Entradas

Sete empresas participan no mercado de contidos audiovisuais de Cannes

Estes días desenvólvese unha das citas máis importantes do audiovisual: o Festival de cine de Cannes. De xeito paralelo ao festival ten lugar o mercado de contidos (o marché fu film) que remata o día 24. No marco da colaboración entre Agadic e o IGAPE neste relevante encontro de negocio hai presente unha delegacación galega. Tic Tac Producciones, Vaca Films, Artefacto Producciones, Abano Filmes, Cinemar Films, Zircozine e Artemática son as empresas presentes nesta cita. Ademais, Agadic abriu a convocatoria para participar noutro encontro profesional, o “Small is biútiful”, que se celebra en París o 21 de xuño.

Cannes é unha cita ineludible polo volume de negocio. Alí estarán presentes 10.000 profesionais do sector entre produtores, distribuidores, axentes, programadores de festivais… que exhibirá máis de 4.000 producións e proxectos arredor de 34 salas de proxección.

O de París, é unha cita moito máis reducida orientada a apoiar as producións independentes de cine de autor e que se desenvólvese dentro da mostra Different 6! L’autre cinéma espagnol, que organiza Espagnolas en París na capital francesa entre os días 14 e 21 de xuño.

Fonte: Culturagalega

Calros Silvar presenta este venres O CARBALLO

O próximo venres 10 de Maio no Colexio Sada e Contornos de Sada presentará Calros Silvar O Carballo, editado por Baía Edicións.

Previamente acompañará aos alumnos nunha visita didáctica ao humidal d´As Brañas. E para completar a xornada, ás 19:00 da tarde, participará na presentación d´O Carballo na Libraría Carricanta de Betanzos.

Trinta grupos participan na edición de 2013 de Buxiganga

Comezaron sendo 12 os grupos que participaron na primeira edición de Buxiganga, o programa de teatro afecionado da provincia de Lugo. Hoxe presentouse a edición deste ano na que ese número medra ata 30. En total todos eles ofrecerán 62 funcións en espazos dependentes de concellos e de colectivos de carácter cultural. Desde a Deputacion de Lugo, entidade que promove esta iniciativa, quixeron destacar o papel que desempeña este programa en promoción do teatro amador e que este ano permite a incorporación, como novidade, de seis formacións.

Os colectivos Faro-Miño, de Chantada, Mequetrefes, de Antas de Ulla, Ollomao, de Barreiros, TeatroCrea, de Viveiro, Os Trocos, de Castro de Rei, e Xoldra, de Mondoñedo son as novas formacións que se integran neste proxecto que terá un prezo simbólico de 2 euros por entrada.

Nesta ocasión manteñen o caché dos grupos de teatro afeccionado de maneira que os grupos de ata cinco persoas cobrarán 300 euros por actuación, os grupos de entre seis e oito persoas cobrarán 500 euros por actuación, e os grupos de máis de nove persoas, 850 euros, a menos que un grupo realice o tope de 3 funcións, que pasarán a cobrar 250, 450 e 800 euros, respectivamente.

Fonte: Culturagalega

A próxima xornada de RedeCom celebrarase o luns 6 de maio

A Asociación Galega de Editores puxo en marcha un instrumento de traballo que promove a cooperación e o coñecemento compartido. O luns, 6 de maio ás 16:30, terá lugar a segunda xornada de RedeCom, que contará coa intervención  de Xosé Ballesteros, editor, dinamizador cultural e director de Kalandraka Editora, para compartir cos editores e outros axentes do sector do libro a súa experiencia internacionalizadora.

A segunda xeira de RedeCom terá lugar a partir de setembro, cando se presente un programa anual deste proxecto, no cal está previsto que participen outras organizacións representativas da cadea de valor do libro e das industriais culturais. Con esa extensión a outros convocantes, a AGE acadaría o obxectivo de dinamización e interacción que se pretendía e estaría poñendo os mimbres para que se iniciaran outros proxectos máis ambiciosos. Colabora nesta sesión do Clúster do Produto Gráfico e o Clúster do Libro.

Fonte: AGE

 

Mañá celébrase no Parque de Santa Margarita o XVIII Día de la Ciencia en la Calle

Centos de estudantes e profesores de 24 centros educativos, así como membros de numerosas entidades encherán con actividades as carpas e espazos de lecer instalados nas inmediaciones da Casa das Ciencias.

Os 3 Museos Científicos Coruñeses súmanse ao Día da Ciencia na Rúa con xornada de portas abertas desde as 11 da mañá.

Un ano máis os alumnos e profesores de centros escolares serán os protagonistas desta festa da ciencia. As carpas, instaladas ao aire libre no coruñés Parque de Santa Margarita, acollerán as numerosas e variadas experiencias que os estudantes prepararon para o público asistente.

O Día da Ciencia na Rúa, que organiza por decimoctavo ano consecutivo a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e os Museos Científicos Coruñeses, reunirá nesta convocatoria a máis dunha veintena de centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana e tamén un instituto de Ribadeo.

Tamén estarán presentes institucións como a Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, as Bibliotecas Municipais, a Fundación Barrié, Equus Zebra e a radio comunitaria Cuac Fm, que retransmitirá por internet o desenvolvemento desta festividade.

O desfile de cabezudos de famosos científicos, acompañados de malabaristas e zancudos, xogos, concursos, a actuación da Banda Municipal e espectáculos de maxia completarán esta xornada festiva no Parque de Santa Margarita.

Museos Científicos Coruñeses

A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae súmanse á festa con xornada de portas a abertas e actividades gratuitas nas súas instalacións. O Planetario da Casa das Ciencias presentará unha maratón de programas de planetario, con pases ás 11, 12, 13, 16, 17 e 18 horas. Na Domus celebraranse talleres de disección no novo Laboratorio Aberto, e ademais proxectarase a película en 3D “O último arrecife”, ás 12, 13, 17 e 18 horas. E no Aquarium o público poderá participar nun taller de biología da Charca das Caricias, entre outras actividades.

Unha sacudida de ciencia

O Día da Ciencia na Rúa ten a súa epicentro no Parque de Santa Margarita, ao redor da Casa das Ciencias. Produciranse réplicas na Domus e no Aquarium Finisterrae. A onda festiva chegará tamén a outros museos e atraccións da cidade: o Muncyt, a Torre de Hércules e o Castelo de San Antón tamén celebrarán unha xornada de portas abertas ese día.

Nesta romaría científica que sacudirá A Coruña, todo é posible: os visitantes terán a oportunidade de descubrir como coller unha moeda do auga sen mollarse, aprender a construír un robot, recibir consellos sobre unha dieta equilibrada ou fabricar un foguete de auga.

Fonte: Museos Científicos Coruñeses

A Academia de Belas Artes premia o Museo do Pobo

O plenario da Real Academia Galega de Belas Artes acordou, o pasado día 27, conceder a Medalla de Honra desta institución ao Museo do Pobo Galego. A Academia recoñece así coa súa máxima distinción anual “a creación dunha conciencia de defensa das raíces propias de Galicia en todas as súas facetas, que en torno ao Museo do Pobo Galego se veñen consolidando aos longo dos anos e que, ademais, recibe o importante apoio das institucións, do mundo empresarial e, sobre todo e de xeito moi decidido, da cidadanía”.

Fonte: Culturagalega

As axudas aos bens patrimonio da humanidade caen á metade en 2013

A cultura volve sufrir un novo recorte e nun área especialmente sensible como é a da conservación e promoción dos bens declarados patrimonio da humanidade. E é que o Estado rebaixará máis da metade as axudas destinadas a estes bens. Así, se en 2012, 47 entidades percibiron dous millóns de euros, en 2013 esta cifra rebaixase a 917.000 euros.

Unha situación que afectará ao impulso do turismo que nos últimos anos foi relevante en Santiago, Lugo e A Coruña a conta dos bens que teñen esta catalogación; a cidade vella compostelana; a muralla romana de Lugo e a Torre de Hércules coruñesa, ademais, do Camiño de Santiago, polo que atravesan Galicia centos de milleiros de pelegríns cada ano.

O recorte máis duro

Esta é o peor recorte sufrido para este tipo de bens dos últimos anos desde que no 2009 comezaran a minguar as subvencións. Entón foron de 2,5 millóns de euros. En 2010 baixou a 2,29 millóns e en 2011 a pouco máis de dous millóns.

O pasado ano o Estado concedeu 47 subvencións, delas, catro foron para Galicia por un montante total de 152.580 euros. Así, o concello de Santiago recibiu 45.000 euros para o Econtro de xestores de Patrimonio Muncial e 47.000 euros para o entorno da muralla de Santiago de Compostela, respectivamente. O da Coruña, 58.080 euros para a promoción dos valores da Torre de Hércules e as accións destinadas ao público xeral, estudantes e discapacitados e o de Palas de Rei, 2.500 polo IX Congreso do Camiño de Santiago.

Restauración e conservación

A maior parte das subvencións foron para proxectos de restauración e conservación, ademáis de proxectos de difusión do patrimonio. Entre os proxectros subvencionables destacaron, o pasado ano, a restauración da cuberta da cripta da Colonia Guëll, a muralla de Segovia ou a porta de Marchena do Real Alcázar de Sevilla.

Fonte: GaliciaConfidencial

O dominio .gal podería recibir a aprobación da ICANN no verán

A Asociación PuntoGal vén de dar conta de que a candidatura galega por un dominio para a lingua e a cultura galega presentada ante a ICANN non recibiu ningunha obxección por parte dos gobernos representados en tal organismo (nin xurdiu ningún outro solicitante para o sufixo .gal), á vez que déronse varios pasos para que comecemos a ver a meta desta longa carreira que está a ser facerse co desexado dominio .gal, que podería recibir o visto bo este mesmo verán, de xeito que a finais do presente ano ou comezos do ano que vén podería ser realidade o desexado dominio galego de primeiro nivel.

O proceso para a creación de novos dominios de Internet contou con 1.917 candidaturas, dando conta da alta demanda existente en colectivos de distinto ámbito para ter un sinal de seu na Rede, e para avaliar estas propostas realizou se un sorteo no que adxudicouse o posto 742 á proposta galega e das que o pasado venres deron conta de que xa superaran a avaliación inicial 169 solicitudes, polo que aínda faltarían uns meses para que superar este paso que debería rematar a avaliación de todas as propostas realizadas o 31 de agosto (sempre que ICANN respecte o calendario fixado, algo que non é moi habitual neste organismo).

Tras a aprobación inicial por parte do tribunal avaliador aínda quedarían varios pasos até termos o dominio plenamente operativo, entre os que figurarán os pertinentes períodos que se establecerán para que os propietarios de marcas poidan protexer os seus intereses rexistrando os seus dominios baixo os novos dominios de primeiro nivel antes da súa apertura ao público xeral, evitando así as prácticas especulatorias que eran tan habituais cando o número de dominios de primeiro nivel era máis limitado.

Dende a Asociación PuntoGal queren aproveitar a ocasión para agradecer o respaldo de máis de 13.700 persoas e 110 institucións de todo o país, entre as que figuran os organismos máis relevantes da cultura galega (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega…), as tres universidades, ducias de asociacións culturais de base, 20 asociacións de emigrantes baseadas en Europa e América, empresas tecnolóxicas, medios de comunicación… Tampouco faltou o apoio da Xunta de Galicia, canalizado nos últimos tempos a través da AMTEGA, que contribuíu a este proceso que camiña cara ao seu éxito, que agardamos poder celebrar en poucos meses.

Fonte: Codigocero

BAÍA EDICIÓNS quere desexarvos un FELIZ DÍA DO LIBRO

E que mellor forma de felicitar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DO AUTOR que facendo un Chamamento á cidadanía galega e aos poderes públicos para poñer en valor o libro e a lectura como canles primeiras de acceso ao coñecemento, á información e ao gozo da creación literaria. Razóns polas que os membros da Asociación Galega de Editores reclamamos:

  1. O recoñecemento efectivo do sector do libro como sector da industria cultural de carácter estratéxico e prioritario para Galicia.
  2. A posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías.
  3. A creación do bono cultura por parte da Xunta de Galicia.
  4. A ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública.
  5. Apoio ao desenvolvemento da rede de bibliotecas escolares e de aula en todos os centros educativos non universitarios.
  6. Apoio á promoción e fomento da creación de bibliotecas familiares.
  7. A adquisición de todas as novidades editoriais en lingua galega destinadas ás 465 bibliotecas públicas de Galicia.
  8. A posta en marcha dun plan de fomento da lectura con atención a súa presenza en xornais, radio, televisión, web e nas redes sociais.
  9. A posta en marcha dun plan cuatrienal de tradución para o galego.
  10. A creación dunha Oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo.

Chamamento dos Editores Galegos no Día Internacional do Libro

A Asociación Galega de Editores realiza un chamamento social a favor do libro e fai pública a súa axenda estratéxica. Co gallo da celebración do 23 de abril Día do Libro, a Asociación Galega de Editores acordou realizar un chamamento social a favor do libro e a lectura, co fin de que se recoñeza social e politicamente o papel trascendental que o libro e a lectura teñen no desenvolvemento das persoas dos países. Por ese motivo a entidade que representa aos editores galegos fai público o seudocumento estratéxico e elaborou un decálogo de 10 medidas que resume as reinvindicacións do sector diante das administracións. As institucións públicas teñen a obriga constitucional e estatutariade protexer os bens culturais e as industrias que fan posible que eses bens se difundan entre a cidadanía.

A UNESCO celebra este ano os libros, a tradución, a lectura e os dereitos de autor, co obxectivo fundamental de promover a lectura, a industria editorial e a protección da propiedade intelectual a través dos dereitos de autor. Irina Bokova, Directora Xeral desa institución mundial, sinalou ademais que “a tradución é o primeiro paso para o achegamento dos pobos e tamén unha tarefa de desensismamento que ensina a diversidade e o diálogo. A tradución é un dos motores da nosa diversidade creadora que enriquece cada idioma ó poñelo en contacto con todos os demais”. Os editores galegos defenden a necesidade de que se incrementen as axudas á tradución e que se difunda a súa existencia a nivel internacional, co fin de participar no intercambio e difusión das obras escritas en galego e traducidas a outras linguas e das traducións para o galego de obras escritas noutras linguas.

Chamamento a prol da posta en marcha dunha política estratéxica para o sector do libro.

Documento Estratéxico da Asociación Galega de Editores.

Fonte: AGE

Cartaz elaborado por David Pintor.