Entradas

PROLINGUA PROMOVE UNHA HOMENAXE NACIONAL A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

A plataforma cidadá ProLingua quere convidalo á Homenaxe Nacional que se lle renderá ao escritor Agustín Fernández Paz o vindeiro 30 de xuño de 2012 en Vigo. O acto, que será conducido por Rosa Aneiros, terá lugar ás 12:30 horas na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26). A seguir haberá un xantar programado para as 15:00 no Restaurante Carrís de Vigo ( Avda. Beiramar, 57).

Moito lle habemos agradecer que nos confirme o antes posible a súa presenza, tanto no referido ao acto de homenaxe como ao xantar posterior. No caso de acudir tamén a este último, informamos que o número de prazas é de 250 que se reservarán por rigorosa orde de recepción, e o prezo pactado para cada comensal de 40 euros. Para calquera dos casos as reservas faranse neste enderezo de correo-e homenaxeagustin@gmail.com

O importe do xantar deberá abonarse a través dun ingreso na conta de Novagalicia Banco número 2080 0220 94 3000030913, facendo constar o nome da persoa que fai a reserva e poñendo no recadro do concepto: Homenaxe a Agustín Fernández Paz. Esta será a única reserva válida e deberase mostrar o comprobante do ingreso para participar no xantar.

Co desexo de velo ese día preto de Agustín, reciba un afectuoso saúdo.

A Cerna de ProLingua

P. S
1. A fin de organizar as cousas o máis ao gusto das persoas que asistan, rogamos a aquelas que vaian vir ao xantar que nos indiquen a súa preferencia por peise ou carne no menú do segundo prato.
Para as persoas que non manifesten a súa preferencia entenderemos que prefiren que se lles sirva o menú de carne.

Tamén lle rogamos, co mesmo fin, que nos indique se prefire un menú vexetariano ou se precisa que se lle sirvan un menú especial para celíacos/as

2. Ao mesmo tempo rogámosvos que difundades a noticia da celebración desta homenaxe entre aquelas persoas que sabedes que lle teñen afecto a Agustin e pensades que puidera non chegarlles este convite.

Fonte: Prolingua

Foto: Agustín Fernández Paz

SAÍDA á SERRA DO XISTRAL

A Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural vén organizando dende hai varios anos saídas a lugares de interese ambiental. O próximo 10 de xuño será a Serra do Xistral o obxectivo da andaina. Manuel Rodríguez Guitián, pofesor de botánica da USC vai ser o monitor que desvele os segredos deste contorno de alto valor ecolóxico.

A saída efectúase dende Sada (á porta do IES Isaac Díaz Pardo) ás 10 a.m. E a data tope para se apuntar é o próximo xoves 7. Pódese facer vía sms no 686 143 143 ou no enderezo-e asmarinhas@sghn.org.

Máis información no PDF

Foto: Turgalicia

O PEN Club Internacional presenta un manifesto a favor dos dereitos lingüisticos

O PEN clube internacional fixo a presentación do Manifesto de Girona, un documento no que se aborda o estado dos  dereitos lingüísticos. O Manifesto incide en que “o ensino escolar debe contribuír a prestixiar a lingua falada pola comunidade lingüística do territorio”.

O documento basease na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e lembra que “toda comunidade lingüística ten dereito a que a súa lingua sexa usada como oficial no seu territorio” e reclama que “o dereito ao uso e protección da lingua propia debe ser recoñecido polas Nacións Unidas como un dos dereitos humanos fundamentais”. Tamén incide en que o ensino escolar debe contribuír a prestixiar a lingua falada pola comunidade.

No acto estivo o presidente da Generalitat de Catalunya e foi coincidente coa xuntanza anual do Comitè Internacional de Tradución e Dereitos lingüísticos do PEN, que tivo lugar en  Barcelona esta semana e no que participaron dezasete países.

Fonte: AGE

Abalar chegará o vindeiro curso a preto de 45.000 alumnos

O Proxecto Abalar, dirixido a favorecer a inclusión das ferramentas dixitais na nosa educación (facendo fincapé no software libre), vai seguir amplificando incidencia e afianzándose nos centros nos que xa foi implantando e máis nos espazos aos que aínda non chegou. Así nolo contou este mércores, en rolda de prensa, a directora Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e máis o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez. A nivel de cifras e datos concretos, informaron, o proxecto implicará o vindeiro curso a máis de 44.000 alumnas e alumnos de 535 centros escolares, dos que 165 incorporaranse a partir do mes de setembro.

Durante a rolda de prensa, convocada para informar das últimas novidades ligadas ao devandito plan, aproveitouse a ocasión para dar conta do acadado a través do convenio con Red.es, de xeito paralelo ao desenvolvemento de Abalar, que permitiu instalar 782 kits de aula dixital en 645 colexios que non forman parte do devandito proxecto, e que beneficia a outros 15.000 estudantes.

Volvendo a Abalar, dicir que durante a cita cos medios deste mércores fíxose fincapé no labor que está a desenvolver o profesorado galego no afianzamento e amplificación do plan, xa que é sobre eles, en boa medida, sobre os que recae este proceso. Para apoialos, a consellería “vai continuar apostando pola formación do profesorado como unha das claves fundamentais do éxito do Abalar”. Deste xeito, informouse, “para os vindeiros meses programaranse 97 cursos de formación, o que suporá 2.975 horas de formación para 2.000 docentes e 230 coordinadores Abalar”. Indicar a maiores que nos dous anos de implantación do proxecto téñense impartido xa 26.461 horas e 697 actividades de formación, das que se beneficiaron 12.234 docentes e coordinadores.

No encontro cos medios tamén se procedeu a salientar o potencial de Redeiras, unha iniciativa posta en marcha hai dous meses como unha rede social “para favorecer a intercomunicación entre o profesorado galego, co fin de fomentar o traballo colaborativo e o intercambio de experiencias como complemento á súa práctica educativa”. E engadiuse, ao fío do devandito: “Redeiras xa conta con preto de 5.500 usuarios rexistrados, e máis de 150 grupos activos, cunha importante actividade, que se reflicte nos vídeos e ficheiros subidos a rede, as entradas de blogs, marcadores e envío o muro, así como as mensaxes intercambiadas entre usuarios”.

Fonte: Codigocero

A selectividade comeza en Galicia con textos sobre o libro electrónico e a afección ao fútbol

As probas de acceso á universidade (PAU) en Galicia arrancaron este mércores co exame de Lingua Castelá e Literatura II, no que os alumnos se atoparon con varios textos para analizar que trataban sobre o libro electrónico e a afección ao fútbol.

Preto de 10.000 alumnos enfrontaranse ata o venres aos exames de selectividade como primeiro paso á súa entrada á educación superior galega, segundo os datos facilitados pola Comisión interuniversitaria de Galicia. O ano pasado, a convocatoria de xuño rexistrou un 86 por cento de aprobados.

Deste modo, a opción A desta primeira proba ofrecía un texto asinado por Arturo Pérez Reverte, no que o escritor reflexiona sobre a implantación do libro electrónico e o debate sobre o formato papel.

Ademais de redactar un comentario crítico, os alumnos tiñan que responder a unha serie de cuestións gramaticais e léxicas, ademais de varias preguntas de teoría centradas no tratamento do tempo e o espazo en ‘Plenilunio’, e na obra de narrativa peninsular que leron durante o curso. A pregunta final versaba sobre as características xerais do Modernismo.

Por outro lado, na Opción B da proba, incluíase un texto de John Carlin en El País no que aborda a afección e a popularidade do fútbol e a súa instauración na sociedade.

Así mesmo, entre outras cuestións, preguntábase polo valor de varias formas verbais subliñadas no texto ou un texto breve de cinco liñas en rexistro formal-culto. Finalmente, cuestionábase sobre a obra ‘A Fundación’ e preguntábase por lugar, tempo e acción da obra teatral lida durante o curso, xunto coas características xerais e autores máis destacados do Romanticismo.

XORNADA

Tras un descanso duns 45 minutos, a xornada continuarase con Historia de España e Historia da Filosofía (12.15 horas), e continuará pola tarde con Lingua Galega e Literatura (16.00 horas) e Lingua Estranxeira (18.15 horas).

AULAS DE TODA GALICIA

Desde hoxe, mércores, e ata o venres, máis de 9.000 alumnos ocupan as aulas dos centros de toda Galicia para afrontar as probas de selectividade na convocatoria de xuño, O ano pasado participaron un total de 10.160 alumnos nas Probas de Acceso á Universidade (PAU) de xuño, que rexistrou un 86 por cento de aprobados. A falta da matrícula extraordinaria para alumnado que aprobe 2º de Bacharelato na convocatoria deste mes tras a resolución das reclamacións, polo momento cuantifícanse un total de 9.895 estudantes para a realización das probas.

A xornada deste mércores das PAU comezou coa presentación ás 9.00 horas, Lingua Castelá e Literatura (10.00 horas), Historia de España e Historia da Filosofía (12.15 horas), Lingua Galega e Literatura (16.00 horas) e Lingua Estranxeira (18.15 horas).

Ao día seguinte, o xoves, haberá Matemáticas II, Grego II e Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica (9.00 horas); Ciencias da Terra e Ambientais, Literatura Universal, Ciencias Sociais, Deseño (11.15 horas); Química, Latín II, Debuxo Artístico II (13.30 horas); Bioloxía, Historia da Arte (16.30 horas); Electrotecnia e Matemáticas aplicadas ás Artes Escénicas (18.45 horas).

Finalmente, o venres serán as probas de Física, Xeografía e Análise Musical II (09.00 horas); Tecnoloxía Industrial II, Economía de Empresa (11.15 horas); e Debuxo Técnico II e Historia da Música e a Danza, ás 13.30 horas.

Fonte: GaliciaHoxe

Foto: Pili Prol

Chega o novo Culturgal cun presuposto ‘adelgazado’

Onte presentouse a convocatoria dirixida ás empresas galegas do eido cultural cara a súa participación en Culturgal 2012, a feira galega das industrias do sector que se celebrará en Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro. O departamento de Cultura, que dirixe Xesús Vázquez Abad apoiará este encontro profesional e lúdico a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que colaborarán deste xeito co evento por terceiro ano consecutivo, desta volta cunha achega total de 170.000 euros.

A presentación tivo lugar hoxe no Pazo da Cultura pontevedrés –recinto que acollerá o espazo expositivo e de mercado e outras actividades do vindeiro Culturgal– nun acto que contou coa participación dos representantes da organización Xulio Amigo e Serxio Lago, presidente da Asociación Culturgal e director da feira, respectivamente; ademais de Juan Carlos F. Fasero, director da Agadic; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra.

Feira “imprescindible”
Fernández Fasero explicou o apoio da Consellería ao proxecto. “É imprescindible –dixo–que as industrias culturais de Galicia teñan unha gran feira na que amosar os seus produtos e servizos” e defendeu o modelo de Culturgal pola “representatividade sectorial da asociación organizadora”, pola “solvencia, arraigo e consolidación” que lle outorga a residencia estable en Pontevedra e máis polo “camiño cara ao autofinanciamento” que hai anos que vén desenvolvendo. Neste sentido, Fasero cifrou nun 25% a redución neste ano da contribución de Agadic a Culturgal, motivada pola crise, pero incidiu en que “o maior peso da industria na súa organización dota de independencia e continuidade á feira”.

Pola súa banda, Valentín García recordou que “Culturgal é o gran escaparate da cultura galega” e que “a cultura é unha parte moi importante da nosa economía”. “Neste sentido, cómpre recordar que nestes tempos máis que en ningún outro, hai que arranxar a tenda por dentro, pero ao mesmo tempo hai que poñer máis bombillas no escaparate, para que o noso público nos coñeza”, asegurou.

O programa oficial de Culturgal 2012 conformarase cos proxectos empresariais ou creativos procedentes de calquera empresa, persoa, asociación ou entidade, sempre e cando teñan participación galega e se presenten antes do día 20 de setembro. No caso dos expositores para a zona feiral, o prazo de contratación esténdese ata o 10 de outubro.

Criterios de calidade e novidade
As propostas serán seleccionadas atendendo á súa calidade, viabilidade e adecuación ao contexto cultural galego, ao programa de actividades da feira e aos valores e obxectivos da Asociación Culturgal, entre os que destaca a promoción e o desenvolvemento da lingua e da cultura galegas.

A organización explicou que dará prioridade ás accións que experimenten con formatos de presentación singulares, non estandarizados, que incidan na participación do público, así como a aquelas que acheguen os espectadores aos procesos creativos, impliquen a colaboración intersectorial e supoñan a estrea de produtos ou a presentación de proxectos recentes. Tamén se valorará o adianto de proxectos en proceso, especialmente no ámbito musical, escénico e audiovisual.

Co apoio a Culturgal 2012, a Consellería de Cultura e Educación incide na súa aposta na materialización de puntos de encontro entre creadores, profesionais e consumidores culturais, co que se busca favorecer sobre todo a perspectiva de relación profesional e mesmo de transacción comercial. Recoñece tamén o importante papel que neste sentido xoga Culturgal para o noso territorio e para un sector, ademais, no que a defensa e utilización da lingua galega funciona como valor engadido fundamental.

Fonte: El Correo Gallego

Roteiro internacional de contos en Pontevedra

A Concellaría de Cultura de Pontevedra promove o programa Sete falares do que se encargarán Charo Pita, Tim Bowley, Rosana MontÀlverne, Clara Hadda e Paula Carballeira.

Este encontro internacional de contadores de historias que se desenvolve baixo o título de Sete falares, vaise desenvolver en diversos lugares da cidade do Lérez durante a fin de semana do do  8, 9 e 10 de xuño.  Anxos Riveiro explicou que se trata dunha actividade que terá como eixo a praza de España e que a xente atoparse cos contadores de historias mentres disfruta pola cidade do seu tempo de lecer. Tamén fixo un agradecemento á colaboración da Deputación de Pontevedra pola autorización para utilizar as ruínas de San Domingos como un dos escenarios destes contos.

Neste evento de dinamización lúdica e cultural participan contadores de historias galegos, de  España, de Brasil, de Portugal e do Reino Unido en sesións de mañá e tarde. Os contadores de historias estarán tamén na Casa das Campás, na praza de Santa María, no Teatro Prinicipa  e a bordo dun barco pola ría.

Fonte: AGE

Barcelona acollerá a segunda ludoteGa galega o domingo

A falta dun espazo onde poder levar adiante iniciativas infantís en galego, animou a un grupo de pais e nais de Barcelona a crear en maio unha ludoteGa galega. A iniciativa, apoiada pola Asemblea Cultural Galega de Barcelona, creouse coa idea de que cada mes, ou cada mes e medio, se xunten na cidade condal as distintas familias que queren gozar de actos lúdicos en galego e lograr que vos rapaces interactúen e xoguen con outros nenos nesta lingua. Ou proxecto xurdiu de forma espontánea, en distintas conversas entre galegos de primeira e segunda xeración que notaban a falla dun circuíto cultural na lingua de Rosalía.

A primeira xuntanza tivo lugar ou 6 de maio non céntrico Parc da Ciutadella de Barcelona e, para promocionala, botouse man dás redes sociais. Creouse un blogue non que anunciar as distintas novidades e un evento en Facebook baixo ou propio nome dá LudoteGa.

Cristina Amarelo, unha dás nais promotoras dá iniciativa, non esconde a súa satisfacción pola gran acollida que tivo ou encontro. «Superouse a expectativa inicial e logramos xuntar ao redor de 25 nenos». De 34 anos e nada en Barcelona, aínda que de pais galegos, Cristina aclara ou inicial carácter amateur do proxecto -«ou programa é autoxestionado polos propios pais promotores dá ludoteGa»-, aínda que a súa vocación é a de lograr engadir en cada xuntanza a máis participantes.

Non primeiro encontro, e tras un picnic, vos nenos gozaron de cantigas, adiviñas, xogos e números de maxia e circo, todas estas iniciativas suxeridas polos propios implicados.

Poucos días despois, e co galo do 17 de maio, vos rapaces volveron a atoparse, nesta ocasión na galería Sargadelos de Barcelona, nun acto promovido pola Asemblea Cultural Galega, e co que se quixo homenaxear a Valentín Paz Andrade.

De cara ao outono, cando precisen dun local pechado -e de manterse ou número de asistentes- terán ao seu dispor un espazo non Ateneu Roig (situado non barrio de Gracia ), onde distintos colectivos poden levar a cabo as súas xuntanzas. Ademais, e para próximos encontros, tamén pensan pedir a colaboración dalgúns dous actores dá compañía Furafollas (grupo non que galegos e cataláns escenifican, contan e fabrican produtos culturais), para que leven a cabo distintos números infantís.

Dende a ludoteGa xa se empraza aos galegos de Barcelona para ou seguinte evento, que terá lugar este domingo 10 de xuño ás 12.00 horas non mesmo espazo que ou primeiro, ou Parc da Ciutadella. Durante a xornada haberá cantigas, Maxia Potaxia -dá man do Meigo Baranga-, números de clown e xogos tradicionais.

Fonte: La Voz de Galicia

Xa podemos descargar o Firefox 13 en galego

Continuando co lanzamento de novas iteracións no navegador web Firefox xa tempos dispoñible para a súa descarga para Windows, Mac OS X e Linux a versión en galego do Firefox 13, que incorpora numerosas melloras de rendemento que serán moi ben recibidas polos usuarios, á vez que incorpora un par de novidades importantes: a páxina de inicio por defecto inclúe accesos rápidos ás Descargas, Marcadores, Historial, Complementos e distintas opcións de configuración; e ao abrir unha nova lapela aparecerán as páxinas máis visitadas para axilizar o noso uso do navegador.

Firefox 13 tamén incorpora o protocolo SPDY para cargar máis rápido as páxinas web que soporten tal tecnoloxía, fai que as lapelas en segundo plano non se carguen inicialmente para axilizar o inicio da aplicación e conta coa opción de desprazamento suave activada de xeito predeterminado.

Como vén a ser costume, a nova versión de Firefox tamén incorpora moitas melloras para os desenvolvedores, como a implementación de novas funcionalidades CSS ou unha importante renovación das ferramentas para desenvolvedores (para a inspección de páxinas, o editor de estilos e outros apartados).

Fonte: Codigocero

Día Mundial do Medio Ambiente

Cada 5 de xuño desde 1972 celébrase o Día mundial do Medio Ambiente. A data foi establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na Conferencia de Estocolmo, co Medio Humano coma tema principal. O mesmo día, a Asemblea Xeral da ONU aprobou tamén a creación do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA).

A través do Día Mundial do Medio Ambiente a ONU tenta sensibilizar á opinión mundial con respecto ás problemáticas ambientais, intensificando a atención e a acción política e co obxectivo principal de motivar ás persoas para que se transformen en axentes activos do desenvolvemento sostible e equitativo; promover o papel fundamental das comunidades no cambio de actitude cara os temas ambientais, e fomentar a cooperación e solidariedade entre os países, para garantir así que tódalas as persoas e as nacións podan gozar dun futuro prospero e seguro.

O Día mundial do Medio Ambiente da pé á realización de múltiples actividades: concentracións, concertos, actividades escolares, plantacións de árbores, campañas de reciclaxe e de limpeza, entre outras moitas.

Alén máis, é un suceso que desperta o interese da prensa e os medios audiovisuais acerca do ambiente e que leva á celebración de múltiples actividades.

A celebración é unha oportunidade de asinar ou ratificar convenios internacionais e, ás veces, establecer estruturas gobernamentais permanentes relacionadas co manexo ambiental e a planificación económica.

A desforestación os Desertos e a Desertización , o Desxeo ou a consecución dunha economía baixa en carbono, foron algúns dos temas tratados neste evento ao longo dos anos… por desgracia non faltan motivos para continuar a celebralo e a demandar a atención dos organismos públicos, dos gobernos e da poboación en xeral, sobre cuestións vitais para a subsistencia do planeta e de cantos nel habitamos.

A conciencia real dos problemas ambientais e a nosa aportación para eliminalos ou amortecelos é fundamental: a nosa actitude diaria, a presión que exerzamos para que se tomen en consideración os problemas e se aporten solucións efectivas e duradeiras por parte dos nosos gobernantes, fará posible que o mundo siga a ser habitable. Un dia de conmemoración semella algo fútil, pero menos é nada: aproveitémolo para deixarnos ouvír e actuar, reivindicando accións concretas, solucións reais, fondos para solventar os problemas: é moito máis importante que salvar os beneficios dos banqueiros.

 Texto: Calros Silvar