Entradas

Este sábado a Asociación de Escritora e Escritores en Lingua Galega fará a entrega de Premios AELG 2012

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega informa que a Cea das Letras será o 5 demaio, sábado, no Hotel Porta do Camiño (Rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n -San Lázaro-Santiago de Compostela).

Cea na que se fallarán os Premios AELG 2012, nas modalidades de Ensaio, Literatura Infantil e Xuvenil, Poesía, Narrativa, Tradución, Teatro, Xornalismo Cultural e Mellor Blog Literario ás mellores obras de 2011. Así mesmo, entregarase o premio “Escritor Galego Universal” a José Luis Sampedro, e mais o Premio AELG para Institucións aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de Normalización Lingüísica dos Concellos. A obra Fábula galénica, de Inácio Vilariño é finalista no apartado de Teatro.

Hoxe se inaugura na Coruña o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía

Catro anos de intenso de traballo e preto de tres décadas recompilando as pezas craves na historia da ciencia española foron necesarios para que hoxe abra as súas portas na Coruña o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, máis coñecido como Muncyt. Farao seis meses máis tarde do previsto, porque as eleccións do pasado 20-N frearon a súa apertura ao público. Pero ese tempo non pasou en balde. Nas súas salas, que suman máis de 5.000 metros cadrados repartidos en nove plantas, danse cita obxectos en grao sumo peculiar. Desde martelos de diversa natureza e utilidade ata a cabina do Boeing 747 que trasladou o Guernica de Picasso desde Nova York a Madrid en 1981.

Todo iso para pór de relevo a importancia da tecnoloxía no día a día da cidadanía e para confirmar que «sen ciencia non hai cultura, pero sen cultura, a ciencia é imposible».

Para facelo, o Muncyt desmonta a idea tradicional da «cultura do monumento» e deixa paso a unha forma máis dinámica e activa de participación. É a filosofía do manipular, do experimentar; a dun museo no que os carteis de «prohibido tocar» non teñen lugar. Nun percorrido polas súas instalacións, pensadas para que todas as salas estean conectadas visualmente entre si, os visitantes toparanse con fitos fundamentais no devir tecnolóxico do último século, caso do primeiro computador que chegou a España no década dos anos 50 e que foi utilizado por Renfe para levar a nómina dos seus empregados. A súa memoria era de 1kb.

Un impoñente prisma de cristal con forma de cubo e situado a beiras do Atlántico albergará de agora en diante os fondos que esta institución museística foi recompilando ao longo dos anos, pero non os almacenará. E é que a esencia deste museo pasa porque as exposicións que conforman a súa oferta varíen para dar saída a todas as pezas e para ofrecer ao público un motivo para volver. Ademais, o Muncyt conta con ramificacións nas principais cidades españolas polas que itinerarán algunhas das súas mostras máis representantivas. Son as coñecidas como fiestras do Muncyt.

Tras a inauguración de hoxe, que contará co apoio dos Príncipes de Asturias, mañá terá lugar unha xornada de portas abertas, «a proba de lume», segundo o director do museo, Ramón Núñez. Despois, iniciarase unha etapa de rodaxe con visitas guiadas a grupos ata que o próximo 1 de xuño o Muncyt ábrase definitivamente ao público en xeral. Calcúlase que o número de visitantes anuais rolde os 200.000.

Fonte: ABC

As axudas á tradución baixan a 168.000 euros

Dos 300.000 euros de 2010 aos 168.000 de 2012. As axudas á tradución de obras desde e para o galego que convoca a Consellaría de Cultura manteñen nos útimos anos unha curva descendente. A convocatoria deste ano distribúese en dúas anualidades, con 84.000 euros nos orzamentos deste ano e outro tanto nos de 2013, e establece un límite máximo de 6.000 euros de axuda por cada obra.

No caso de traducións desde o galego, establécese un custo de entre 20 e 30 euros por páxina no caso de linguas peninsulares, e entre 25 e 50 para outros idiomas. Nas versións para a nosa lingua, os subsidio cubrirá entre 50% e o 75% do custo da tradución. Os interesados en participar na convocatoria teñen ata o vindeiro 4 de xuño.

Fonte: Culturagalega

Festa da Lingua na Cidade da Cultura

O EDIFICIO DO MUSEO da Cidade da Cultura acollerá hoxe e mañá A Festa da Lingua, organizada polas Escolas Católicas en Santiago. Nesta ocasión, esta celebración será para os nenos de Educación Primaria, e reunirá durante cada xornada a uns 520 nenos de diferentes colexios de toda Galicia.

De feito, na edición deste ano do premio Frei Martín Sarmiento participan dez mil rapaces, que dependendo das súas idades leron diferentes libros. Así, na primeira categoría, de 1º e 2º de Educación Primaria, os títulos elixidos foron As espiñas do porco espiño, de Abraham Carreiro e Editorial A Nosa Terra; María, de María Corleone e Edicións Everest e Xurxiño quere ser…, de Miguel Vázquez Freire e Baía Edicións. Na segunda categoría, de 3º e 4º de Educación Primaria, os libros escollidos foron: A peripecia de Roi, de Carlos López Gómez e Editorial Edelvives; Xoa, de Antonio Yánez Casal e Edicións Xerais e Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto, de Editorial Kalandraka.

Na terceira categoría, de 5º e 6º de Primaria, os nenos leron A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, de Edicións Xerais; Os tratantes de papagaios, de Leticia Vila Sexto, de Editorial Galaxia e Brais e os demais, de Manuel Darriva e Editorial Galaxia.

Tanto onte como hoxe, as actividades deron comezo ás 10.30 horas, coa acollida de todos os participantes e a representación da cadeira voadora, coa que se agruparán aos nenos dos diferentes colexios.

Onte ás 11.15 horas pronunciou unhas palabras Xosé Francisco Martínez Reboiras; mentres que o hoxe á mesma hora o fará o secretario xeral de Politíca Linguística, Valentín García. Ademais, leranse os nomes dos autores gañadores para cada categoría.

Despois, entre as 11.30 e as 14.00 horas desenvolveranse diferentes faladoiros cos escritores e haberá obradoiros rotativos, polos que pasarán todos os alumnos divididos en grupos por idades. Así, no taller de creación artística estará Francisco Castro; no de música, Susa Ferreiro e no de narración oral, Merche Rozas. Ademais, haberá dous talleres de destrezas manuais.

Para rematar, entre as 14.00 e 16.00 horas ofrecerase aos nenos a posibilidade de quedar a comer na Cidade da Cultura. A comida é opcional, e durante a mesma tamén haberá obradoiros variados para os nenos.

Fonte: Santiagoteespera.com

As peaxes nas autovías e o problema da periferia galega

Nin si, nin non, nin todo o contrario. Fomento medita cobrar peaxe nas autovías a partir do vindeiro 2013. Semella decidido, pero non hai membro do Goberno que se atreva a confirmar unha decisión que saben que sería unha importante pinga máis no vaso do descontento social polos recortes e o aumento do cobro en determinados servizos públicos como educación ou sanidade. Incluso a titular do ministerio implicado, Ana Pastor, saíu pola tanxente cando se lle preguntou por esa posibilidade.

“Traballamos por un transporte en España que sexa máis eficiente e de calidade e que supoña a menor carga posible ao erario público; é todo o que podo dicir a día de hoxe”, asegurou a ministra de Fomento en Asturias. O que cala outorga, disque. En Galicia, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, non desmentiu a posibilidade dese cobro extra nas autovías até o de agora gratuítas, pero coidouse moito de ampliala a nivel galego. “A Xunta non ten previsto aplicar peaxes nas autovías de titularidade autonómica”, dixo no Parlamento tras as preguntas da oposición, pero non puido negar que esa sexa a idea para as de titularidade estatal: “É algo que se está a considerar pero, en todo caso, (o cobro) estaría vinculado ao mantemento destas propias autovías e consistiría en que o usuario contribúa a financiar o mantemento destas estradas”.

Se facemos caso ás palabras de Puy, os condutores non terían que pagar peaxe nas autovías autonómicas, pero si o farían nas de titularidade estatal: a Autovía do Noroeste e a das Rías Baixas, que suman un total de 465 quilómetros, bastante máis da metade do total de quilómetros de autovías, que suman preto dos 700. O pago nestas estradas uniríase ao que xa se fai nas autopistas que percorren o país e que superan os 300 quilómetros.O 43% da rede de alta capacidade de Galicia é de pago, fronte ao 25% no conxunto de España

Galicia xa conta cunha porcentaxe de autopistas de pago en relación ás autovías gratuítas moito maior que no conxunto de Estado. O 43% da rede de alta capacidade de Galicia é de pago, fronte ao 25% a nivel estatal (3.000 quilómetros de pago fronte aos preto de 12.400 de autovías). A implantación do que xa se denomina “peaxe branda” nas autovías prexudicaría de maneira clara a Galicia, non só pola relevancia que teñen na vertebración do país, senón polo carácter periférico da comunidade autónoma.

Así o cre tamén Carlos Nárdiz, experto na temática e decano do Colexio de Enxeñeiros, Canles, Camiños e Portos de Galicia.  “Somos unha rexión periférica dentro dun Estado periférico”, advirte, tras destacar que “a competitividade económica ten tamén moito que ver cunha dotación de infraestruturas axeitadas”. “De aplicarse esta peaxe branda, debería facerse de xeito igualitario en todo o territorio español, pero establecendo unhas marxes que puidesen aplicar as autonomías e que permitise ter certa flexibilidade para que as zonas periféricas aplicasen unha taxa mínima que se limitase unicamente aos gastos de conservación”, explica Nárdiz, que cre que sería unha forma de non afectar “a competitividade económica de Galicia”.O Colexio de Enxeñeiros propón flexibilidade na aplicación da peaxe para que non afecte a competitividade dunha rexión periférica como Galicia

A construción de autovías en España, como tamén lembra Nárdiz, fíxose con fondos europeos e co obxectivo de integrar zonas periféricas como a Península Ibérica na área central máis potente economicamente. A instauración de peaxes, de facerse de maneira unitaria, suporía un revés para unha Galicia “coa dobre condición periférica”. O decano do Colexio de Enxeñeiros recoñece que a decisión do Goberno “é complexa”, pero entende que é o lóxico de seguir a senda do resto de países europeos. “Hai que profundar en establecer algún tipo de tarifas porque España ten un modelo singular que xa non existe na Unión Europea, que leva tempo aplicando a Euroviñeta”, di Nárdiz, en referencia ao pago que grava o transporte pesado e non os particulares, xusto o contrario do que se está a propoñer desde o Goberno central.

Para Carlos Nárdiz, a Administración “debería explicar moi ben a proposta”, xa que a medida “é impopular, e máis nesta crise que está a afectar de maneira inxusta a uns sectores máis que a outros”. De todos os xeitos, o decano do Colexio de Enxeñeiro entende que a cidadanía “debería sentir que, de aplicarse a medida, tamén repercutiría favorablemente na conservación de todas as estradas, non só das que se vexan afectadas pola peaxe, senón nas estradas alternativas que deberían ser mellores e máis seguras”.

Podería ser, pero a experiencia en Galicia non é moi positiva. As queixas polos elevados custos das peaxes nas autopistas galegas son constantes, ao igual que polas deficiencias no seu mantemento. Hai catro anos, un colapso mantivo incomunicadas durante catro horas as principais cidades de Galicia tras unha xeada que cubriu a AP-9. Abríronse expedientes xudiciais sobre a responsabilidade penal de Audasa, empresa concesionaria, por neglixencias graves e incluso se abriu o debate sobre a nacionalización da Autoestrada do Atlántico. Todas as forzas políticas galegas responsabilizaron a empresa pola súa malia xestión e reclamaron a súa titularidade pública. A día de hoxe, percorrer en ida e volta a AP-9 de norte a sur (de Ferrol a Tui) costa 35 euros e a concesión esténdese até o ano 2045.

As protestas pola implantación da peaxe no tramo A Coruña-A Barcala da AG-55 tamén foron constantes durante anos, ao igual que as dúbidas sobre a eficiencia da autoestrada de peaxe entre Santiago e Ourense, cuxo tramo costa 5,50 euros e cuxa concesión non remata até o ano 2074. En Cataluña, a concesionaria Albertis calcula que 2.500 condutores, un 1,5% dos usuarios sa AP-7 e da AP-2, secundaron a campaña #novullpagar, iniciada por un condutor que hai quince días colgou un vídeo en internet na que se negaba a pagar a peaxe. A protesta, apoiada por Esquerra e Solidaritat, denuncia o que consideran unha inxustiza polo elevado e masivo das peaxes.

En Galicia, a oposición xa deixou claro o seu rexeitamento á proposta de pago nas autovías. Dende o PSdeG Abel Losada lembra que estas infraestruturas viarias “construíronse cos impostos de todos os cidadáns”, “moitas delas con fondos europeos”, polo que, de aplicarse, trataríase dun “novo repago despois de cobrar impostos”. “Se o Estado precisa fondos, o que ten que facer é unha reforma fiscal progresiva, equitativa e xusta”, xa que “calquera outra alternativa” non supón outra cousa que “abrir a porta ao negocio privado”. Na mesma liña, a voceira do BNG, Ana Pontón, advirte que, de concretarse, este sería “un novo imposto regresivo” para os cidadáns, como xa o é o IVE, que ademais “suporía un problema para a reactivación da economía” e non suporía solución ningunha para a crise económica. A decisión, o vindeiro venres no Consello de Ministros, do que se espera agora un pagamento para as autovías que antes eran gratuítas.

Fonte: PrazaPublica

Os Seráns do TAC voltan ao Gaiás

O vindeiro 21 de maio comeza na Cidade da Cultura unha nova edición dos seráns do TAC. Desta volta, o Taller Atlántico Contemporáneo achegará, ao longo de cinco concertos, o traballo de Varèse, Schoenberg, Cage, Raquel García Tomás ou Eduardo Soutullo, facendo unha aproximación á música máis vangardista. Cada un dos recitais estará introducido por un monólogo a cargo de Carlos Blanco, Quico Cadaval e Julián Hernández, e completarase coa degustación de tapas de alta cociña a cargo de recoñecidos establecementos como Abastos 2.0, Eirado de Leña, Pepe Solla, Culler de Pau e Yayo Dacosta. As entradas están xa á venda a un prezo de 5 euros.

Fonte: Culturagalega

Soñar en branco e negro

Ás veces perdo a ollada nalgún punto, non sei canto tempo podo pasar así, só sei que é coma facer unha viaxe no tempo. Volvo atrás, a un punto concreto coma lugar de partida para espallar as lembranzas e entón, bótome a escribir coma unha tola. Escribín Soñar en branco e negro esparexendo e volvendo a xuntar  na memoria anacos doutros momentos, que non por pasados foron máis fermosos, pero si tinguidos cunha capa de pintura que só deixou ao descuberto os momentos felices. Será por iso que pensamos que calquera tempo pasado foi mellor. Soñar en branco e negro é unha especie de homenaxe persoal a esas pequenas cousas que gardamos sen que teñan outra finalidade que traernos de novo a visión, o recendo e o recordo de vivencias que foron especiais no seu momento. De sobra sei que o que xa sucedeu nunca volve, nin as persoas somos como antes, que evolucionamos e que de seguro non volveríamos cometer os mesmos erros que antano, pero de todos xeitos sentei na cama para mergullarme, nunha morriña tépeda con olor a naftalina. Desempoei fotos, cualificacións, abrigos, entradas do cine, pequenas pedras… na miña derradeira mudanza. Foi como facer balance, negándome a que o seguinte paso sería o meu presente, aferrándome a aquelas reliquias con toda a forza que tiña ao meu alcance. Ate que todo rematou e deixei atrás a casa onde chegara a ser tan feliz e con ela desprendinme de obxectos que recendían nostalxia. Foi terrible, pero pasou e non morrín. Daquel momento tan duro naceu Soñar en branco e negro, que acadou o 1º Premio Vila de Mugardos a finais do 2010 e que foi un punto de inflexión na miña vida. Entrei na miña nova casa en xaneiro do 2011. Aquí sigo e de novo soño a toda cor.

Se queres ler o texto clica aquí Soñar en branco e negro

Texto: Clara do Roxo

Os expedientes sancionadores por verteduras en ríos case se triplicaron en dous anos

O número de expedientes sancionadores tramitados na Confederación Hidrográfica Miño-Sil por verteduras non autorizadas case se triplicaron en dous anos, ao pasar dos 86 en 2009 a 223 en 2011, o que supón un incremento do 159,3%, segundo os datos facilitados polo organismo de conca a Europa Press.

O presidente da confederación, Francisco Marín Muñoz, fai un chamamento á cooperación institucional entre administracións -estatal, autonómica e local- para frear esta problemática, que nun 40% atribúe a concellos, nun 30% a industrias e nun 25% a particulares.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, Marín Muñoz recoñece que a calidade das augas dos ríos galegos é «mellorable», aínda que «non é mala», pero admite que «sempre que aparece unha vertedura» a nota que corresponde neste apartado é de «suspenso».

A este respecto, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil -creada por Real Decreto en 2008, cando se dividiu a confederación hidrográfica do norte na do Miño-Sil e a do Cantábrico- ten no punto de mira a ríos como o Barbaña e o tramo urbano do Miño ao seu paso pola cidade de Ourense.

VERTEDURAS NON AUTORIZADAS

Segundo as cifras que manexa o organismo, os expedientes sancionadores por verteduras non autorizadas experimentaron o maior aumento entre os anos 2009 e 2010, do 104,65%, desde os 86 aos 176 expedientes incoados. De 2010 a 2011 a subida foi do 26,7%, ata os 223 expedientes.

No que se refire á porcentaxe de resolución dos expedientes, este foi menor en 2010 (do 56,25%, ao resolverse 99 dos 176 documentos abertos nese ano) que en 2009 (cando fora do 63,95%, ao solucionarse 55 das 86 incoacións).

Aínda que hai que ter en conta que as resolucións poden corresponderse con expedientes iniciados en anos anteriores, a taxa mellorou ao peche do pasado ano, cando terminaron resoltos 172 dos 223 expedientes abertos entón (o que representa un 77,13% dos daquel exercicio).

En 2011, 208 dos 223 expedientes sancionadores tramitados na confederación por verteduras non autorizadas foron de carácter leve (93,27%), un total de 14 tiveron a característica de menos grave (6,28%) e un contabilizouse como grave (0,45%).

Esta clasificación contrasta coa dos dous anos anteriores, cando o número de expedientes graves por verteduras non autorizadas foi de sete (en 2010) e cinco (en 2009) e chegouse a rexistrar un moi grave (en 2009).

OUTRAS INFRACCIÓNS

En canto aos expedientes sancionadores por infraccións doutro tipo, o organismo de conca incoou un total de 278 en 2009 (270 de carácter leve, cinco menos grave e tres graves) e resolveu 263 (241 leves, 12 menos graves e 10 graves).

Entre ese ano e o seguinte, 2010, a apertura de sancións por infraccións diferentes ás verteduras -por exemplo, tallas e construcións de pozos non autorizadas pola confederación hidrográfica- reduciuse nun 10,43%, ata os 249 -238 leves, oito menos grave e tres graves-. Pero en 2011 subiu un 26,9% en taxa interanual, ata os 316 expedientes -300 leves, 10 menos graves e seis graves-.

Ao peche do pasado ano resolvéronse 269 expedientes por este tipo de infraccións -56 leves, 12 menos graves e un grave- e ao finalizar 2010 a resolución ascendía a 265 documentos incoados -249 leves, 12 menos graves e catro graves-.

MELLORAR A CALIDADE DA AUGA

«A calidade das augas dos ríos galegos non é mala, pero iso non quere dicir que non sexa mellorable», apunta o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que se refire «sobre todo» a «determinados puntos que necesitan unha mellor xestión e ata apoio para mellorar as estacións depuradoras de tal xeito que as verteduras non cheguen ao río».

Neste sentido, insta ás distintas administracións a colaborar «para corrixir estas verteduras». «O noso obxectivo é mellorar a calidade das augas e o estado ecolóxico non só das augas senón tamén dos ríos», subliña.

Neste extremo, asume que «sempre que aparece unha vertedura» a nota correspondente é «é un suspenso» e anima a todas as instancias, tanto públicas como privadas, a fixarse como obxectivo «que non apareza ningún».

Para Marín Muñoz, a sanción por verteduras, un elemento coercitivo e disuasorio, non se pode incrementar na actual conxuntura. «Non creo que sexa o momento de endurecer as sancións», destaca, e, a continuación, insiste na procura de colaboración para erradicar os que son «recorrentes».

A solución, ao seu xuízo, pasa por «pór en marcha determinadas instalacións como os bombeos de augas residuais». Na capital das Burgas, por exemplo, «a nova estación de bombeo seguramente vai impedir que cando chova prodúzanse tantas verteduras ao río Miño», pois se construíu co propósito de multiplicar a capacidade actual de bombeo.

RECORTES

Preguntado pola afección dos recortes en obras hidráulicas e conservación dos ríos, na mesma entrevista a Europa Press, o recentemente nomeado presidente da confederación hidrográfica admite que «o escenario económico afecta a calquera tipo de actuación» da administración pero compromete «seguir facendo un esforzo para ir acometendo» infraestruturas «que estaban planificadas».

Trátase da estación depuradora de Ourense, os colectores da N-6 de Lugo, outros en Ferrol e o emisario mariño e a acometida eléctrica de Vigo. Todas elas deben estar rematadas antes do 31 de decembro de 2015, pois dependen de fondos Feder da Unión Europea (UE), aínda que Marín Muñoz apunta: «Oxalá se terminen antes».

SECA

Tamén acerca da incidencia da seca na comunidade, o responsable do organismo sinala que «as últimas choivas viñeron a paliar bastante» o baixo nivel dos ríos dentro da demarcación, sobre todo, naqueles puntos en que Miño-Sil fornece auga de encoro -que é en Ponferrada-.

Nin para regadío nin para abastecemento prevé que vaia ser preciso adoptar restricións en 2012, pero, «dentro das competencias» do Goberno autonómico afirma «non atreverse a dar a súa opinión», pois o panorama pode ser outro.

«Esperemos que a climatoloxía sexa benevolente e que Galicia non sufra este período de seca que padeceu, para que se recuperen os encoros e os acuíferos», reflexiona.

INUNDACIÓNS

Miño-Sil ten localizadas 24 áreas con perigo de inundacións e é «consciente» de que houbo «desmáns» urbanísticos ao longo dos anos que agravaron este risco. En concreto, sinala as zonas de Limia, o río Cabe en Monforte e Sarria, en Lugo.

En calquera caso, «hoxe, calquera plan urbanístico de calquera concello está condicionado pola tramitación de zonas inundables», explica.

A confederación debe informar devandito proxecto como requisito para a obtención dunha licenza. Recae entón sobre a corporación local a responsabilidade de elaborar un plan de encanamento para corrixir a inundabilidad do espazo en cuestión.

OBRAS DE IBERDROLA NO SIL

Para rematar, sobre a construción dunha nova central de Iberdrola no Canón do Sil ?no encoro de Santo Estevo?, o presidente da confederación informa de que están «moi avanzadas».

A central é subterránea «co que non hai ningún tipo de impacto visual» e, a pesar de que en 2010 a actuación «si afectou bastante á canle» do río -o que provocou o malestar de ecoloxistas-, na actualidade, «no que afecta ao dominio público hidráulico», as obras están «moi avanzadas», indica Marín Muñoz.

Fonte: El Correo Gallego

A Real Academia presenta a programación do 50 aniversario das Letras Galegas

“É a maior festa cultural de Europa”, dixo Méndez Ferrín na presentación da programación que a Real Academia Galega preparou para celebrar os 50 anos do Día das Letras Galegas. Un libro gratuíto para os estudantes de Bacharelato co información sobre os 50 autores, cincuenta microespazos na Televisión de Galicia no que os académicos “glosarán” a figura dos 50 escritores homenaxeados, un suplemento distribuído pola Voz de Galicia, “mil coleccións-exposicións de cincuenta carteis e a edición dun libro conmemorativo” para librerías, institutos e bibliotecas, e un acto cívico na Praza de María Pita que se celebrará o 16 de xuño, no que os escolares esparexerán sete “materias simbólicas” vinculadas ás casas de sete escritores e os alcaldes dos concellos nativos dos autores homenaxeados turnaranse para recitar textos,segundo informou El País.

Fonte: Culturagalega

Foto: Real Academia Galega

María Antón é a nova xerente do Consorcio de Santiago

María Antón Vilasánchez, antiga Directora Xeral de Turismo durante gobernos de Manuel Fraga, será a nova xerente do Consorcio de Santiago de Compostela, a entidade coparticipada polo goberno español, a Xunta e o goberno municipal que ter por finalidade promover e tutelar actividades de conservación do casco histórico de Compostela. María Antón substitú así a Xosé Manuel Villanueva, que deixara o cargo o pasado 31 de marzo.

Fonte: Culturagalega