Artigos

Arranca a semana de protestas contra a LOMCE e os recortes en toda España

A semana de mobilizacións contra a política educativa do Goberno arranca este martes 22 de outubro coa folga de alumnos de Secundaria e universitarios de centros de toda España, convocada polo Sindicato de Estudantes, que se prolongará durante o mércores 23 e xoves 24. Este último día, a Plataforma Estatal pola Escola Pública emprazou pais de alumnos, profesores e traballadores do ensino a un paro xeral.

Trátase da primeira semana de protestas deste curso escolar 2013-2014, que conclúe cunha folga xeral do ensino no que, por terceira vez, convocan tamén os pais de alumnos. Xa o fixeron o 18 de outubro de 2012 contra o decreto de racionalización do gasto educativo e o 9 de maio contra a reforma.

Os estudantes de Secundaria e universitarios farán tres días de paro — 22, 23 e 24 de outubro — e celebrarán unha manifestación o 23 pola mañá en varias cidades españolas. A de Madrid percorrerá o centro da capital dende Atocha ata a Porta do Sol.

Os docentes e pais farán tamén paro o xoves 24 e a xornada culminará con manifestacións pola tarde, convocados pola Plataforma –integrada por FAEST, Sindicato de Estudantes, CEAPA, MRP, FE-CC.OO, FETE-UGT, STRES-i, e CGT–. En Madrid, a marcha comezará as 18.30 na praza de Neptuno e rematará na rúa Alcalá fronte ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

O calendario de ‘mobilizacións en verde’ — en alusión á cor das camisetas que inicialmente levaron os docentes da Comunidade de Madrid contra a política educativa do Goberno desta rexión — comezou o pasado 23 de setembro co inicio da consulta cidadá, impulsada pola Plataforma Estatal pola Escola Pública, sobre a futura lei, os recortes e o decreto que endurece os requisitos para acceder ás bolsas.

O resultado da consulta, que finaliza o próximo 27 de outubro, foi rexistrado o xoves 17 pola Plataforma en La Moncloa. Ata agora, máis dun millón de persoas participaron nesta enquisa na que o 99 por cento dos asinantes votaron en contra da política educativa do Goberno. Ademais, os voceiros desta organización entregaron na sede do Goberno unha carta dirixida ao presidente Mariano Rajoy pedíndolle o cesamento do ministro de Educación, José Ignacio Wert, e a paralización do proxecto da LOMCE.

Fonte: Galicia Hoxe

CC BY-SA CIG