Entradas

Celebramos hoxe o Día das Librarías

Hoxe, 13 de novembro celebramos o Día das Librerías 2020.

O Día das Librerías é unha celebración anual na que os libreros buscan recordar aos lectores a importancia das librerías como espazos para descubrir e comprar libros. Organizada por CEGAL, a Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreros, a xornada trae aperturas máis amplas de librarías ou actividades especiais nas mesmas.

A campaña do Día das Librerías arrincou o pasado 21 de outubro coa presentación do cartel de Ximo Abadía e hoxe culmina coa celebración nos espazos físicos, tras presentar dous dos principais proxectos tecnolóxicos cos que CEGAL quere visibilizar as fortalezas das librerías, Todos tus Libros e Librired.

Concha Blanco participa na Xornada sobre «Rosalía na Costa da Morte», no Parador de Muxía

O sábado, día 31 de outubro, ás 18:00h tivo lugar no Parador da Costa da Morte, en Punta Lourido – Muxía, un recital poético organizado pola Fundación Rosalía de Castro. No mesmo participaron seis poetas da Costa da Morte, entre os que estaba Concha Blanco, quen abriu a súa intervención lendo o poema A galega universal, dedicado a Rosalía . Este poema é o primeiro dos doce que forman parte do libro FEMININO SINGULAR, EN PLURAL.

 

Fantástica tarde-noite en #Pardiñas na presentación de Ferreñas e Rock and Roll

Fantástica tarde-noite en #Pardiñas, por xentileza da veciñanza de Pardiñas e da Asociación Cultural #Xermolos, que levan anos amosando unha tenacidade e amor á nosa terra e artistas locais, que xa quererían para si moitos outros colectivos, co Festival de Pardiñas como evento máis visible e coñecido, pero que non é o único.

Pasada a corentena do festival, nesta LXI edición semella que a pandemia mundial lanzaba outro reto a estas activistas da cultura, mulleres e e homes bravos que non descartaron a súa celebración, aínda que algo cambiada.

Ademais doutras actividades ao longo do mes, o sábado 29 xuntaron na súa #CasadasArtes a #Ramón Vilar, “O Canteiro de Pardiñas”, quen nos falou do seu proceso creativo, a #SitoCarracedo quen converteu a presentación do libro “Palleta maldita” nun auténtico seminario sobre o seu traballo de lutier (a min sorprendeume a explicación da transformación dunha pequena castaloña) e a escola na que está formando a outras veciñas e veciños, e Laura Romero e Iria Pedreira, que, acompañadas por Mónica e Belén, falaron do proceso  creativo e de investigación  que levou á publicación de “Ferreñas e Rock&Roll”, libro que recupera a memoria das nosas músicas galegas pioneiras.

Mais como Festival que é, o día rematou coa música de MJPérez, que nos fixo esquecer a friaxe da noite malia ter que permanecer sentadas.

Como se indica na parada do autobús que hai á entrada, Pardiñas facendo Historia… non hai pandemia que poida co tesón e ganas de celebrármonos.

Parabéns e grazas por converter a vosa #CasadasArtes nunha casa para compartir; sabemos das dificultades para mantela, pero despois da fermosa exposición que tedes, non temos dúbida de que seguirá en pé e mellorando.

Laura Romero foi protagonista total desta edición do festival, participando no deseño do cartel, das camisetas, na presentación de Ferreñas e finalmente tocado o baixo con MJPérez.

O 9.º PREMIO MEIGA MOIRA DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL DECLARADO DESERTO

Reunido na cidade da Coruña o sábado día 1 de agosto de 2020 o xurado do 9.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil, convocado por Baía Edicións, composto polas escritoras Marica Campo, que actuou como Presidenta, Ánxela Gracián, gañadora da 8.ª edición en 2018, coa novela As voces da auga, pola profesora e crítica literaria, María Dores Fernández López, polo escritor Pere Tobaruela, gañador, tamén, da 8.ª edición en 2018, coa novela Auga e Lume, e pola directora editorial de Baía Edicións, Belén López Vázquez, que actuou, asemade, como Secretaria, acordou, por unanimidade e con moito pesar, DEIXAR DESERTO o Premio Meiga Moira deste ano 2020.

Esta decisión foi adoptada porque ningún dos vinte orixinais recibidos atende as características para ser merecedor do galardón por unha ou varias das seguintes razóns fundamentais: baixa calidade literaria dos orixinais, descoidado uso da lingua empregada nos textos presentados e/ou por non axustarse ás franxas de idade ás que se destina o premio.

Baía Edicións regala unha máscara cirúrxica con cada libro

A lectura como actividade individual non leva risco de contaxio; a compra de libros en librarías tampouco implica maior perigo que ir, por exemplo, polo pan, sempre que se manteñan as razoables medidas de protección xeral aconselladas pola administración sanitaria.

Se ademais, ao facerse cun libro, este leva no seu interior unha máscara de protección individual, podemos concluír que a actividade de ler é non só é recomendable en todo momento, tamén é aconsellable no actual estado de alarma para frear os efectos do contaxio do coronavirus.

Por iso, Baía Edicións, seguindo as medidas promovidas desde o inicio do estado de alarma, entregará unha máscara cirúrxica con cada libro adquirido a través da súa web até fin de existencias coas que conta.

Esta acción enmárcase na campaña xeral de fomento da lectura como actividade individual saudable e estimulante e do recoñecemento da importancia de todas as partes implicadas na súa creación e divulgación.

Accións de promoción da lectura que agora veñen complementar as levadas, xa nos primeiros días de confinamento absoluto, por Baía Edicións, cando liberou, co compromiso solidario de máis de catorce autoras, autores, ilustradoras e ilustradores e a colaboración dos medios de comunicación, dez libros para unha lectura en familia, que tan útiles resultaron tamén para seguir os plans lectores dos centros educativos, e puxo en marcha unha intensa campaña nas redes sociais de colaboradoras e colaboradores de todas as idades con actividades que tiñan como centro de actuación o libro galego e a súa lectura.

Ás accións postas en marcha, no momento máis crítico para o sector, como a decisión de suprimir os gastos de envío para pedidos online e que todas persoas interesadas puidesen facerse coa lectura desexada que até ese momento conseguían a través das librarías de proximidade, e que, a partir da semana que vén, se completará co agasallo de unha máscara de protección por cada pedido recibido, e que agora se manifestan tamén coa participación, xunto con outras editoras galegas, nas medidas de apoio ás librarías de proximidade que a distribuidora Consorcio Editorial Galego está implementando nesta semana das Letras Galegas para #DesconfinarALingua galega.

A AELG conmemora o Día de Rosalía de Castro

Do 23 de febreiro de 2020 ao 28 de febreiro de 2020 terán lugar actos relacionados coa conmemoración do Día de Rosalía. Co apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Para a edición de 2020 Daniel Asorey é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións e centros de ensino.

Compartimos as palabras do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2020, Ricardo Carvalho Calero, sobre a nosa poeta, a quen dedicou gran parte do seu rigoroso traballo crítico: “A realidade rosaliana é particularmente complexa -mesmo, a nível superficial, contraditória, ainda que, a nível profundo, se conciliem as contradiçons na raiz unitária da singularidade pessoal de Rosalia. […] Enfim, Rosalia é umha rosa de cem folhas.”

Na Coruña, o luns 24 de febreiro, a partir das 18:00 horas, na Sala de exposicións Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10), en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, terá lugar a lectura do Manifesto e de poemas de Rosalía de Castro.

Fonte: AELG

Baía Edicións convoca o 9º PREMIO MEIGA MOIRA de Literatura Infantil-Xuvenil

O prazo de recepción de orixinais do 9º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil remata o 20 de abril e a resolución do xurado darase a coñecer o 25 de xuño de 2020.

PARTICIPA!!

Recordamos as bases do concurso e as obras gañadoras do ano 2018:

 

Celebramos hoxe o Día Internacional da Educación

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o Día Internacional da Educación, cada 24 de xaneiro, co obxectivo de concienciar sobre o papel que a educación desempeña na creación de sociedades sostibles e autosuficientes.

A Educación aumenta a produtividade das persoas e o potencial de crecemento económico, desenvolve as competencias necesarias para o traballo e as aptitudes profesionais necesarias para o desenvolvemento sostible, axuda a erradicar a pobreza e a fame, contribúe a mellorar a saúde, promove a igualdade entre os xéneros e pode reducir a desigualdade, e promove a paz, o estado de dereito e o respecto dos dereitos humanos.

A ONU quere que os países, as sociedades, os colectivos e o público en xeral adopten medidas para garantir unha educación de calidade inclusiva e equitativa en todos os niveis, desde educación preescolar, primaria, secundaria, terciaria e de educación a distancia, incluída a formación técnica e profesional, para que todas as persoas poidan acceder a oportunidades de aprendizaxe permanente que lles axude a adquirir os coñecementos e habilidades necesarios para aproveitar as oportunidades que se lles presentan para participar plenamente na sociedade e contribuír ao desenvolvemento sostible.

TVE emitirá o material inédito consultado por María Lopo no libro “Cartas no exilio”

TODO OU NADA, MARÍA CASARES

O domingo 29 de decembro de 2019 ás 21:30 h. en La 2: “Essentials” – Premio Nacional de Televisión 2019-. Produción propia de RTVE

María Casares é unha das grandes divas do teatro francés do século XX. E a pesar de ser galega, descoñécese en España.

O exilio foi, a pesar diso, o motor que moveu a vida e a paixón de María Casares, a gran diva do teatro francés do século XX. Nacida en Galicia, construíu unha carreira impecable e recoñecida por críticos e público.

Ver e escoitar a María Casares incluso a través dunha pantalla de televisión é unha experiencia intensa e emocionante. Ver en directo, no mesmo escenario, como a actriz Tina Sainz, ou desde a butaca, como o director de teatro Lluís Pasqual, significa entrar en estado de choque. A actriz naceu na Coruña en 1922, e sendo filla de Santiago Casares Quiroga, o xefe do goberno o día do golpe de Estado do 36 de marzo marcouna de por vida. Tivo que exiliarse coa súa nai e comezar de cero en París, onde tamén sufriron a ocupación alemá durante a Segunda Guerra Mundial.

Durante a súa vida traballou cos autores e directores máis importantes de teatro e cine da escena francesa, incluído o amor da súa vida, o escritor e nobel Albert Camus, como conta a súa filla Catherine Camus no documental. Os personaxes clave como o director Jorge Lavelli recordan como se enfrontou ao escenario; e a biógrafa de Casares, María Lopo (Cartas no exilio) ou a profesora de teatro da Royal Central School da Universidade de Londres, María Delgado, informan dos momentos cruciais na súa vida.

Ademais de ter algúns momentos valiosos gravados por TVE, como o seu regreso a España despois de 40 anos de exilio para representar “El Adefesio” de Rafael Alberti en 1976, este documental requiriu unha laboriosa investigación dos fondos documentais, na súa maioría en Caen, e Aviñón. Estes permitiron descubrir fotografías e vídeos nunca amosados ​​en España. Estas cidades, e especialmente París, tamén foron lugares de filmación. Tamén A Coruña, – onde a casa familiar é un museo – así como as praias dos arredores que o conectaban co seu amado océano.

“Durante moitos anos vivín nun estado de urxencia”, dixo María Casares, e iso podería aplicarse a maior parte da súa vida. Levada pola súa paixón polo teatro sempre experimentou para non estancarse. Envolto en todas esas vidas que viviu no escenario, non abandonou a memoria da súa orixe: nunca renunciou á nacionalidade española.

 

Natalia Carou Figueira gaña o Vilar Ponte de Novela con ‘O mal querer’

Natalia Carou Figueira resultou a gañadora da segunda edición do Premio Vilar Ponte de Novela, concedido polo Concello de Viveiro. A obra ‘O mal querer‘ foi distinguida polo xurado por tratarse “dunha novela redonda, moi dura, que retrata a sociedade actual onde a violencia, o machismo, a droga, o maltrato, o acoso escolar, a manipulación mediática, os poderes fácticos, e, sobre todo, o desamor ou desafecto se xuntan nun cóctel destrutor no que se ve atrapado o lector”.

O segundo premio foi para Ramón Carredano Cobas, coa obra ‘Qwerty‘, que segundo o xurado é “dunha lectura que pode resultar máis complexa debido aos saltos temporais do pasado, presente e futuro (o soño da viaxe no tempo). Destaca a sensibilidade sensual e poética (sabores, olores) combinando o respeto á natureza có progreso e os avances da ciencia”.

O xurado estivo composto por tres persoas vinculadas ao ámbito literario e cultural e un representante do Concello de Viveiro que actuou como secretario con voz e sen voto: Carlos Nuevo Cal (cronista oficial viveirense e mestre), Xoán Neira López (mestre e escritor), María Donapetry Camacho (profesora e escritora), e Rosario San Isidro, traballadora municipal.

Carou Figueroa sucede así no palmarés do premio, con 4.000 euros para a gañadora, a Adolfo Caamaño. O acto de entrega de premios será o xoves 5 de decembro de 2019 no Teatro Pastor Díaz de Viveiro ás 20.30 horas.

Parabéns Natalia!!

Fonte: Xornal da Mariña