Entradas

O sábado comeza o I Outlet do Libro de Lugo

Lugo acollerá dende o sábado 8 de xuño o primeiro Outlet do Libro Galego. Onte presentábase o evento no Museo da cidade. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, participou na presentación xunto a Xosé Aldea, directivo da Asociación Galega de Editores (promotora da actividade) e director de Ouvirmos.

O Outlet será instalado na sala  de exposicións da citada institución e permanecerá aberto  entre o 8 e o 16 de xuño. Outeiro afirmou na súa intervención que apostaron por apoiar ao libro galego como parte fundamental das industrias culturais de Galicia. O directivo da AGE agradeceu ao representante institucional o apoio manifestado e a disponibilidade dun espazo emblemático para esa actividade. Unha característica fundamental da filosofía que inspira os outlets é a súa celebración en espazos emblemáticos das diversas cidades.

Libros que merecen outra oportunidade

Do  8 e 16 de xuño, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas, agás os domingos, que se pechará polas tardes. Xosé Aldea manifestou que este outlet da cidade luguesa  é o cuarto e último desta primeira xeira do ano 2013. A organización dos Outlets aposta por esa segunda oportunidade que os libros se merecen dada a súa calidade e a aposta realizada polo editor no seu día. O prezo estabelecido para os libros fondo de catálogo das editoras son de 3 euros por exemplar, 5 euros mercando 2 exemplares e 10 euros por 5 exemplares. Con este Outlet de Lugo colabora a Librería Trama.

Fonte: AGE