Entradas

Baía Edicións segue a completar recursos educativos da Aula Virtual

Co  inicio do curso escolar 2013-2014 petando á porta, Baía Edicións continúa a traballar nos recursos educativos virtuales na Aula Virtual e dando de alta a novas usuarias e usuarios. Calquera pode visualizalos, sen necesidade de rexistrarte, a índa que para usar algúns deles si se necesita pasar un sinxelo rexistro en  http://aulavirtual.baiaedicions.gal/

Como cada curso escolar, Baía Edicións apura a incorporación de novos recursos de utilidade nas aulas galegas. Neste curso 2013-2014 destacamos como novidade os referidos á materia de Lingua e Literatura Galega, de Economía e o referido ao Aproveitamento do cine para o ensino da Historia contemporánea, todo eles deseñados para Bacharelato.

Destacamos a variedade de contidos na nosa Aula Virtual, así podemos encontrar desde información sobre o contido do libro dunha materia determinada ao propio libro virtual, desde material complementario de ampliación e reforzo a propostas de actividiades, estas útlimas autocorrixibles ou para compartir na aula. Tamén se poderán ver ideas de  programacións de materias, solucións a exercizos propostos nos libros en papel, etc. Sempre coa finalidade de favorecer a diversidade nas propostas de achegamento a unha materia determinada, o que redundará nunha maior calidade da nosa oferta educativa.

Non busques nesta aula unha proposta unidireccional de traballo, nin a solución á aprendizaxe,  nin un deseño espectaular carente de contido, porque a Aula Virtual de Baía Edicións só pretende ser un lugar onde cada quen ten que elixir o que mellor se lle adapta á súa forma de ensinar e aprender.

Fonte: Baía Edicións

O Compostweets chega á súa terceira edición

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago de Compostela acolle este venres a celebración do III Encontro Anual de Social Media en Galicia coñecido como Compostweets, que nesta ocasión concentra a súa actividade nunha sesión de tarde que botará a andar ás 14:15 horas nun acto de apertura na que Raquel Lemos Publiwoman desenvolverá unha acción de networking que conducirá a un relatorio de Rodolfo Carpintier no que explicará como Internet pode salvar a túa empresa ou… afundila, e que será o prato forte deste evento no que os profesionais galegos do sector das redes sociais danse cita.

Repetindo a experiencia do ano anterior, ás 18:05 horas exporanse seis proxectos baseados na Internet que tras pasar unha fase de selección están a gozar dun proceso de titorización por parte dun grupo de mentores que abordan catro aspectos básicos: a análise do produto/servizo, a estratexia de comunicación, a xestión e execución do proxecto e o seu financiamento. Encargaranse destas exposicións Itziar Villar (Twin Shoes), Diego Carracedo (Marcasparapymes.com), César González (Felicitame.es), Marcos Pereira (Escompring), José Tamarit (ISENDYOU.TV) e Alexis Vegas (Nuuuki), recibindo o gañador formación a través da Escola Europea de Negocios grazas a un acordo coa AJE Galicia.

Para pechar o encontro, o director de Social Media e SEO de Elogia, Rubén Bastón, impartirá unha conferencia sobre o marketing dixital como acelerador das ventas en liña.

A presente edición do Compostweets está arroupada por varias actividades fóra de programa, como un xantar no restaurante Barrigola e unha Compostnight para rematar a xornada cunha sesión de networking nocturno. Tamén cómpre destacar que para facer un seguimento en tempo real ou, simplemente atopar a localización do CNTG, o evento conta cunha aplicación oficial de balde para iOS desenvolvida por Bits for Meetings.

Fonte: Codigocero

24.766 empregos directos e 124.000 indirectos deixáronse de crear polas descargas ilegais

Datos alarmantes siguen chegando do Observaorio de la Piratería y Hábitos de Consumo de Contenidos Digitales 2012. Nunha nota de prensa difundida pola Coalición de Creadores de la Industria de Contenidos destacan a enorme cantidade de empregos que deixaron de xerarse durante o ano pasado, nun contexto, aseguran no que o Executivo repite constantemente de apoio aos sectores para a creación de emprego. Como ese mercado ilegal e informal que se nutre da pérdida do mercado legal, non abona impostos, as arcas do Estado deixaron de ingresar 495 millóns de euros, o que non deixa de ser un paradoxo nas circunstacias de recortes xeralizados dos servizos.

As descargas ilegais supuxeron máis de 15.000 millóns, un 41% máis do acontecido no ano 2011. A decepción das industrias dos contidos coas medidas gobernamentais son evidentes.

As razóns principais dos usuarios para acceder a descargas ilegais teñen que ver coa falta de mensaxes claros dos poderes públicos en canto a que se está realizando unha actividade ilegal e favorecendo a economía informal, que é a que non contribúe cos seus impostos ao sostemento do Estado. O 69% acceden a eses contidos de forma ilegal e sen tribas de ningún tipo e perceben como algo natural ese acceso gratuíto e sen custo algún. Un 51% asegura que dende a subida do IVE utiliza máis aínda o sistema. Un 21% considera claramente que non é unha actividade ilegal y que non fai dano a ninguén.

Máis información

Tamén lle pode interesar

Fonte: AGE

Debate europeo sobre o IVE do libro dixital

Diversos países da UE veñen negándose a cumprir a directiva europea que obriga a modificar o IVE dos libros dixitais. Por ese motivo poderíase presentar un recurso diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Francia e Luxemburgo, os países aos que se lle deu o prazo dun mes para modificar as súas lexislacións na materia, non cumpriron dentro do prazo. Os editores pretenden a equiparación fiscal do libro en calquera dos seus soportes.

Nunha xuntanza sostitda polo Secretario de Estado de Cultura co delegado para a fiscalidade dos bens e servizos culturais do goberno francés,  os dous políticos subliñaron a necesidade de que se traballe por unha política cultural europea tamén no ámbito dixital. O exministro francés de Cultura, Toubon, que tamén participou nese encontro, asegurou que ” Europa está colonizada por empresas que cobran dende California, e así seguiremos en tanto Europa non teña unha posición común en relación á fiscalidade dos libros.

A información foi publicada no Boletín do Observatorio da Lectura e o Libro do Ministerio de Cultura.

Fonte: AGE

 

Dispoñíbel unha ferramenta de balde para achegarnos ao enoturismo galego a través dos móbiles

Turismo de Galicia, Turgalicia, presentou este mércores 13 de febreiro unha nova ferramenta para a promoción do enoturismo e a enogastronomía botando man dun recurso que se afianza cada vez máis entre os viaxeiros que percorren a nosa terra: os teléfonos intelixentes. O recurso dado a coñecer poderase descargar de balde, previa introdución dos termos “enoturismo” e “galicia”, para iPhone, trebellos con Android ou Blackberry. O servizo inclúe tres linguas de uso, galego, castelán e inglés, e achega información de utilidade subministrada polas asociacións das Rutas dos Viños de Galicia, correspondentes a cada unha das Denominacións de Orixe Protexida vitivinícolas galegas: Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra, Ribeiro e Rías Baixas.

Os datos, que foron complementados e avaliados en detalle por Turgalicia, serven entre outras cousas para amosarnos en detalle as características de cada D. O, dos contornos xeográficos que abranguen e dos seus caldos.

Un dos piares sobre os que se apoia o servizo é a tecnoloxía GPS que vén inserida nos devanditos móbiles. Grazas a ela, achégase a localización do usuario de xeito inmediato e exacto e, a partir de aí, a dirección que ten que tomar para chegar ao seu destino enolóxico ou enogastronómico, “superándose con isto as dificultades de sinalización dada a complexidade xeográfica e orográfica do territorio”, sinalouse na presentación do servizo, no que participaron a secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, e máis a xerente de Turgalicia, Carmen Pita. Outra das características da ferramenta na que fixeron fincapé é no proceso de optimización informativa ao que está sometida de continuo. Así, fixeron saber, “a información actualízase en tempo real cada vez que se introduce nova información na web de Turismo de Galicia, dado que esta aplicación está deseñada para ler inmediatamente a información da base de datos de Turgalicia, cousa que permite que as actualizacións sexan continuas e que a ferramenta goce da axilidade e flexibilidade necesarias para afrontar os rápidos cambios tecnolóxicos do sector turístico”. Segundo explicou a secretaria xeral durante a presentación, “con esta acción, Turismo de Galicia consegue situar á nosa comunidade autónoma como unha das primeiras que deseña un proxecto de promoción integral para o desenvolvemento de todo o noso sector enoturístico usando as máis actuais tecnoloxías”.

Pulo á enogastronomía

Segundo explicou Nava Castro, a iniciativa presentada insírese no Primeiro Plan de Enogastronomía de Galicia, un programa de acción que combina o pulo a nivel internacional do noso sector vitivinícola e gastronómico. A secretaria xeral tamén salientou a aposta pola Calidade Turística de Galicia e a súa incidencia no eido enoturístico. “Ademais de ser a Comunidade Autónoma Española na que máis medrou a cifra de establecementos certificados coa Q de Calidade Turística e de ser líder no sector de balnearios, turismo rural ou turismo activo, somos tamén a primeira comunidade en certificacións Q de Calidade Turística no sector do Turismo Industrial porque 9 das 11 adegas certificadas de España co distintivo Q están en Galicia, o 81,8 por cento”, dixo.

Fonte: Codigocero

A calculadora, o futbolín e ata o primeiro libro electrónico se inventaron en Galicia

Galicia é terra de inventores e os feitos confírmano. Desde o futbolín ata o primeiro libro electrónico, os galegos demostraron saber adiantarse ao seu tempo e facer realidade aparellos -rudimentarios na súa esencia- que a día de hoxe seguen de plena actualidade. Un dos máis descoñecidos é o caso da primeira calculadora, obra dun veciño da Estrada chamado Ramón Verea e cuxo primeiro modelo consérvase na sede das oficinas de IBM en Nova York. A Calculating Machine pesaba 22 quilogramos, estaba construída en ferro e aceiro amarelo e servía para facer multiplicacións e divisións.

Ao nivel do mítico Alejandro de Fisterra e do pontevedrés Verea debe estar tamén unha muller visionaria, Ángela Ruiz Robles. En 1949, esta profesora de escola ferrolá ideou un complexo libro, antecesor das tabletas actuais, que funcionaba a través duns carretes e que permitía aos seus alumnos alixeirar o peso das súas mochilas e enfrontarse á aprendizaxe dun modo máis ameno. Revolucionario no seu momento, o invento -que agora se pode visitar na sede do Museo de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña (Muncyt)- mostraba os seus contidos baixo unha lámina irrompible que ata incorporaba luz para que puidese lerse na escuridade.

Pero a contribución dos galegos ao mundo dos inventos non decae e na actualidade son moitos os que saltan aos titulares da prensa polas súas innovadoras ideas. É o caso dun galego que ideou un sistema para evitar atropelos. Trátase dun sistema que eleva un pivote cando o semáforo se pon en vermello e que blinda o paso de peóns impedindo que o vehículo invada este espazo. Diversos colectivos aplaudiron xa unha idea que, só na Comunidade galega, evitaría máis de 30 mortes ao ano.

O pasado ano, 188 galegos presentaron as súas solicitudes de patente ante a Oficina Española de Patentes e Marcas. A maior parte das invencións que se rexistran na Comunidade son froito do traballo de persoas anónimas que non están vinculadas ao mundo da empresa.

Fonte: ABC

Foto: A primeira calculadora inventada por Ramón Verea. Galicia Espallada

Desproporción entre a oferta e a demanda de libros electrónicos

O sector editorial está facendo un esforzo moi importante por dixitalizar a produción dos seus libros. No ano 2011 a industria editou 40.328 títulos, un 243% máis, en relación ao ano 2010. A comercialización non tivo os resultados agardados polas editoriais, producíndose un desfase entre a oferta e a demanda.

No sector preocupa tamén a subida do ive do libro dixital, que pasa do 18% ao 21%. Ese incremento de tres puntos van supoñer unha diminución da demanda e non animan aos lectores a compatibilizar a lectura dixital e a do soporte tradicional.  A medida tamén dificulta a comercialización na etapa na que máis esforzos se están a facer para incorporar os contidos a soportes electrónicos.

Os editores europeos reivindican o ive reducido do libro dixital.

Fonte: AGE

Libro electrónico do alumnado de Sociais de 2º da ESO

Baía Edicións, pioneira entre as editoriais de ámbito galego no desenvolvemento do libro de texto virtual, dentro da integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia, presenta o 1º Tema de SOCIAIS de 2º da ESO.

Co inicio do curso, Baía Edicións poñerá á disposición da comunidade educativa o libro electrónico do alumnado.

Descarga o primeiro tema do libro de Sociais de 2º da ESO desde AQUÍ!

Android vai camiño de acaparar a práctica totalidade do mercado estatal

O sistema operativo de Google para móbiles, Android, abrangue arestora o 87,1% da cota de mercado estatal, segundo se sinala nos máis recentes informes de Kantar World e reflicten os medios na Rede. Para entendermos mellor o que representa esta cifra, cómpre ter en conta que o ano pasado, en España, a devandita cota era do 47,9%. De continuar medrando así, a este ritmo, calcúlase que en breve estará presente na gran maioría dos trebellos, beneficiándose de tres acontecementos decisivos e fundamentais: o retroceso de Symbian, a caída de vendas de Apple e a suba dos trebellos da marca Samsung, que son hoxe en día os principais valedores de Android.

De feito, Samsung acapara case a metade das vendas a nivel europeo, chegando ao 60% en países como España.

Na outra cara da moeda temos ao xigante Apple, que perdeu até un 11% do mercado en determinadas áreas xeográficas, e a Symbian, que en España pasou de ter un 30% do mercado a contar con unicamente un 2,7%.

Fonte: Codigocero

A selectividade comeza en Galicia con textos sobre o libro electrónico e a afección ao fútbol

As probas de acceso á universidade (PAU) en Galicia arrancaron este mércores co exame de Lingua Castelá e Literatura II, no que os alumnos se atoparon con varios textos para analizar que trataban sobre o libro electrónico e a afección ao fútbol.

Preto de 10.000 alumnos enfrontaranse ata o venres aos exames de selectividade como primeiro paso á súa entrada á educación superior galega, segundo os datos facilitados pola Comisión interuniversitaria de Galicia. O ano pasado, a convocatoria de xuño rexistrou un 86 por cento de aprobados.

Deste modo, a opción A desta primeira proba ofrecía un texto asinado por Arturo Pérez Reverte, no que o escritor reflexiona sobre a implantación do libro electrónico e o debate sobre o formato papel.

Ademais de redactar un comentario crítico, os alumnos tiñan que responder a unha serie de cuestións gramaticais e léxicas, ademais de varias preguntas de teoría centradas no tratamento do tempo e o espazo en ‘Plenilunio’, e na obra de narrativa peninsular que leron durante o curso. A pregunta final versaba sobre as características xerais do Modernismo.

Por outro lado, na Opción B da proba, incluíase un texto de John Carlin en El País no que aborda a afección e a popularidade do fútbol e a súa instauración na sociedade.

Así mesmo, entre outras cuestións, preguntábase polo valor de varias formas verbais subliñadas no texto ou un texto breve de cinco liñas en rexistro formal-culto. Finalmente, cuestionábase sobre a obra ‘A Fundación’ e preguntábase por lugar, tempo e acción da obra teatral lida durante o curso, xunto coas características xerais e autores máis destacados do Romanticismo.

XORNADA

Tras un descanso duns 45 minutos, a xornada continuarase con Historia de España e Historia da Filosofía (12.15 horas), e continuará pola tarde con Lingua Galega e Literatura (16.00 horas) e Lingua Estranxeira (18.15 horas).

AULAS DE TODA GALICIA

Desde hoxe, mércores, e ata o venres, máis de 9.000 alumnos ocupan as aulas dos centros de toda Galicia para afrontar as probas de selectividade na convocatoria de xuño, O ano pasado participaron un total de 10.160 alumnos nas Probas de Acceso á Universidade (PAU) de xuño, que rexistrou un 86 por cento de aprobados. A falta da matrícula extraordinaria para alumnado que aprobe 2º de Bacharelato na convocatoria deste mes tras a resolución das reclamacións, polo momento cuantifícanse un total de 9.895 estudantes para a realización das probas.

A xornada deste mércores das PAU comezou coa presentación ás 9.00 horas, Lingua Castelá e Literatura (10.00 horas), Historia de España e Historia da Filosofía (12.15 horas), Lingua Galega e Literatura (16.00 horas) e Lingua Estranxeira (18.15 horas).

Ao día seguinte, o xoves, haberá Matemáticas II, Grego II e Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica (9.00 horas); Ciencias da Terra e Ambientais, Literatura Universal, Ciencias Sociais, Deseño (11.15 horas); Química, Latín II, Debuxo Artístico II (13.30 horas); Bioloxía, Historia da Arte (16.30 horas); Electrotecnia e Matemáticas aplicadas ás Artes Escénicas (18.45 horas).

Finalmente, o venres serán as probas de Física, Xeografía e Análise Musical II (09.00 horas); Tecnoloxía Industrial II, Economía de Empresa (11.15 horas); e Debuxo Técnico II e Historia da Música e a Danza, ás 13.30 horas.

Fonte: GaliciaHoxe

Foto: Pili Prol