Entradas

O MARCO continúa fiel á súa liña de traballo malia os recortes

Para este 2013 o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o MARCO, redimensiona o proxecto acorde coa rebaixa de orzamento, pero profundamente coherente coa súa traxectoria, coa calidade e co contorno no que se insire. As claves da programación do ano pasan por apostar polos novos nomes da creación (Marta Alvim, Christian García Bello, Jacobo Bugarín, Federico Vladimir Strate Pezdirc, entre outros), polas relacións da arte co son (HUM de Massimo Bartolini abre o ano expositivo) e, por suposto con creadores, comisarios e centros galegos (Os Veraneantes ou O bosquexo do mundo). Iso si, sen descoidar a produción que se está a facer fóra, coa exposición individual de Patricia Esquivias.

O vindeiro 1 de marzo abrirá oficialmente o ano expositivo do MARCO. Dúas exposicións colectivas, dúas individiduais máis a exposición do Premio MARCO/FRAC Lorraine para novos comisarios compoñen o formato dun centro que segue a exhibir unha atención moi clara e decidida cara o contexto galego. Hai artistas, comisarios e centros galegos no listado de nomes que protagonizarán este centro no 2013.

Visión internacional
Dúas exposicións individuais para dar conta de dous creadores coñecidos a nivel internacional. O caso de Massimo Bartolini, con comisarioado de Anna Cestelli que coñece a realidade galega da súa colaboración co CGAC, insírese na liña de traballo de proxectos expositivos orientados a indagar na relación da arte sonora e artistas que traballan co son. Proxectos que xa exhibíu o centro en Escoitar (2007) ou Loreto Martínez Troncoso (2011). A outra é para achegar o traballo textual de Patricia Esquivicas (Caracas, Venezuela, 1979), unha creadora que chega logo de expor no Museo Nacional Reina Sofía (Madrid) ou Tate Modern (Londres) e cuxa obra cuestiona o medio rural que queremos no futuro, no marco das relación campo-cidade.

Colectivas e propias
Para as exposiciósn colectivas, o MARCO afondará nos novos nomes da creación galega. Primeiramente (abril-setembro) cunha mostra comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre. Nela unha vintena de artistas pretenden traer ao visible o a idea inicial do seu traballo, ese “bosquexo” entre documentalista ou proxectual que dará lugar á súa obra. O bosquexo do mundo xorde da colaboración entre o MARCO, o Auditorio de Galicia e a Fundación Seoane.

Para a outra mostra colectiva, o MARCO parte da exposición Urbanitas coa que en 2006 se achegou a unha xeración de trinta artistas galegos nados a partir de 1970. Desta volta, para revisar o máis novo coa intención de “investigar e mostrar o que está a suceder nun tempo e lugar determinados, de asumir riscos, de encher certos baleiros na percepción”, segundo detalla a nota de prensa de avance da programación. Esta mostra, “Os veraneantes”, chegará de outubro ata marzo de 2014.

Fonte: Culturagalega