Entradas

Xosé Manuel Martínez Oca homenaxeado na Estrada como ‘O/A Escritor/a na súa Terra’

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXVIII edición, recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé Manuel Martínez Oca, que será homenaxeado na Estrada o 18 de xuño de 2022.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co/a autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica a cargo de Soledad Penalta), a plantación da árbore simbólica elixida polo propio autor e a colocación dun monólito conmemorativo.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Xosé Manuel Martínez Oca, autor dun lote de obras, tres de elas editadas por Baía Edicións: Tres en raia, Como paxaro caído no niño, O vicio Nefando e Diario de inverno.

Fonte: AELG

Foto: Eduardo Castro Bal

Baía presenta en Padrón ‘En branco e negro’, de Pere Tobaruela

Baía Edicións presenta o libro En branco e negro na Taberna O Tallón (Lugar de Vigo, s/n – A Escravitude, Padrón), o venres, 1 de xuño ás 20:30 horas.

A presentación correrá a cargo de Loly Santos Álvarez e contaremos coa participación de Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións) e de Pere Tobaruela, autor do libro.

Colabora: Libraría Pensamentos (Padrón).

Contido do libro:

Sara Martí, a protagonista de En branco e negro, é unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é. Así o manifesta nos seus artigos de opinión en Coses Nostres. A través de vivencias propias e alleas, Sara vai tecendo unha historia salpicada de recordos amargos: o exterminio nazi, unha violación, a guerra dos Balcáns, o asasinato dun ser querido, as represalias do réxime ditatorial na Guinea Ecuatorial despois da súa independencia, o desacougo dun amor frustrado…

Mais non todo é negro na vida de Sara, pois, como di un dos personaxes, recordando as palabras de Ernesto Sábato: “O mundo está cheo de horrores, de traizóns, de envexas; desamparos, tortura e xenocidios. Pero tamén de paxaros que levantan o meu ánimo cando escoito os seus cantos, na alborada; ou cando a miña vella gata adormece sobre os meus xeonllos; ou cando vexo a cor das flores, ás veces tan minúsculas que hai que observalas desde ben cerca”.

Baía presenta na Estrada ‘En branco e negro’, de Pere Tobaruela

Baía Edicións presenta o libro En branco e negro no Museo do Moble e da Madeira da Estrada [MOME] (Avenida Benito Vigo 92), o venres, 11 de maio ás 20:00 horas.

A presentación correrá a cargo de Pablo García “Chichas” e contaremos coa participación de Pere Tobaruela, autor do libro.

Contido do libro:

Sara Martí, a protagonista de En branco e negro, é unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é. Así o manifesta nos seus artigos de opinión en Coses Nostres. A través de vivencias propias e alleas, Sara vai tecendo unha historia salpicada de recordos amargos: o exterminio nazi, unha violación, a guerra dos Balcáns, o asasinato dun ser querido, as represalias do réxime ditatorial na Guinea Ecuatorial despois da súa independencia, o desacougo dun amor frustrado…

Mais non todo é negro na vida de Sara, pois, como di un dos personaxes, recordando as palabras de Ernesto Sábato: “O mundo está cheo de horrores, de traizóns, de envexas; desamparos, tortura e xenocidios. Pero tamén de paxaros que levantan o meu ánimo cando escoito os seus cantos, na alborada; ou cando a miña vella gata adormece sobre os meus xeonllos; ou cando vexo a cor das flores, ás veces tan minúsculas que hai que observalas desde ben cerca”.

Baía Edicións e a Agrupación Cultural Francisco Lanza presentan ‘Mar..usía. Relatos salpresados’ en Ribadeo

Baía Edicións presenta o libro Mar…usía Relatos salpresados na Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8), o xoves, 22 de marzo ás 20:30 horas.

A presentación contará coa participación de Francisco Fernández Rei (académico), Bernardo Penabade, Pablo Mosquera e o autor da obra, Paco Rivas.

Contido do libro: Colección de 15 relatos con protagonismo do mar e das súas xentes que respiran a mellor tradición do realismo fantástico e mostran unha lingua que procura recoller fielmente a fala da xente da Mariña luguesa, mesturada, no entanto, cunha prosa rica en matices e recursos estilísticos postos ao servizo do dramatismo das distintas historias.

Como manifesta o profesor, escritor e ensaísta Luís Alonso Gigardo, autor do prólogo da obra: «Velaquí un novo libro de Paco Rivas. Agora un libro de prosa narrativa, de historias do mar e dos mariñeiros, das faenas de pesca e das súas artes; do mar e dos seus misterios, dos naufraxios, das conversas nas tabernas; de barcos e barcas, da vida da xente. Todo no reducido ámbito dunha moi concreta xeografía: a Mariña luguesa, as costas e as augas do norte, Nois, Pena Orxal e outras penas. En Nois precisamente ten o seu pequeno reino privado Paco Rivas; a súa casa é unha pequena atalaia a carón do mar que el coñeceu dende neno e que aínda hoxe continúa a contemplar, a revivir e reinventar e, como non, a recrealo coas palabras […]».

O dominio .gal podería recibir a aprobación da ICANN no verán

A Asociación PuntoGal vén de dar conta de que a candidatura galega por un dominio para a lingua e a cultura galega presentada ante a ICANN non recibiu ningunha obxección por parte dos gobernos representados en tal organismo (nin xurdiu ningún outro solicitante para o sufixo .gal), á vez que déronse varios pasos para que comecemos a ver a meta desta longa carreira que está a ser facerse co desexado dominio .gal, que podería recibir o visto bo este mesmo verán, de xeito que a finais do presente ano ou comezos do ano que vén podería ser realidade o desexado dominio galego de primeiro nivel.

O proceso para a creación de novos dominios de Internet contou con 1.917 candidaturas, dando conta da alta demanda existente en colectivos de distinto ámbito para ter un sinal de seu na Rede, e para avaliar estas propostas realizou se un sorteo no que adxudicouse o posto 742 á proposta galega e das que o pasado venres deron conta de que xa superaran a avaliación inicial 169 solicitudes, polo que aínda faltarían uns meses para que superar este paso que debería rematar a avaliación de todas as propostas realizadas o 31 de agosto (sempre que ICANN respecte o calendario fixado, algo que non é moi habitual neste organismo).

Tras a aprobación inicial por parte do tribunal avaliador aínda quedarían varios pasos até termos o dominio plenamente operativo, entre os que figurarán os pertinentes períodos que se establecerán para que os propietarios de marcas poidan protexer os seus intereses rexistrando os seus dominios baixo os novos dominios de primeiro nivel antes da súa apertura ao público xeral, evitando así as prácticas especulatorias que eran tan habituais cando o número de dominios de primeiro nivel era máis limitado.

Dende a Asociación PuntoGal queren aproveitar a ocasión para agradecer o respaldo de máis de 13.700 persoas e 110 institucións de todo o país, entre as que figuran os organismos máis relevantes da cultura galega (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega…), as tres universidades, ducias de asociacións culturais de base, 20 asociacións de emigrantes baseadas en Europa e América, empresas tecnolóxicas, medios de comunicación… Tampouco faltou o apoio da Xunta de Galicia, canalizado nos últimos tempos a través da AMTEGA, que contribuíu a este proceso que camiña cara ao seu éxito, que agardamos poder celebrar en poucos meses.

Fonte: Codigocero

BAÍA EDICIÓNS quere desexarvos un FELIZ DÍA DO LIBRO

E que mellor forma de felicitar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DO AUTOR que facendo un Chamamento á cidadanía galega e aos poderes públicos para poñer en valor o libro e a lectura como canles primeiras de acceso ao coñecemento, á información e ao gozo da creación literaria. Razóns polas que os membros da Asociación Galega de Editores reclamamos:

  1. O recoñecemento efectivo do sector do libro como sector da industria cultural de carácter estratéxico e prioritario para Galicia.
  2. A posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías.
  3. A creación do bono cultura por parte da Xunta de Galicia.
  4. A ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública.
  5. Apoio ao desenvolvemento da rede de bibliotecas escolares e de aula en todos os centros educativos non universitarios.
  6. Apoio á promoción e fomento da creación de bibliotecas familiares.
  7. A adquisición de todas as novidades editoriais en lingua galega destinadas ás 465 bibliotecas públicas de Galicia.
  8. A posta en marcha dun plan de fomento da lectura con atención a súa presenza en xornais, radio, televisión, web e nas redes sociais.
  9. A posta en marcha dun plan cuatrienal de tradución para o galego.
  10. A creación dunha Oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo.

Entrega do I Premio de Microrrelatos de Mulleres Progresistas

O acto de entrega do I Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas terá lugar o hoxe martes, 9 de abril ás 17.30 horas na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (Av. García Barbón, 5). Contarase coa presenza da Concelleira de Igualdade dona Isaura Abelairas.

O I Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas está subvencionado pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.

Máis información

Se queres ler os [Premios de Relatos ‘Mulleres Progresistas’ 2007-2011] podes facelo no título OBRAS BREVES DE IMAXINACIÓN.

Presentación na Feira do libro da Coruña d’O ALENTO NAS COSTAS, Natalia Carou

Baía Edicións presentou o día 8 de agosto, na Feira do libro da Coruña O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, que tivo lugar na Carpa da Feira do Libro (Xardíns de Méndez Núñez) ás 21:00 horas, no que interviron, ademais da autora, Julián Hernández (guitarra e vocalista de ‘Siniestro Total’), Xurxo Souto (músico, escritor e divulgador cultural) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

O acto de presentación estivo cheo de amigos, curiosos e amantes da literatura. Xurxo Souto fixo unha achega crítica sobre a obra na que só tivo boas palabras tanto para a autora, Natalia Carou (sendo esta a súa primeira obra publicada!) como para a historia, aventura, fantasía… que narra nas 334 páxinas que contén o libro. Julián Hernández tamén participou nesta aproximación crítica sobre a obra comentando que a doble visión que se fai na obra sobre a época Medieval e a actualidade é espectacular. Natalia Carou rematou este acto explicando ao público asistente os motivos que a levaron a facer esta obra chea emoción, aventura, viaxe…

Podes ver e escoitar parte deste acto no canal de Youtube de Baía Edicións.

Afonso Eiré fala de ‘O penalti de Fuco’ no Zigzag Diario

O espazo da tvG2 falou co escritor e xornalista Alfonso Eiré, que acaba de publicar O penalti de Fuco, un ensaio literario sobre o mundo do fútbol. Cinco minutos de partido centran unha novela en que se incide especialmente na transformación dun deporte nunha mercadotecnia posta ao servizo dos intereses económicos que esta práctica xera na actualidade. A entrevista a Afonso Eiré pode verse no minuto 11.

Zigzag Diario

Obras breves de imaxinación

O Premio de Relatos Mulleres Progresistas foi convocado por vez primeira no ano 2006, vindo substituír o xa veterano de Novela, cun obxectivo moi claro: animar e fomentar a escrita de narrativa en galego por mulleres, e nada mellor para isto que facer esa convocatoria desde o formato do relato, verdadeiro banco de probas de todo tipo de argumentos e voces e de maior poder de convocatoria para todas aquelas que algunha vez pensaron en contar algunha historia en negro sobre branco.

O resultado final e concreto é este recompilatorio: quince pezas breves dun total de once autoras entre gañadoras, finalistas e mencións especiais do I, II, III e IV Premios, que veñen amosarnos a riqueza temática e de estilos da narrativa galega escrita por mulleres, pero, sobre todo, que veñen dar forma e corpo a un entusiasmo compartido.

Coa colaboración da Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Vigo

Máis información