Artigos

Festa da Lingua na Cidade da Cultura

O EDIFICIO DO MUSEO da Cidade da Cultura acollerá hoxe e mañá A Festa da Lingua, organizada polas Escolas Católicas en Santiago. Nesta ocasión, esta celebración será para os nenos de Educación Primaria, e reunirá durante cada xornada a uns 520 nenos de diferentes colexios de toda Galicia.

De feito, na edición deste ano do premio Frei Martín Sarmiento participan dez mil rapaces, que dependendo das súas idades leron diferentes libros. Así, na primeira categoría, de 1º e 2º de Educación Primaria, os títulos elixidos foron As espiñas do porco espiño, de Abraham Carreiro e Editorial A Nosa Terra; María, de María Corleone e Edicións Everest e Xurxiño quere ser…, de Miguel Vázquez Freire e Baía Edicións. Na segunda categoría, de 3º e 4º de Educación Primaria, os libros escollidos foron: A peripecia de Roi, de Carlos López Gómez e Editorial Edelvives; Xoa, de Antonio Yánez Casal e Edicións Xerais e Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto, de Editorial Kalandraka.

Na terceira categoría, de 5º e 6º de Primaria, os nenos leron A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, de Edicións Xerais; Os tratantes de papagaios, de Leticia Vila Sexto, de Editorial Galaxia e Brais e os demais, de Manuel Darriva e Editorial Galaxia.

Tanto onte como hoxe, as actividades deron comezo ás 10.30 horas, coa acollida de todos os participantes e a representación da cadeira voadora, coa que se agruparán aos nenos dos diferentes colexios.

Onte ás 11.15 horas pronunciou unhas palabras Xosé Francisco Martínez Reboiras; mentres que o hoxe á mesma hora o fará o secretario xeral de Politíca Linguística, Valentín García. Ademais, leranse os nomes dos autores gañadores para cada categoría.

Despois, entre as 11.30 e as 14.00 horas desenvolveranse diferentes faladoiros cos escritores e haberá obradoiros rotativos, polos que pasarán todos os alumnos divididos en grupos por idades. Así, no taller de creación artística estará Francisco Castro; no de música, Susa Ferreiro e no de narración oral, Merche Rozas. Ademais, haberá dous talleres de destrezas manuais.

Para rematar, entre as 14.00 e 16.00 horas ofrecerase aos nenos a posibilidade de quedar a comer na Cidade da Cultura. A comida é opcional, e durante a mesma tamén haberá obradoiros variados para os nenos.

Fonte: Santiagoteespera.com

VI Noite da Edición 2010

Baía Edicións resultou gañadora de dous dos Premios da Edición de 2010 na gala celebrada o 12 de marzo en Lugo. Baía Edicións estrea o galardón Xosefa Iglesias Vilarelle ao mellor libro educativo coa Gramática práctica da lingua galega, de Xoán López Viñas, Cilha Lourenço Módia e Marisa Moreda Leirado, unha categoría que compartía con A sombra dos anacardios, de Antón Fortes e Simona Mulazzani; Unha década de literatura infantil e xuvenil en galego, de Héitor Mera; e Un xornal na clase de matemáticas, de Cecilia Alvarellos Casas. Entre os libros ilustrados, Baía Edicións volve a ser premiada co Isaac Díaz Pardo na Colección Rodribico de Xosé Tomás e texto de Manuel Guisande.

[nggallery id=21]

Campaña de animación á lectura para promover o emprego do galego coa colección ‘Queremos saber’

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Baía Edicións iniciaron en El Puerto Centro de Ocio unha campaña de animación á lectura para promover o emprego do galego entre os máis pequenos a través dun programa de contacontos e obradoiros baseados na colección de libros infantil Queremos saber, escrita por Teresa Sabaté e ilustrada por Carme Solá. Dirixida a rapaces de máis de 4 anos, a campaña tivo unha duración de mes e medio (todos os venres e sábados ata o 15 de novembro ás 18 horas) e tivo como eixo as aventuras de dous irmáns, Alba e Xaquín, que son moi curiosos e queren saber de todo: as distintas formas de obtención do pan, o leite, o azucre, o mel, o aceite, o sal e o viño, desde a súa orixe, pasando pola súa transformación até que chega ás nosas mesas.

Cunha duración que rolda as dúas horas, os monitores encargados iniciaron cada unha das sesións cunha presentación dos personaxes protagonistas e deseguido dase paso ao apartado do contacontos do capítulo no que se centre esa fin de semana, apoiándose sempre en elementos que fagan amenas estas sesións, como teatriños ou figuras. A continuación comeza o apartado de obradoiros con actividades que pretenden ser sinxelas ao mesmo tempo que creativas e que fomentarán a interrelación entre os pequenos a través de simulacións e outras accións, relacionadas co capítulo do día. Deste xeito, os pequenos poden facer con materiais de refugallo alimentos, aprenden a elaborar unha felicitación, un libro ou receitas de cociña entre outras moitas actividades. Ao final das sesións, os monitores entregan a cada rapaz un exemplar do libro que corresponda ese día e unha camiseta identificativa da campaña.

Proxecto didáctico ‘Os dereitos do neno e da nena’

O programa Bocaberta de Política Lingüística fará gozar aos máis pequenos cos contacontos, obradoiros e teatriños de Os dereitos do neno e da nena.  O proxecto didáctico OS DEREITOS DO NENO E DA NENA, organizado por Baía Edicións en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística realizaranse durante un prazo de tres meses, de outubro a decembro, un mes en cada cidade e centro comercial; nun horario de seis a oito horas, nos centros comerciais O Porto Centro de Ocio de A Coruña, Ponte Vella de Ourense e As Termas de Lugo.

Esta campaña pretende achegar e promover o emprego do galego entre os máis pequenos a través dun programa de contacontos e obradoiros baseados na colección de libros infantil Os dereitos do neno e da nena, de Baía Edicións escrita por Teresa Sabaté e ilustrada por Carme Solá, colección de carácter didáctico dirixida a rapaces de máis de catro anos que relata diversas aventuras que lle suceden aos personaxes coas que se pretende que os máis pequenos se vexan identificados, conseguindo a través das ilustracións espertar o seu interese pola lectura en lingua galega, ademáis de promover nos nenos e nenas actitudes que faciliten a creación de situacións xustas no seu contorno e trasladarlles outros valores de vital importancia para o seu futuro como o compañeirismo, a xustiza, a igualdade entre mulleres e homes…, sendo único material similar existente en lingua galega. Ao final das sesións de Os dereitos do neno e da nena, os monitores farán entrega do libro que corresponda a ese día, repartindo un exemplar a todos os rapaces participantes nas sesións.

Presentación na Coruña de ‘O Pazo Máxico’

Baía Edicións presentou na Coruña O Pazo Máxico. A túa primeira Escola de Maxia. Para promocionalo o autor e ilusionista Pedro Volta realizou un espectáculo de escapismo, en homenaxe a Harry Houdini, no que se liberou dunha camisa de forza colgado a 30 m de altura. Tivo lugar o mércores día 5 de agosto de 2009, ás 18:15 horas, no Obelisco. A continuación se realizou o acto de presentación do libro na Feira do Libro da Coruña (Xardíns de Méndez Núñez) ás 19:00 horas. Read more

Feira de Boloña 2010

Baía Edicións participou na FEIRA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE BOLOÑA 2010, o evento profesional destas características máis importante do mundo. Read more

Alfombriña

Contacontos realizado na biblioteca pública da Sagrada Familia do libro de Infantil-Xuvenil Alfombriña da colección Contos da igualdade no ano 2008.

Read more

Quen é Rodribico

Rodribico é unha pega marza á que lle encanta estar forte e vivir todo tipo de aventuras. Rodribico habita nunha inmensa árbore, con grandes pólas, e no seu niño ten todas as comodidades que unha ave pode desexar.

Ademais de voar, xogar, e divertirse, o que máis feliz o fai é compartilo todo cos seus amigos e amigas.

Queres coñecelo? Se é así visita a súa páxina web RODRIBICO. Nela poderás atopar toda a información sobre este paxaro tan simpático! Contarás con MATERIAL DIDÁCTICO con actividades divertidísimas para realizar na propia web e con MATERIAL DESCARGABLE para que todas as nenas e nenos poidades pintar, debuxar, colorear, contar, facer careta, encrucillados…. DIVÍRTETE CON RODRIBICO!