Artigos

‘Conservando as nosas dunas’ premiado polo Ministerio de Medio Ambiente por segundo ano

A Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente seleccionou por segundo ano consecutivo o programa ‘Conservando as nosas dunas’ no marco da iniciativa Playas, voluntariado y custodia del territorio.

Este proxecto de ADEGA é un programa de voluntariado ambiental para a eliminación da flora exótica invasora nas praias galegas. Ademais de seguir divulgando a problemática das especies invasoras, e a importancia de conservar os ecosistemas dunares, esta acción ten por obxectivo “aumentar a concienciación cidadá, divulgar e promover iniciativas de custodia litoral, facilitando ferramentas de conservación”, segundo a organización ecoloxista. Outros dos obxectivos é acadar un mellor estado ecolóxico dos ecosistemas dunares.

Precisamente, o pasado 18 de xullo realizáronse actuacións de eliminación de flora invasora no concello de Porto do Son dando continuidade aos traballos realizados na mesma iniciativa no 2012, e na iniciativa ‘Móllate polos humidais’ en 2011. ADEGA  e este concello teñen firmado un convenio de Custodia do litoral para a preservación dos valores naturais deste concello.

Nova xornada de voluntariado

A segunda xornada de voluntariado celebrarase este xoves, 10 de outubro, na praia da Corna (Pobra do Caramiñal), onde realizaremos un ano máis labores de eliminación de flora exótica invasora e recollida de lixo. “Esta praia ten un ecosistema dunar ben conservado mais conta con numerosas ameazas que poñen en perigo  tanto a flora como a fauna”, apunta ADEGA. Este é un dos poucos lugares da nosa costa onde se pode atopar píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), especie que se atopa en estado vulnerable en Galicia.

Esta organización ecoloxista xa realizou o pasado ano unha campaña divulgativa sobre o valor deste ecosistema e a necesidade de protección da píllara das dunas, dentro do proxecto Conservando as nosas dunas.  Para participar é preciso inscribirse. Son actividades gratuítas onde o voluntariado contará con seguro de accidentes, transporte e comida. Máis info en:  ramses@adega.info.

Fonte: GC

Todos os días deben ser o Día Mundial do Medio Ambiente

O Día Mundial do Medio Ambiente, creado por acordo da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, celébrase cada 5 de xuño dende 1973; xa que logo, hoxe cumple 40 anos.

O Grupo Ornitolóxico Galego, xérmolo da SGHN, rematou todos os trámites para a súa legalización o 31 de agosto de 1973; xa que logo, faltan só 87 días para que cumpla 40 anos.  GOG-SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando os nosos gobernantes comezaron a decatarse da importancia do medio ambiente (creación do Ministerio e da Consellería homónimas en 1996 e 1997, respectivamente) o GOG-SGHN levaba xa case un cuarto de século estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego. Lamentablemente, para moitos políticos, incluidos os que teñen as máis altas competencias e obrigas en Santiago e Madrid, o medio ambiente non é máis que unha excusa para facerse unha foto cada 5 de xuño; non semella próximo o momento en que, como SGHN, adiquen os 365 días do ano a defender o noso patrimonio natural.

Seguro que xuntos lograremos que todos os días sexan o Día do Medio Ambiente. E para elo nada mellor que inspirarse nos 40 anos de historia da Sociedade Galega Historia Natural, unha afanosa traxectoria guiada pola paixón e o compromiso na que destacan:

– Conseguir o apoio de España á moratoria da caza de baleas.

– Prohibir os vertidos radioactivos na Fosa Atlántica.

– Aportar información básica para a declaración dos 5 humidais galegos de importancia internacional.

– Declarar a Illa de Cortegada como parte Parque Nacional das Illas Atlánticas (o único en Galicia).

– Declarar Parque Natural a Serra de Enciña da Lastra.

– Publicar e actualizar o Atlas de Vertebrados de Galicia.

– Mellorar o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

– Publicar Braña, a primeira revista científica en galego.

– Ser pioneiros na Custodia do Territorio (acordo cos monxes de Sobrado e participación en Fragas do Mandeo).

– Crear, manter e potenciar o Museo de Historia Natural de Galicia (Ferrol)

– Coidado, recuperación e liberación ao medio mariño de exemplares de especies recollidas no seguemento de varamentos na costa (en colaboración coa CEMMA).

– Censos anuais de aves invernates.

– Seguemento de incendios forestais.

– Representación en distintas comisións, comités, etc. de participación cidadá; así como participación moi activa nos trámites de información pública de proxectos que afecta ao medio natural.

– Realización de estudos, comunicacións e informes do medio natural (fauna vertebrada e invertebrada, flora, espacios, paisaxe, …).

En definitiva, moito traballo para facer honra aos obxectivos fundacionais de ESTUDIAR, DIVULGAR E DEFENDER O PATRIMONIO NATURAL GALEGO de xeito que, xunto co resto dos grupos, manteñamos viva a concienciación ambiental en Galicia

Dende estas liñas queremos rendir homenaxe a toda a xente (fundadores, socios, colaboradores, simpatizantes, …) que ao longo destes anos fixeron posible moitos logros co seu esforzo, entrega e adicación desinteresada, porque XUNTOS, con rigor e obxectividade, SOMOS QUEN DE PROCURAR unha VIDA XUSTA e SOSTIBLE para todas as persoas.

Máis información e acceso a todas as reseñas sobre o “Día MENSUAL do medio ambiente” en www.sghn.org

Encontro coa natureza

Este Encontro coa Natureza de Baía Edicións pretende ser un lugar de reunión para os amantes da natureza, sexa cal sexa a súa idade e condición, tamén un espazo aberto ao intercambio de opinións, experiencias, traballos e propostas de cantos desexen participar nel.

A nosa idea é ter un espazo para falarmos de natureza, utilizando unha linguaxe de fácil comprensión e posibilitando a participación de todas aquelas persoas que teñan algo que dicir sobre o medio natural e a necesidade de afondar nunha conciencia crítica colectiva e individual para frear as agresións que sofre e preservalo nas mellores condicións ambientais para xeracións futuras. Tamén para quen traballan no medio urbano e buscan modificar comportamentos adquiridos e que provocan un grave deterioro de vilas e cidades. Asemade, o esforzo, divulgación e propostas alternativas para conseguir a erradicación das situacións de inxustiza contra as persoas, especialmente no chamado Terceiro Mundo e países en vía de desenvolvemento, e a loita pola paz mundial tamén queremos que teñan cabida neste Encontro.

Para facermos avanzar este proxecto contaremos coa colaboración de algunha autora e/ou autor das guías que forman corpo na colección Baía Verde desde o terreo da investigación, da divulgación naturalista e da concienciación ecoloxista, pero é o noso obxectivo, como queda apuntado anteriormente, que o máis axiña posíbel poidamos contar tamén coa participación e compromiso social de todos aqueles que gozades das moitas posibilidades que a natureza nos ofrece e vos indignades ante a súa degradación e/ou destrución.

Neste curruncho verde queremos tratar as cuestións que teñan relación co medio natural desde todas as perspectivas posíbeis. É por iso que vos convocamos, sexades grupos organizados ou persoas a título individual, investigadoras, naturalistas, ecoloxistas, expertas no seu estudo ou simplemente afeccionadas, a que nos acheguedes as vosas experiencias, opinións, propostas, proxectos, convocatorias de actividades, información de observacións, fotos e todo canto consideredes de interese divulgar nun foro como este que vos propoñemos.

Este espazo contará con artigos de colaboradores (estábeis e/ou puntais) sobre temas de actualidade, cuestións que vos preocupen ou opinións sobre temas que teñan á natureza e a súa problemática como eixo central. Faranse recordatorios de conmemoracións-efemérides relacionadas coa natureza e a problemática ambiental. Realizarase unha escolla de prensa con temática ambiental e se incorporarán noticias de observacións de especies no noso país, o decurso das estacións/acontecementos estacionais característicos, lúas e mareas. Tamén se falará do equipamento, técnicas, consellos e trucos sobre xeneralidades e disciplinas diversas (observación, debuxo, fotografía…) e, incluso, consellos medioambientais, como achegar o noso gran de area para acadar un planeta sustentábel e con futuro.

Agardamos que este espazo cumpra todos estes obxectivos e que este Encontro coa Natureza sexa, grazas ás vosas suxestións e achegas, un espazo activo, útil, interesante, e no que teñan cabida para todas e todos os amantes da natureza e defensores do noso planeta. Só co voso apoio será posíbel!

Texto: Baía Edicións