Artigos

O libro ‘A Nosa Terra é nosa!’ de Emilio Ínsua reciben ‘ex aqueo’ o Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo

A obra A Nosa Terra é nosa sobre as Irmandades da Fala de Emilio Ínsua xunto coa Biografía de Rosalía de Castro escrita por María Xesús Lama recibiron ‘ex aqueo’ o Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo, iniciativa nada este ano co impulso da Fundación Rosalía de Castro.

Así, o xurado do premio, composto por Xosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Barreiro, María Xesús Pato, Alba Nogueira, Ernesto Baltar, Anxo Angueira e Xosé Carlos Beiró, emitiu o sábado 1 de decembro o fallo do concurso, no que destacan “a relevancia do traballo” das obras premiadas.

‘Cantos de independencia e liberdade’, obra de María Xesús Lama editada por Galaxia, dá unha volta ás biografías ata agora publicadas sobre Rosalía de Castro. Trátase do primeiro volume da biografía da autora galega máis universal e nela nárranse as súas orixes familiares e os seus anos de mocidade.

Pola súa banda, Emilio Insua redescubre en ‘A Nosa Terra é nosa’ o nacemento, desenvolvemento e legado das Irmandades da Fala, prestando especial atención ao papel que desempeñou Antón Vilar Ponte como un dos seus promotores.

O Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo ten carácter bianual e pretende contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental do arquivo ‘Baltar Feijóo’, que foi depositado pola súa familia na Casa de Rosalía e que recolle publicacións que van desde o ‘Rexurdimento’ ata a ‘Xeración Nós’.

A Asociación Veciñal da Agra do Orzán e Baía Edicións presenta ‘O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza’

A Asociación Veciñal da Agra do Orzán e Baía Edicións convidan ao lanzamento do libro O falar das fadas Lingua, música e toponimia da Galiza, de Xosé Manuel Sánchez Rei, que terá lugar nos locais da Asociación (Rúa Entrepenas, 38 soto, A Coruña) na próxima quinta feira, 26 de febreiro ás 20:00 horas.

Intervirán, para alén do autor, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Belén López Vázquez.

Ao remate do acto, actuación musical de Ricardo, Noa e Sonia Seixo.

‘Denébola a Roxa’ e ‘A nosa Terra é nosa!’ nos mellores do 2016 de Fervenzas literarias

Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións, Fervenzas Literarias acaba de publicar os resultados onde as lectoras e os lectores decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2016. En total, este ano recibiron 420 enquisas válidas.

Dous dos nosos títulos foron seleccionados… Parabéns ás premiadas e premiados!!!

7º posto no Mellor libro de ensaio/investigación para A NOSA TERRA É NOSA! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua.

6º posto no Mellor libro literatura xuvenil para DENÉBOLA A ROXA, de Héctor Cajaraville.

Fonte: Fervenzas literarias

Neste inicio de curso recordamos a María Barbeito, a súa vida ao servizo da escola

Dinamizadora de actividades docentes e extraescolares

Resulta difícil illar este tipo de actividades no conxunto das levadas a cabo por María Barbeito como mestra e directora, pois todas elas están intimamente unidas ao seu labor docente, pero queremos destacalas pola súa singularidade. Entre as actividades docentes están as relacionadas coas exposicións de traballos escolares, de carácter manual, que realizaban os párvulos e as seccións de nenas que estaban baixo a súa dirección . Ao longo de 30 anos, desde 1906, ao remate do curso escolar , nos espazos especialmente habilitados e decorados para a ocasión, o público coruñés podía visitar a exposición dos traballos realizados ao longo do curso. Foi unha iniciativa da mestra, de notable resultado e éxito popular, levada á práctica antes de que se convertese en obrigatoria como substitutiva dos exames suprimidos para eses niveis de ensino.

Durante anos, o alumnado das escolas públicas que máis destacara durante o curso recibía uns premios que, polo xeral, eran entregados nun acto ao que asistían autoridades e personalidades da cidade. Polo común, os premios eran entregados nas escolas Da Guarda, pero nalgunha ocasión o acto alcanzaba maior relevo e contaba coa presenza de autoridades e público. Este foi o caso do ano 1912, no que se realizou o acto de entrega de premios no teatro Rosalía de Castro coincidindo coa inauguración do novo curso; naquela ocasión María Barbeito foi designada pola Xunta Local de Primeira Ensinanza para pronunciar o discurso central do acto o día 22 de setembro.

A mensaxe final do discurso de María Barbeito tivo amplo eco entre os asistentes polas propostas formuladas pola mestra: a suxestión de que o Concello cambiase o destino das pesetas destinadas a estes premios:  La maestra Dª María Barbeito, con gran acierto, propuso transformar el beneficio del premio en creación de edificios puramente escolares, como campos de juego, casa de baños, salón de espectáculos, biblioteca pública y escuela de anormales.  Con esta proposta a oradora trataba de mellorar os servizos comúns do alumnado coruñés, poñendo de relevo o permanente desvelo e a loita interminable da mestra.

 

Texto do libro María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970)

Baía presenta ‘A NOSA TERRA É NOSA. A xeira das Irmandades’ na Feira do Libro da Coruña

Baía Edicións convoca o Acto de Presentación do libro A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua. Terá lugar na Carpa de Presentacións da Feira do Libro da Coruña (Xardíns de Méndez Núñez) o xoves día 4 de agosto ás 20:30 horas.

Contaremos coa presenza de Emilio X. Ínsua, Goretti Sanmartín e Belén López (Directora Editorial de Baía Edicións).

Esperámosvos!!!

Coñecemos un pouco máis das Irmandades da Fala (III)

Extracción do libro A NOSA TERRA É NOSA! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)

A idea das Irmandades, unha vez fundado o primeiro núcleo na Coruña, vaise espallar con certa rapidez por varias cidades e vilas da Galiza mediante diferentes elementos propagandísticos: os mitins, a correspondencia epistoral (infelizmente inaccesíbel hoxe moita dela), os artigos na prensa periódica, o contacto persoal etc. Antón Villar Ponte xoga a este respecto un papel básico, cando menos nestes primeiros compases, e á súa actividade débese, por exemplo, o achegamento ás Irmandades dunha figura tan relevante nelas como Lois Porteiro Garea, líder do grupo santiagués. Ao local da Irmandade chegaban segundo Ramón Villar Ponte, “un día e outro, de diversas localidades da terra, peticións de estatutos, demandas de ourentación, adheríndose verbas de alento” (Ramón Villar Ponte, 1977:21).

As primeiras actividades públicas da nova entidade (excursións, recitais, cursos de lingua, promoción dos coros populares, representacións teatrais, ciclos de conferencias, homenaxes a figuras desaparecidas…) parecen asimilala a unha asociación de índole estritamente lingüística e cultural (Quintana Garrido, 2002b:182; Beramendi, 2007:434-435) e iso provoca, como teñen sinalado Beramendi e Núñez Seixas, unha certa acollida positiva moi xeralizada, que inclúe sectores (persoeiros, cabezallos de prensa… ) certamente aditos ao statu quo político do momento. Iso fai que as Irmandades teñan, á partida, unha presenza “proporcionalmente moi superior á súa entidade real” (Beramendi & Núñez Seixas, 1995:96). A falida confluencia co republicanismo coruñés nunha nova Solidaridad Gallega, por volta de finais de verán de 1916, e, sobre todo, a aparición do voceiro A Nosa Terra, en novembro dese mesmo ano, comezarán a mudar esa inicial fasquía “inofensiva” e “folclórica” das Irmandades, que emprenden desde entón, sen abandonar por iso o activismo cultural e idiomático, un rumbo claramente “político”, que axiña debullaremos…

Foto: Antón Villar Ponte, na homenaxe a Vicetto e Añón. © CCG

Baía presenta ‘A NOSA TERRA É NOSA. A xeira das Irmandades’ na Libraría Biblos

Baía Edicións convoca o Acto de Presentación do libro A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua, que terá lugar na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4, Betanzos) o venres día 27 de maio ás 20:00 horas.

Contaremos coa presenza de Emilio Xosé Ínsua, que estará acompañado Xesús Torres e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

Esperámosvos!!!

Baía presenta ‘A NOSA TERRA É NOSA. A xeira das Irmandades’ na Feira do Libro de Lugo

Baía Edicións convoca o Acto de Presentación do libro A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua, que terá lugar na Carpa de Presentacións da Feira do Libro de Lugo (Praza Maior) o venres día 20 de maio ás 19:00 horas.

Contaremos coa presenza de Emilio X. Ínsua, Francisco Legaspi e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

Esperámosvos!!!

Clausura do Ano Cultural. Manuel Lugrís Freire

Hoxe venres 14 de febreiro ás 19:00 no Auditorio Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada terá lugar a CLAUSURA DO ANO CULTURAL. MANUEL LUGRÍS FREIRE.

Desenvolverase o acto de clausura do Ano Cultural Manuel Lugrís Freire. No acto, organizado pola concellería de Cultura do concello de Sada, entre outras cousas, producirase a estrea dun documental sobre a figura do ilustre sadense homenaxeado, realizado por GallaeciaFilmes en colaboración coa Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.

No ensaio Manuel Lugrís Freire. A fe na causa, Xosé Manuel Fernández Costas destaca a súa figura como precursor en moitos aspectos: foi o primeiro que fixo unha peza de teatro galego en prosa, como autor dramático xogou un papel clave na creación dun teatro nacional galego, foi o primeiro tamén en empregar o galego en actos públicos, participou na creación de organizacións políticas e sociais que o levaron a colaborar na redacción do Estatuto e ser elixido presidente da Real Academia Galega, entre outros feitos vitais destacados.