Entradas

Pere Tobaruela falará de CATRO PEDRAS VELLAS mañá no programa ‘Chamando á terra’

O próximo 4 de novembro ás 15.00 h. Pere Tobaruela conversará con María Solar sobre o seu último título CATRO PEDRAS VELLAS. da colección Meiga Moira.

Na bisbarra de Vilar de Abade hai un castro rodeado de toxeiras, coma moitos outros, e coma moitos outros é difícil dar con el. Aínda mantén vestixios da súa importancia pasada, con restos dunha muralla de defensa que, cando foi levantada séculos atrás, era alta e maciza.

Xela, gran coñecedora de todos os recunchos de Vilar de Abade e da súa contorna, convida a Fuco, Carlos e Ana a unha excursión ata aquelas ruínas. Quere que lle boten unha man para resolver un enigma. Nun par de ocasións que visitara aquel castro, antes de chegar, parecéralle ver xente movéndose entre as pedras. Xente que desaparecía de súpeto, como se intuíran cando se achegaba alguén.

 

Este sábado volve “Chamando á terra”, programa da Radio Galega dedicado aos libros

A escritora e xornalista María Solar presenta este novo programa semanal “CHAMANDO Á TERRA” que se emitirá os sábados entre as tres e as catro da tarde e que abordará segundo explica o web da emisora “o mundo literario en galego, desde a produción ata a tradución, con recensións das novidades editoriais, con entrevistas a escritores e escritoras, con faladoiros e con atención a todos os xéneros e todos os públicos”. O espazo contará coas colaboracións de Montse Pena Presas, Malores Villanueva e Alba Cid para analizar as novidades nas letras do país.

 

O primeiro programa xa foi todo un éxito! Parabéns e a seguir falando de libros!

 

María Solar faise co premio Lazarillo

Os Premios Lazarillo 2014 son convocados pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), en dúas modalidades: álbum ilustrado e creación literaria. A escritora e xornalista galega María Solar foi premiada na categoría Creación Literaria polo seu libro “O meu pesadelo favorito”, e impúxose a obras escritas en calquera das outras linguas do Estado. O premio consiste en 3.000 euros.

Fonte: Culturagalega

Presentación dos libros ‘Boa Sorte’ e ‘O tempo do revés’ en Santiago de Compostela

Presentación dos libros Boa Sorte e O tempo do revés na Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela en 2008. A colección Meiga Moira inicia unha serie de relatos de ficción con trasfondo científico. A autora e presentadora de televisión María Solar, combina a trama literaria cos contidos científicos, e nestes números subxacen, por unha banda, a meteoroloxía, e por outra os movementos do planeta. Ademais da historia de ficción, conteñen actividades didácticas realizadas polo pedagogo Arturo Iglesias e o debuxante e profesor Xosé Tomás, quen tamén os ilustrou. Meiga Moira, personaxe insignia da colección que dá nome ao premio de literatura infantil e xuvenil, conducirá a nenos e nenas polo apaixoante mundo da Ciencia, a través, claro está, da literatura.