Entradas

Celebramos hoxe o Día Internacional da Educación

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o Día Internacional da Educación, cada 24 de xaneiro, co obxectivo de concienciar sobre o papel que a educación desempeña na creación de sociedades sostibles e autosuficientes.

A Educación aumenta a produtividade das persoas e o potencial de crecemento económico, desenvolve as competencias necesarias para o traballo e as aptitudes profesionais necesarias para o desenvolvemento sostible, axuda a erradicar a pobreza e a fame, contribúe a mellorar a saúde, promove a igualdade entre os xéneros e pode reducir a desigualdade, e promove a paz, o estado de dereito e o respecto dos dereitos humanos.

A ONU quere que os países, as sociedades, os colectivos e o público en xeral adopten medidas para garantir unha educación de calidade inclusiva e equitativa en todos os niveis, desde educación preescolar, primaria, secundaria, terciaria e de educación a distancia, incluída a formación técnica e profesional, para que todas as persoas poidan acceder a oportunidades de aprendizaxe permanente que lles axude a adquirir os coñecementos e habilidades necesarios para aproveitar as oportunidades que se lles presentan para participar plenamente na sociedade e contribuír ao desenvolvemento sostible.

Mercedes Queixas Zas, nova académica correspondente da RAG

Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega no pleno ordinario da institución celebrado onte pola tarde na Coruña. Na xuntanza votouse a favor da incorporación da profesora e escritora, tendo en conta o seu labor a prol da difusión da cultura galega e compromiso coa defensa do idioma. Mercedes Queixas Zas é autora de ensaios divulgativos, estudos sobre a historia da lingua e a literatura galegas e biografías de persoeiros das nosas letras, e participa activamente en distintas iniciativas a prol da identidade galega. Desde 2005 é secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

A nova académica correspondente é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade da Coruña e iniciou a súa andaina profesional como coordinadora da editorial Laiovento, responsabilidade que exerceu desde 1995 até o ano 2000. Desde o curso 1996-1997, compatibilizou este labor coa docencia de lingua e literatura galegas no ensino secundario, profesión que desenvolve nestes momentos no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco (A Coruña). Entre 2007 e 2010 foi coordinadora territorial de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da provincia da Coruña, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Como escritora publicou en solitario dez títulos, obras de carácter divulgativo como Os trobadores do Reino de Galiza (1997), Breve historia da literatura galega (1999) e De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal. Breve historia da literatura galega (2016), e estudos como Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega (2002) e Ramón Piñeiro. A expresión cultural dunha estratexia política (2009). Tamén cultivou o xénero biográfico en Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg (2011), Premio de Ensaio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega do ano 2012; Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María (2016), Premio de Ensaio da II Gala do Libro Galego (2017); ou Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo (2011).

Como creadora cultivou a literatura infantil en Xandra, a landra que quería voar (2017) e como tradutora verteu ao galego Nacionalismos no mundo (1997) e España uniforme (2001). Participou ademais nunha vintena de obras colectivas, entre elas Historia da literatura galega (1996) e Historia xeral da literatura galega (2001) e impartiu relatorios en distintos foros galegos, estatais e internacionais.

Fonte: Academia.gal

Luz Pozo contará cunha figura no Belén municipal da Coruña

O belén municipal da Coruña abre hoxe ás 20:00 as súas portas na sala de exposicións do palacio municipal de María Pita cunha nova figura, a da poeta Luz Pozo, autora de grandes títulos de ensaio, antoloxía, obras colectivas e poesía como Deter do día cunha flor. O belén poderá visitarse de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 ata o 6 de xaneiro, menos os días 24, 25 e 31, que o Concello permanecerá pechado ao público.

Parabéns Luz!

Entrega do VIII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil

Baía Edicións fixo entrega o domingo 2 de decembro de 2018 no Culturgal do VIII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil á autora, Ánxela Gracián por As voces da auga e ao autor Pere Tobaruela por Auga e lume. O acto foi presentado por Héctor Cajaraville, membro do xurado e o premio foi entregado por Belén López (Directora editorial de Baía Edicións).

O Xurado, formado por Héctor Cajaraville (gañador do 7.º Premio (2016) coa obra Denébola a Roxa), Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) con Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente), María Dores Fernández López,  profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, e María do Pilar Campo Domínguez (Marica Campo), que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu conceder por unanimidade o 8.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil ex aequo ás obras presentadas baixo os lemas “Mathuo Basho” e “CM”.

Abertas as plicas, as mesmas resultaron corresponder, respectivamente, ás presentadas por Ánxela Gracián, que leva como título As voces da auga (proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos), e por Pere Tobaruela, que leva o título Auga e Lume (proposta tamén para lectoras e lectores a partir de 12 anos).

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

«As voces da auga destaca pola calidade de lingua empregada, a orixinalidade da proposta e o intenso labor de recreación dunha sociedade xeográfica e culturalmente tan distante como a chinesa. As voces da auga relata unha historia de supervivencia e de aposta pola vida nun contexto histórico especialmente complexo, máis alá dos convencionalismos».

«En Auga e Lume destaca a axilidade da trama e a súa vinculación coa historia de Galiza e a habelencia na mestura entre novela de aventuras, de misterio e de amor.

O protagonista debe viaxar no tempo para resolver un enigma que se mantivo agochado durante séculos e que chegou intacto aos nosos días».

As obras serán publicadas por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e as autorías repartiranse 2.500 euros cos que está dotado o premio..

Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que vinte e unha alcanzaron a selección final, o que evidencia unha vez máis o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infanto-xuvenil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

Hoxe celebramos o DÍA DAS LIBRARÍAS

Hoxe, 16 de novembro celebramos o Día das Librerías 2018.

O Día das Librerías é unha celebración anual na que os libreros buscan recordar aos lectores a importancia das librerías como espazos para descubrir e comprar libros. Organizada por CEGAL, a Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreros, a xornada trae aperturas máis amplas de librarías ou actividades especiais nas mesmas. O calendario de actividades permite descubrir cales son as librarías máis próximas nas que se organizan eventos.

I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Muíño do Vento”

Desde Gálix informan da convocatoria dun novo premio de LIX : “I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Muíño do Vento“, convocado pola Asociación Sociocultural Muíño do Vento.

Os textos da presente convocatoria irán destinados ao público infantil de idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos e nela poderán participar todas as persoas maiores de idade que presenten os seus orixinais inéditos en lingua galega, conforme á normativa oficial establecida pola RAG. Os textos poderán ser de calquera xénero literario.

O prazo de presentación de orixinais remata o 14 de decembro de 2018.  Establécese un único premio dotado con mil cincocentos (1.500) euros. A concesión do premio leva incluída a publicación da obra.

Neste enlace pódense descargar as bases.

‘Catro pedras vellas’ finalista da XV edición do Premio literario FREI MARTÍN SARMIENTO

Segundo informa a súa páxina web, inician o novo curso 2018-2019 coa posta en marcha da convocatoria do Premio Frei Martín Sarmiento. Catro Pedras vellas é unha das obras finalistas da décimo quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento. En maio, coñeceremos ás gañadoras/es.

Parabéns Pere Tobaruela!!

Educación Infantil
GONZÁLEZ, OLALLA; Un máis; Ed. Kalandraka.
LÓPEZ, IAGO; O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas; Ed. Xerais.

1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
PATINHO, PEPABLO; Lúa; Ed. Embora.
LADO, MARÍA; 5 minutos; Ed. Auga editora.

2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
CARBALLEIRA, PAULA; Bruxa e familia; Ed. Oqueleo.
TOBARUELA, PERE; Catro pedras vellas; Baía Edicións.

3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
COSTAS, LEDICIA; A señorita Bubble; Ed. Xerais.
VILA SEXTO, CARLOS; Hugo e o ladrón pantasma; Ed. Rodeira-Edebé.

4ª categoría: 1º e 2º de ESO
M. CIMADEVILA, FERNANDO; A incríbel viaxe de Noa; Ed. Contos estraños.
MEIRAMA, UXÍA; Mael, máis alá da fraga de Cornanda; El Patito Editorial.

5ª categoría: 3º e 4º de ESO
LOZANO GARBALA, DAVID; Descoñecidos; Ed. Rodeira-Edebé.
SÁNCHEZ CALVEIRO, MARCOS; Días azuis, sol de infancia; Ed. Tambre-Edelvives.

6ª categoría: bacharelato e adultos
EIRÉ, AFONSO; Memorias dunha vaca marela; Hércules de Ediciones.
VILA BALEATO, LITO; Campus Morte; Ed. Galaxia.

Fonte: Blog do Premio Literario Frei Martín Sarmiento

A miña Patria natural é Galiza

Alexandre Bóveda diante do tribunal que o condenaría a morte: “Ámoa fervorosamente como pode amar un fillo a súa nai. Endexamais a traizonaría aínda que se me concedesen séculos para vivir. Adóroa ata máis aló da miña morte. Se entende este tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis pola miña Terra. Fixen canto puiden por Galiza e faría moito máis se puidera. Se non podo seguir traballando máis por ela, gustaríame morrer pola miña Patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado”.

Recordo de Baía Edicións a Alexandre Bóveda, ASASINADO, Ninguén debería morrer por defender a súa Terra.

Foto: Imaxe da Revista Murguía.

Aí estabas ti, mais eu non o sabía

Iniciaba eu a adolescencia, descoñecía, nuns casos ou non existían no vocabulario ao uso da época noutros, o significado de conceptos como nación sen estado, colonizada, feminista, diglosia, androcentrismo, conciliación, violencia de xénero, empoderamento e outros moitos pero xa me emocionaban as músicas de Fuxan os ventos e deixaban unha forte pegada en min algunhas das súas cancións, poemas que falaban dun mundo que si coñecía ou (re)coñecín nesas letras coas que me sentía identificada.

Así, á menor oportunidade cantaba, mal pero con moita paixón, algúns dos seus temas máis coñecidos. Gustaba especialmente –moi especialmente Marica– de “Muller”, pero tamén de “O carro e “O aradiño de pao que enlazaban de cheo coas miñas orixes rurais da montaña coruñesa; gustaba de “Irmaus” mais tamén de “Fame, soidade e bágoas”… con esta última sentín que “tiña futuro e tiña mañá porque Galiza empezaba a espertar”, cando menos en min.

Axiña souben que Manuel María era o autor dese “Carro”, que o “Irmaus” solidarios o escribira Celso Emilio … mais tardei algo máis en saber que outras moitas cancións que remexían a miña conciencia, como o “Aradiño de pao” ou a “Fame, soidade e bágoas” tiñan letras nas que participabas parcial ou totalmente ti, Marica Campo, e especialmente esa “MULLER” que máis me emocionaba porque me incorporaba, de forma explícita, aínda que fora pola boca dun home, na historia do pobo galego como MULLER, filla de emigrantes que son…

Como podía ser que non soubera que estabas ti detrás desa letra, Marica Campo? Semella inxusto ese descoñecemento selectivo por xénero, querida amiga.

Como pode ser que tardara máis en saber da autoría dos teus poemas, algúns referidos especialmente a min como muller cando si a coñecía dos outros? Sabes, sabemos, aínda que non o falemos acotío, que non podo atribuír a causa exclusivamente á miña ignorancia, senón ao contexto social, onde se non se tratara dunha festa homenaxe o que me leva hoxe a escribirche, poderiamos pararnos a debater sobre alienación ou o androcentrismo, por empezar por algures.

Pareime un pouco nas letras, Marica, porque non debería ser que escribiras máis de 20 poemas para musicar e tivera, hai unha semana, que pedirche me enviaras unha relación porque non daba encontrado a información completa, outra mostra máis do ocultamento das mulleres, desta vez na escrita.

Anos despois coñecinte en persoa, desta vez como autora do fermoso poemario Tras as portas do rostro e do libro de relatos Confusión e morte de María Balteira, que eu promocionaba de forma apaixonada no meu recente traballo na empresa Bahia Edicións mentres cantaba no coche as letras desas cancións túas.

A promoción da túa obra tróuxome moita felicidade e o relato “Confusión e morte de María Balteira” deume a oportunidade de conectar máis aló da relación de traballo con moitas mulleres galegas, profesoras dos centros de ensino deste país coas que tomaba café nos institutos falando dese relato e dos outros que se inclúen no libro do mesmo título, así como doutras mulleres e cousas que nos interesaban como tales… trouxo a sororidade aínda que eu non sabía que o era, mesmo creo que non se usaba ese termo por entón. E quero pensar que trouxo tamén un pequeno cambio que se amplifica ao trasmitirse e manterse no tempo, pois estou segura que o alumnado adolescente non quedou indiferente coa lectura da túa obra.

Voume parar un pouco en Confusión e morte de María Balteira, publicación que sabes adoro, tirando das palabras da profesora e galicianista Kathleen March, que di do seu estilo:

“[…] vai levado por un ritmo de auga e natureza, ritmo creado pola relación variada e insistentemente contigua que hai na súa obra entre muller, mundo vexetal e mundo animal” e porque as personaxes que aparecen nos outros relatos do libro, mulleres xuntas pero diversas nun único volume, son protagonistas activas que toman as súas decisións e non un mero adorno natural, real ou imaxinario e, por suposto, podemos ver a poeta detrás deses relatos pois a exquisita e rica linguaxe amósase cun gran ritmo poético, as palabras bailan coa narración, e iso é só unha parte da calidade literaria desta obra.

E aínda me deterei un chisco máis no relato da Balteira para destacar tres aspectos:

  • Recuperas maxistralmente unha figura histórica das cantigas profanas galego portuguesas, María a Balteira.
  • Preséntasnos esta muller libre, sexualmente activa e que decide sobre o seu corpo e a capacidade de ser nai, e amosa unha relación de poder con respecto aos homes, algo inaudito no momento.
  • Mais tamén a imaxinas vella, con medo á morte e recorrendo á súa amiga, deixando patente a importancia da solidariedade entre mulleres.

Desde a súa publicación en Bahia Edicións, en xuño do ano 1996, foi tal a calidade e impacto do texto orixinal que derivou nunha obra de teatro, varias lecturas dramatizadas, catro edicións e varias reimpresións, así como nunha edición crítica no ano 2006. Hoxe, 22 anos despois, a obra segue a manter todo o interese e vixencia.

Para min, Marica, es ante todo unha poeta, pero pégaslle con habelencia a todos os paus da escrita con variados rexistros, como mostra o teu traballo, ademais de en Confusión e morte de María Balteira, noutras obras como a novela Memoria para Xoana (Espiral Maior), na adaptación teatral d’O divino sainete (Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Maior) e tamén nos títulos de literatura xuvenil que foches escribindo, E Xoel aprendeu a voar (Alfaguara Obradoiro), Noutra dimensión (Ed. Galaxia), Abracadabras (Ed. do Castro), mais, desde o meu modesto punto de vista, interesado, ben é certo, nos relatos que aparecen en Confusión e morte de María Balteira e que te fixeron de sobra coñecida, querida Marica, fas un repaso polos sentires e faceres, reais ou imaxinarios das mulleres galegas na historia, que non é pouco e que te honra.

Hoxe non podo deixar de mencionar tamén a túa xenerosidade, sempre disposta a colaborar alí onde te chaman, mesmo dando comida e durmida na túa casa da Mariña, que tamén o era de Teresa Cabello, como fixeches comigo… Mais, por desgraza, quero facer ver que se todo o traballo que fixeches o fixera un home, serías moito máis recoñecida do que o es… e ben o sabes.

Por iso tamén dou os parabéns ás compañeiras de A Sega por escollerte este ano como “Galega nas letras” e pola iniciativa en xeral.

Despídome co desexo de que o “Alí estabas ti, mais eu non o sabía” co que principiei a miña homenaxe se converta para ti, Marica, e para todas as mulleres en “Alí estabas ti, Marica Campo, e ben que se notaba” porque a “Muller” que tantas veces cantei viña da túa man e os relatos incluídos en Confusión e morte de María Balteira contan historias do que somos, sentimos e nos pasaron a moitas mulleres, e tamén son obra de Marica Campo.

Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións

[Texto lido o 15 de agosto na homenaxe a Marica Campo organizado pola A Sega en Lugo].

Presentación de ‘Cantar de corpos’ na Libraría Biblos de Betanzos

O xoves 9 de agosto ás 20:00 tivo lugar a presentación do libro Cantar de corpos na Libraría Biblos de Betanzos. Carmela González Boo presentará o acto, no que contaremos coa participación do autor, Xabier Correa Corredoira e Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións), ademais de Pocho Taxes (guitarra).

 

Contido do libro:

Coa alusión bíblica do seu título, Correa Corredoira entoa todo un rosario de salmos laicos nos que o eros trata de escorrentar a morte e puxar a brazo partido pola vida.

Son tan tenaces e apaixonados coma a súa pintura: só trasladan a mensaxe das pinceladas ao código escrito. Idénticos e vitais; coherentes. É un mesmo Xabier o que pinta, o que escribe, o que desexa.
E así de híbrido e ardoroso é este Cantar de corpos. Un libro no que o amor se fai pero tamén se come, se preme, se fuma, se soña, se cociña, se zarrapica, se debulla… se respira.

[…] Porque se algo é quen de exorcizar o mal cando ‘sangran as nubes’ é a humidade vivificante de dúas linguas que se beixan; porque se algo é capaz de combater ese grito mudo é a forza centrífuga do máis fondo abrazo. Porque só pode ‘demorar a estrela onde pace o tempo’ o amor.

Do Limiar, de Yolanda Castaño