos propios para dar a coñecer os seus fondos relacionados co propio Roberto Vidal Bolaño. Publicacións, entrevistas, proxectos elaborados dentro da aula de teatro da USC fan parte deste proxecto.

Web da USC

O web da Real Academia Galega

É a RAG quen decide anualmente a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas. Esta entidade publica no seu web unha biografía sobre o homenaxeado.

No web da Academia

A Xunta e o Centro Dramático Galego

Desde que a Real Academia Galega declarase o Día das letras Galegas a un dramaturgo, o Centro Dramático Galego asumiu o “liderazgo” das actividades institucionais. A produción propia Días sen Gloria(dosieres, cortes de audio, un caderno pedagóxico…), as coproducións de Criaturas e Bailadelas. Asi como un programa amplo coas tres universidades que se concretou nas obras Animaliños (USC, Paloma Lugilde), A burla do galo (UDC, Rubén Ruibal)e RVB 2013 (A universidade de Vigo).

A Secretaría Xeral de Política Lingüística

A Secretaría habilitou un espazo na rede para colocar guías e carteis en diferentes niveis de ensino non universitario. Canda eles, hai materiais para ESO, bacharelato, FP e ensinanzas especiais elaborados pola Asociación Roberto Vidal Bolaño, así como guías didácticas, documentais e recursos feitos polos alumnos dos centros.

Web da Secretaría Xeral de Política Linguística

ESAD: material didáctico

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia abreu un apartado específico neste ano Roberto Vidal Bolaño no que agrupa as actividades, propostas didácticas ou material analítico e lúdico en torno á súa obra escénica. Ademais, ofrecen unha guía explicativa da exposición “Apuntamentos do artista: a obra escénica de Roberto Vidal Bolaño”, realizada por alumnado da ESAD de Galicia, en colaboración co seu profesorado.

Repositorio de recursos na ESAD

A vida e a obra

Presentación power point sobre a vida e a obra de Roberto Vidal Bolaño, Letras Galegas 2013 elaborada polo Departamento de Lingua Galega do IES “Concepción Arenal” de Ferrol.

Roberto Vidal Bolaño

A faceta cinematográfica

Roberto Vidal Bolaño ten asegurado en numerosas entrevista que el quería ser cineasta. De feito, ten desenvolvivo esa faceta como actor de series e películas, pero tamén como guionista. O Centro Galego de Artes da Imaxes, dedicará unha sesión a proxectar dous traballos, o filme Doentes e un documental de Gonzalo Enríquez sobre a súa figura, Recuperando Roberto Vidal Bolaño.

As proxeccións no CGAI

Outros materiais

Os cadernos pedagóxicos de Días sen gloria e As actas escuras; así como a Revista das Letras dedicada a Roberto Vidal Bolaño por Galicia Hoxe en 2005.

Fonte: Culturagalega