Entradas

O PICAPEIXE

O río estaba tranquilo, as árbores e o seu teito verde de follas quedo, só o son  tímido do esvarar das augas bañando pedras e brións quebraban o delicado silencio da paisaxe. Entón foi de súpeto primeiro soou un agudo “tiit” como un asubío frenético e a continuación algo se disparou a rente polo río. Apareceu da nada e perdeuse ao longo da canle a unha velocidade de vertixe; só se podía afirmar que era azul. Esta escena pode ser moi habitual nos nosos ríos, é o paso voando do paxaro máis fermoso do bosque das augas,o picapeixe. É unha mágoa que tanta fermosura pase como un lostrego azul e se perda máis aló da nosa vista. Pero nunha debemos perder a esperanza de que algún día decida pousarse nunca póla do río, preto de nós, e por fin podemos ver con detalle aquel trasno azul que chiou  tantas veces  correndo sobre o río.

O picapeixe (Alcedo atthis) é un ave realmente pequerrecha, pode coller nun puño pechado. O seu colorido é inconfundible xa que abarca unha gran variedade de cores rechamantes. As súas partes superiores son azul verdosas apencadas de branco e o ventre dunha rechamante cor alaranxada que o chegar á gorxa se troca en branco, as ás e a cola son curtas, as patas moi pequenas son dunha cor vermella viva. Pero o que máis nós sorprende e o seu peteiro, que se fai enorme comparado o seu corpo. Esta é a súa arma esencial para a súa caza no interior das augas do río en procura de peixes. O peteiro e escuro, pero no caso das femias pode observarse na parte inferior unha liña arrubiada.

Nos nosos ríos o picapeixe é un ave pouco abondosa se o comparamos con outros ríos da Península. Este aniña á beira dos nosos ríos, en augas someras e transparentes, parcialmente sombreadas e que non resulten turbulentas. É tamén importante que teña próximo o lugar de cría árbores que lle proporcionen pólas longas para lanzarse á auga e pescar.

O niño do picapeixe é moi curioso,trátase dun buraco feito en cámaras verticais de terra, a entrada que ten de 5 a 7 cm de diámetro comeza a ser escavada a peteirazos, para iso a ave ten que peneirarse e usar o seu forte peteiro para comezar as obras, logo cando xa ten o oco para apoiarse na terra continúa coas patas, e segue escavando sen deterse ata lograr unha galería de case un metro de lonxitude que remata nunha cavidade esférica onde a femia de picapeixe terá a súa intimidade para por os ovos. Os ovos soen ser de 6 a 8, brancos, redondos e moi brillantes, estes o deposita directamente no solo aínda que máis tarde os cobre coas espiñas dos peixiños que caza do río.

A parella de picapeixes traballa á par para incubar os ovos xa que son o redor de 20 días dándolle calor para que poidan chocar, despois deste tempo saen os pitos e comeza outro traballo, o de alimentalos, para iso os seus pais teñen que escoller ben a comida  e cazar peixes que non superen 1 cm de lonxitude, para que poidan tragalos con facilidade. A medida co pito vaia medrando o peixe pode ter maior talla. Os polos  non tardaran en voar, pasado un mes xa teñen a súa propia vida no río, unha vida que comeza sendo solitaria pero que rematará en febreiro cando teña que buscar parella.

Texto: Miguel Anxo Fernández Martínez