Artigos

Sementes de papel

Escrito e ilustrado por Bea e Silvia Gil, Sementes de papel conta a relación entre dúas mozas e o bosque onde viven. Naia ocupouse sempre de coidar das árbores e dos animais. Pero os anhelos máis profundos de Eyla romperán o equilibrio do lugar.

Do enxeño e do amor pola natureza xurdirá unha solución que lles axudará a salvar a preciosa paisaxe.

Sementes de papel  é una fábula ecoloxista que intenta espertar a curiosidade das nenas, dos nenos e dos adultos cara a un tema vital na educación e na situación do planeta, o respecto pola natureza.

A historia alértanos de que cómpre tomar conciencia da importancia crucial que teñen os bosques. E ao mesmo tempo é esperanzadora, xa que os verdadeiros protagonistas do conto, as árbores e os animais, non desaparecen malia que a súa supervivencia corre un grave perigo.

Seremos nós quen de salvarmos os habitantes ancestrais da terra, as árbores?

MÁIS INFORMACIÓN

Coñecemos un pouco máis a Andrea Maceiras

A coruñesa Andrea Maceiras é licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galega. Recibiu en 2010 o cuarto Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil, que convoca Baía Edicións, pola súa obra Violeta tamurana. Unha obra que cualifica como unha “alegoría contra o racismo” na que advirte os seus lectores de que “quen sustenta o dominio sobre os pobos o fai mantendo a ignorancia e o temor ao descoñecido e ao diferente”. Ademais desta obra, publica en 2012 outra coa que procura, tamén nesta ocasión, romper cos tabús e achegarnos a unha realidade vista aínda co receo pola sociedade, O segredo do lagarto arnal. Entrevistamos a Andrea Maceiras para coñecela un pouco máis!

  • Bos días Andrea, cóntanos… cando empezaches a escribir?

Comecei a escribir nas portas da adolescencia. Nun momento dado decateime de que era posíbel situarme do outro lado das letras, como quen repara por vez primeira na existencia dunha ponte sobre un río caudaloso e, nunha intuición fascinada, sábese capaz de chegar á outra orela. Foi un proceso de evolución natural que se viu afectado por estímulos externos: a posibilidade de participar en certames literarios para xente nova (como o de Cambre ou o “Viaductos” de Redondela) foi moi importante. Desde entón, a literatura converteuse en algo imprescindíbel miña maior arela foi transitar as súas dúas beiras tanto canto fose posíbel: a través da lectura, da escrita,da miña vida académica e laboral.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Os meus primeiros referentes foron os da literatura pensada para nenos e mozos da que eu gozaba inmensamente como lectora. Tiven a gran sorte de poder ler, sendo moi nova, a moitos escritores que comprendían a necesidade dunha literatura concibida para os máis xoves: desde os membros da xeración Lamote, como Agustín Fernández Paz ou Xabier Docampo, ata Roal Dahl e Michael Ende, pasando por autores como Andreu Martin, Maria Gripe, Ruíz Zafón e moitos outros. Supoño que o feito de lembrar con gran viveza e agarimo aquelas lecturas fai que me sinta moi cómoda escribindo LIX.

  • Cando e por que xurde Violeta tamurana? Foi a túa primeira obra publicada?

Violeta tamurana é unha obra especial. Xurdiu naquela primeira etapa e foi evolucionando ata o momento no que a escribín, anos despois, de modo que conviviu moito tempo comigo. A novela en si mesma é unha metáfora de moitos aspectos do noso mundo e, como tal, inspírase na observación da realidade. Porén, non foi  a miña primeira obra publicada: tres anos antes vira a luz Proxecto Bolboreta, obra gañadora do I Certame Literario do Concello de Soutomaior, da man de Xerais.

  • É unha historia de aventura e fantasía, mais introduces moitos temas de actualidade como os conflitos xeracionais, a preocupación ecoloxista… cóntanos que nos podemos atopar na obra?

Violeta tamurana recrea un mundo violeta, ficticio só nalgúns aspectos e moi real noutros. Na obra contrástanse dous mundos moi diferentes: o do Arquipélago Perdido, de carácter tradicional e tribal, e o do Continente Luminoso, desenvolvido e tecnolóxico. No desequilibrio existente entre ambos son fundamentais problemas como o racismo, a manipulación da información ou a devastación da natureza a mans do home. Pao, o heroe da obra, emprende unha arriscada viaxe desde a súa illa natal ata o outro extremo do mundo, coa intención de deter a destrución do seu fogar e das extraordinarias flores que alí medran: as tamuranas. O inconformismo da mocidade, a busca de respostas e, sobre todo, a defensa da identidade propia son outras cuestións moi presentes na novela.

  • E despois desta magnífica obra que recibiu o Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2010, publicas no 2012 O Segredo do lagarto arnal. Cando xurde a idea desta obra?

O segredo do lagarto arnal xorde da experiencia do paso do colexio ao instituto e afonda nos cambios, medos e esperanzas desta nova etapa. A este proceso, que é común para a ampla maioría dos rapaces, engádense outras cuestións. David, o protagonista, está preocupado polo divorcio dos seus pais e estraña moito a aldea, que identifica coa felicidade da infancia. Neste momento de inestabilidade precisa un referente vital: o seu curmán Marcos, varios anos máis vello ca el e co que mantén unha relación fraternal. Porén, hai catro anos que non sabe del e a súa familia garda silencio ao respecto.O segredo da obra ten moito que ver co descubrimento do mundo, con ese espertar asociado ao inicio dunha nova etapa, coa capacidade de tomar decisións e de ser un mesmo, sen deixarse intimidar, a pesar das circunstancias.

  • Pensas que as mozas e os mozos poden sentirse identificadas coa obra?

A obra aborda moitos conflitos cos que pode atoparse calquera rapaz nesta idade: desde as amizades, as ilusións ou os desenganos ata cuestións de maior gravidade como o acoso escolar e a marxinación e persecución daqueles que son vistos como máis débiles pola sociedade… A novela fala de atreverse a ser diferente e… quen non se sentiu diferente algunha vez?

  • Tratas moitos temas de actualidade: o divorcio, os segredos familiares etc. consideras importante tratar este tipo de temas na literatura xuvenil?

A literatura xuvenil procura atraer os intereses do público mozo, mais estes son moi diversos. As historias afastadas da vida cotiá, xa sexa porque son distantes a nivel xeográfico ou porque recrean mundos de ficción, apelan á curiosidade e ofrecen moitas posibilidades de evasión. No entanto, os relatos que se centran en aspectos máis próximos poden resultar interesantes porque permiten unha maior identificación e dan pé á reflexión sobre cuestións do día a día que non sempre son tan intranscendentes como parecen. O verdadeiramente importante é conectar cos lectores e lectoras tratando de ofrecer historias que inspiren e entreteñan porque estas son as funcións orixinarias e primixenias da literatura.

  • En 2013 publicas Nubes de evolución, na que segues tendo en conta a actualidade e nos indicas que somos nós quen podemos virar a nosa historia e loitar para dar as costas a decepcións e enganos. Que pretendes con esta obra?

Nubes de evolución é unha historia intimista de fríos e soidades.Os seus personaxes principais teñen en común unhas vidas imperfectas que non encaixan na sociedade tal e como está concibida: unha moza de dezanove anos cunha filla pequena, un rapaz problemático e un profesor de secundaria viúvo e frustrado coa súa profesión. Os tres frecuentan a cotío unha estación de autobuses e é nese espazo impersoal e húmido onde se produce o seu encontro. A novela fala das pequenas cousas que son capaces de mudar o noso xeito de ver o día a día, de saber poñerse na pel do outro, da capacidade de transformar os lugares que habitamos e, sobre todo, da vontade de mudar as cousas para conseguir os nosos propósitos.

  •  Poderías indicarnos cales son as túas autoras e/ou autores favoritas/os?

-Quizais porque durante a miña formación tiven a oportunidade de ler a moitos autores clásicos, na actualidade o meu interese pasa por obras máis contemporáneas e achegadas a min no tempo: Murakami, Milan Kundera, Paul Bowles, Orhan Pamuk, Christa Wolf, Clarice Lispector, Amin Maalouf, Don DeLillo… En Galicia considero que temos unha LIX de gran calidade e hai moitas obras coas que gozo moito, como as de Marcos Calveiro ou Ledicia Costas, por poñer algún exemplo. Despois hai textos aos que regreso con frecuencia porque nunca se esgotan, como os de Carlos Casares ou Marica Campo. As miñas lecturas pendentes son igualmente variadas: desde o novo de Pedro Feijoo ata o último de Kazuo Ishiguro. Interésame estar ao día e explorar as novidades.

  • Que farías para fomentar a literatura xuvenil?

-Aínda que en principio poida parecer paradoxal, sabemos que na actualidade os rapaces e rapazas len e len moito e sabémolo porque hai moitos fenómenos de libros que acadan gran repercusión nos medios, o que quere dicir que detrás deles hai un público que desexa historias. Por desgraza no mundo no que vivimos o que non está exposto á vista de todos aparentemente non existe. Nas grandes superficies, que é onde cada vez máis mercan libros os mozos e mozas, a literatura galega está moi difícil de localizar e ocupa espazos moi reducidos. É unha cuestión de visibilidade. Con toda probabilidade os adolescentes aceptarían de forma natural que nos andeis de libros xuvenís se mesturasen os de distintas linguas e literaturas. Esta percepción baséase no feito de que nos clubs de lectura dos institutos (que fan un enorme labor a moi distintos niveis) as lecturas están moi repartidas entre as distintas literaturas porque os profesores se encargan de darlles visibilidade a todas elas.

  • Como ves hoxe en día a situación no mercado editorial?

Vivimos tempos difíciles en todos os ámbitos. Loxicamente os problemas económicos que afectan á maior parte da poboación teñen o seu reflexo tamén neste sector. A pesar diso, as editoriais galegas apostan polo futuro, facendo esforzos por integrar e integrarse nas novas tecnoloxías e iso propicia o interese dos lectores. Como autora, considero que un dos grandes acertos das editoriais galegas é a creación e mantemento de premios literarios que ofrecen moitas posibilidades para calquera escritor, pero sobre todo para aqueles que estamos comezando.

Grazas Andrea! Foi un pracer!

Hoxe, na Feira do Libro da Coruña, Miguel Vázquez Freire e Chelo Suárez presentarán os seus libros

Martes 6 de agosto, ás 18:00 e 19:00 horas Miguel Vázquez Freire presentara o último libro da colección infantil  “Mar de letras”, Fadita Fosca!, o último dunha triloxía que se inicira con María é maior hai uns anos. Estará acompañado por Xosé Tomás, ilustrador da obra e Belén López Vázquez.

A continuación, Chelo Suárez presentará A neve e o lume, nunha homenaxe personal á poeta arxentina Alejandra Pizarnik, da que toma os versos de Erzébet Báthory, a condesa sanguenta, como epígrafe de cada capítulo. Marica Campo ofreceranos o achegamento crítico á obra.

E mañá, tamén ás 18:00, Carlos Silvar falaranos de O carballo, e os retos que se lle presntan para poder sobrevivir, á vez que nos explica como debuxalo.

ESTADES TOD@S CONVIDAD@S

Hoxe presentamos a Henri, o mosquito, defendendo á cantante Miss Turata

Moscas e mosquitos adoitan aparecer á vez, coa chegada da calor, mais non todos son tan excepcionais como Henri, o mosquito da imaxe, a quen vemos na imaxe defendendo á cantante Miss Turata das avespas macarras. É de recibo recoñecer que Miss Turata é unha libélula tamén excepcional.

Tal é a excepcionalidade de Henri, que o seu creador, Raúl Dans, recibiu o  X Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil.

Parabéns a Raúl Dans, a Henri e a Jacobo Serrano, polos fabulosos retratos das aventuras e desventuras de Henri.

Sabías que:

Moscas, mosquitos e tábanos pertencen todos á unha única orde, a DIPTERA, que en xeral son magníficos voadores. No mundo hai catalogadas 100.000 especies distintas, 15.000 delas están en Europa

Fonte: Insectos de Galicia, Jose Manuel Parada, Xosé lois Rei muñiz e Carlos rey Rañó (Bahía Edicións, 1997)

Martes 6 agosto, 19:horas presentación da novela gótica A neve e o lume

Ás 19:00: A neve e o lume

A escritora coruñesa Chelo Suárez e a tamén escritora e prologuista da obra, Marica Campo, farán unha introdución a esta singular novela dirixida ao público xuvenil e ilustrada moi certeiramente por Calros Silvar,

Comentario:

Vén Chelo Suárez guiada por Alejandra Pizarnik cuxos versos son a epígrafe de cada capítulo, con ecos do mundo de Erzébet (Elisabeth ou Elizabeth) Báthory, a condesa sanguenta, aquela que fixera do sadismo máis brutal o seu emblema até se converter en paradigma da crueldade sen límites ao servizo do pracer sexual. Mais aquí non hai outra tortura que o alento axeado do misterio, o rostro da morte cando esta é violada, os poderes do Maligno desencadeados como a tormenta perfecta. O perigo axexa, docísimo, tras a porta. Traspasala é chegar ao mundo dos mortos viventes, aboiar para sempre entre o ser e o non ser.

Vén, sen pudores nin eufemismos, porén delicada, cunha historia imposíbel, mais verdadeira por coherente, co seu sentido alén da realidade.

[Do Prólogo de Marica Campo]

Tamén chegou Oliver Twist, en breve nas librarías

Se a semana pasada informamos da chegada de Cleopatra, hoxe facémolo de Oliver Twist.

Son algunhas das novidades de verán de Baía edicións, depois de Un mosquito chamado Henri e Fadita Fosca.

Agardamos pola colección “Fabulando” de Mon Daporta.

Mentres, preparámonos para a Feira do Libro da Coruña e de Cee.

Máis información sobre Oliver Twist AQUÍ.

Cleopatra chega a Baía!

Cleopatra xa chegou a Baía e estará pronto nas librarías.

Quen era Cleopatra?

Como Raíña foi admirada e desprezada. Como muller, era poderosa e apaixonada. E como lenda, Cleopatra é unha das personaxes máis célebres da historia.

Desde o seu ascenso ao trono até a súa tráxica morte, Cleopatra levou unha vida excepcional, polo que aínda hoxe estamos cativados polo seu encanto, intelixencia e valentía.

Pero cal foi o seu destino como última raíña do Exipto? Como viviu e morreu esta gran muller? Poderedes descubrilo nas páxinas deste libro.

Infórmate AQUÍ

Fadita fosca, de Miguel Vázquez Freire, na Feira do libro da Coruña

O martes 6 de agosto, ás 18:00, Miguel Vázquez Freire presentará Fadita fosca, acompañado de Belén López e o ilustrador Xosé Tomás, que nos ten preparado un taller de ilustración.

Agardamos que Saleta e o seu avoíño non apareza por alí co seu “salacot de cazador de animais salvaxes” como no libro, pois armaríase unha boa. 🙂

Un mosquito de nome Henri

Obra gañadora do X Premio Barriga Verde (modalidade infantil), editada m coedición coa AGADIC.

Henri quere ser piloto de aviación, mais ten un pequeno problema: é miope.

Un mosquito de nome Henri é unha historia de superación e de aprendizaxe na que o mosquito Henri, en compaña da súa inseparable amiga Olivia, levantará o voo nunha aventura chea de piruetas e picados mortais rumbo ao seu destino: ser un heroe. E para iso vaise ter que enfrontar á malvada avespa Roque.

Unha libélula cantante de jazz, unha araña pianista, un moscón excampión dos pesos pesados… E moitos personaxes máis nunha historia para que os cativos leven os seus pais ao teatro e xuntos gocen cun relato de iniciación aos desafíos que a vida nos reserva a todos nós. Mesmo se es un mosquito.

MÁIS INFORMACIÓN

Oliver Twist

Oliver Twist, un orfo de 9 anos, logo de sufrir no orfanato a explotación, a fame e o medo, marcha a traballar como aprendiz para un enterrador. Maltratado tamén na funeraria, decide escapar e camiñar moitas millas para chegar a Londres. Unha vez na capital, Oliver coñece un carteirista da súa mesma idade que traballa para Fagin, un home sen escrúpulos que se fai cargo del, utilizándoo para os seus roubos.

Oliver coñece o frío cárcere e as elegantes mansións londinienses, mais as súas coitas parecen non ter fin…

MÁIS INFORMACIÓN